10/04/2012

Onde están agora os defensores da familia?

Juan Torres López. Artigo tirado de aquí e traducido por nós.



Mentres estivo gobernando o PSOE a xerarquía da Igrexa católica organizou actos en defensa da familia aos que se sumaban compracidos os dirixentes do Partido Popular. Uns e outros afirmaban que era necesario porque a secular institución estaba en perigo polos ataques que recibía do goberno socialista.

Tratábase dunha reacción canto menos curiosa porque o certo é que cando gobernan as dereitas que tanto defenden á familia, como sucedeu no franquismo e logo cos gobernos do PP e dalgúns nacionalismos, o que fan non é precisamente mellorar as condicións de vida das familias. Un paradoxo singular.

As accións que leva a cabo o PP cando está na oposición, enchéndose a boca de valores familiares, e cando goberna son boa proba desa contradición. Como tamén o é a actitude dos bispos de dereitas ante a familia cando gobernan uns ou outros.

Na anterior etapa de goberno do PP, liderada por Aznar, os ingresos da inmensa maioría das familias, os de rendas máis reducidas, baixaron; aumentou o seu endebedamento; o prezo da vivenda onde viven disparouse; e mesmo os postos de traballo que consideraban como a mostra do milagre español foron no seu maior parte moi precarios e de baixo salario, o que facía aumentar o stress que sofren os distintos membros das familias traballadoras e especialmente as mulleres. E o gasto social destinado a cubrir as necesidades das familias en educación, saúde, coidados a persoas dependente, pensións, etc. baixou en relación ao PIB até os niveis que había á morte de Franco, o que fixo que a diferenza con Europa aumentase en 8,6 puntos de 1996 a 2004.

A consecuencia diso foi que na etapa de goberno de Aznar aumentou a desigualdade e a pobreza, sobre todo, a das persoas maiores e a infantil.

En definitiva, cando gobernou a dereita falouse moito de familia mais, ao final, os datos mostran que non se dedican moitos recursos, ou todos os necesarios, para axudalas de verdade e mellorar a súa condición e o benestar dos seus compoñentes. As familias que na época de Aznar vivían dos beneficios empresariais si saíron ben paradas posto que estes aumentaron nun 73% nese período, pero as que dependían dos salarios, a inmensa maioría, non tanto, posto que só subiron un 3,7%.

E agora con Mariano Rajoy, despois de tanto discurso e manifestacións a favor das familias españolas, resulta que parece que imos seguir polo mesmo camiño.

Os recortes sociais que se levaron a cabo en só 100 días, os que contemplan os Orzamentos e os que se anuncian xa case sen disimulo para o futuro, poden ser dramáticos para as familias españolas.

O goberno disponse a recortar o dereito universal á saúde, aínda máis do que xa fixeron as dereitas de Cataluña e Valencia, reduciu ou mesmo eliminado recursos destinados a servizos familiares básicos como os de atención á dependencia, eliminou o fomento á emancipación (que á fin e ao cabo é o que permite crear novas familias) mediante as axudas ao aluguer a mozos. Os Orzamentos contemplan recortar a partida destinada á gratuidade ou redución do prezo da matrícula universitaria para familias numerosas de tres fillos e eliminou os programas de escolarización dos nenos e nenas de 0 a 3 anos, mentres contemplan unha redución do 42,6% nos fondos destinados a familia e infancia, do 38,6% nos que atenden a persoas maiores, ou do 21,3% nos destinados a previr a violencia machista.

Non é iso un ataque en toda regra á institución familiar española?

Gostaría de saber onde están agora os bispos e os ferventes defensores da institución familiar que antes saían tan belicosos nas manifestacións. Por que non condenan agora a súa perda de benestar e o sufrimento das que están a padecer os recortes de dereitos?

Se o que quixesen de verdade fose defendela, estarían de novo nas rúas clamando contra estes recortes. Se non o fan, non me queda máis remedio que pensar que todo era un ardide, unha escusa para atacar demagoxicamente a outro goberno que non lles gustaba, que en realidade se trataba dunha farsa simplemente montada para recuperar o poder e os privilexios, que é o único que parece interesarlle.
Postar um comentário