04/03/2011

A economía española bate recordes

Ignacio Escolar. Tirado de aquí e traducido para galego-portugués por nós.



A economía española acaba de bater catro marcas. A primeira, a de parados: a pesar da exitosa reforma laboral, xa son 4,3 millóns, o maior número de desempregados da historia de España.

A segunda marca, o de beneficios das grandes empresas: os 35 xigantes do Ibex gañaron 49.881 millóns de euros, un 24,5% máis que o ano anterior. Os beneficios do terrible 2010 superan así a plusmarca previa á crise: os 49.246 millóns de euros que gañaron as empresas do Ibex 35 en 2007. Durante a crise, os beneficios baixaron, mais nunca deixaron de gañar.

O terceiro, o dos soldos dos altos directivos. En 2010, os salarios dos conselleiros delegados e principais executivos das grandes empresas do Ibex 35 subiron un 20% de media. Algúns argumentarán que isto se explica porque tamén crecen os beneficios. Mágoa que a estatística histórica demostre que non é así. No ano 2009, os beneficios baixaron o 21,5%, mais os soldos destes executivos creceron outro 15%. Cobran de media 3,2 millóns de euros por barba, sen contar plans de pensións e outro tipo de sobresoldos. A cifra é tamén plusmarca histórica.

A cuarta marca báteo Telefónica. A antiga empresa pública gañou un 30,8% máis: 10.167 millóns. Con eles convértese na compañía española cos maiores beneficios anuais da historia. E é bo que as empresas gañen diñeiro; a alternativa é peor. Pero se alguén cre que este aumento nos beneficios serve para xerar emprego, equivócase: non sempre é así. Telefónica, por exemplo, reservou para 2011 un orzamento de 658 millóns de euros para reducir o seu persoal. Desa partida, 202 millóns gastaranse en despedimentos e prexubilacións en España.

Nenhum comentário: