02/04/2011

Emilio Botín "for president"


Botín está desatado e non lle faltan motivos. A última perla foi esa fachendosa proclamación diante do auditorio da Universidade Pontificia de que “destacamos –o Banco Santander– como gañadores na recente crise económica e financeira mundial”. Podería parecer un pouco botaporela pero para que non houbera dúbida púxolle números á súa afirmación: 35.000 millóns de euros de beneficio neto nos catro últimos anos. Case outro tanto coma os orzamentos da Xunta de Galiza neses catro anos. Hai que recoñecer que non está nada mal.
Pero tanta arrogancia debeulles resultar excesivamente inoportuna aos medios da súa corda que non apareceu, que eu vise, en ningún deles. O certo é que un día despois afirma tamén que está disposto a poxar por algunhas caixas, para empezar pola CAM, que anda algo desvariada e se hai que facer un favor para iso están os amigos. Pero a elocuencia de Botín non remata nos asuntos financeiros senón que se atreve tamén nos vidrosos asuntos da política. Si, xa sei que as finanzas son a expresión concentrada da política pero, precisamente por iso, os banqueiros sempre tiveron como norma ser discretos en asuntos políticos e especialmente partidarios. Pois ben, como puidemos ler, Botín pronunciouse a prol da continuidade de Zapatero e especificamente sobre a conveniencia de atrasar a súa decisión de non concorrer ás vindeiras eleccións. Obviamente, as súas palabras incomodaron a moitos no PSOE, porque hai amores que matan, cando menos en público, pero tamén deixaron de cera ao PP, polo que puidera significar de aposta de fondo dos poderes fácticos do país.
Este desembarco explícito do banqueiro maior seguramente merece unha reflexión. Sae fóra do molde dun banqueiro típico e iso non é casual. Non só xoga a mover o poder entre bambalinas e marcar o discurso dos seus medios de comunicación senón que se expón publicamente. Seguramente é o reflexo da confianza que da esa hexemonía incontestada das finanzas nos tempos que corren. Pero, cal é a razón do seu aceno de complicidade con ZP? Non pode ser só o agradecemento polo feito de que ZP o convertera na estrela dese senado plutocrático que está constituíndo cos corenta oligopolios e grandes empresas que dominan o país. Posiblemente haxa razóns estratéxicas que explican esa aposta. Eu atreveríame a avanzar dúas hipóteses, cada unha máis estarrecente. A primeira e máis obvia é que Botín considera que ZP demostrou ser un xestor dócil que soubo asumir con humildade os ditados dos grandes bancos e fondos para levar adiante as políticas de reformas requiridas e, sobre todo, é o mellor garante da paz social, grazas á resignación e derrota preventiva que transmite á base social da esquerda e, en especial, aos dous grandes sindicatos estatais. Non é difícil supoñer que a dereita poñería en pé de guerra a medio país. A segunda hipótese é menos obvia pero tamén razoable. A dereita volveuse excesivamente doutrinaria, fundamentalista e radical, exacerbando tanto os intereses económicos de curto prazo das finanzas que acaba sendo un perigo para os seus intereses a medio e longo prazo.
Do mesmo xeito que as grandes fortunas americanas –e grandes especuladores– como Warren Buffet, Bill Gates ou Soros se opoñen aos ultraconservadores e aos recortes de impostos aos ricos porque consideran que poñen en perigo os mínimos equilibrios imprescindibles para facer viable a longo prazo o sistema, tamén Botín ocupa unha posición que lle obriga a pensar tamén no longo prazo. E mellor aínda se a curto lle vai de perlas. En fin, tamén faría falta que houbera unha esquerda que pensara a longo prazo. Si, xa a hai pero canto tarda que teña o peso que tanto se precisa! O que máis me amola é que pague case o mesmo tipo marxinal no IRPF ca min e nin tan sequera pague imposto de patrimonio.

Nenhum comentário: