02/05/2013

A catástrofe do centro-esquerda italiano. Dossier

Rossana Rossanda e Norma Rangieri. Artigo tirado de Sin Permiso (aquí) e traducido por À revolta entre a mocidade. Rossana Rossanda é membro do Consello editorial de Sin Permiso. Canto a Norma Rangieri (1951) é desde 2010 directora do xornal italiano Il Manifesto, en que leva traballando desde 1974, primeiro como crítico de televisión - experiencia recollida no seu libro Chi l'ha vista? Tutto il peggio della tv da Berlusconi a Prodi (o viceversa) [Milano: Rizzoli, 2007].

 Este dossier consta dos seguintes dous textos:
1)     Rossana Rossanda: Apuntamentos sobre o Quirinal: caen os grandes consensos
2)     Norma Rangieri: A derrota de Bersani






1) Rossana Rossanda: Apuntamentos sobre o Quirinal: caen os grandes consensos

A derrota de Marini veu a desmentir brutalmente á secretaría do PD e puxo fin ao proxecto de unidade nacional con Berlusconi. Para o Quirinal [palacio da Presidencia da República], unha carreira ao rebufo da improvisación.

Nunca ocorrera no PD -nin nos Demócratas de Esquerda, nin menos no PCI- que a súa dirección resultase tan brutalmente desmentida como onte o foi nas cámaras reunidas para discutir o nome proposto para ocupar o Quirinal. Franco Marini nin sequera logrou unha parte dos votos previstos na véspera. Era o personaxe acordado con Berlusconi, e a súa caída non só mandou ao garete os planos de Bersani, senón os de todos os que apoiaban unha política de amplos acordos. Comezando polo Giorgio Napolitano e seguindo con D'Alema e secuaces. O único que se atravesou no seu camiño era Renzi. Naturalmente, Bersani debería ter os folgos para oporse, atendendo de paso aos humores furibundos do partido; mais nin sequera agora os tivo.

O máis significativo non é, pois, só que fracasase o primeiro nome para o Quirinal un centroesquerda, aínda por pouco, maioritario, senón que veu a menos a perspectiva dun goberno de unidade nacional que incluía a Silvio Berlusconi. Bastaba ver onte a súa face lívida, furioso porque estaba convencido de que estes a quen el chama comunistas, é dicir os demócratas, terían unha disciplina de ferro, e en cambio, non respectaron ningunha decisión. Bersani avanzaría onte ao mediodía un nome distinto -para un escenario totalmente distinto-: o nome de Prodi, recibido con furor no PDL e con xúbilo pola Margarida. Porén non está dito que sexa un nome ben recibido pola xeración ex-comunista do PD. Algúns observadores sutís danme a entender que a invitación á rebelión das bases sería pedida e aínda orquestrada por Massimo D'Alema, quen traballa polo gran consenso, mais que, para empezar, non está no corazón dos grandes electores, e ademais, preferiría -e por moito- gobernar el mesmo; trataríase, entón, de ir fusilando, un tras outro, todos e cada un dos nomes que se propoñan, empezando por Marini. Sábese que D'Alema sería do gusto do cavaliere, porque as mallas dos grandes consensos en versión dalemiana son farto folgadas e escurridizas.

Podería ser que o nome do vencedor salga a parir do mediodía de hoxe, vista a improvisación dos vértices dos partidos, e é posíbel tamén que sigan as cambadelas, na Praza do Quirinal, non menos que na do Palazzo Chigi.

Addendum de Sin Permiso (21 de abril de 2013)

Rossana Rossanda acertou de cheo nos seus apuntamentos do pasado 18. A carreira ao Qurininal terminou cunha improvisación que -coa caída de Prodi- desfai ao PD, e as cambadelas de D'Alema terminan coa reelección do vello Napolitano. A candidatura do prestixioso constitucionalista Stefano Rodotà (apoiada polos grillini) sería o antídoto contra o ridículo da enésima volta de porca da vella política politizante italiana, e seica un camiño cara á reconstrución dunha política democrática.-SP


2) Norma Rangieri: a derrota de Bersani



Por que non deberían votar o secretario do Partido Democrático e o centroesquerda a Stefano Rodotà [1] como presidente da República? Que método, se non o dunha lúcida tolemia, conduciu á forza de maioría relativa a depositar nas mans de Berlusconi a elección do próximo xefe do Estado? De que serve entrar nunha asemblea de grupos parlamentarios, constatar as fortes disensións de boa parte sobre o nome de Franco Marini e non telas en consideración?

Naturalmente, Bersani non responderá as nosas preguntas, pero debería polo menos escoitar as que lle dirixen os electores e un grande número dos dirixentes mesmos do seu partido, despistados e moitos anoxados, sobre todo despois de asistir ao espectáculo das votacións de onte en Montecitorio [sede parlamentaria italiana]. Unha derrota clamorosa, tafazziana [masoquista] [2].

Con todo, o secretario do PD, tras o trompazo das eleccións de febreiro, enviara sinais interesantes. Coa elección dos dous presidentes da Cámara e o Senado, coa pertinaz insistencia nun goberno de cambio, co intelixente seguimento dos "grillinos", deixando ao carón o orgullo, facendo xurdir a copla do «non» dos expoñentes das 5 Estrelas, que con este comportamento descendían xa nas enquisas. E logo, ese darse a volta, brusco e masoquista, para embarcarse nun tándem para o Quirinal [residencia do Presidente da República] co xefe do centrodereita. O cal, inútil é negalo, prefigura outra estraña maioría de goberno, outra forma de "montismo" até as próximas eleccións.

Un cambio de ruta, xusto cando, seguindo o camiño emprendido, Bersani, e unha inxente parte do centroesquerda, puidesen adherirse á candidatura de Rodotà. Tanto máis cando non estamos a falar dun señor que pertence a un partido senón dunha figura capaz de dirixirse a un amplo campo de 27 millóns de votos, polo menos, os recibidos no referendo do 27 de xuño de 2011 [sobre o carácter público da auga], entre cuxos tenaces promotores figuraba Rodotà.  

Foi unha espléndida primavera da política, a revelación dun xacemento de mobilización e coñecemento que saía do populismo e convertíase en democracia deliberativa. Ese país existe, e non escoitalo, seguir ignorándoo, non só lle fixo perder ao PD máis tres millóns de votos senón que lle minou a identidade e nubroulle a visión.

Para Bersani soa a campá da derrota, o seu liderado está acabado, e os pedazos que lle quedaron (coa axuda de todo o grupo dirixente) xa non os volve a pegar ninguén.

NOTAS  do tradutor castelán: 

[1] Stefano Rodotà (1933), ilustre xurista italiano, profesor emérito de Dereito Civil da Universidade A Sapienza de Roma, foi no 70 membro do Partido Radical de Marco Pannella, deputado independente nas listas do PCI en 1979, e logo nas do PDS, de que foi primeiro presidente. 

 [2] Tafazzi, personaxe cómico da televisión italiana que se caracteriza polo seu masoquismo.













Nenhum comentário: