28/12/2010

Os retos da alimentación

Gustavo Duch Guillot en Público (aquí).


O peche do ano 2010 é tamén o final do Ano Internacional a favor da Biodiversidade declarado por Nacións Unidas, polo que agardemos que o asunto non se arrombe agora no caixón de temas pendentes. Porque se algo temos claro, con ou sen ano internacional, é que o futuro da humanidade depende da nave onde viaxamos, a Terra, e esta só continuará mentres sexa biodiversa.

A comunidade científica ten sinalado en numerosos informes que a situación patrimonial da Terra é preocupante. Entre todos, destaca o traballo elaborado polo Centro de Monitoreo para a Conservación Mundial que, tomando diferentes indicadores (como a apropiación de recursos naturais, o número de especies ameazadas, a cobertura de áreas protexidas, a extensión de bosques tropicais e manglares e o estado dos arrecifes de coral) e a súa evolución desde 1970 até 2006, demostra con obxectividade e cifras o que a observación cotiá e atenta de calquera paisaxe tamén nos debuxa: diminución de especies e razas de distintos grupos de mamíferos e aves, redución da extensión dos bosques e os manglares, deterioración das condicións mariñas e das costas, invasión de especies exóticas competindo coas especies nativas, etc. A análise permitiulle a este centro dependente do PNUMA (Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente) afirmar que "os gobernos non lograrán cumprir a súa promesa de chegar a 2010 cunha redución significativa da perda de diversidade biolóxica". Certamente.

Cando se fala de perda de biodiversidade, a primeira mirada recae sobre os espazos naturais máis virxes e as especies animais máis exóticas, pero se enfocamos cara aos vexetais e animais que nos alimentan a fotografía é igual de grave, e é baixo esta óptica máis fácil relacionar a biodiversidade co futuro da especie humana. Das 50.000 especies de aves e mamíferos contabilizadas no planeta, unicamente atopamos 40 de animais domésticos de utilidade para a alimentación e a agricultura. Ademais, só 14 concentran o 90% da súa achega á alimentación e a agricultura. É dicir, a pesar da súa relativa escasa importancia sobre a diversidade global (40 especies sobre 50.000), as especies de animais domésticos teñen unha importancia enorme: satisfán máis do 30% das necesidades humanas en alimentación e agricultura (carne, leite, ovos, esterco, etc.); nos países en desenvolvemento aínda supoñen máis do 60% da forza motriz que se utiliza na agricultura ou no transporte; e estímase que, de forma global, uns 2.000 millóns de persoas viven directa ou indirectamente da gandaría.
No entanto, estas especies domésticas están tamén moi asediadas na súa diversidade, isto é, nas súas diferentes razas. En concreto a FAO (Organización Mundial para a Agricultura e a Alimentación), despois de varios anos de traballo, presentou en 2003 a Lista de Vixiancia Mundial para os Animais Domésticos, onde recoñecía a gravidade da situación: perdéronse a metade das razas que había hai cen anos e o ritmo de extinción é de seis razas de animais domésticos ao mes, co cal, de manterse este ritmo, nos próximos 30 anos perderíase o 40% das razas a nivel mundial. Só en España, segundo o Catálogo Oficial de Razas de Gando de 2008, o 81% das 177 razas locais rexistradas atópase en risco de extinción.

Así como todos os estudos coinciden en sinalar entre as causas da perda de biodiversidade xeral o cambio climático, o aumento de desastres naturais, o incremento de incendios e, desde logo, o papel do ser humano, no caso da perda de diversidade de animais domésticos aptos para a gandaría, a responsabilidade habémola de focalizar na xeneralización dun modelo de alimentación único e global imposto por unha nova especie que chegou ao planeta a ritmo de desregulaciones, privatizacións e liberalizacións: as transnacionais da alimentación.
Coa connivencia das políticas públicas, estas corporacións impuxeron unha alimentación rápida, moi carnívora, de pouco sabor e insana, que lles permite a elas expandirse e enriquecerse, e que se asenta nun modelo de industria gandeira, loxicamente, tamén moi homoxeneizado e uniformizado. Cos argumentos da máxima rendibilidade primouse unha xenética animal orientada á máxima produción de ovos, leite ou carne; producións con maior cantidade de graxa; ou crecemento máis rápido dos animais, deixando de lado outros valores como a capacidade de adaptabilidade ou rusticidade. Só se utilizan xenética e animais de primeira división que controlan unhas poucas empresas, relegando á desaparición a moitas estirpes que estiveron sempre ao acceso e baixo o control de campesiñas e campesiños.
Así, atrévome a afirmar que a velocidade á que perdemos diversidade animal gandeira é proporcional á velocidade en que as corporacións da alimentación aumentan o seu control na cadea alimentaria.

Nenhum comentário: