20/05/2013

Cando as redes sociais xeran desigualdade

Pascual Serrano. Artigo tirado de Público (aquí) e traducido por À revolta entre a mocidade. Pascual Serrano é xornalista e autor do libro La comunicación jibarizada. Cómo la tecnología ha cambiado nuestras mentes.




Se a chegada de Internet supuxo a eliminación de todas as barreiras para publicar, a irrupción das redes sociais supuxo o fin do oligopolio dos medios. Incluso o concepto de medio de comunicación desapareceu, as informacións xa non forman parte dun bloque ofrecido por un medio, senón que se accede a elas dun modo individualizado sen pasar por portada algunha. Xa moitos directivos de medios recoñecen que a súa páxina de inicio no navegador non é a portada de ningún medio senón Twitter. Estas dúas cuestións, acceso libre á publicación e difusión viral dos contidos a través das redes en lugar de mediante a portada do medio leváronnos a pensar que a comunicación é máis democrática e máis igualitaria. Con todo, este novo panorama contén trampas que volven, unha vez máis, de dividir á cidadanía entre informados e desinformados.

O primeiro problema que atopamos é que a falta de rigor terminou tomando a rede e, en especial, as redes sociais. Iso non resulta maior problema para o cidadán formado, que sabe elixir as fontes e contrastar as informacións, mais si está a xerar grandes masas de poboación que, como sinalou Manuel Castells, está a vivir nun bulebule informativo que primeiro foi de excesiva información e agora xa está dominado polo rumor distorsionado ou directamente falso. De modo que, paradoxalmente, a suposta igualdade que aparentemente nos proporcionaba esta nova situación está a xerar maiores desigualdades, segundo mostra un grupo de investigadores da Universidade de Londres alerta sobre o aumento da desigualdade[1]. En opinión do especialista en comunicación coas novas tecnoloxías Juan Varela, "contrariamente á imaxe de Internet como forza democratizadora e igualitaria, só os máis educados empregan a súa actitude crítica e o hábito de contrastar información"[2]. Os investigadores londinienses chegan á conclusión de que "a desigualdade non é diminuída, senón intensificada nas redes sociais modernas. A nosa investigación suxire que as redes sociais de medios  efectivamente magnificaron a disparidade entre a calidade da información á cal diferentes grupos sociais poden ter acceso".

As redes sociais encumbraron o ruxe-ruxe á categoría de noticia, mesmo até contaminar aos grandes medios, que nunca se caracterizaron polo rigor, e menos agora ante esa suxestiva fonte informativa totalmente gratuíta que son as redes. O editor do medio dixital Counterpunch, Patrick Cockburn, sinalaba os casos nos que algunhas televisións de prestixio ilustraron as súas noticias con imaxes tomadas de Youtube ou de Internet e que resultou que non se axustaban nin ao lugar nin ao acontecemento do que informaban son frecuentes desde hai anos[3]. A responsabilidade dos medios é absoluta porque, en moitas ocasións, son eles mesmos os que piden ás súas audiencias que lles envíen imaxes ou testemuños, sen que nas redaccións contrasten ningunha desas informacións e terminan relatando fosas comúns de persoas que resultaron ser de animais ou masacres con versións totalmente opostas sobre as autorías. Ante as dificultades para os xornalistas que supoñen algúns conflitos bélicos ou determinados réximes opresores, a posibilidade de resolver os informativos con testemuños de Twitter ou imaxes de Facebook ou Youtube, por pouco contrastadas que estean, é unha tentación en que caen até os máis grandes. Limítanse a precisar que, ese vídeo ou ese testemuño procede de determinada rede social para así eximirse de responsabilidade sobre a súa orixe, a pesar de que, na maioría das ocasións, non se ten constancia nin se comprobou quen está detrás desa rede nin en que lugar se atópa:


Los pocos testimonios de la revuelta en las calles de la capital vinieron de la red social Twitter. Muchos teléfonos no funcionaban y solo los mensajes desde algunas cuentas de la red social, como la de Movimiento Juvenil Libio, servían para hacerse una idea de lo que estaba pasando. 'Los médicos que tratan de ayudar a los heridos son golpeados por las fuerzas de Gadafi', señalaba uno de esos mensajes[4]

Lembremos o caso do blogue dunha lesbiana siria (A gay girl in Damascus) que respondía o nome de Amina Araf, e que estivo a funcionar con grande éxito de audiencia durante catro meses de 2011 denunciando o réxime de represión de Bachar el Asad contra a homosexualidade. En xuño dese ano, un post escrito supostamente por unha curmá da blogueira informaba de que esta fora arrestada por tres homes duns 20 anos. Finalmente sóubose que nin a blogueira nin a curmá existían, todo o escribía desde o seu país un home estadounidense casado que non tiña ningunha relación con Siria.[5] En xuño de 2012, tras o fin da Eurocopa de Fútbol un tipo puxo no seu blogue que a estrela da selección de Portugal e do Real Madrid, Cristiano Ronaldo, perdeu o avión no que voou o seu equipo desde a cidade ucraína de Donetsk a Lisbora por ir comprar un bolo na terminal internacional do recinto. A noticia foi reproducida sen maiores contrastes nin confirmacións polas redes sociais, despois por axénciaa Efe e finalmente pola maioría dos medios. Se se molestaran en investigalo descubrirían que o avión non partiu de Donetsk, senón de Poznan, e que Cristiano Ronaldo ía nese voo como todos os seus compañeiros. Como afirmou El Roto nunha das súas magníficas viñetas, "o malo desta idade de ouro da comunicación e a información é que non hai maneira de saber o que pasa"[6].

Os grupos sociais que estean habituados a contrastar ou buscar as fontes orixinais atoparán todo tipo de falsidades, incluídas a suplantación de personaxes con prestixio. Pola rede circulan regularmente escritos supostamente asinados por autores recoñecidos que son falsos, como a carta do escritor José Luís Sampedro a Mariano Rajoy chamándolle fillo de puta que se difundiu en maio de 2012[7]. O escritor tivo que publicar un desmentido na súa páxina persoal, a primeira web que difundiu a falsa carta retirouna e pediu perdón, mais o escrito xa estaba a circular por moitos portais e redes sociais e así continúa.

Recorrer á fonte dunha rede social para informarnos é coma se fai dez anos un xornalista escribise "ouvín nun bar", coa diferenza de que neste segundo caso aínda que a fonte non está identificada si o está a súa orixe xeográfica. O comentario de Twitter é aínda máis impreciso porque non se sabe quen o di nin onde está o seu autor. A verdade é que a inseguridade informativa multiplícase coa chegada de Internet. Comunicados de organizacións políticas cuxa autoría non está confirmada, blogues de individuos que se supón que están nun lugar mais dos que non hai ningunha referencia, textos apócrifos de grandes escritores circulando e chegando á nosa caixa de correos de correo. No estudo da Universidade de Londres, os investigadores descubriron que preto dun 70% dos detalles da información orixinal perdeuse tras o primeiras seis transmisións.

As difusións virais tamén inclúen campañas de envíos masivos de correos e a súa distribución a través das redes que nalgunhas ocasións son reflexións, reivindicacións ou denuncias de mobilizacións de anos atrás. Aínda en 2012 segue circulando unha campaña en que se pide aos internautas que subscriban un manifesto ("Non ao préstamo de pago nas bibliotecas!") pedindo aos deputados que voten en contra da implantación dun canon, destinado a autores e editores, por cada préstamo de libro nas bibliotecas públicas. Esa lexislación "incluíndo o canon" aprobouse en 2007, non pagamos porque o custo asumírono as administracións en lugar de cobralo ao lector, mais está totalmente en vigor, non hai que pedir a ningún deputado que vote en contra porque xa se votou.

En 2012 seguen enviándose correos dunha campaña sobre a "Lei de Reforma do Congreso de 2011 (emenda da Constitución de España)" (sic). O documento presenta sete puntos referentes ás condicións laborais dos deputados e esixe que se limiten as súas retribucións ao tempo en que ostentan o cargo, que o seu sistema de xubilación sexa o réxime vixente da Seguridade Social sen ningún privilexio, que "deixen de votar o seu propio aumento de salario", que teñan o mesmo sistema de saúde que o resto de españois e que non poidan exercer o seu cargo durante máis de dous mandatos. Ao final dicíase: "Se cada persoa pasa esta mensaxe a un mínimo de vinte veces, en tres días a maioría dos españois recibirao. A hora para esta emenda á Constitución é AGORA. É ASÍ COMO PODES CONTRIBUÍR A ARRANXAR O CONGRESO DOS DEPUTADOS. Se estás de acordo co exposto, reenvíalo. Pola contra, bórrao".

A campaña era absurda porque non existía nin estaba en trámite ningunha Lei de Reforma do Congreso  nin reforma constitucional, e menos en 2012 se a chamaba Lei de Reforma do Congreso 2011. O que expuñan eran asuntos que correspondían a diferentes ámbitos lexislativos, desde o regulamento do Congreso á Constitución, mais que non formaban parte de ningunha axenda de reformas proposta por ningunha institución, partido ou grupo parlamentario. E, sobre todo, cal é o obxectivo de envialo a vinte veces se non se define que lexislación se quere reformar nin a que autoridade se propon que tome a iniciativa nin se lle fai chegar? Unha vez máis estabamos ante un fenómeno de difusión viral estéril que fai crer a quen colaboran nel que están a coñecer a situación política do seu país e sendo cidadáns activos e comprometidos, mais só son usuarios informáticos rebotando correos electrónicos absurdos e promovendo que o sigan facendo moitos máis.

A eliminación de todo tipo de barreiras para publicar en Internet comezou interpretándose como unha benzón, mais, cada vez máis, debémonos perguntar se non está a ser o contrario: regalar a rede con todas as súas posibilidades á desinformación, a suplantación, o ruído e a palla informativa, a murmuración... "Internet é unha esterqueira chea de xoias", dixo o que fora presidente de axénciaa Efe, Álex Grijelmo[8]. E engadía: "Para navegar polo seu ciberespazo non necesitaremos tanto a habilidade do manexo informático como a habilidade do discernimento". Na medida en que existe un sector social máis vulnerábel a tragarse o "lixo" e outro, máis formado e adestrado na procura de información fiábel, que sabe filtrar o valioso do falso e banal, o mito da igualdade en Internet derrúbase.

Os ritmos das redes sociais e a recentemente nada potestade de converternos a todos en difusores de contidos propios ou alleos desembocou nunha pulsión por expandir información que nos chega a ocupar máis tempo que en atender nós mesmos esta mesma información. Cantas persoas se dedícan a retuitear, reenviar correos ou a "curtir" informacións que non leron nin van ler mais a simpatía polo autor ou a súa aprobación do titular bastáronlle para reenviar ou votar? Eu mesmo comprobei, despois de enviar un tuit suxerindo a ligazón desde o que se podía ver en directo, a través de streaming, o desenvolvemento dunha manifestación de parados en Madrid, que seguía retuiteándose horas despois de que a manifestación rematara e, por tanto, non había nada que ver na ligazón. Calquera pode facer a proba de enviar un tuit cunha ligazón errónea e observar que, a pesar diso, non falta quen o retuiteé. Ao final colaboramos en crear un universo onde todos dedicámonos a propor lecturas que ninguén le. "Estamos a experimentar o oposto á traxectoria que seguimos a principios da civilización: estamos a evolucionar de ser cultivadores de coñecemento persoal a cazadores recolectores nun bosque de datos electrónicos"[9].

O fenómeno que se chamou "difusión viral", a través de redes sociais ou envíos masivos de correos electrónicos, termina provocando alteracións na relevancia das informacións. Un exemplo curioso é que nalgunhas ocasións esas campañas de difusión lograron que en xornais diarios como El País salte como noticia máis lida algunha de fai seis anos que xa non tiña ningunha actualidade. Sucedeu o 30 de novembro de 2011 e mantívose como máis lida durante tres días unha noticia de 2005:  "El PP lleva un experto al Senado que afirma que ser gay es una enfermedad", unha información que xa non tiña valor despois de tanto tempo. Xa sucedera algo similar con outros textos de máis dun ano de antigüidade. O ocorrido é que seis anos despois, sen pararse a pensar que a noticia era antiga e xa non tiña ningún interese, miles de internautas empezaron a recomendala ou retuitearla, e iso fixo que se colocase entre as noticias máis vistas do día en elpais.com. Segundo a información que facilitou a defensora do lector de El País[10], as redes sociais achegaron o 65% do tráfico e o restante 35% procedeu da propia web do diario a partir da aparición da noticia no recadro de "o máis visto". Deste xeito, unha noticia que no seu momento tivo 2.552 visitas, varios anos despois,  nunha segunda e fulgurante vida, chegou a ter 312.000 visitas e 124.000 recomendacións en Facebook. O que se supuña que era participación cidadá converteuse sinxelamente nun elemento de desinformación que se limitou a desempoar unha noticia vella dun grande medio que non era descoñecida nin procedía dunha fonte alternativa.

A conclusión é evidente. As redes sociais poden ser de grande valor para difundir e acceder á información sen depender do oligopolio dos grandes medios de comunicación. É unha oportunidade para a participación e a mobilización cidadá. Porén requiren dunha educación e unha formación previa, dunha capacitación que só a colaboración física nos movementos sociais e uns coñecementos da realidade poden garantir que esta oportunidade sexa aproveitábel. Doutro xeito, as redes sociais, como tantos outros recursos, volverán utilizarse e aproveitarse de forma dispar polos grupos sociais. A xente que se desenvolva con fontes e contactos valiosos mellorará o seu nivel de información, mais os que non seleccionen veranse arroxados ao tumulto desinformativo e, curiosamente, un formato con vocación igualitaria terminará provocando máis desigualdade. Como resultado crearanse grandes colectivos desinformados, perdidos no murmurio e o rumor. Perdeuse unha grande oportunidade para mellorar o acceso ao coñecemento e á información.



[1]  Journal paper: Rumor evolution in social networks. University College London, 27-4-2013
[2]   Varela, Juan. Redes poco fiables. 6-5-2013 
[3]Cockburn, Patrick. The Newsfakers. Counterpunch, 16-1-2012
[4]  El País, 26-2-2011
[5]      "Un estadounidense, detrás del bulo de la bloguera siria secuestrada". El País, 13-6-2012

"La bloguera siria era hombre". El País, 16-6-2012


[6]  El País, 25-11-2010
[7]        Efe, 18-5-2012. Véase
[8]      Citado por Arsenio Escolar en "¿Hacia dónde va la prensa?", 10-5-2013
[9]         Carr, Nicholas, Superficiales ¿Qué está haciendo internet con nuestras mentes?, Taurus, Madrid, 2012
Postar um comentário