Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe.
O día mesmo en que saíu publicada a miña prédica dominical da semana pasada, na que glosaba un recente ensaio de Zizek encol do "estado de excepción económica permanente", o azar fíxome bater con dous textos que, de rebote, coma o eco nas cachafundas da montaña courelá, devolvíanme, sen apenas metamorfose, as palabras chave da mensaxe que eu mesmo viña de emitir -ou retransmitir. Dous textos aparecidos nesa mesma data en dous espazos mediáticos ben diferentes e editorialmente distantes entre si, e delambos referidos a un concreto episodio que eu non mentara explicitamente na miña prédica: o insólito e alarmante "estado de alarma" declarado polo goberno español co pretexto da famosa folga dos controladores aéreos. Non resisto á tentación de reproducirvos eiquí un anaco de cada un diles.
O día mesmo en que saíu publicada a miña prédica dominical da semana pasada, na que glosaba un recente ensaio de Zizek encol do "estado de excepción económica permanente", o azar fíxome bater con dous textos que, de rebote, coma o eco nas cachafundas da montaña courelá, devolvíanme, sen apenas metamorfose, as palabras chave da mensaxe que eu mesmo viña de emitir -ou retransmitir. Dous textos aparecidos nesa mesma data en dous espazos mediáticos ben diferentes e editorialmente distantes entre si, e delambos referidos a un concreto episodio que eu non mentara explicitamente na miña prédica: o insólito e alarmante "estado de alarma" declarado polo goberno español co pretexto da famosa folga dos controladores aéreos. Non resisto á tentación de reproducirvos eiquí un anaco de cada un diles.
O primeiro é do profesor Carlos Taibo, titúlase Estado de alarma, e saíu no Altermundo dese día 2 de xaneiro. Veleiquí o anaco escolmado para vós: "A militarización dun servizo, a declaración dun estado de alarma e a posibilidade certa de aplicar aos traballadores draconianas leis militares ben poden configurar un adecuado banco de probas para o que se aveciña. (...) Moito me temo que o ocorrido estes días ben pode reaparecer, bendicido polo aplauso dunha cidadanía cada vez máis aparvada, nos sectores económicos máis dispares. E iso si que remite a unha situación alarmante da man dunha sorte de estado de excepción permanente".
O outro é dos xuristas cataláns Gerardo Pisarello e Jaume Asens, saíu tamén o mesmo día en sinpermiso, e titúlase Reino de España: ¿por quien suenan las alarmas? -título intencionadamente evocador do da famosa novela de Hemingway sobre a Guerra de España. O anaco escolmado é iste: "Esta tentación dun uso expansivo das medidas de excepción advírtese con máis claridade aínda na declaración de prórroga do Estado de alarma. Nela, o goberno apela ao "temor" da "sociedade" de "que feitos similares poidan se reproduciren de imediato". Pero a axitación dese "temor" e a súa atribución á "sociedade" no seu conxunto constitúen perigosas operacións retóricas que abren a porta ao demo da excepción normalizada, permanente,xustificada a partir da construción obviamente parcial dun "perigo público" contra o que todo estaría permitido". E máis isto: "Salvando algunhas indubidábeis diferencias, a demonización do controlador-privilexiado parécese de máis á do funcionario-privilexiado e á doutros traballadores cuxa relativa estabilidade se tenta apresentar como un inadmisíbel agravio comparativo a respeito doutros traballadores peor pagados, ou con peores condicións de traballo. Esta estratexia discursiva, utilizábel tamén contra outros supostos receitores de "prebendas" públicas, coma os parados ou os pensionistas, non é inxenua. Permite encirrar o enfrontamento entre diferentes categorías de traballadores e colectivos vulnerábeis, desviando a atención dos auténticos focos de privilexio existentes nas nosas sociedades. Por iso esta alarma non soa só polos controladores, [senón] por tódolos que (...) se poderían ver convertidos en "privilexiados" cuxas queixas só poderían ser tratadas coa temíbel lóxica da excepcionalidade e a represión".
*****
A leitura deses textos fíxome rememorar unha insólita conversa epistolar que, cando a folga dos controladores, mantivera eu, mediante ordenador, cun xornalista amigo de vello, dos bos e honestos que tamén hai. Conversara eu só por lle dar desafogo á miña irritación perante a mestura de cegueira e cinismo coa que os meios estaban a avaliar ese episodio, porén tan significativo e sintomático verbo da patoloxía social que o enxendrara. Funme ao ordenador, e alí estaban as miñas digresións, non as borrara. Así que vouvos mazar con algúns fragmentos.
Do día 5, primeiro: "Son perto das dez da noite, estou na biblioteca, andiven a fedellar no ordenador e -sen que sirva de precedente- pasei revista ás informacións da prensa encol da folga dos controladores. E non dou crédito ao que levo visto e lido nesta pantalla. Todo son epítetos guindados contra diles -"chantaxe", "folga salvaxe", "provocadores do caos"- e relacións de supostos agravios -"a crise aérea prexudica a imaxe de España", "as aerolíneas deixan de ingresar 80 millóns ao día", "pancada para a economía". Moi edificante, todo. E moi obxectivo. Do cerne do problema, nin palabra. É todo un recital de "xornalismo" sensacionalista e demagóxico. Non só polos contidos informativos, senón polo tratamento que lles dá. Nin a AENA, nin ao disque-governo do disque-estado, nin á "patronal", nin sequera, seica, aos voceiros dos "consumidores", lles importa un nabo que poidan esnafrarse avións con centos de pasaxeiros dentro por erros de traballadores (pilotos e controladores) sobrecarregados de horas extras nunha angueira que require un nivel de concentración, atención e refrexos superior ao do condutor do seu propio auto. Que centella importa iso! Se a un cidadán calquera o paran os de tráfico, fanno "soplar", e dá cero coma non sei canto de "alcoolemia" por un par de copos de viño, caille un zurriagazo de sanción: "por su seguridad", disque. Mais se un piloto ou un controlador aéreo levan non sei cantas horas máis do debido de traballo e se esmendrella o avión que leva a bordo todos eses pasaxeiros disque irados contra os mangantes dos controladores, embarcados pra que non desesperen "tirados" no aeroporto, daquela non pasa nada: dáselles o pésame ás familias e entérrase aos mortos con pranteiras oficiais. Aí non val velar "por su seguridad". O caso é reducir plantillas e custe laboral. Nos tres aeroportos galegos seica hai por xunto unha trintena de controladores: cousa de dous terzos dos que debera haber conforme ás normas internacionais "por su seguridad", a dos cidadáns-pasaxeiros no tráfico aéreo. Fan folga, en uso dun dereito constitucional. Pero, non me foda vostede!, as folgas compre facelas de xeito que non incordien o funcionamento do servizo, ou sexa, hai dereito á folga a condición de que non sirva para o que serven as folgas. De non seren folgas "ben guiadas", "domesticadas", simplesmente rituais, daquela tórnanse "salvaxes", intolerábeis, claro, e... militarízanse os aeroportos -ou o que faga falla. E os cabestros dos súbditos-ex-cidadáns, convenientemente narcotizados, arremeten contra os folguistas e aplauden ao exército de liberación. E a prensa-tele-radio do "grande-irmau" fumiga con estupefaciente abondo o espazo mediático -non vaia ser que alguén se decate da aberrante patoloxía social causante do verdadeiro problema. "Se iste é o mundo que eu fixen, que o demo me leve" -mais xa sabemos que excomungaran e criminalizaran a Curros por escribir iso hai máis de cen anos. Volveríano facer se o escribise hoxe. Porca miseria. Descúlpame, pro cousas así tíranme as poucas ganas que teño xa de seguir a escribir. Total pra qué. En 1935, o goberno republicano español do "bienio negro" meteu en Asturias ao exército de África, ao mando do anano de marras, pra esmagar a folga "salvaxe" dos mineiros. O verdadeiramente salvaxe foi o xeito en que efectivamente foi esmagada esa folga. Camus escribiria despois unha peza "bouleversante" sobre ese episodio. Pro moito máis "bouleversant" foi o que acontecería ben axiña após ese mesmo episodio, dende 1936 en diante durante decenios. Inda dura, polo que se ve. Ou retornou após un frío sol de meia noite no ártico corral nublado celtibérico. Pídoche outra vez desculpas. E que, se tes xeito de o facer, transmitas a miña solidariedade aos salvaxes controladores, inanque ben sei que gañan moito máis ca min. Pro menos que os notarios capitalinos, e moitísimo menos que os banqueiros. E son eu quen debería gañar máis, non iles menos. Unha agarimosa aperta do vello Beiras -aceleradamente máis vello e soturno cada día".
E dous días despois: "O grave do "affaire" dos controladores é o que denota como síntoma da gangrena que está a inzar nun tras outro dos membros todos do corpo social. Hai meses, cando da folga "salvaxe" do metal en Vigo -o "heavy metal", como, por sarcástica empatía, a chamaba eu entre nós- eses obreiros foron tratados o mesmo ca os controladores. Só non lles botaron enriba ao exército porque non facía falla. E cando do recorte salarial aos funcionarios, adubiouse coa semente do descrédito deses "preguiceiros". Ao cabo vai resultar que tódolos traballadores somos "privilexiados",... agás a peonaxe e o "lumpenproletariado". Perfecto pra o poder. Porque a historia das loitas obreiras demostra que, no centro do sistema, agás excepcións, os combates foron liderados sempre polos segmentos conscientes mellor situados das clases traballadoras, non polos máis indefensos e alienados -como é lóxico: polos máis fortes, non polos máis febles. Alcumar de "privilexiados" ás elites das clases traballadoras constitúe unha perversión semántica moi eficazmente utilizada polas clases dominantes -ou sexa, polos únicos verdadeiros privilexiados, que dese xeito fican fóra de campo na foto, encirran contra os de abaixo aos de máis abaixo aínda, e creban a necesaria unidade dos dominados. Mais non é preciso que che faga unha "teórica" eiqui porque ti sabes moi ben todo iso. Só acontece que a propaganda ideolóxica e máis o aparello coercitivo do poder actuan a xeito pra impedirnos utilizar mentalmente o que sabemos no momento en que máis o precisamos. Provocan fría e calculadamente o caos -e no caos é moi difícil mantermos a serenidade indispensábel pra pensarmos con lucidez. Nesa situación, ao poder resúltalle moi doado culpar dese caos a quen non se somete á coerción -á chantaxe do poder. Agás que os que non se someten teñan a masa crítica suficiente pra que o caos se transforme en revolución, claro está -e que infortunadamente non é o caso... nin son os controladores quen van facela, obviamente. Azos e unha forte aperta deste vello rosmón. b.".
Nenhum comentário:
Postar um comentário