06/03/2011

O roubo da auga (I)

Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe (6-II-2011)

I. DE BEN LIBRE A MERCADORÍA COBIZADA



Os manuais académicos de Economía Política ao uso cando eu era estudante universitario primeirizo -poisque estudante seguino a ser logo como docente e inda o sigo a ser de vello agora- adoitaban definir os bens económicos polo principio da escaseza. Para seren bens "económicos", dicíasenos, era condición primeira e necesária que fosen aptos para satisfaceren necesidades humás. Mais non abondaba con iso: era ésa unha condición necesária, mais non suficiente. Compría asemade unha segunda condición: que fosen escasos. A escaseza era o atributo que marcaba a diferencia específica definitoria dos bens económicos dentro do conxunto dos bens aptos de seu para satisfaceren necesidades humás. Os bens non escasos, mesmo que fosen úteis para o ser humán, denominábanse bens "libres". E o exemplo de ben "libre" máis recurrentemente mentado naqueles manuais eravolo... a auga. Mesmamente. Tamén o aire, abofé. Xa vedes que moito choveu dende aquela, e adoito en forma de choiva aceda, para chegarmos á situación actual do planeta e do sistema-mundo, que desminte e invalida, coa contundencia dos "feitos pertinaces", os exemplos dados nos manuais académicos para ilustrar a sua axiomática "declaración universal" do que é "económico" e o que non: sic transit gloria mundi -que diría a curia romana no enterro de tan sabido dogma... académico.
Porque, unha de duas: ou a tal definición non é valedeira, ou é que a auga e o ár deixaron de ser bens "libres". Ora, se nen sequer o ár e a auga son bens "libres" xa, qué caste de bens cabe imaxinar que sexan aínda "libres", qué caste de bens úteis existentes na "natureza" -na biosfera- cabe cualificar de "libres", é dicir, non "económicos"?. E se todo na biosfera son bens económicos, de qué raio val logo a "diferencia específica" entre bens "económicos" e "libres" que dota de sentido á susodita definición?. Ou sexa: de qué val unha definición que xa non define o que pretende definir?. Non, non é unha brincadeira miña. Non estou a xogar aos trabalíngoas, nen a imitar ao inimitábel Groucho Marx -malia que algo de parodia hai neste meu palique. Estou a pórvos -paródicamente- en evidéncia o fraude conceitual que, dende as mesmísimas nocións basilares, permite convirtir a ciencia económica en ideoloxía ao servizo da mercantilización do universo todo, da conversión en mercadorías de absolutamente todos e calisquer elementos da natureza, da insaciábel depredación mercantil da biosfera enteira. Até das fontes da vida no planeta: a auga e a atmosfera.
Porque a escaseza non é un atributo dos obxetos naturais, senón un resultado da acción humana sobre a natureza: un fenómeno social, e non natural, que difire segundo sexan os modelos de civilización e de modo de produción e distribución dos produtos desa acción humana -e xa que logo, das relacións dos colectivos humáns cos ecosistemas da biosfera. E é a combinación da lóxica do modo de produción capitalista -o lucro e a acumulación- coa da civilización industrial -a cousificación utilitarista do medio natural- o que reduce tódolos bens úteis a mercadorías -ou sexa, tódolos bens económicos a unha soa das suas formas posíbeis- e tódolos elementos da natureza a recursos produtivos -ou sexa, a unha soa das suas posíbeis funcións, aquela que mesmamente os des-naturaliza: a de forzas produtivas para a transformación industrial. O resultado do primeiro é o desprazamento do valor de uso dos bens económicos polo seu valor de cambio: a mercantilización a prol do lucro privado. O do segundo éo a conversión da natureza nun obxeto inerte de apropriación sen reposición: a depredación levada ao paroxismo. Mercantilización e depredación: duas metáforas do roubo.
Emporiso, a segunda vaga histórica da razón ilustrada, a do pensamento revolucionario do s.XIX en diante, procedeu á crítica das nocións elaboradas pola economía política do liberalismo burgués, a desvelar a sua función ideolóxica de apoloxética do capitalismo e a contrapórlle outra perspectiva. Nela, os bens aptos para satisfaceren necesidades humás son obxetos úteis, a sua idoneidade radica no seu valor de uso. Uns téñena no seu estado natural, e abonda usalos ou consumilos. A outros, os máis, compre dárllela meiante procesos produtivos, compre producilos: como resultado, son produtos. Mais non por iso son necesariamente mercadorías. Convírtense en mercadorías cando se producen, non para utilizar o seu valor de uso, como por caso nas culturas campesiñas tradicionais, senón por mor do seu valor de cambio: para a venda -para o mercado. O paso seguinte é: para obter lucro. Cada paso na conversión do produto en mercadoría distánciao máis do seu valor de uso, é dicir, da sua función primixenia: cubrir as necesidades materiais da existencia humá. Ao mercado só ten acceso quen dispón de cartos pra poder comprar -non quen ten necesidades que satisfacer. Por iso, nun sistema que tente realizar o benestar social, os bens que satisfan necesidades básicas non poden convirtirse en mercadorías -non poden mercantilizarse. Saúde, educación, cultura son bens sociais non mercantilizábeis: o acceso a iles forma parte dos dereitos humanos fundamentais. Tamén os alimentos. E tamén, sobranceiramente -madia leva- os elementos todos do patrimonio natural, a empezar polos máis vitais para a biosfera. A auga, pois, tamén.
A "razón perguiceira" -obrigado, Boaventura- do liberalismo burgués negouse decote, teimudamente, a aceitar a existencia, e comprender a índole, tanto dos bens sociais coma dos patrimonios naturais. Non lle conviña: para ela business is business -e con iles non podía especular. E a "razón ilustrada" do pensamento revolucionário -anti-sistémico, pois- tardou de máis en dexergar e entender os colectivos humáns, as formacións sociais, como parte integrante da biosfera e dependente dos seus ecosistemas -de xeito que o socialismo ensaiado na prática tampouco chegou a ser un "eco-socialismo". Só a irrupción do ecoloxismo na escea das propostas e movementos alternativos mudou a cosmovisión da interacción home-natureza e o valor dos ecosistemas -redimensionada á sua vez, inda máis tarde, pola emerxencia das culturas dos povos orixinarios e os movementos indixenistas. Mais, entramentras, a contra-revolución desencadeada polo ultraliberalismo exacerbaría, até levalos ao paroxismo, os procesos de mercantilización e depredación dos bens naturais, consustancias coa aberrante lóxica do capitalismo: un capitalismo non depredador é tan inimaxinábel coma un tigre vexetariano -na sarcástica imaxe do Sousa Santos. E nésas estamos. A "lóxica" voracidade do capital convirtiu en mercadoría cobizada a auga, os sistemas hídricos todos do planeta, á par que esparexía a sua contaminación -e pola mesma convirtía as augas limpas nun ben cada vez máis escaso: provocaba a sua escaseza como coartada para facer business con ela. E tamén o vento -co pretexto das enerxías renovábeis, após espoliar as fósiles. E mesmo a atmósfera -ou qué outra cousa é o "mercado do carbono", ese enxendro ecocida.
A mercantilización da auga comezou pola dos servizos de suministro -de auga "potábel"- en expansión correlativa aos procesos malchamados de "urbanización" do habitat humán. Unha mercantilización privatizadora dos servizos públicos ao compás da desmontaxe peza a peza do "welfare- state" no actual período histórico de crise e involución reacionária. Mais o obxetivo fulcral atinxe á auga en si mesma, como xa dixen: á mutación do ben "libre" en "recurso escaso" -e portanto, á sua "lóxica"(?!) conversión en "mercadoría", a sua inexorábel mercantilización privatizadora. En prata: o seu roubo, a sua confiscación polo capital privado. É o pinchacarneiro espoliador que ven de pegar ese tigre non vexetariano tamén onda nós, no colo da consabida brigada política de demolicións: a recente "Lei de Augas... de Galicia". Da Galiza, dixen?. Meigas fóra! -mais o esconxuro fica prá vindeira semán.

Nenhum comentário: