07/03/2011

O poder e a fatalidade

Xavier Vence en Xornal 7/3/2011



Contrariamente ao que acontecía nas traxedias gregas, nin os deuses nin o destino teñen boa prensa para xustificar as desgrazas nin as decisións dos poderosos. Porén, os cidadáns seguimos sentindo as decisións importantes dos nosos gobernantes como un lonxano reflexo das razóns argüidas. É tal a distancia entre os argumentarios infantiloides ou infantilizantes dos gobernantes e as causas reais das súas decisións que non queda máis remedio que pensar que hai forzas oscuras ou inconfesabeis.

A fatalidade agora chámase “os mercados”. Os mercados incorpóreos acaban tendo o poder absoluto para impoñer as leis de ferro que dobregan as vontades dos gobernantes das grandes potencias do mundo. Algo falla nesa impostura e finalmente terá que ser o coro –o pobo– o que acabe rompendo a cadea da fatalidade.
Levamos tres longos anos de crise e un longo rosario de medidas que lonxe de crear as condicións para a súa superación están a consolidar un franco deterioro das condicións laborais e de vida da inmensa maioría da poboación actual e, sobre todo, da xeración que hoxe está incorporándose á vida activa. Disque hai que sacrificar os salarios, as pensións, os servizos públicos, as caixas de aforros, etc. O peor é que iso non serve para sentar as bases dunha economía máis sólida senón moito máis fráxil e insegura que a actual.
As contra-reformas adoptadas non van atallar os problemas de fondo pola simple razón que non atacan as causas da crise senón que buscan prolongar o modelo fallido, buscándolle novas fontes de negocio e de rendas que lle permitan seguir bombeando beneficios para as altas finanzas, as mesmas que pilotaron as sucesivas burbullas e que mesmo seguen bombeando taxas de beneficios de dous díxitos en plena crise.
O grande problema non está en que os salarios no noso país –dos máis baixos de Europa– foran excesivos ou que aumentaran de máis ao estar vencellados ao IPC, como agora nos descobren os 100 ou os 300 “expertos”, que sempre están do lado que máis quenta. Pola contra, ben sabemos que o crecemento real dos salarios foi modesto, que perderon dez puntos na distribución da renda e que se as familias mantiveron capacidade de consumo –tirando da demanda– non foi grazas ao aumento dos ingresos salariais senón en virtude dun explosivo endebedamento, favorecido pola lóxica do negocio financeiro soportado sobre unha insostible política de creación de diñeiro ficticio do sistema financeiro, coa colaboración e complicidade dos bancos centrais.
Nese turbillón entraron os bancos europeos, os españois e as nosas caixas. Algúns dirán –con razón– que nese contexto as caixas tomaron moitas decisións irresponsábeis. Pero tomáronas máis graves e máis gordas os grandes bancos, os bancos de investimento, os hedge funds, etcétera, e ningún goberno se atreveu aínda a desmantelalos. Pola contra, os rescates billonarios dese sistema irracional estanos pagando non só os cidadáns americanos, británicos, irlandeses, etcétera, senón que o estamos pagando todos, en todo o mundo.
A raíz do problema non está nas caixas –nin nas pensións, nin nos salarios– e, polo tanto, tampouco está aí a solución. De feito, con recesión e todos os ingresos á baixa, resulta que a inflación se dispara.
O problema está na gran burbulla de débeda, dólares e diñeiro ficticio na que o sistema financeiro americano e global cabalgou nas tres últimas décadas e que hoxe segue a rebordar o mundo. O dramático é que asistimos coma años no altar dos sacrificios a dúas vagas inmensas de creación de dólares: 1,5 billóns en 2008 (QE1) e outro billón en 2011 (QE2). O conxunto das dúas cifras ven significar que a cantidade de dólares nos balances da FED en 2011 será catro veces superior á que había en 2008.
Con eses dólares non só rescatan as finanzas americanas senón que lle dan fol para que os grandes fondos sigan comprando activos polo mundo adiante, que lle han permitir á economía americana seguir vivindo das rendas xeradas en todo o mundo: débeda pública, grandes empresas de infraestruturas, telecomunicacións, enerxía, entidades financeiras, etcétera.
Non deixa de ser un botón de mostra –anecdótico para o mundo, pero vital para nós– que Novacaixagalicia estea a negociar unha eventual entrada no capital dos hedge funds de Soros ou de John Paulson. Ou calquera outro, británico ou catarí, que para o caso é o mesmo.
Cómpre dicilo alto e claro. Guíannos irresponsablemente cara ao colapso fatal e empezan a resultar grotescos todos eses que tratan de xustificar as decisións do poder, na crenza de que, como dicía Erasmo, á xente gústanlle máis as cousas canto máis estrambóticas son. Pero, tarde ou cedo, o coro reclamará o seu e, desde logo, os galegos estamos chamados a non agardar por ninguén.

Nenhum comentário: