03/04/2011

Eses farsantes xenocidas (recunque)

Xosé Manuel Beiras

Hoxe vai de confidencias. Desculpade. Si, pídovos desculpas xa por adiantado. Polo que poida haber de impudicia, ou cando menos de falla de pudor, na práctica de vos facer confidencias nun lugar que está fóra da privacidade. Mais, se cadra, é ese o único privilexio que podemos reclamar os vellos, ou sexa, os que apenas temos xa por diante outro horizonte ca facermos mutis polo foro, desaparecermos do cenário da "comédie humaine" balzaquián. Ou, máis perto e acaídamente, brechtián. É dicir, tráxica -como o é, no seu trasunto profundo, toda auténtica "comedia" -que non "vaudeville". Talmente cáseque tódalas de Moliêre, a empezar por Le malade imaginaire, escrita cando il sabíase ben real e incurábelmente enfermo. Mais non quero nen vou, líbreme deus, abrir eiquí un heterodoxo e intrusista debate "transversal" encol de Molière nen da comedia nen calquer outra variedade do xénero teatral. Incluída -é dicir, excluída- tamén a política. A máis procaz e única perniciosa, permitídeme aventurar. Non vaia ser que, mesmo involuntariamente, caia eu na trapela inventada no seu dia polos "neo-cons" gringos, e esparexida logo até os confíns do seu imperio, de provocar ou suscitar, a xeito de "operacións de distración" en momentos críticos, debates sobre temas "transversais", a saber, aquiles que fenden a necesaria homoxeneidade ideolóxica da opinión cívica de esquerdas. Temas abondo diversos na sua índole, dende a homosexualidade ao status cívico-político dos negros nordeamericáns ou dos "chicanos", dende as cuestións nacionais abafadas en estados represores coma o español deica o uso do veo por raparigas musulmás inmigradas -o "veo mediático", en certeira ironía metafórica de Pierre Tévanian alusiva ao "falso debate" francés de hai un lustro. Unha táctica -non por archicoñecida menos eficaz, infortunadamente- adroleiramente reactivada nos últimos meses a respeito dos procesos de rebelión cívica desencadeados no mundo árabe. E velaí ven a primeira confidencia.
Levo máis de cinco anos a escribir semanalmente a miña "prédica dominical" -como a chamo eu por aquilo de rir de min mesmo- nesta terceira páxina do GH, mercede á benevolente liberalidade dos responsábeis do xornal. Nunca tal pensara -ser quen de manter durante tanto tempo a miña asiduidade, quero dicir. Exerzo semanalmente eiqui a liberdade de expresión e de provocación -no senso máis proprio deste segundo termo. Procuro, iso si, ser veraz e argüir as miñas aseveracións. Disque hai leitores que visitan esta páxina, e que mesmo hainos que aprezan e sintonizan co que escribo. Pasmoso!. Pois ben. Debo confesarvos que, dun tempo pra acó, adoita virme ás mentes a lembranza da idade xa remota na que, polo vran, cando neno, e neno enviso, ensimesmado, nas praias de Coruxo ou de Rodeira, debuxaba cunha pena de gaivota paxaros, bonecos humáns ou barquiños de vela na area húmida endurecida polo sol na baixamar. A dimensión do tempo, na miña vivencia infantil, era a que Pepe Cáccamo xenialmente denominou "calendário perpétuo" no rótulo dun seu poemario. Mais a duración real dos meus debuxos era a do tempo que tardaba en voltar o abalo da maré e apagalos, como dirían alén-Miño: no debalo seguinte, volvía emergullar o leito de area no que eu debuxara, só que liso outravolta coma madeira traballada á garlopa, sen pegada ningunha dos debuxos que asucara eu nela. Adóitase dicir a este respeito aquilo de "é coma escribir na auga". Nunca lle atopei senso ningún: na auga é imposíbel chegar a escribir. Si, en troques, na franxa inter-mareal das nosas praias de fina area branca coma fariña triga. Escritura efémera, claro é, que só dura até o seguinte abalo do mar. E xa non son un neno pra xogar a debuxar palabras na area, nen a miña vivencia do tempo é un calendario perpetuo. Ou se cadra si. Ou condúzome coma se o fose. Se cadra nunca deixei de ser tal -e por iso nen sei mintir nen renuncio a dicir "non". Inanque o abalo das marés de opinión mediáticamente propulsadas apaguen cada doce horas as miñas palabras -e, o que si importa, fagan estragos nas mentes de moitos que teño por copartícipes en idearios e combates emancipadores, onde quer que nacesen e habiten. Os estragos das "operacións de distración" confundidoras e alienadoras armadas pola feroz guerra ideolóxica actual. Confidencia primeira, anunciáravos. Pois hai máis.
Confésovos tamén que me sinto cada día máis "becho raro", e máis abraiado perante o encerello de posicións incomprensíbelmente -para min- discordantes dentro da esquerda encol de graves problemas actuais que deberan suscitar unha avaliación e resposta homoxéneas e "en bloque" -sen alusións. Encerello que se ensarilla tanto na meada da "vella" esquerda coma da "nova" arredor de custións que deberan estar ben clariñas para as duas -ou cando menos para a "nova", se é que algo adeprendeu da "vella", dos seus acertos e dos seus erros, ou sexa da sua historia, e se é que asumiu e incorporou, sequer fose "a beneficio de inventário", a ricaz herdanza de idearios e combates emancipadores contida nesa história. Lévome perguntado moitas veces, ao longo destes últimos decenios, se así foi ou non, para acabar arestora con máis serias dúbidas a cada pouco de que así fose. E en custións de natureza moi disímil e de ubicacións moi distantes entre si, mais todas elas cun nexo común: o de estaren a abrollar en forma de conflitos que estoupan no marco do actual "caos sistémico" -un caos, porén, no que o ultraliberalismo leva políticamente a batuta, ou millor dito, brande a moca, e a hexemonía en declive está a pegar -militarmente, económicamente, mais ideolóxica e propagandísticamente tamén- os coletazos espasmódicos da sua delongada agunía -terroríficos e brutalmente letais coletazos do mastodóntico brontosaurio que ela é, e que ciscan coma formigas aos grupos humáns en todas direicións.
Por caso, a custión da auga, xa non só como problema actualmente universal, senón na sua concreción problemática na Galiza, tanto no contexto xeo-natural canto no socio-económico e socio-cultural. Perante ese problema, hai determinadas posicións ecoloxistas que padecen un problema de visión que, diría eu, consiste nisto: para comprender a repercusión social de fenómenos que teñen a sua matriz orixinaria na relación humanidade-biosfera, e portanto no eido problemático dos ecosistemas, compre operar con categorías forxadas na análise social -polo pensamento crítico da ilustración revolucionaria, claro é- e non só coas da ecoloxía. Dito doutro xeito: os problemas "ambientais" son, en rigor, "socio-ambientais". Mais certas achegas ecoloxistas descoñecen ou prescinden desas análises, ou simplesmente proxectan, na diagnose da problemática das formacións sociais tocante ao seu artellamento coa biosfera, as "leis da natureza", dito así para entendérmonos -sen teren en conta que a sua incidencia nas comunidades humáns, que son formacións sociais, operan a traveso da estrutura interna delas configurada en clases sociais, movida por conflitos antagónicos, e asi seguido. As comunidades humáns son subconxuntos da biosfera, certamente, mais non son unha simples prolongación da natureza: hai unha discontinuidade no tránsito dun a outro deses espazos -de xeito que os problemas meioambientais, dentro das sociedades, convírtense en problemas sociais.
Pero moito máis grave e desacougante me resulta ser, encomasí, o desnorte ou confusión reinante en segmentos da esquerda real e até ilustrada verbo de algúns dos procesos en curso nos países árabes -nomeadamente o conflito libio. E vou servos "confidencialmente" moi claro e rotundo. Gadafi é un déspota venal e sen escrúpulos? Vale. Acaso non o son os seus amigos e aduladores de inda onte como os Bush II, Blair, Sarko, Berlusco e demáis, que sabían pefeitamente quen era o persoaxe?. Acaso os Bush-Blair-Netanyahu-Aznar teñen ás suas costas menos mortos e menos crimes ca os Gadafi de turno?. Pois a vítima propiciatoria dos uns e mailos outros son os povos, coma o libio -que é o que a min me importa, mais parece que fica fóra de foco nas controversias. E en todo caso, Gadafi non é o problema. Se o fose, podíano ter resolto hai ben tempo. Gadafi é a coartada -cousa ben distinta, abofé. Relembro agora unha famosa pasaxe de L"espoir, a famosa novela de Malraux sobre a guerra de España, na que il combatera nas brigadas internacionais. Discutían dous combatentes republicáns, e un diles, García, coido recordar, dicíalle ao outro que o problema non era Franco, a quen despectivamente chamaba petit apprenti de dictateur, senón os reximes nazi alemán e fascista italián que respaldaban e armaban aos sublevados. E, alén de que o petit apprenti medrou e adeprendeu abondo, a historia corrobora que o García estaba no certo.
Ao meu ver, os "nazis de arestora" sóno o "fascismo financeiro" globalizado que camiña da man co sionismo mesiánico. E eu son un vello que segue a considerar aos nazis de arestora coma o inimigo principal da humanidade. Combatelos de calquer xeito é pra min a prioridade na loita emancipatoria dos cidadáns e os povos deste planeta en perigo de "solución final". Para iso, a esquerda do centro do sistema, vella ou nova, ten que proceder a duas remudas na sua óptica ideolóxica. A primeira consiste en deixar de concebir á esquerda, ou sexa a si mesma, nos esquemas do sistema -porque, de non facer tal, só contribuirá, dialéticamente, a reproducilo. E a segunda, en deixar de ollar á periferia cos lentes do centro e mesmo, en troques, aprender a dexergar o sistema dende a perifeira, a examinalo cos lentes do sul -a exploralo guiada pola "epistemoloxía do sul". Mais poucos o intentan. Menos aínda o fan. Por iso eu son, ou síntome, como un "becho raro". Un vello lagarto arnal verdeprata -dos que xa en Galiza estamos tamén en extinción.

Nenhum comentário: