26/03/2012

De verdade toleu a dereita?

Rick Perlstein. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por nós. Rick Perlstein é autor de Before the Storm: Barry Goldwater and the Unmaking of the American Consensus  [Antes da tormenta: Barry Goldwater e a destrución do consenso norteamericano] e Nixonland: The Rise of a President and the Fracturing of America. [Terra de Nixon: o ascenso dun presidente e a fractura de Norteamérica] Escribe unha columna semanal para RollingStone.com.



Parece de súpeto que o conservadurismo volveuse máis delirante que nunca.

O público dos debates republicanos vitorea as execucións e apupa a un soldado en servizo activo por ser gai. Os políticos xuran lealdade a Rush Limbaugh, un lunático tragapílulas [influente presentador radiofónico ultra adito aos calmantes] que ofrecía recentemente un trato ás "feminazis": "Se imos pagar os seus anticonceptivos, queremos que subades os vídeos á rede para que podemos velos todos". Miles de "Oath Keepers" ["Fieis ao Xuramento "]  (Policía e Militares Contra a Nova Orde Mundial)  se xuramentan para desobedecer as ordes ilegais que con seguridade se impartirán unha vez institua Barack Obama a lei marcial. Un candidato presidencial republicano de importancia fala de servidume por contrato... e outro propón converter aos escolares en porteiros. Só un 12% dos republicanos de Mississippi cre que Obama sexa cristián. Os republicanos de Arizona impulsan unha lei que permite aos patróns despedir ás súas empregadas por recorrer ao control de natalidade.

E así suma e segue, meténdose en calquera estrambótico delirio político que apareza nas ondas hoxe mesmo.

Pero, dan máis medo hoxe os dereitistas que no pasado? Desde logo parecen máis estraños e feroces. Argüiría, con todo, que levan así de tolos moito tempo. No últimos sesenta anos, máis ou menos, vexo bastante máis continuidades no que cre do  mundo o 20 ou 30% de norteamericanos que se escora á dereita. As tolemias que crían e querían quedaban obscurecidas pola súa falta de poder, pero sempre estaban aí -se sabías onde había que mirar. O que cambiou é que os conservadores chalados constitúen agora a corrente principal republicana, a forza dominante do GOP [Grand Old Party, a súa denominación tradicional].  

Estou nunha posición única para poder xulgalo. Obsesionado polos anos sesenta desde a nenez, desperdiciei os meus anos de adolescencia merodeando por un destartalado almacén de cinco pisos de libros usados que conseguía, até outubro pasado, ir un paso por diante da inspección de edificios de Milwaukee, estado de Wisconsin. Alí conseguía libros dunha década que toleou: textos das Panteras Negras nos que se condenaba a "AmeriKKKa", ou da Nova Esquerda, que proclamaba que "o futuro da nosa loita é o futuro da delincuencia nas rúas", e de dereitistas como o predicador David Noebel, que denunciaba a "subversión comunista da música" mediante a cal a espionaxe rusa aplicaba técnicas pavlovianas para que podrecese a mente da mocidade norteamericana grazas aos seus axentes a soldo: os Beatles. A xente que pensaba como as Panteras Negras e a Nova Esquerda demostrou, por suposto, ser flor dun día. Xente como Noebel, emporiso, probaron que son  unha constante na historia norteamericana. De feito, o mesmo Noebel continúa connosco. Na década de 1970, converteuse en fonte preferida de James Dobson, psicólogo radiofónico da Dereita Cristiá de enorme popularidade aínda e mandamás dos republicanos. Moi recentemente, a reputación de Noebel disparouse grazas ao seu admirador Glenn Beck en Fox News [importante comentarista televisivo desta cadea ultraconservadora], e agora é un dos favoritos do Tea Party

Tras quince anos de estudar profesionalmente a dereita norteamericana  -sobre todo nas súas comunicacións duns con outros, nos seus propios memoranda e medios de comunicación desde a década de 1950, aínda teño eu que atopar  un cambio verdadeiramente novo, unha innovación real no "pensamento" da dereita. Presentadores de radio que  apuntan co dedo a multimillonarios liberais como George Soros, que utilizan as súas inxentes fortunas -adquiridas grazas á empresa privada consagrada pola Constitución- coa intención de "socializar" os Estados Unidos? 1954: Hete aquí a un presentador de radio, Pat Manion, que apunta co dedo a "fortunas xigantescas, construídas grazas á empresa privada consagrada pola Constitución...que se utilizan para 'socializar' os Estados Unidos". O candidato presidencial Newt Gingrich, "farto de xuíces elitistas" que na súa arrogancia impoñen os seus "puntos de vista radicalmente antinorteamericanos" -incluíndo aos xuíces do Tribunal Supremo cuxos ditames se ha juramentado desafiar? 1958: Nine Men Against America: The Supreme Court and its Attack on American Liberties, [Nove homes contra Norteamérica: o Tribunal Supremo e o seu ataque ás liberdades norteamericanas], de Rosalie M. Gordon, aínda á venda en sovereignstates.org.

Só cambiaron os nomes dos ogros... aínda que ás veces nin sequera cambiou iso. O ultimo proxecto do Dr. Noebel consiste en reeditar un volume que ao parecer  atopa novedosamente pertinente: You Can Trust the Communists: To be Communists, [Podes confiar en que os comunistas sexan comunistas] do Dr. Fred Schwarz. Schwarz, un medico australiano que morreu fai tres anos, tivo o seu momento de gloria a principios dos 60, cando enchía auditorios municipais predicando o seu evanxeo preferido: que o Kremlin dominaba aos seus súbditos aplicando "técnicas de gandaría animal", e albergaba "plans para facer ondear unha bandeira de URSS en cada unha das cidades norteamericanas para 1973". A nova versión, posta ao día por Noebel -vén con vivísimos eloxios de agradecidas reseñas en Amazon.com como estes: "Igual de importante que fai cincuenta anos"; e isto: "Debería ser lectura obrigada para calquera norteamericano", e "Este libro fíxome conservador" - titúlase You Can Still Trust the Communists: To be Communists, Socialists, Statists, and Progressives Too. [Podes confiar en que os comunistas sexan comunistas, socialistas, estatistas e tamén progresistas]

Por que ten importancia todo isto? Pois porque a noción de que o conservadurismo deu un novo xiro, máis chiflado, ten adeptos cuxas distorsións desbaratan a nosa capacidade de comprendelo e contelo. Nunha reseña recente de The Reactionary Mind: Conservatism from Edmund Burke to Sarah Palin, [A mente reaccionaria: o conservadurismo, de Edmund Burke a Sarah Palin], o rompedor libro de Corey Robin, publicado na New York Review of Books, que traza as continuidades do pensamento dereitista até o século XVII, o distinguido teórico politico Mark Lilla ditaminaba que "a maior parte da recente turbulencia da política norteamericana é resultado dos cambios na estrutura de clans da dereita co declive de conservadores apegados á realidade como William F. Buckley". Así pois, que fixo un conservador apegado á realidade" como  Buckley con Fred Schwarz? Pois, lector, escribiulle a nota publicitaria para a portada do libro, encomiando ao bo doutor por "instruír á xente sobre aquilo que os seus líderes tan claramente ignoran". O mesmo fixo, de feito, Ronald Reagan, que en 1990 encomiou a "incansable dedicación" do charlatan "a tentar garantir a protección da liberdade e os dereitos humanos". E velaquí o que di o defunto Jack Kemp, peso pesado do GOP, que escribiu eloxiosamente encomiando as memorias de 1996 de Schwarz (Reagan aparece retratado con Schwarz na solapa): "Canto aprecio o feito de que tanto como calquera outro, incluíndo ao presidente Reagan, o presidente Bush, e o Papa Juan Pablo? [o Dr. Schwarz] tivese a oportunidade de educar literalmente a miles de mozos, homes e mulleres, de todo o mundo na loita pola democracia e a liberdade e a loita contra a tiranía do comunismo". Os "conservadores do establishment", Reagan e  Kemp, e o "chiflado", o Dr. Fred Schwarz, nunca estiveron tan separados, á fin e ao cabo.

Óuvese falar moito de Ronald Reagan por parte da multitude que se refire aos conservadores-están-máis-tolos-que-nunca: encómianlle como home de compromiso e apuntan, correctamente, que subiu o impostos sete do seu oito anos como presidente, en rechamante contraposición cos republicanos de hoxe, que se negan por completo a subilos. Velaquí a cousa, tal como escribín entre os hosannas que se lle dedicaron á súa morte en 2004, durante o espantoso reinado de Bush: "Constitúe unha peculiaridade da cultura norteamericana que cada xeración de non conservadores contemple aos dereitistas da súa propia xeración como os que dan medo, e logo prefira lembrar aos dereitistas da última xeración como adorábeis. En 1964, os observadores, arrepiados por Barry Goldwater, suspiraban polo sensato Robert Taft, o dirixente conservador dos 50. Cando Reagan era presidente, os liberais falaban con indulxencia do bo e vello Goldwater".

E así seguimos: a Reagan xúlgaselle hoxe un deses conservadores apegados á realidade cuxa desaparición hoxe lamentamos. Falso. Fondamente configurado pola extrema dereita máis locuela, a Reagan encantáballe en momentos anteriores da súa Carreira citar o seu evanxeo: que de acordo cos proxectos comunistas "para 1970 o mundo será ou todo escravo ou todo libre"; que, tal como dixo nunha entrevista de 1975 - rehabilitando unha cita supostamente de Vladimir Lenin, pero, de feito, elaborada polo fundador da John Birch Society [asociación de extrema dereita norteamericana de principios da Guerra Fría] - unha vez que Lenin e os seus camaradas organizasen ás "hordas de Asia", conquistarían despois América Latina, "os Estados Unidos, postrer bastión do capitalismo, cae[rían] nas súas mans abertas como froita madura". Porén tamén el era un bo político, e como tal aprendeu a evitar dicir cousas que lle prexudicaban politicamente. A razón pola que non combateu de modo efectivo as subidas de impostos foi que, cun Congreso demócrata, non tiña capacidade para iso. Cada vez que tiña en efecto que pór a súa firma a unha subida, deixaba perfectamente claras as súas preferencias, culpando aos malvados liberais por forzarlle a iso e engadindo que esta era a razón pola que había que derrotar ao liberalismo -para non ter que volver asinar unha.

Isto estaba "apegado á realidade". Pero tamén o está, politicamente polo menos, o obstrucionismo dos conservadores non apegados á realidade: se bloquean todas as subidas de impostos é porque poden. E funcionou, non? Se así sucede é porque a medida que se incrementou o poder conservador desde os anos 60, unha parte cada vez maior do que os conservadores cren en realidade -e sempre creron realmente- vir a configurar a sociedade norteamericana e as súas institucións.

Esa dinámica viuse sempre acompañada doutra: a medida que o extremismo conservador encuberto  -véxase: as mulleres que recorren ao control de natalidade son unhas raposas, deberían privatizarse todos os bens públicos- atopa o modo de deslizarse nos debates de alto nivel das cámaras do Congreso, nas decisións  dunha xudicatura federal crecientemente inclinada á dereita, nas campañas presidenciais e as seccións principais dos xornais máis importantes das metrópoles, os entendidos máis relevantes declaran que o conservadurismo está en retirada. Cando Barry Goldwater perdeu as eleccións presidenciais abrumadoramente, Tom Wicker, columnista do New York Times, proclamou que "con tráxica inevitabilidade" o conservadurismo fracturouse como un panel de vidro". Con todo, dalgún modo, os conservadores lograron sobrevivir e prosperar, elixindo a Ronald Reagan durante dous mandatos como gobernador de California, a partir de 1966. Despois de que o sucesor escollido por Reagan perdese o nomeamento en 1974, Joseph Kraft, do  Washington Post, ditaminou que "a desbandada do reaganismo neste estado anuncia  o que parece ser unha posibilidade nacional, a posibilidade de pechar o paréntese da era da política do contragolpe, que tan contundente resultou desde que Ronald Reagan deixase de facer películas para a tele en 1966". En vea similar, no seu libro sobre a xeración de activistas que estaban detrás da Revolución Republicana de 1994 de Newt Gingrich, Nina Easton mantiña que a insistencia por parte de dirixentes como Ralph Reed, fundador da Christian Coalition, de que o liberalismo era "unha pendente esvaradía que levaba ao socialismo e comunismo" destruiría "o apoio público que necesitaba para lograr a súa visión dun movemento de masas".

Non o destruíu. E con todo, como un reloxo, o profeta de hoxe do desastre conservador, o xornalista Jonathan Chait , conclúe que o conservadurismo faise trizas como un panel de vidro agora que, enfrontado á bomba de tempo demográfica dun electorado cada vez máis novo e moreno que fai, segundo di, completamente inevitábel o triunfo do liberalismo ilustrado, o seu extremismo latente está a saír por fin á superficie , abrindo "novas terras no reino da temeridade", tal como el exprésao. 

Velaquí o problema: para este modo de pensar, o triunfo do liberalismo ilustrado é sempre inevitábel. Agora é a demografía a que constitúe unha forza inexorábel (desmontou ese argumento en "Why Democrats Have a Problem with Young Voters" [Por que os demócratas teñen un problema cos votantes novos], Rolling Stones, 28 de febreiro de 2012); na década dos 60, foi a certidumbre de que os norteamericanos nunca abandonarían as vantaxes que para eles tiña o grande goberno.  E con todo, dalgún modo, ao longo do hilván corrente da preferencia política norteamericana entre demócratas e republicanos, o conservadurismo continúa prosperando. Débese a que o poder procrea poder: pódese dar por feito con que os demócratas atoparán un compromiso co delirio conservador, e pode darse por feito que os medios de información normalizarano. E iso débese a que sempre haberá millóns de norteamericanos aos que aterra o progreso social e verse desposuídos de calquera lixeira ganancia de seguridade psicolóxica que puidesen manter nun mundo aterrador. E debido a que sempre haberá poderosos axentes económicos aos que compensa explotar ese temor, incerteza e dúbida (e compensa, compensa).

O conservadurismo non está a aumentar a súa tolemia, e tampouco está a desaparecer. Está, simplemente, facéndose máis poderoso. Trátase dun feito que un liberal apegado á realidade non ten máis que aceptar, e a partir de aí, reunir forzas para a loita.  

Nenhum comentário: