Vicenç Navarro. Artigo tirado de Público e verquido para a lingua galega desde o orixinal en castelán por A.F.P.
Vicenç Navarro é Catedrático de Políticas Públicas de la Universitat Pompeu Fabra. Ilustración de Patrick Thomas
Warren Buffet é un dos ricos máis superricos dos EUA e do mundo. Caracterízase por ser intelixente, por coñecer moi ben a realidade que o arrodea e por falar moi clariño, a miúdo contra a clase social á que pertence. É, como The Wall Street Journal o define, un "traidor á súa clase". Entre as súas declaracións, a máis citada polos non ricos é aquela en que indicou que, contra de aqueles que acreditan que xa non hai clases sociais nos EUA (e que, por tanto, asumen que o concepto de loita de clases é anticuado e irrelevante), a realidade que el coñece e que si que hai clases sociais e que tamén existe loita entre elas en que a súa clase - os superricos- gaña cada día a custa dos intereses da maioría da poboación, que consegue as súas rendas a partir do traballo en lugar do capital.
Tal señor escrebeu recentemente un artigo en The New York Times intitulado "Stop Coddling the Super-Rich" (Abonda de aloumiñar os superricos, 15-08-2011), en que explicaba os impostos que el paga comparándoos cos que pagan os empregados da súa compañía (el é un inversor financeiro). Sinala que pagou este ano en impostos 6.938.744 dólares, o cal, sinala, é unha cifra máis que respectábel. Porén tal cantidade é menos do 17% dos seus ingresos anuais, unha porcentaxe moito menor que a dos seus empregados, cuxa porcentaxe varía desde o 33% ao 41%, cun promedio (dos empregados do seu gabinete) dun 36%. Considera, con razón, que iso non é xusto. E subliña que os superricos non están contribuíndo para o sacrificio xeral que o Goberno federal dos EUA está pedindo de todos os cidadáns para saír da crise. A ningún dos superricos se lhe pediu até hai coma quen di dous días que fixera ningún sacrificio, e iso a pesar de que - tal e como sinala Buffet- a crise foilles moi ben aos superricos.
E como é que pode ser que paguen moito menos en impostos que a clase traballadora e que as clases medias? Buffet dio claramente. A maioría da súa renda deriva dos beneficios que consegue das súas inversións (a maioría inversións financeiras). É dicir, é diñeiro do que iñantes se chamaba o capital financeiro. Subliña Buffet que os impostos sobre as rendas do capital (como o Imposto de Sociedades) gravan moito menos que as rendas do traballo, o cal parécelle unha profunda inxustiza. Segundo el, todas as rendas, tanto as derivadas do capital como as derivadas do traballo, denerían gravarse igualmente, sen privilexios (como acontece agora) para as rendas do capital, que se gravan moito menos. Na verdade, non só gravan menos, senón que até foron decendendo máis e máis, baixo o argumento de que disminuir tales impostos ao capital facilita a creación de postos de traballo. A sabiduría convencional no coñecemento económico - que, polo xeral, está sesgado a favor das rendas do capital- promove políticas que favorecen estas últimas a custa das rendas do traballo, argüíndo que é mester inventivalas para conseguir máis inversión e máis emprego. Porén, como Buffet indica no seu artigo no The New York Times, os ingresos derivados do capital creceron astronomicamente para os superricos, ao tempo que os impostos sobre tales rendas foron disminuíndo e, no entanto, a creación de postos de traballo nos EUA foi inferior que iñantes (de 1950 a 1980) cando as rendas do capital se gravaban moito máis que agora.
En rigor, as políticas fiscais que definen quen paga impostos e en que cantidade non veñen definidas por factoes económicos, mais por factores políticos, o cal quere dicir polo poder e influencia que distintos colectivos de persoas teñen nas nosas sociedades sobre as institucions políticas (e mediáticas). E destes colectivos, os ricos e os superricos (o que adoitaba chamarse a clase capitalista ou burguesa, termos hoxe abandonados por consideralos anticuados) son os máis influíntes. O feito de que non se fale de clases sociais e loita de clases no Estado español débese precisamente ao seu enorme poder sobre as institucións políticas e mediáticas. Como consecuencia, a versión convencional da estrutura social dos nosos países afirma que as clases sociais basicamente desapareceron, xa que a maioría da cidadanía pertence á clase media, aceptando que porriba están os ricos -a clase alta- e por baixo os pobres -a clase baixa. Polo demais, falar de clase capitalista ou burguesía, pequena burguesía, clase media e clase traballadora (a maioría da poboación) considérase anticuado. As ciencias sociais, non obstante, son ciencias. E a clase social é unha categoría científica. E na ciencia non debe confundirse antigo con anticuado. A lei da gravidade é moi antiga, mais non é anticuada. Se o dubida, peque un chimpo dun cuarto andar e verao. E isto é o que está acontecendo a grande parte das esquerdas gobernantes. Están chimpando do cuarto andar e están caendo en redondo.
O famoso dito do presidente Zapatero de que "baixar impostos é de esquerdas", continúa unhas políticas iniciadas no Reino de España polo Partido Popular, favorecendo enormemente a clase capitalista (é dicir, aquel colectivo que deriva as súas rendas do captial), que como ben di Buffet, existe. E os dados da Axencia Tributaria española así o documentan. En canto que os ingresos ao Estado derivados da gravación das rendas do traballo aumentaron desde 2006 (pasando de representar 430.428 millóns de euros en 2006 a 494.431 millóns de euros en 2010), as derivadas do capital descenderon considerabelmente, pasando de 75.027 millóns euros a 53.455 millóns de euros, e iso en grande parte, como consecuencia das baixadas de impostos, sobre todo ás rendas superiores e do Imposto de Sociedades. U-la versión española de Buffet?
Nenhum comentário:
Postar um comentário