31/10/2011

Praza, un novo xornal. Un espazo no que atoparse

Marcos Pérez Pena. Artigo tirado de Altermundo (aquí).

Un grupo de persoas (entre elas, Manolo Barreiro, Filipe Diez e eu mesmo) levamos meses traballando no deseño dun novo xornal dixital.

Porque é necesario (cada vez máis) e porque é posible facelo. Porque hai milleiros de galegas e galegos que non teñen un medio de comunicación na rede no que confíen, que queren ler un xornal de calidade, en galego e que lles conte a parte da realidade que o resto das cabeceiras non lle está contando. Porque queren un espazo no que atoparse e debater. Un xornal dixital moderno, conectado co mundo e aproveitando todas as posibilidades da información en tempo real e multimedia, un xornal aberto e colaborativo, en permanente intercambio con outros medios galegos, cos lectores e coas organizacións sociais e os internautas. Aberto tamén no político, sen filiacións partidarias e apostando por unha axenda temática propia, distinta á dos medios convencionais. E moi preocupado polo traballo xornalístico, base de calquera medio de comunicación, tanto dos redactores coma dos colaboradores xornalistas, que en Praza serán (como debería ser obvio) retribuídos.

Podedes ver unha presentación do proxecto entrando na páxina prazapublica.com

Este non é o deseño definitivo (xa houbo algúns cambios dende entón), pero é para que vos fagades unha idea. Nas vindeiras semanas Praza Pública ("Praza") presentarase en toda Galicia, na procura de apoios. O xornal quere ser autosustentable, con publicidade, patrocinios e coas achegas dos lectores, que serán os propietarios reais de Praza. A información é cara, e ou ben a pagan os anunciantes, ou ben os lectores. E o que paga, manda.

Praza primará os temas a fondo, as reportaxes de investigación e as entrevistas en profundidade, emprestando unha atención á política e cultura galegas, aos movementos sociais e a economía solidaria e os consumidores, a unha visión alternativa da información internacional, e ás noticias científicas e das novas tecnoloxías.

Será un medio aberto, coa atención posta en todas as conversas e fluxos da Internet galega, á construción colaborativa de información cos propios lectores (crowdjournalism), á curación e selección de contidos publicados en Galicia e en todo o mundo, e á presentación gráfica das informacións, coas achegas de vídeo e infografía e unha avanzada e fermosa arquitectura realizada por A Navalla Suíza.

Será un medio transparente, do que os lectores e asinantes saberán en todo momento a orixe dos ingresos económicos e os custes de funcionamento.

Nenhum comentário: