Mostrando postagens com marcador Xavier Vence Deza. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Xavier Vence Deza. Mostrar todas as postagens

10/09/2011

Colaboración público - privada

Xavier Vence Deza. Artigo tirado de Xornal (aquí). O autor é economista e profesor de economía na USC, para alén de militante do BNG.

As consecuencias da limitación constitucionalizada do déficit e da débeda son múltiples e de gran calado. Non tanto para atallar os problemas da crise actual como de mudanza –en realidade radicalización– do modelo neoliberal. Quixera destacar hoxe dous aspectos: por un lado, a utilización do corsé para lexitimar diante da cidadanía cambios de prioridades, con drásticos recortes en determinados capítulos de gasto ao tempo que se manteñen e aumentan silandeiramente outros; por outro lado, reforzaranse mecanismos perversos de execución do gasto que entregan o orzamento público ao negocio privado.

Efectivamente, o principio de limitación ao déficit –que se incorpora a partir de agora a Constitución e que cuantificará a lei orgánica ao tempo que se anatemizan os aumentos de impostos– será utilizado polo gobernante de quenda para xustificar a imposibilidade constitucional de aumentar –e mesmo manter– o gasto en sanidade, en educación ou en calquera outro capítulo e mesmo en caso de situación de crise aguda pode escudarse nela para non aumentar o gasto en prestacións por desemprego, por exemplo.

Claro está que tamén veremos no futuro como se estiran os conceptos cando interese para poder atender as demandas dos sectores realmente poderosos. Na próxima crise financeira, cando os bancos e os grandes fondos se vexan de novo coa soga ao pescozo, acendan as luces de alarma e proclamen a imperiosa necesidade de ser rescatados para salvar os piares da economía, veremos como os gobernos de quenda encontrarán os argumentos de responsabilidade histórica suficiente para dar “unhas vacacións” ao sacrosanto e constitucional principio do equilibrio presupostario.

Xa sabemos que tanto o shock das crises como as restricións lexislativas deste tipo acaban sendo desculpas para a aplicación dunha dobre vara de medir, dando cumprimento a aquel cínico adaxio do burócrata corrupto: para os amigos o máis conveniente e para os demais a lexislación vixente.

Iso é o que estamos a vivir nos últimos tempos na Galicia austerizada de Feijóo: redúcese o persoal en educación e sanidade, elimínanse as axudas para as publicacións en galego –mesmo despois de convocadas no DOG–, redúcense os fondos para I+D, elimínase a convocatoria anual de proxectos de investigación, etc pero, ao mesmo tempo, asínanse convenios por 750.000 euros coa Voz de Galicia, Correo, Faro, Progreso e Región para “difundir as actividades da Consellería en materia de I+D+i, industria e comercio” (DOG, 1 xullo 2011). É tan só un dos moitos exemplos posíbeis pero o certo é que esa contía permitiría financiar non menos de 40 proxectos anuais de investigación de monto medio. O caso é que o señor Núñez Feijóo parece atopar máis austero comprar os medios para silenciar as protestas dos investigadores. É cuestión de prioridades.

O outro efecto indirecto e apenas denunciado desta constitucionalización da limitación do déficit e da débeda é que vai converter a chamada colaboración público-privada no instrumento privilexiado para a realización das grandes obras e das grandes actuacións do sector público. É unha liña que xa se leva experimentado abondo en Europa na última década, de feito é un instrumento que se difundiu grandemente desde a sinatura do Pacto de Estabilidade, coa desculpa de que permite obviar os problemas da contabilización nas contas públicas dunha parte das grandes actuacións. Na medida en que o sector público se autoimpón ese corsé que lle limita a súa capacidade de acceder ao crédito resultará que a solución virá pola vía dese subterfuxio de que sexa o capital privado o que financie e se endebede para a realización dos investimentos, aínda que logo sexa o sector público o que vaia pagando anualmente a suma dos intereses máis os beneficios –habitualmente xenerosos– para eses investidores. Para o capital privado acostuma ser un negocio gorentoso: trátase dun cliente seguro que irá pagando en anualidades, durante longos períodos, as rendas –que inclúen intereses e beneficios–, converténdose en acredores rendistas do sector público. Ademais, ese respaldo e garantías públicas facilítanlle a eses licitadores privados unhas boas condicións no acceso ao crédito. En definitiva, un negocio fabuloso, seguro e con garantías de rendas a moi longo prazo. É a privatización completa do orzamento público.

Iso non é un futuríbel. É o que xa estamos vendo nos últimos anos pero que a partires de agora, cos cambios que se están constitucionalizando, se converterá no modelo para todo. Tamén nisto, o Goberno de Núñez Feijóo é un abandeirado. Esa é a fórmula coa que bota ao lombo dos galegos e do orzamento dos vindeiros 30 anos a construción dos encarecidos –para incluír os beneficios de tres décadas- dos Hospitais de Vigo e Pontevedra ou os 352 quilómetros de autovías que pretende licitar no período 2009-2015. As “peaxes sombra” que pagará o Xunta de Galicia durante cando menos 30 anos son tamén débeda –disfrazada fóra do orzamento– que este goberno deixará aos que veñan detrás e que todos os galegos pagaremos relixiosamente, co plus dos intereses e dos beneficios empresariais incorporados (como xa puidemos comprobar coa duplicación ou triplicación do custe dos proxectos no caso do Hospital de Vigo ou da autovía Carballo-Berdoias).

Máis alá de toda a parafernalia austérica ese é o modelo que as reformas en curso van consagrar e reforzar. É a vía que permitirá ao grande capital privado ampliar o seu ámbito de negocio –hoxe achicado– cun patrón bastante pouco arriscado e con criterios de rendista máis que de investidor produtivo.

Afóndase así nun modelo de financiarización rendista que da unha volta de rosca a un tipo de capitalismo esencialmente parasitario das rendas públicas que é fondo o trazo caracterizador do neoliberalismo. Nos noventa a vía de transferencia do sector público ao privado foron as privatizacións masivas de empresas públicas e dunha parte dos servizos públicos. Nesta nova fase do que se trata é de avanzar na privatización máis completa de todos os servizos públicos e mesmo da privatización da maior parte do orzamento público, destinando unha parte cada vez maior dos recursos públicos a pagar rendas periódicas ao sector privado pola prestación de servizos esenciais ao capital privado que actúa como investidor-financiador das grandes actuacións do sector público.

Con esta treta o sector público quita das contas públicas unha parte das partidas de déficit e débeda e, pola contra, convértese nun pagador eterno de rendas anuais polos servizos prestados. Disfrázase a débeda pero a costa de asumir un maior custe real para os cidadáns.

Deste xeito o sector público pagará con creces eses anticipos. Todo a maior gloria do capitalismo rendista e grazas a un corsé que estes impoñen ao financiamento público a través duns políticos entregados e obedientes.

16/07/2011

Os economistas e a eurocrise

Xavier Vence Deza. Artigo tirado de aquí. O autor é profesor de economía na USC e membro do BNG.

Algúns economistas –máis dos que parece– levamos manifestando o completo desatino da resposta do G-20 e da UE á crise que estourou en 2007-08. Os resultados están a vista. Case catro anos despois, no canto de levantar cabeza resulta que o foxo vai facéndose máis grande cada día. A crise afectaba a aspectos máis esenciais do que o establishment quixo admitir pero, sobre todo, as malas respostas acaban facendo que as solucións sexan cada vez máis estreitas e, continuando co mesmo patrón, as medidas son cada vez máis agresivas e os efectos máis graves.

O peor de todo, como xa levamos dito, é que os sacrificios impostos lonxe de alumar unha saída acaban labrando chanzos dunha dantesca baixada aos infernos. O irresponsable rescate da banca en 2008, sen acompañalo de reformas radicais nos mercados –controis de capitais, paraísos fiscais– acabou desbaratando as contas públicas, disparando a débeda pública para dar cobertura á privada e auxiliar aos grandes lobby’s; a liquidez xerada polos bancos centrais serve para alimentar burbullas especulativas polo mundo adiante (mercados de débeda, de futuros de materias primas, alimentos, Brasil, México, India, África...) ao tempo que seca o crédito á economía produtiva e actividades innovadoras de futuro, colapsando a economía e os ingresos públicos, agravados polas reformas fiscais regresivas.

Os plans de axuste impostos pola dereita europea a Grecia, Irlanda, Portugal e España xa vemos que non funcionan; arrastran estas economías á recesión e o estancamento e, como consecuencia, o problema da débeda non só non se reduce senón que se engorda até facer perigar toda a zona euro, dinamitando o fráxil e inconsistente edificio do euro neoliberal e dun BCE que non é realmente un banco central. Pero ante a evidencia do fracaso dun duro axuste non emendan, senón que impoñen novos axustes aínda máis severos, nunha espiral sen fin cara ao colapso, a menos que o estourido social obrigue a poñer freo a esa miope estratexia.

A dereita e o poder financeiro non acepta o fracaso do modelo neoliberal de economía global financiarizada e resístense a introducir as reformas necesarias para ensaiar outros modelos. Abrir esa vía pode obrigar a romper o statu quo na distribución da renda e do poder e por iso pode parecer en exceso difícil ou mesmo idealista pero, aínda que tarden, seguramente acaben sendo as únicas realistas se do que se trata é recuperar a economía produtiva e o emprego. Para non perder o norte na marabunta dos estres bancarios, de débeda e recortes infinitos, cómpre insistir nas liñas mestras dunha reforma en positivo:
1. Reforma do sistema e dos mercados financeiros para reducir a súa exuberancia especulativa, penalizando fortemente os movementos de capital de curto prazo (taxa Tobin), eliminando os paraísos fiscais, para forzar a canalización dos investimentos e do crédito cara investimentos produtivos, innovadores e sustentábeis.

2. Reforzar o investimento público en educación, investigación e saúde.

3. Redución progresiva do déficit e da débeda mediante aumento dos ingresos públicos, non en base a rendas do traballo e o consumo senón das rendas do capital e das grandes fortunas, perseguindo a fraude e a evasión fiscal, eliminando paraísos fiscais e a competencia á baixa; eliminar as bonificacións fiscais aos fondos de investimento, hedge funds e SICAV...

4. Devaluación do euro, reforma da eurozona e do Banco Central Europeo para que sexa un verdadeiro banco central que cubra o financiamento dos gobernos e creación dun tesouro europeo cun sistema tributario común.

5. Regulación do comercio internacional para limitar os efectos da competencia en sectores clave, impedir desequilibrios prolongados da balanza comercial e evitar o desmantelamento dos sectores productivos e a destrucción masiva do emprego.

6. Soberanía alimentar, agroecoloxía e consumo de proximidade.

25/06/2011

Austeridade ou radicalización?

Xavier Vence Deza en Xornal

Envoltos no turbillón da crise corremos o risco de admitir como receitas medidas que en realidade son a causa dos problemas. Detrás das urxencias asfixiantes que se aducen para presentar como inevitables os recortes drásticos nos servizos públicos agóchanse a miúdo outras razóns que teñen máis que ver con opcións políticas de fondo.
A austeridade preséntase por parte dos neoliberais como a inevitable resposta a un déficit e unha débeda públicos provocados por un gasto público excesivo que a crise fai insostible. Parece coma se a crise fose unha forza estraña que non tivera nada que ver coas políticas neoliberais aplicadas nos últimos lustros.
Para empezar cómpre ter presente que nin o gasto público alcanza aquí o nivel medio dos países europeos –antes da crise estaba oito puntos por debaixo– nin se desbocou na última década senón que permaneceu estancado respecto ao PIB.
O déficit explícase sobre todo pola caída dos ingresos, pero isto non se debe só á crise senón en grande medida ás reformas fiscais favorables aos ricos e ao capital introducidas durante a década da bonanza ficticia (eliminación do imposto de Patrimonio; baixa do tipo máximo do IRPF do 46% ao 43%; forte reducción no Imposto de Sociedades e no de Sucesións; bonificacións do 99% dos beneficios das Sicav e fondos de investimento de todo tipo, etcétera). Con elas, os ingresos públicos dependen cada vez máis dos salarios –IRPF– e do consumo –IVE– ao tempo que se volven moi sensibles ao ciclo.
A política de recortes salariais tampouco é algo que apareza coa crise senón que ven sendo o santo e seña das políticas desde os anos oitenta –reiterado en todos os informes do Banco de España, FMI, OCDE e todos os bancos.
De feito, as rendas salariais perderon máis de 10 puntos porcentuais na distribución da renda e esa é xustamente a causa do elevado endebedamento das familias (90% do PIB), como vía ficticia impulsada polas finanzas para soster o nivel de consumo (que á súa vez garantiu unha alegría ficticia de recadación fiscal que facilitou os agasallos fiscais permanentes aos ricos).
A política de recorte do gasto en educación e en sanidade tampouco é de hoxe. Do mesmo xeito que as sucesivas medidas para impulsar ou forzar a súa privatización. Hai máis dunha década que se lanzou a nivel europeo o plan de reforma do ensino superior cuxa principal finalidade –máis alá de aspectos colaterais– era reducir o gasto público acurtando o número de anos das licenciaturas –cousa que xa conseguiron– e favorecendo a privatización. O mesmo cabe dicir do gasto sanitario e doutros gastos sociais. O debate do copago vén de lonxe, igual que a reducción das pensións públicas e a promoción dos fondos privados de pensións.
O ataque frontal aos servizos públicos e á propia administración pública arrancou hai unha década con dúas medidas estrela: a proposta da Directiva Bolkestein para a liberalización e privatización dos servizos públicos e a máis sibilina pero moi efectiva norma de obrigar a reducir emprego público impedindo repoñer tan só un 25% –agora o 10– das xubilacións e baixas.
Para o único que non había –nin parece haber agora– restriccións é para alimentar o negocio dos grandes lobbies: grandes infraestruturas, concesións e contratos públicos, externalizacións masivas... Ademais de rescatar as finanzas.
Polo tanto, nada novo baixo os neboeiros da crise que non estivera en acción nos anos precedentes da brillante burbulla financeira. Tan só a luz dunha incómoda constatación: foi ese modelo guiado polas finanzas –que agora se pretende radicalizar– o que nos afundiu no foxo no que estamos.
Só a cegueira dos intereses dos que teñen o control dos verdadeiros resortes do poder e a miserable servidume da mediocre clase política profesionalizada poden explicar que se persevere na radicalización dun modelo a todas luces fracasado. O dramático é que –sen saír dese modelo– a propia implementación de medidas de axuste e austeridade crea as condicións para novas roldas de axuste, nunha espiral sen fin.

21/05/2011

Hai alternativa ao malestar

Xavier Vence Deza

Tardou pero chegou. Despois dunha profunda e prolongada crise económica e social tiña que chegar a crise política. Relativamente informe e proteica pero rebentou. Non nos pode coller por sorpresa. Nin tan sequera o momento. Que momento máis oportuno que unha campaña electoral na que os dous grandes partidos se empecinaron en ocultar propostas e programas, fixeron da mascarada e os fogos de artificio colaterais o eixo das súas campañas. Diante dunha situación tan grave, indigna o cinismo masivo dunha política que se reduce a discursos vacuos con verbas aceiradas. Todo o mundo percibe que hai programas ocultos pero que se intenta ocupar o poder sen explicitalos con clareza.
A falta de reacción contundente até este momento fixo que os poderes económicos se impuxeran á sociedade e aos gobernos con insultante prepotencia. A cidadanía asistiu aturdida durante moito tempo á submisión dos gobernos e partidos maioritarios aos ditados das finanzas, impoñendo grandes sacrificios presentes sen que enxerguen solucións viabeis de futuro.
O estado de shock alimentado polos medios controlados por eses poderes pode atoutiñar a xente durante un tempo pero non pode domesticarse indefinidamente e van aló tres anos e anúncianse moitos máis.
Pero hai algo que indigna máis que as dificultades reais e obxectivas; indigna sobre todo o cinismo, a mentira, a ocultación e o desprezo dos intereses e o sentir latente da cidadanía, que a xente percibe nas decisións e os dicursos dos partidos maioritarios. O seu obsceno compadreo cuns poderes económicos insolentes, arrogantes e insaciábeis. Capaces de condenar á miseria e exclusión un terzo do país ao tempo que elevan dividendos e bonus, reclaman menores impostos e anuncian expatriacións masivas de capital para alimentar burbullas especulativas en todo o mundo.
Rebentou directamente como reacción política, porque non podía ser laboral, porque son os excluídos, os que nin teñen nin van ter traballo en moito tempo. Pero acertadamente reaccionan contra os poderes económicos e contra a dexeneración dunha democracia acoquinada e secuestrada pola oligarquía económica e tamén polas oligarquías dos partidos. Unha democracia teledirixida por unha abrumadora batería de tanques de ­desinformación que traballan arreo para pintar un mundo onde só existe violencia, anécdotas, fútbol e frivolidade. Un mundo ficticio e sen proxectos.
Non sabemos se o movemento que empezou a erguerse terá moito recorrido ou esmorecerá vítima dunha frustración prematura após un eventual desenlace descorazonador no 22-M. Pero, pase o que pase de inmediato, ninguén poderá ignorar o malestar profundo e educadamente rabioso que agora se evidencia e que, dun xeito ou doutro, continuará no futuro.
Cando un examina as reivindicacións ao redor das que se cementa este movemento plural, cheo de infinitas singularidades, percibe que non son tan extrañas nin tan novas. Moitas delas –e outras na mesma dirección– foron levadas nos últimos anos en reiteradas ocasións ao Parlamento galego e ao Congreso, por forzas minoritarias de Galiza ou do Estado, obviamente sen éxito e eclipsadas no barullo das trifulcas mediaticas.
Por iso resulta sorprendente –pero comprensible– que moita desta xente que se move e, en moitos casos, esperta a política, descoñeza a súa existencia. Que esta xente ignore que realmente hai alternativas que encarnan esas propostas, non oportunistamente senón que levan anos batallando por elas, resulta revelador en si mesmo da baixa calidade da comunicación e da democracia na que vivimos.
Revela a fondura do foxo entre a vida institucional –auténtico burato negro das enerxías políticas– e unha amplísima parte da cidadanía, sobre todo dunha mocidade que ten nula presenza nos debates políticos e sociais e que se criou no descrédito xeral da política. En fin, chegou o momento de reencontrase, porque alternativa si que hai e, como non, hai futuro.

30/04/2011

Goberno anano, goberno de ananos


Imaxe tomada do blog Reptocracia


Xavier Vence Deza

Os dados de paro, consumo e investimento do último trimestre revelan, unha vez máis, o fracaso das políticas chamadas de austeridade que, como vimos denunciando desde hai ben tempo, son pro-recesivas e pro-estancamento. Galiza alcanza o récord dos 226.000 parados na EPA (os rexistrados son xa 250.000); 26.000 máis que hai un ano, mesmo perdendo outras 4.500 persoas en idade activa. Xa poden retorcer as cifras e facer as comparacións que queiran que iso nin alivia nin permite ocultar o estrepitoso fracaso das políticas quer do Goberno Central quer da Xunta de Galicia.
Pero a peor debacle é a indolencia dos responsables políticos, supostamente colocados aí para enxergar solucións pero cuxo único programa parece ser a resignación e máis recortes: en investimento público, educación, sanidade, I+D... Semellan crer que todo se arranxa cun goberno máis pequeno. Efectivamente, para quen non ten proxecto todo goberno é malo, sexa grande ou pequeno. Para quen chega ao goberno sen programa, o discurso da austeridade pode ser unha boa coartada pero a cidadanía, por moito que se lle adoutrine, pronto empezará a preguntar para que serve un goberno. Non será só para aforrar ou contentar aos aduladores e clientes intereseiros das redes gubernamentais!
Iso e non outra cousa explica que os cidadáns sitúen aos políticos na enquisa do CIS como o terceiro problema do país. Ninguén pode entender que se paralice e estrangule a principal empresa do país; ninguén pode recomendar a unha empresa que non pida un crédito para investir nun proxecto con futuro, que vai satisfacer unha necesidade clara. Iso si, nos momentos de dificultade –e sempre– o que si deberá ter claro quen estea á fronte da principal empresa do país é a escala prioridades: seguir facendo autovías cara ningures porque hai florentinos que piden negocio ou manter e mellorar o investimento en talento, innovación, cultura e saúde da poboación?
O certo é que ese ananismo achanda o terreo para outros recortes asimétricos. Os ingresos salariais caen e o consumo minorista diminúe nun 8,6% no último ano (mesmo un 5,5% en alimentación), ao tempo que os prezos soben un 3,8% grazas ás políticas de prezos consentidas aos grandes oligopolios (eléctricas, petroleiras, telefónicas, etc) e a suba dos regresivos impostos indirectos (IVE, Canon de auga, Tabaco, etc).
Con razón eses oligopolios presentan abultados beneficios e renden altos dividendos aos accionistas (incluída a banca e os fondos) e fabulosos soldos aos altos executivos: 9,2 millóns de euros para A. Sáenz, 5,3 para F. González, 3,8 para Botín, uns 8-9 para Alierta ou 36 para Florentino Pérez. Iso a maiores dos dividendos! En fin, se estes señores precisan “máis confianza”, como pregoan Feijóo e Rajoy, habería que empezar a pensar que o problema seu é de tal calibre que nin unha prolongada terapia da psiquiatría máis agresiva podería devolverlles a tal estado.
Alguén terá que explicarlles a eses señores que a crise tamén vai con eles; máis aínda, que o modelo que lles permitiu acumular fortunas fabulosas en tempo récord é insostible e inviable a longo prazo. E nos lles quedará outra que aceptar uns tempos de negocios menos fulgurantes e máis pegados á creación de riqueza real e, mesmo, asumir un certo sacrificio reinxectando parte da súa fortuna para realimentar o fluxo de actividade, emprego e salarios que permitan unha recuperación se non queren poñer en perigo o propio edificio no que se asenta a súa inmensa fortuna e arriscarse a desenlaces máis traumáticos.
Porque niso tamén discrepo de Feijóo e Rajoy, o problema é que ese 0,1% da sociedade está tan apoltronada na pirámide do poder que posiblemente padeza un síndrome de exceso de confianza. É posible que chegaran a crer que a corda pode tensarse indefinidamente pero, a pesar das apariencias, eu deles non estaría tan seguro.

17/04/2011

Telefónica e o neoliberalismo


* Telefónica, despois de acordar un recorte de plantilla que afectará a 5.600 traballadores e traballadoras (o 20% do total da empresa), vén de anunciar que proporá á Xunta de Accionistas incentivos millonarios para os seus cargos directivos. As ganancias de Telefónica no ano 2010 superaron os 10.000 millóns de euros. As contradicións do capitalismo fanse evidentes mesmo nos propios medios de comunicación do sistema. Nas rúas, a maioría da xente xa ten clara unha evidencia: camiñamos cara un mundo onde cada vez menos xente concentra maiores riquezas mentras masas de poboación son condenadas á miseria; a crise serviu de escusa para o aumento dos beneficios dos súper-ricos do mundo.

Xavier Vence Deza


A avalancha de noticias que foron saíndo estes días sobre Telefónica é un bo exemplo do alcance destrutor do modelo de capitalismo no que estamos instalados. Non é un caso singular ou illado senón que é o espello no que podemos ver retratado o mundo ao que conduce a deriva do capitalismo neoliberal.
Convén empezar recordando que Telefónica foi durante décadas ­unha empresa pública, con implantación tamén en Latinoamérica, que se foi privatizando por tramos até a definitiva entrega por Aznar ao inesquencible Villalonga en 1997. En poucos anos amasaron –el e os seus amigos– fortunas exorbitantes, usando a empresa para operacións especulativas de todo tipo –Terra, Lycos, etcétera– na febre das puntocom. Logo veu Alierta e puxo en marcha unha política de “creación de valor para o accionista”, é dicir, supeditar toda a estratexia da empresa a garantir altos dividendos anuais aos accionistas (bancos, caixas e fondos): 0,75 euros por acción en 2007; 1,4 en 2010 e promete 1,75 en 2013. É realmente unha alta rendabilidade que rolda o 9%-10% anual.
¿Cal é o problema? Que a empresa vai destinando a dividendos ­unha porción cada vez maior dos beneficios: un 40% en 2007 até un 82% en 2010 e prevé un 91% en 2013. Que significa iso? Que cada vez destina menos a investimento, limitando a súa capacidade de crecemento en base a autofinanciamento, até facerse case marxinal. Vai recortando todo aquelo que lle limita o reparto de beneficios a curto prazo: reduce drasticamente o investimento en I+D, retrasa indefinidamente os investimentos na nova xeración de rede de internet ultrarápida, empeora a calidade do servizo aos usuarios, só acomete a cobertura dos territorios menos rendíbeis na medida en que reciba xenerosas subvencións públicas, etcétera. Só así se explica a presentación, en paralelo, dun plan para reducir un 20% do persoal no Estado español: 6.400 despidos sobre os 32.000 empregados actuais; seguindo a senda que os trouxo até aí desde os 70.000 que tiña anos atrás. Tamén así se entende mellor a presión das finanzas e das grandes empresas no asunto da reforma laboral e abaratamento do despedimento, a reducción dos salarios ou a motivación dese “Consejo de Competitividad” impulsado por Alierta –coa bendición de Zapatero– e que vai presidir o socialista Miguel Boyer.
Esa entrega apaixonada aos accionistas non podía ser desinteresada. Para xunguir con sangue accionistas e directivos nada mellor que estes se autorrepartan un forte incentivo en forma de accións: para iso propoñen autoentregarse nos vindeiros tres anos 450 millóns de euros en accións. Sumadas ás que xa teñen, non cabe dúbida de que teñen incentivos abondo para aplicarse en corpo e alma a procurar altos dividendos e revalorizar as –súas– accións a curto prazo, a costa de quen sexa, usuarios, traballadores e mesmo o longo prazo da empresa. É o capitalismo de Alí Babá.
Pero o importante é entender que Telefónica non é a anécdota. É o modelo: un capitalismo que se devora a si propio. Ou, mellor dito, un capital financeiro que demanda dividendos cada vez máis elevados cercenando a capacidade reinvestidora e innovadora do capital productivo. Non é que nos estean furtando uns euros ou uns empregos máis ou menos; non é que nos recorten un dereito aquí ou acolá. Non, o que nos estamos xogando nestes anos é o esbarullamento do edificio social, das condicións de existencia, traballo e vida da maioría da poboación. A pillaxe ubícua das finanzas, cuxa única lei é a maximización dos beneficios de curto prazo, está destruíndo as bases da economía produtiva e do emprego nesta parte do planeta. É o reino do capitalismo ultraliberal e desregulado que logo ten que ir pedindo auxilio aos fondos soberanos e empresas públicas dos países que non tragaron a milonga do libre mercado máis que naquilo que lles resulta estratexicamente útil.

02/04/2011

Emilio Botín "for president"


Botín está desatado e non lle faltan motivos. A última perla foi esa fachendosa proclamación diante do auditorio da Universidade Pontificia de que “destacamos –o Banco Santander– como gañadores na recente crise económica e financeira mundial”. Podería parecer un pouco botaporela pero para que non houbera dúbida púxolle números á súa afirmación: 35.000 millóns de euros de beneficio neto nos catro últimos anos. Case outro tanto coma os orzamentos da Xunta de Galiza neses catro anos. Hai que recoñecer que non está nada mal.
Pero tanta arrogancia debeulles resultar excesivamente inoportuna aos medios da súa corda que non apareceu, que eu vise, en ningún deles. O certo é que un día despois afirma tamén que está disposto a poxar por algunhas caixas, para empezar pola CAM, que anda algo desvariada e se hai que facer un favor para iso están os amigos. Pero a elocuencia de Botín non remata nos asuntos financeiros senón que se atreve tamén nos vidrosos asuntos da política. Si, xa sei que as finanzas son a expresión concentrada da política pero, precisamente por iso, os banqueiros sempre tiveron como norma ser discretos en asuntos políticos e especialmente partidarios. Pois ben, como puidemos ler, Botín pronunciouse a prol da continuidade de Zapatero e especificamente sobre a conveniencia de atrasar a súa decisión de non concorrer ás vindeiras eleccións. Obviamente, as súas palabras incomodaron a moitos no PSOE, porque hai amores que matan, cando menos en público, pero tamén deixaron de cera ao PP, polo que puidera significar de aposta de fondo dos poderes fácticos do país.
Este desembarco explícito do banqueiro maior seguramente merece unha reflexión. Sae fóra do molde dun banqueiro típico e iso non é casual. Non só xoga a mover o poder entre bambalinas e marcar o discurso dos seus medios de comunicación senón que se expón publicamente. Seguramente é o reflexo da confianza que da esa hexemonía incontestada das finanzas nos tempos que corren. Pero, cal é a razón do seu aceno de complicidade con ZP? Non pode ser só o agradecemento polo feito de que ZP o convertera na estrela dese senado plutocrático que está constituíndo cos corenta oligopolios e grandes empresas que dominan o país. Posiblemente haxa razóns estratéxicas que explican esa aposta. Eu atreveríame a avanzar dúas hipóteses, cada unha máis estarrecente. A primeira e máis obvia é que Botín considera que ZP demostrou ser un xestor dócil que soubo asumir con humildade os ditados dos grandes bancos e fondos para levar adiante as políticas de reformas requiridas e, sobre todo, é o mellor garante da paz social, grazas á resignación e derrota preventiva que transmite á base social da esquerda e, en especial, aos dous grandes sindicatos estatais. Non é difícil supoñer que a dereita poñería en pé de guerra a medio país. A segunda hipótese é menos obvia pero tamén razoable. A dereita volveuse excesivamente doutrinaria, fundamentalista e radical, exacerbando tanto os intereses económicos de curto prazo das finanzas que acaba sendo un perigo para os seus intereses a medio e longo prazo.
Do mesmo xeito que as grandes fortunas americanas –e grandes especuladores– como Warren Buffet, Bill Gates ou Soros se opoñen aos ultraconservadores e aos recortes de impostos aos ricos porque consideran que poñen en perigo os mínimos equilibrios imprescindibles para facer viable a longo prazo o sistema, tamén Botín ocupa unha posición que lle obriga a pensar tamén no longo prazo. E mellor aínda se a curto lle vai de perlas. En fin, tamén faría falta que houbera unha esquerda que pensara a longo prazo. Si, xa a hai pero canto tarda que teña o peso que tanto se precisa! O que máis me amola é que pague case o mesmo tipo marxinal no IRPF ca min e nin tan sequera pague imposto de patrimonio.

26/03/2011

Derradeira elexía polas caixas

Xavier Vence en Xornal



Cando un está diante dun paso irreversible do alcance que significa entregar –ou que entreguen por nós– unha entidade financeira cuxos activos equivalen a 1,5 veces o PIB de Galiza, con máis de 2,5 millóns de clientes, 23.250 pemes, 140.000 microempresas, 132.000 autónomos, participando no capital dunhas 250 empresas... Non se pode máis que sentir unha profunda sensación que mestura vertixe, decepción e carraxe a partes iguais. Esa ferramenta que xestiona máis do 40% do aforro dos galegos e concede bastante máis do 50% dos créditos, de súpeto é obrigada a dar un paso que significa romper o cordón umbilical que a vencella ao país, emprendendo un camiño de difícil retorno. Mutar de caixa a banco non é un simple cambio de figura societaria senón facer entrega da súa propiedade a accionistas que, sexan de onde sexan, só buscarán o reparto de beneficios a curto prazo, mudando de forma substancial a lóxica e modelo de negocio, rompendo os vencellos co tecido social e produtivo deste territorio. Por non falar da desaparición de numerosos postos de traballo ou unha obra social e cultural que vai desde a organización directa de múltiples exposicións, concertos, patrocinio de grandes instalacións culturais, deportivas ou educativas até o patrocinio dunha miríade de pequenas actividades en todos os recunchos do país.

Todo iso é algo que irá esmorecendo de xeito máis ou menos rápido nos vindeiros meses e anos. Pola súa capilaridade ninguén o sentirá como un golpe radical pero silandeiramente irá facéndonos a todos máis pobres, en todos os sentidos. E isto dito, por se houber algunha dúbida, por alguén que nunca recibiu delas un can e que ten sido crítico con moitas das súas actuacións pero que, ao mesmo tempo, é quen de entender a relevancia e amplitude do labor realizado. E, sobre todo, a potencialidade para facer moitas máis e mellor. O certo é que todo iso é algo que, como sociedade, empezamos a perder desde o día en que NCG transfira o seu negocio e o seu capital a un banco e perderemos definitivamente o día en que ese banco sexa propiedade maioritaria de outros bancos e fondos.
Debo dicir que o que máis me descorazona é a irresponsable sumisión das sucursais dos dous grandes partidos estatais aos ditados dos poderes centrais, que, por súa vez, só obedecen aos intereses da gran banca e grandes fondos así como a un sedicioso neocentralismo que aspira a concentrar e controlar todas as pancas de xeración de riqueza e poder no estado español, a costa de estrangular a capacidade de acumulación e desenvolvemento da periferia, polo menos daquela que se deixa.
Descorazona que o empresariado deste país teña tan pouca clareza e conciencia dos seus intereses estratéxicos como para non converter isto nun auténtico casus belli. Descorazona que ese empresariado e outras forzas vivas sexan quen de erguer barricadas para estúpidas batalliñas localistas e fraticidas pero sexan incapaces de falar alto e claro cunha única voz cando outros nos rouban o xoguete.
Descorazona que os centros de creación de opinión económica do país bailen a corda dos lobbys de opinión da banca madrileña e conviden a desfilar e impartir doctrina ao seus voceiros. Ou que os centros de estudos das propias caixas, coma o CIEF, non dixeran aínda unha palabra neste debate. Descorazona unha Xunta que é incapaz de defender as súas competencias ou renunciar a investimentos non perentorios –non sei que desdobramentos de autovías e outros semellantes– e endebedarse no que for preciso para inxectar capital suficiente na caixa para preservar a a súa función e galeguidade, con control público.
En fin, temos o xusto pago por ser unha sociedade sen pulso propio, cunha elite gobernante vicaria e silenciada polo simple temor a perder unha esmola ou unha franquía.
Neste caso o que o ánimo me pide é deixar a economía e virar melancolicamente cara a poesía e, nese sentido, nada máis axeitado que aqueles versos de Manuel Antonio que son un auténtico SOS, con aquel poema que empeza así:

“Fomos ficando sós
o Mar o barco e máis nós...”
e remata con desgarradora afouteza:
“E fomos ficando nós sós
sin o Mar e sin o barco
nós”.

13/03/2011

Galiza non se pode abster

Xavier Vence en Xornal (12-III-2011)



Xa coñecemos o peso da folla da guillotina coa que se vai decapitar a caixa coa que nos quedamos despois de que ataran man con man as dúas que tiñamos coa promesa de que era para unilas: 2.622 quilos de euros. Se acepta un cambio de sexo, de caixa a banco, entón poden rebaixar o peso até 1.527.
Cada vez somos máis os que percibimos que o proceso de desmantelamento das caixas é unha das decisións de maior alcance político e económico da última década, despois da entrada no euro. Éo nun duplo sentido: é un punto de inflexión no modelo territorial-autonómico e no modelo socio-financeiro. O Goberno central –previo amaño e reparto da torta con CiU– decide privatizar algo que non é seu, laminando a principal competencia autonómica e entregándolles aos bancos e fondos a metade do sistema financeiro que, con luces e sombras, mantén un alento social na súa actividade e sostén mediante crédito e participacións no capital unha parte esencial do tecido productivo.
O PP abstívose pero non porque discrepe dos obxectivos do decreto, senón por puro tacticismo electoralista. Como ben clarexou Montoro, abstivéronse porque o decreto “chega tarde”, nas horas lixo da lexislatura, e a súa prioridade agora é “construír unha alternativa ao goberno actual”. Con esa finta buscan unha fírgoa para manter ese xogo froral que tan ben se lle dá –grazas á complicidade mediática– pero, contrariamente ao que afirma Feijóo, con esta abstención permítese que o decreto pase –noutro caso sería difícil– deixando desprotexidos os intereses obxectivos dos galegos. Non dubido que a conselleira de Facenda pode moverse coa mellor das vontades, pero tanto ela como moitos empresarios e votantes do PP acabarán tropezando coa crúa evidencia de que nin Galiza, nin as caixas, nin as pemes son as prioridades da política madrileña do PP neste momento. Como tampouco o son na do PSOE. Esta é a hora estelar da gran banca e dos fondos, os verdadeiros amos.
É falso que todo isto vaia contribuír a mellorar o financiamento da economía productiva. Pola contra, o capital que eventualmente entre desde o exterior non vai para o crédito senón para o cambio de propiedade das entidades e doutros activos; mesmo o capital que mobilicen os bancos e fondos españois, no canto de orientarse ao crédito ou investimento produtivo, destinaranse tamén a facerse coa propiedade desa torta gulosa. Peor aínda, con eses inauditos periplos a busca de compradores, aos que para pasmo mundial se suma o propio gobernador do Banco de España, entregarán a prezo de saldo as xoias financeiras –das autonomías– e, ademais de perdelas, convértennos en pagadores de rendas a eses fondos en forma de dividendos.
Que facer? Quen ten o poder –ou exerce vicariamente ese poder– decide e eles son os responsábeis do resultado. Os que creemos que isto é un erro descomunal estamos obrigados a facernos oír e tamén estaremos no noso dereito de pedirlles contas polas consecuencias, e que paguen por elas, cando menos políticamente. Porque cando no futuro queiramos explicar o racionamento do crédito das pemes, a duración do estancamento e do paro, teremos que recordar estas cousas. Como agora temos que recordarlles ao PP, PSOE e Banco de España a súa responsabilidade na burbulla inmobiliaria e na enxeñería financeira creativa na que montaron o país durante anos. En todo caso, eu teño claro que a aposta menos mala será sempre aquela que sexa reversible. Por iso apostaría polo control público da caixa, con recursos autonómicos e FROB, evitando a entrega a privados –nacionais ou foráneos– a prezo de saldo do capital, os activos, o patrimonio e o control da entidade.

07/03/2011

O poder e a fatalidade

Xavier Vence en Xornal 7/3/2011



Contrariamente ao que acontecía nas traxedias gregas, nin os deuses nin o destino teñen boa prensa para xustificar as desgrazas nin as decisións dos poderosos. Porén, os cidadáns seguimos sentindo as decisións importantes dos nosos gobernantes como un lonxano reflexo das razóns argüidas. É tal a distancia entre os argumentarios infantiloides ou infantilizantes dos gobernantes e as causas reais das súas decisións que non queda máis remedio que pensar que hai forzas oscuras ou inconfesabeis.

A fatalidade agora chámase “os mercados”. Os mercados incorpóreos acaban tendo o poder absoluto para impoñer as leis de ferro que dobregan as vontades dos gobernantes das grandes potencias do mundo. Algo falla nesa impostura e finalmente terá que ser o coro –o pobo– o que acabe rompendo a cadea da fatalidade.
Levamos tres longos anos de crise e un longo rosario de medidas que lonxe de crear as condicións para a súa superación están a consolidar un franco deterioro das condicións laborais e de vida da inmensa maioría da poboación actual e, sobre todo, da xeración que hoxe está incorporándose á vida activa. Disque hai que sacrificar os salarios, as pensións, os servizos públicos, as caixas de aforros, etc. O peor é que iso non serve para sentar as bases dunha economía máis sólida senón moito máis fráxil e insegura que a actual.
As contra-reformas adoptadas non van atallar os problemas de fondo pola simple razón que non atacan as causas da crise senón que buscan prolongar o modelo fallido, buscándolle novas fontes de negocio e de rendas que lle permitan seguir bombeando beneficios para as altas finanzas, as mesmas que pilotaron as sucesivas burbullas e que mesmo seguen bombeando taxas de beneficios de dous díxitos en plena crise.
O grande problema non está en que os salarios no noso país –dos máis baixos de Europa– foran excesivos ou que aumentaran de máis ao estar vencellados ao IPC, como agora nos descobren os 100 ou os 300 “expertos”, que sempre están do lado que máis quenta. Pola contra, ben sabemos que o crecemento real dos salarios foi modesto, que perderon dez puntos na distribución da renda e que se as familias mantiveron capacidade de consumo –tirando da demanda– non foi grazas ao aumento dos ingresos salariais senón en virtude dun explosivo endebedamento, favorecido pola lóxica do negocio financeiro soportado sobre unha insostible política de creación de diñeiro ficticio do sistema financeiro, coa colaboración e complicidade dos bancos centrais.
Nese turbillón entraron os bancos europeos, os españois e as nosas caixas. Algúns dirán –con razón– que nese contexto as caixas tomaron moitas decisións irresponsábeis. Pero tomáronas máis graves e máis gordas os grandes bancos, os bancos de investimento, os hedge funds, etcétera, e ningún goberno se atreveu aínda a desmantelalos. Pola contra, os rescates billonarios dese sistema irracional estanos pagando non só os cidadáns americanos, británicos, irlandeses, etcétera, senón que o estamos pagando todos, en todo o mundo.
A raíz do problema non está nas caixas –nin nas pensións, nin nos salarios– e, polo tanto, tampouco está aí a solución. De feito, con recesión e todos os ingresos á baixa, resulta que a inflación se dispara.
O problema está na gran burbulla de débeda, dólares e diñeiro ficticio na que o sistema financeiro americano e global cabalgou nas tres últimas décadas e que hoxe segue a rebordar o mundo. O dramático é que asistimos coma años no altar dos sacrificios a dúas vagas inmensas de creación de dólares: 1,5 billóns en 2008 (QE1) e outro billón en 2011 (QE2). O conxunto das dúas cifras ven significar que a cantidade de dólares nos balances da FED en 2011 será catro veces superior á que había en 2008.
Con eses dólares non só rescatan as finanzas americanas senón que lle dan fol para que os grandes fondos sigan comprando activos polo mundo adiante, que lle han permitir á economía americana seguir vivindo das rendas xeradas en todo o mundo: débeda pública, grandes empresas de infraestruturas, telecomunicacións, enerxía, entidades financeiras, etcétera.
Non deixa de ser un botón de mostra –anecdótico para o mundo, pero vital para nós– que Novacaixagalicia estea a negociar unha eventual entrada no capital dos hedge funds de Soros ou de John Paulson. Ou calquera outro, británico ou catarí, que para o caso é o mesmo.
Cómpre dicilo alto e claro. Guíannos irresponsablemente cara ao colapso fatal e empezan a resultar grotescos todos eses que tratan de xustificar as decisións do poder, na crenza de que, como dicía Erasmo, á xente gústanlle máis as cousas canto máis estrambóticas son. Pero, tarde ou cedo, o coro reclamará o seu e, desde logo, os galegos estamos chamados a non agardar por ninguén.

26/02/2011

Para que serve a autonomía?

Xavier Vence en Xornal


Son moitas as cousas que están a acontecer que obrigan a repensar o que deu de si o sistema autonómico ou quizais de xeito máis dramático que é o que queda del, da súa letra e das súas promesas. Non o digo unicamente polo feito de que a dereita estea desatada no seu ataque ás autonomías como expresión da desvertebración de España, do dispendio insostible e da inviabilidade do Estado. Non o digo polo feito de que a dereita que nunca se apeou dunha idea cerrilmente centralista e cateta de España se destape agora con toda a radicalidade que verbaliza Aznar e todo o seu inmenso coro. Digoo, sobre todo, porque máis alá deles, rompeuse o pacto político que sostiña un certo compromiso entre a preservación do Estado Central e unha ampla descentralización en recursos e competencias, reflectidas nos Estatutos de Autonomía, que daban pé a unha certa ilusión de acadar cotas subtantivas de autogoberno.


O certo é que despois de continuas tirapuxas, con pasos adiante e pasos atrás, vemos que entre a segunda lexislatura de Aznar e a segunda de Zapatero –co interregno da primeira– procedeuse a un desmantelamento sistemático dos contidos reais do alcance do autogoberno pola vía do uso abusivo da lexislación xeral con carácter básico que, contra a letra e espírito dos estatutos, entra no detalle miúdo, ou vía cofinanciamento e/ou xestión central dos grandes fondos europeos.

É certo que ese desmantelamento autonómico é asimétrico, quedando en boa medida á marxe País Vasco e Navarra, polo seu réxime singular, e Cataluña pola permanente capacidade de negociaciación bilateral que lle permite apaños tamén singulares. Galiza cae vítima do xogo bipartidista dos dous grandes partidos centrais –e centralistas con intensidades circunstanciais–, cuxa dialéctica se sitúa sistemáticamente na lóxica goberno-oposición a nivel central e non atendendo aos intereses estratéxicos do noso país, sen gran diferencia coas autonomías rexionais. Feijóo non goberna Galiza, senón que utiliza as súas institucións para reforzar a estratexia de Rajoy en Madrid e, reciprocamente, Pachi Vázquez non se opón a Feijóo en función dos intereses do país, senón como escudeiro do goberno central do seu partido. Esa dialéctica, que o BNG só foi quen de romper transitoriamente a finais dos noventa, é a que abre as portas á estratexia neocentralista de laminación do autogoberno.

A desnaturalización da nosa autonomía non se produce tanto pola redución dos recursos xestionados como pola redución progresiva das marxes de manobra para adoptar decisións propias e acordes cos intereses e estratexias de cada autonomía. De feito, aumentan os recursos a xestionar de xeito descentralizado pero van destinados ás políticas deseñadas en Madrid (ou en Bruxelas). De tal xeito que o poder autonómico queda en boa medida reducido á xestión –cada vez máis clientelar– da aplicación final dos recursos ou das subcontratas correspondentes. É un labor cativo que da certo poder para o control da sociedade pero moi pouco útil para dirixila en base a obxectivos estratéxicos.

Poderiamos facer unha longa lista de materias importantes nas que as promesas competenciais –reflectidas no Estatuto– foron quedando en papel mollado: o deseño da nosa rede de infraestruturas en función de lóxicas madrileñas, o modelo enerxético, a regulación dos servizos e o comercio, a política agraria e pesqueira, etcétera.

Pero o que sen dúbida marca un punto de inflexión ou de non retorno é o proceso torticeiro a través do que se incautan das competencias sobre as caixas e se expolia a cámara lenta o seu capital, patrimonio e función. Porque estou convencido de que coas condicións do goberno central e a renuncia de Feijóo a defender a caixa –ao renunciar o seu partido a tumbar o decreto lei no Congreso, renunciar ao conflicto competencial e institucional e renunciar a entrar con fondos públicos no seu capital– estamos tan só no penúltimo paso da perda definitiva da caixa –e o seu eventual banco–, que virá dentro duns poucos meses.


05/02/2011

Aprender de Merkel, non obedecer

Xavier Vence en Xornal.


Coa visita de Angela Merkel a España escenificouse a submisión á política económica dictada por Alemaña, convertida na política da UE. O problema é que as políticas que se lle impoñen á periferia europea non son as que funcionan en Alemaña senón as que benefician a Alemaña, á súa banca e á sua industria. Peor aínda, os que aquí aplican as receitas tratan de vendernos que as medidas que se están a adoptar son as correctas porque son as que funcionan en Alemaña. Como ocorre nestes casos, para que iso pareza verosimil, cóllense os nabos polas follas, construíndo algúns estereotipos a partir de aspectos parciais e mesmo falseados da realidade e a política alemá.

Para situar o marco das cousas digamos que os neoliberais extenden o mito de que Alemaña é a patria do mercado liberal pero adrede esquecen que o gasto público en Alemaña representa o 47,5% do PIB, dous puntos máis que no Estado español e o gasto social representa alí un 26,7% do PIB e aquí un 17,5%. Entre os eixos da estratexia alemana de competitividade estaba acadar en 2010 un investimento en I+D do 3% do PIB, e a espera de que os dados o confirmen, parece que o conseguen, coa contribución privada e pública. España está no 1,38% e baixando. En Galiza baixou do 1,05% a 0,95%. Os máis furibundos neoliberais semellan moi obreiristas porque seica cifran toda explicación da competitividade do país ao que fagan e cobren os traballadores, parece que non importa o que faga o capital e como operen as finanzas. Pero o certo é que o sistema financeiro alemán proporciona máis crédito e a menor custe que o sistema financeiro español. E non me cansarei de repetir que parte diso non ten outro segredo que a existencia de 441 caixas de aforros locais e de tamaño pequeno, cuxo obxectivo non é maximizar beneficios senón prestar un servizo á economía produtiva. Sen idealizar nada nen querer converter Alemaña en jauja, o certo é que nin a fiscalidade nin as regras de xogo favorecen como aquí a orientación especulativa da gran masa da clase empresarial.
O que o Goberno español está a implementar, con gran entusiasmo de Botín e cínica complicidade do PP, está nas antípodas do que lles permite o seu éxito aos alemáns.
A verdade é que as medidas adoptadas seguindo as directrices marcadas non van levar a nosa economía cara a recuperación senón cara o estancamento. Basta con citar dúas claves. Os recortes do gasto público lévanse por diante os investimentos en I+D e en educación, bases imprescindibles do crecemento nunha economía competitiva e baseada no coñecemento. Leva moito tempo e esforzo sentar as bases dunha certa capacidade de investigación e innovación pero resulta moi fácil destruíla. As equipas, as carreiras, as relacións destruídas non se voltarán a reconstruír facilmente. O desmantelamento das caixas de aforro e a “machada” de querer ser máis papistas que o papa, poñerse os grilletes de Basilea III con anos de antelación elevando de súpeto o nivel de core capital até o 10% non van favorecer a recuperación do crédito e o investimento produtivo, que habería de permitir crear emprego.
A busca de inversores foráneos para as caixas e a súa conversión en bancos non vai aumentar o crédito senón diminuilo. Os bancos non facilitan hoxe máis crédito que as caixas, polo tanto non é de recibo esa escusa para a súa reconversión. A internacionalización do negocio bancario non é o que vai facilitar o investimento industrial e a creación de emprego no noso país. Xustamente, a busca do máximo beneficio financeiro non levará a investir en relanzar unha economía estancada senón máis ben a seguir o ronsel dos mercados máis rendíbeis en cada momento, os mercados especulativos aquí e alí, en calquera parte do globo. Como fan o Santader e o BBVA.
Nunca ningún país se desenvolveu con sistemas financeiros liberalizados. A experiencia alemá e tamén a xaponesa, coreana, chinesa, brasileira, india, etcétera mostran que o seu desenvolvemento non veu da man dun sistema financeiro liberalizado senon dun fortemente intervido, en boa medida público e estratexicamente vocacionado para o investimento industrial e supeditado á estratexia de desenvolvemnto do país. Ignorar a historia e a realidade é un dogmatismo irresponsable ou submisión aos poucos que amasan aí as súas portentosas fortunas e poder.

29/01/2011

Golpe á autonomía, espolio á sociedade

Xavier Vence en Xornal

Resulta comprensible que os que acreditaron nas razóns esgrimidas polo Goberno e o Banco de España para impulsar as fusións se sintan agora burlados. Provocan tenrura os argumentos tecidos coas virtudes do tamaño, garantía de solvencia, superación dos localismos miopes, visión de futuro... Unha vez cerrada en prazo a primeira fase –antes de fin de ano– deciden lanzar a segunda e definitiva fase de desmantelamento das caixas, con novos argumentos. Facendo abuso das súas competencias e ignorando as competencias autonómicas impoñen unhas condicións ostensiblemente arbitrarias cuxa única razón é obrigar a bancarización. O que vemos estes días evidencia que a fusión era tan só un paso táctico e o auxilio do FROB unha trampa, como algúns denunciamos desde o inicio.
Non hai improvisación, como finxe Feijóo. Está moi ben planeado e, ademais, desde hai moito tempo, como ben saben Montoro, Rato e Rajoy, desde os pactos de 2006, o apoio ao FROB en 2009 e á reforma da LORCA en 2010. Se eles non o avisaron, vímolo facendo nós desde as páxinas de Xornal de Galicia desde hai ano e medio.
O que si podemos constatar é que na execución da folla de ruta cara a bancarización o Banco de España xogou coas cartas marcadas e malas mañas: primeiro forza fusións que implican elevados custes e obriga a sanear activos aumentando provisións e reducindo reservas, para case inmediatamente pedirlles uns ratios de core capital moi superiores aos que require Basilea III e, a maior escarnio, maiores para as caixas (10%) que para os bancos (8%). Cada punto porcentual representan moitos centos de millóns de euros que teñen que quedar no colchón da entidade e non poden converterse en créditos –xusto o contrario do argumento gobernamental. Trátase dunha condición difícil de cumprir a curto prazo pero, se se cumprise, colocaría ás caixas en inferioridade de condicións para competir coa banca.
Con todo, quixera enfatizar que a principal consecuencia da bancarización é o vaciamento de contido do Estatuto de autonomía. Nel establécese a competencia exclusiva sobre as caixas de aforros (art. 30.5), pero non temos ningunha competencia sobre a banca. Iso significa que perdemos capacidade regulatoria e de decisión sobre máis da metade do aforro e crédito galego, quedando privados dunha das competencias económicas de maior potencialidade do noso Estatuto. Non me cabe a menor dúbida que ese é un dos obxectivos centrais da estratexia de desmantelamento do sistema de caixas, xunto cos intereses da gran banca en acabar cunhas competidoras que lle ían gañando a cada paso maiores cotas de mercado e mesmo coa ousadía de empezar a compraren elas bancos.
Fronte a certos discursos rapidamente acomodaticios aos ventos dominantes, o realismo non consiste en renderse a estratexias equivocadas que van lastrar o futuro da nosa economía productiva, cunha entidades cada vez máis viradas ao negocio global e cada vez menos cara as Pemes e eliminando rapidamente a obra social. Fronte á estratexia financista global e antiprodutiva de España debemos ir a contracorrente e apuntarnos á liña exitosa das caixas públicas alemanas, comprometidas co tecido produtivo local.
É o momento de mobilizar a conciencia cidadá para a defensa dos nosos intereses colectivos, defender xudicialmente as nosas competencias e, sobre todo, deseñar estratexias alternativas viabeis para salvar dentro do posible os nosos intereses estratéxicos. A Xunta ten que asumir a súa responsabilidade e ben podería aprender da experiencia alemana.
Na medida en que o Goberno central plantexa a posibilidade de “nacionalizar” as caixas a través do FROB, parecería bastante razoable que a súa representación no consello da entidade fora atribuído á comunidade autónoma. A falta desa xenerosidade cooperativa, as institucións galegas deberían asumir a responsabilidade estratéxica de aportar en forma de cotas participativas o capital necesario para, xunto con outras medidas, cumprir os requisitos do regulador. Obviamente, ese paso ten que ir acompañado dunha nova representación da sociedade galega nos seus órganos de dirección, que a lei galega contempla. É a “quinta opción” que formulara nestas páxinas hai máis dun ano.

26/01/2011

Xavier Vence sobre a privatización das caixas: "Supón un ataque ás competencias galegas"


* Collido de Galicia Hoxe.
Que lle parece o anuncio do Goberno central?
As liñas mestras anunciadas este luns supoñen un paso definitivo na estratexia de desmantelamento do sistema de caixas, que algúns vimos denunciando desde hai tempo. Pónselles unhas condicións tan difíciles de cumprir que as obriga a bancarizarse. Desde o punto de vista de Galicia supón un ninguneo e un ataque ás competencias exclusivas sobre as caixas recollidas no art. 30.5 do Estatuto de Autonomía. Desde o punto de vista da nosa economía supón o desmantelamento do principal instrumento de financiamente das Pemes e significa  a desa- parición da obra social ou da súa maior parte. Desde o punto de vista financeiro, a bancarización é un erro; socialmente é un expolio e un retroceso e politicamente é un golpe definitivo á autonomía.
Por que fai así o Estado?
O desmantelamento das caixas é unha reivindicación da gran banca desde hai tempo. As caixas foron un competidor duro e exitoso que lle foi conquistando cota de mercado e esta usa agora o seu poder para reverter a situación. O executivo fai isto, co apoio do PP, porque se somete aos ditados da banca. O paso cara a bancarización intentaron impoñelo xa cando se empezou a falar da reestruturación das caixas en 2009 e se aprobou o FROB. Como unha parte das caixas se resistiron vén agora a segunda volta de rosca para forzar as que faltan, entre elas Novacaixagalicia.
Pódese perder a galeguidade do novo ente?
É algo máis que unha probabilidade, caso de aceptar os plans do Goberno, PP e Banco de España. Unha vez convertida en Banco xa deixa de ser competencia exclusiva da Comunidade, nin tan sequera competencia compartida. Unha vez que entre capital foráneo como accionista, ou o FROB, a súa vinculación coa economía do país será moi parecida a dos demais bancos. Pero aínda cabe a posibilidade de que a sociedade galega, os partidos que operen en clave galega, os empresarios e, sobre todo, as institucións do país reaccionen unanimente e con enerxía para impedir o expolio. Cómpre pensar en solucións financeiras algo enxeñosas e atrevidas. Que cada quen asuma a súa responsabilidade. O problema é político, non só financeiro. Estou certo de que o País Vasco e Cataluña non van quedar sen elas. Pero aquí, vendo a obediencia a Madrid do PSdeG e de Feijóo non cabe ser moi optimistas.
Foise demasiado optimistas coa fusión?
A min a fusión sempre me pareceu un enredo, un paso táctico para isto. Agora ben, é unha falta de rigor e seriedade ao forzar unha fusión, obrigala a tomar duras medidas de axuste, bendecila e afirmar que garante a solvencia e o futuro da nova caixa e ao cabo dun mes vir dicindo que todo iso non valeu para nada. A súa credibilidade técnica e política é nula. Conseguiron desactivar as liñas de defensa social das caixas. Nun país serio e cun mínimo de respecto deberían dimitir todos os implicados, empezando por Fernández Ordoñez, que pasará á historia como o peor gobernador do Banco de España, o máis centralista e o máis servil coa banca. Nunha situación normal e nunha sociedade normal, os responsables disto serían corridos a gorrazos.
A función máis social das entidades periga?
A súa función social xa perdeu vigor e compromiso nos últimos anos, pero este paso significa o seu peche definitivo. Os beneficios que agora van a obra social irán no futuro a dividendos dos accionistas. O seu vínculo co territorio irá perdendo vigor.