20/05/2013

Confesións dun marxista errático

Yanis Varoufakis. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por À revolta entre a mocidade. Yanis Varoufakis é un recoñecido economista greco-australiano de reputación científica internacional. É profesor de política económica na Universidade de Atenas e conselleiro do programa económico do partido grego da esquerda, Syriza. Actualmente ensina nos EUA, na Universidade de Texas. O seu último libro, El Minotauro Global, para moitos críticos a mellor explicación teórico-económica da evolución do capitalismo nas últimas 6 décadas, está a piques de ser publicado en castelán pola editorial española Capitán Swing, a partir da 2ª edición inglesa revisada. Unha extensa e profunda reseña do Minotauro, en SinPermiso Nº 11, Verán-Outono 2012. Traducción para www.sinpermiso.info: Casiopea Altisench



Intervención de Yanis Varoufakis no 6ª Festival Subversivo, Kino Europa, Zagreb, o 14 de maio pasado.

Cando fixen a miña tese doutoral, conscientemente elixín concentrarme nun método, conforme ao cal non só andaba Marx de xeito sinxelo errado, senón que era irrelevante. Cando conseguín o meu primeiro posto como lector en teoría económica en Gran Bretaña, o contrato implícito entre a miña universidade e eu era que o tipo de teoría económica que ensinaría aos nosos estudantes estaría tan afastado do marxismo como fose humanamente posíbel. Cando me trasladei a Australia en 1988, e sen eu sabelo, fun recrutado polo sector dereitista do Departamento de Teoría Económica da Universidade de Sidney, a fin de fecharlle o paso a outro candidato, cuxo director de tese tiña (fundadísima!) fama de ser un perigoso marxista. Logo trasladeime a Grecia, onde, da forma máis insensata, cheguei a ser, máis ou menos oficialmente, asesor de George Papandreu, o home cuxo goberno sería o intermediario na transición cara ao inferno uns anos despois. Cando dimitín dese cargo en 2006, consciente do desastre que se aveciñaba, pasei a ensinar na Universidade de Atenas, e a ensinar -admítoo- asuntos tan vulgarmente burgueses como Teoría dos Xogos e Microeconomía a un grande número de estudantes gregos de primeiro ciclo, quen (a diferenza dos nosos bravos e excelentemente informados estudantes de posgrao) ficaban conmovedoramente cegos ante a catástrofe que se lles viña encima. Antes, en 2002, Joseph Halevi e eu trataramos de facer soar unha alarma, mais non conseguimos resonancia. Aínda cando en 2006 fixen o que na miña man estaba para alertar á sociedade grega -e a calquera que quixese escoitar- do desastre en cernes, seguín formando parte vergoñentamente da "sociedade respectábel" en Europa, e non me botei á rúa nin unha soa vez. Cando estalou a Crise Global en 2008, que non tardou abaterse sobre a Eurozona, empecei a escribir artigos e a irromper mais ou menos atrabiliariamente nos medios, tanto do sistema como alternativos, para promover un programa de actuación fundamentalmente burgués para salvar ao capitalismo de si mesmo!  Cando, no persoal, os procesos en curso resultaron realmente duros en Grecia, migrei aos EUA, contratado pola Universidade de Texas. A día de hoxe, sigo afanado en convencer aos poderes realmente existentes para que fagan seu, e do modo máis urxente, un audaz paquete de recomendacións tendentes a previr que unha crise inexorábel tombe ao capitalismo. En suma, pois: nin unha soa das miñas publicacións académicas pode entenderse como explicitamente marxista, e as miñas enerxías orientáronse a previr o colapso do capitalismo. Con todo e con iso, emporiso, desde os meus tempos de estudante en Grande Bretaña até hoxe mesmo, a única forma  en que puiden facerme intelixíbel o mundo en que vivimos é a través dos  "ollos" metodolóxicos de Karl Marx. Este "feito" basta en por si para facer de min un teórico marxista. Sinto, ademais, o marxismo na soá cada vez que me libro a unha aventura intelectual: desde discutir a Primavera Árabe, até debater as subtilezas da arte coa artista que é a miña esposa. Polo demais, un futuro democrático, libertario e socialista é o único futuro polo que estaría disposto a loitar. Son, pois, un marxista farto singular; a cousa non ofrece dúbida. Aínda así, un marxista.


Postar um comentário