26/03/2012

Reino de España: a primeira derrota do PP camiño da greve xeral

Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por nós para o galego. Antoni Domènech é o Editor xeral de SinPermiso. Gustavo Búster e Daniel Raventós son membros do Comité de Redacción de SinPermiso.
 
 

Os resultados das eleccións autonómicas en Andalucía e Asturias son a primeira derrota política do Goberno Rajoy a cen días escasos de obter a maioría absoluta nas eleccións xerais do 20-N. A ofensiva de contrarreformas neoliberais imposta neste tres meses polo PP chocou cunha removilización inicial da esquerda, no marco da preparación da greve xeral convocada polos sindicatos para o 29 de marzo, que lle permitirá manter o goberno rexional andaluz.

A crecente abstención -dez puntos máis en Andalucía e once en Asturias- parece afectar esta vez máis ao bloque electoral da dereita que ás esquerdas. De ser así, confirmaríase a tese de que as drásticas medidas de axuste neoliberal anunciadas e incipientemente aplicadas polo Goberno Rajoy -sinaladamente, a brutal contrarreforma laboral, que deixa ao traballo asalariado literalmente a mercede do capricho empresarial-, non só espertou todas as alarmas nas bases sociais tradicionais da esquerda política, senón que comezou xa a erosionar a propia base electoral interclasista da dereita.

Rajoy atópase agora atrapado entre unha Unión Europea que esixe acelerar o ritmo do axuste neoliberal para "dar garantías aos mercados" (Monti dixit) e evitar unha nova erupción de inestabilidade no conxunto da zona euro, e as consecuencias económicas suicidas que iso trae consigo, que non poden pasar desapercibidas nin sequera pola súa propia base social.
A procura dunha fórmula de equilibrio que amortecese o axuste do déficit fiscal en 2012, deixándoo nun 5,8% para alcanzar o 3% en 2013, non só foi  tallantemente rexeitada pola UE, senón que decidiu intervir directamente as finanzas españolas co envío de "misións técnicas" a Madrid e a imposición do obxectivo do 5,3%. O intento amortiguador foi, ademais, desautorizado polos propios mercados financeiros, que dispararon a taxa de interese da débeda ao 5,5% e imposto un diferencial da prima de risco superior ao italiano. Do outro lado, están a esquerda social, coa súa convocatoria de greve xeral do 29-M, e a esquerda política, que acaba de obter un triunfo inesperado en Andalucía, e en menor medida, en Asturias. Se as eleccións en Andalucía foron en boa medida expostas polo PP en Madrid como un plebiscito a favor dunhas políticas contrarreformistas tan necias economicamente, como inxustas socialmente, o menos que cabe dicir é que o perdeu rotundamente.

A análise dos resultados electorais debe facerse, con todo, a partir da realidade social e política de cada autonomía. En Andalucía, o PSOE gobernou ininterrompidamente durante 30 longos anos. A pesar diso, dos terríbeis e pintorescos escándalos de corrupción de ERES falsos e do evidente estado de descomposición dunha arraigadísima rede clientelar por mor da aplicación de políticas socio-liberais, o certo é que os socialistas, aínda perdendo nove dos seus 56 escanos, lograron manter unha parte substancial do seu electorado. O dato máis significativo é que o PP de Areas perdeu en cambio, máis de 420.000 votos desde as eleccións xerais do 20-N, votos desafectos ou desmovilizados que lle deron a maioría absoluta augurada por case todas as enquisas (1). O PP andaluz consegue así unha vitoria pírrica: aumenta o número dos seus deputados en tres, até os 50, e supera en votos ao PSOE, mais non poderá formar goberno. No campo da esquerda política prodúcese un crecemento moi importante de EU, que dobra os seus deputados autonómicos de 6 a 12, cun transvasamento, esta vez si, significativo de votos do PSOE

O contexto político mudou en Andalucía. Griñán -que se aliñou con Carme Chacón fronte a Rubalcaba no recente congreso do PSOE- propugnaba xa un distanciamento explícito respecto da herdanza de Manuel Chaves en Andalucía e de Zapatero no Reino de España. Agora poderá seguir gobernando, pero só co apoio de EU, o que por forza lle obrigará a un ulterior distanciamento do políticas socio-liberais do PSOE. O que iso augura é unha polarización social e política cada vez máis aguda: a taxa de paro en Andalucía é do 31,23%, o que explica a importancia do debate sobre as "subvencións". EU ten agora por diante o difícil debate, que a divide desde hai anos, de como materializar o seu determinante peso electoral: ou entrando no goberno autonómico ou sostendo a Griñán desde o parlamento andaluz. Afortunadamente, hai que descartar neste sentido unha repetición dos erros de EU en Estremadura ou Álava, que só favoreceron ao PP (e ao pretendido voto útil ao PSOE). EU pode e debe condicionar as políticas do PSOE andaluz, combinando unha política de mobilización unitaria de toda a esquerda contra as ineficaces e inxustas políticas de axuste do goberno central cunha profunda transformación das estruturas do goberno rexional andaluz, en ruptura clara, terminante e sen contemplacións coa corrupción e o clientelismo do PSOE de Chaves e Pizarro.

A formación dun goberno de Griñán sostido parlamentariamente por EU, ou dun goberno en coalición do centroesquerda e a esquerda andaluces, permitirá ás esquerdas intervir directamente no debate institucional sobre a crise fiscal do estado das autonomías, un debate até agora monopolizado polo govern de CiU en Cataluña (2). Iso, hai que dicilo, terá unha importancia estratéxica esencial nos próximos anos. Reformular a defensa dun gasto social transferido ás autonomías sen financiamento suficiente atendendo ao feito diferencial nacional -que tamén existe en Andalucía, aínda que de maneira distinta a Cataluña- é un reto para toda a esquerda.

En canto ao conxunto do PSOE, Griñán convértese no único "barón" rexional -o léxico autodescriptivo que asumen sen maior problema dio case todo- con poder institucional, e en alternativa a Rubalcaba. Aínda se se dese un pacto inicial de non agresión, as orientacións políticas dun e outro tenderán a chocar polas presións distintas que as condicionan.

As eleccións asturianas foron consecuencia da división da dereita rexional en 2011 en dous bloques, no momento mesmo do seu ascenso electoral tras a crise do goberno de centroesquerda. O Foro Asturias (FAC) do "xeral secretario" do PP, Álvarez Cascos, e o PP, reconstituido desde Madrid, de Mercedes Fernández arrastráronse a unha loita de aparellos que, incapaces de reconstruír a unidade do seu bloque social, forzoulles a convocar outras eleccións autonómicas apenas dez meses despois. A pesar de que o PSOE segue perdendo número de votos, as dúas forzas da dereita perden máis. Como consecuencia, o FAC  contará con tres deputados menos -pasa de 16 a 13 escanos-, e cede o posto de primeiro partido ao PSOE (32%), que suma un escano máis ás súas 15 iniciais. Porén o PP, que provocara as eleccións para imporse na dereita asturiana, queda como estaba: con 10 deputados e terceiro partido do Principado, conseguindo tan só prolongar a inestabilidade política rexional e dar un respiro ao PSOE para recomporse no novo marco de enfrontamento á dereita: o socialismo segue sendo maioritario en todos os núcleos urbanos, fóra de Oviedo (PP). De novo, quen máis rendibiliza politicamente esta situación é EU, que sobe catro puntos e consegue un escano máis, que pesará no proceso de reconstrución da esquerda astur. UPyD logra por primeira vez un escano, cun voto que parece vir do espazo electoral do PSOE.

A disxuntiva para o PP asturiano é recoñecer que perdeu o seu pulso con Álvarez Cascos e aceptar as súas condicións para formar un goberno conservador, ou manter un enfrontamento de aparellos que permitiría a constitución dun goberno minoritario e inestable do PSOE para desgastarlle e volver repetir o pulso nunhas previsíbeis eleccións anticipadas a medio prazo. Non parece que vaia a ser o caso. O aparello central do PP está por estabilizar canto antes unha situación que se lle vai das mans, e que a súa base social non entende, aínda que traslade o conflito de aparellos ao interior do PP en menoscabo da "maioría marianista". Se non se produce nas próximas horas un último desprazamento electoral como consecuencia do voto emigrante (3), haberá un goberno bipartito da dereita en Asturias, fronte a unha oposición de esquerdas removilizada, con máis peso de EU, e a só tres escanos de poder ter a súa propia maioría absoluta. De novo, o escenario é dunha maior polarización e conflitividade social.

A pretendida "inutilidade" da greve xeral machaconamente propagada polos altofalantes mediáticos da dereita vese de novo desmentida.

O certo é que a convocatoria sindical dunha folga xeral para o próximo 29 de marzo serviu xa, primeiro, para obrigar ao PP a revisar á baixa os seus obxectivos de axuste orzamentario nun punto e medio, provocando un desencontro do goberno español coa UE e limitando os seus apoios internacionais.

Despois, auspiciou unha removilización da esquerda social, que é o elemento determinante para entender o doloroso fracaso electoral do PP, sobre todo en Andalucía.

Estas consecuencias ex ante, se así pode dicirse, da convocatoria de greve xeral alimentan retroactivamente a propia preparación da greve xeral do 29-M. E a todo iso, claro, haberá que sumar os efectos post factum da greve: polo momento, limitará a marxe de manobra do goberno Rajoy, tensando máis as súas relacións coa UE.

As "reformas estruturais" que a dereita -española e europea- considera imprescindíbeis para alterar ao seu favor a correlación de forzas e o modelo social de benestar agora en crise, non son compatíbeis co mantemento dun bloque social e político maioritario como o que, xunto coa abstención do electorado de esquerda, asqueado do PSOE social-liberal de Zapatero e Rubalcaba, posibilitou a vitoria de Rajoy o 20-N. A lección a medio prazo parécenos obvia: un bloque interclasista maioritario non pode manterse aplicando as políticas neoliberais. Por iso a resistencia, a greve xeral do 29-M, esixen unha ruptura radical con esas políticas: sen esa ruptura, non é concebíbel a reconstrución da esquerda política  que hoxe nos anuncia o ascenso electoral de EU, un ascenso imprescindíbel, mais insuficiente aínda, para as tarefas que temos por diante.

NOTAS:

(1)  Non así a do CIS de febreiro do 2012 (www.cis.es/cis/export/sites/default/-Arquivos/Marxinais/2920_2939/2931/Ft2931.pdf), que mostraba unha clarísima orientación cara á esquerda e o centroesquerda do electorado andaluz, ademais de revelar unha clara desconfianza dese electorado cara ao candidato do PP, Areas, todo o cal puña xa en cuestión a posibilidade dunha maioría absoluta do PP.

(2)  O Goberno vasco de Patxi Lopez, apoiado e sostido polo PP de Basagoiti, foi incapaz, por razóns obvias, de cumprir este papel, que segue xogando o PNV a través do seu grupo parlamentario no Congreso dos Deputados co seu apoio ou abstención ao orzamento central a cambio de manter a marxe de autonomía que supón o Concerto económico vasco. As próximas eleccións autonómicas vascas, que darán unha clara maioría ás forzas nacionalistas, a dereita do PNV e a esquerda de Amaiur, suporán con toda seguridade un cambio nesta situación, aínda que o marco do concerto económico permite unha maior autonomía fiscal que o mecanismo de financiamento autonómico.

(3)  Cando redactamos esta nota aínda está en liza un escano no occidente asturiano polos votos da emigración. O PSOE podería obter un escano adicional (17) á conta do PP, o que abriría o escenario dunha hipotética maioría dunha coalición PSOE-EU-UPyD.


Nenhum comentário: