06/02/2012

Martiño Noriega: "Moita xente entende que na organización non se lle quere e non se sente cómoda"

Martiño Noriega. Artigo tirado de Praza Pública (aquí).



O Encontro Irmandiño convocou para o próximo domingo unha Asemblea Extraordinaria para avaliar se, unha vez celebrada a XIII Asemblea Nacional do BNG, se dan as circunstancias para seguir formando parte da fronte común ou chegou a hora verdadeira da escisión. Os membros do EI elixidos a semana pasada para a Executiva Nacional adían até a Asemblea Extraordinaria irmandiña calquera responsabilidade no Bloque, á espera da decisión colectiva. Nun proceso que esixe certa celeridade e sen ter tomado decisión algunha en firme, Martiño Noriega, alcalde de Teo, valora os resultados da asamblea nacional do BNG, a situación actual e tamén os acontecementos que se produciron nas semanas anteriores.

A Asemblea Nacional do BNG deixa algunha conclusión positiva?

Foi boa a participación da militancia no proceso, que volveramos ó modelo de ‘un militante, un voto’ e que a xente respostara implicándose. É un exemplo de funcionamento democrático. Pero o proceso foi bastante complexo e o resultante é complexo. Confrontaron dous modelos, non tanto ideolóxicos, senón de maneira de estabelecer as normas de convivencia interna e de relacionarse coa sociedade. Nomearon portavoz nacional a Guillerme Vázquez e candidato á Xunta a Paco Jorquera, pero hai un empate técnico nos resultados entre dúas formas de concebir a organización interna e externamente.

Existe posibilidade real de compatibilizar no BNG eses dous polos?

Hai que ver se existe verdadeira vontade de viabilizar un proxecto compartido que xa ten 30 anos. O momento é moi complicado, estamos ante a maior agresión da oficina de demolición de Feijóo e a xente non entendería que continuasemos internamente instalados en dinámicas de goberno-oposición.

Díxose que esta Asemblea Nacional era a última oportunidade para que se dera unha “necesaria catarse” no BNG e non se produciu…

Non, non se produciu. A xente fixo defensa das posición de parte, houbo resistencialismo, moitos chamamentos ó inimigo interior e exterior e non se interiorizou o espíritu de refundar, de rexenerar, de recuperar o proxecto e a casa común do nacionalismo, e de proxectar isto sobre a sociedade. A Alternativa pola refundación tivo uns apoios importantísimos dentro do corpo do BNG e dependerá da dixestión post-asemblea se iso pode ou non acontecer, pero en principio, o resultante da asamblea traslada á sociedade unha imaxe de continuidade.

O domingo da Asemblea moita xente pensou que case todo segue igual...

É que houbo cuestións moi preocupantes. Para gañar criminalizouse o que logo se reivindica na sociedade. Houbo críticas importantes ós referentes institucionais municipais, que fomos considerados desleais no proceso, cando o que pretendiamos era mandar unha mensaxe de esperanza á sociedade e de que sen facer grandes concesións un pode aspirar a gobernar para unha maioría social. Cargáronse moito as tintas sobre a discrepancia pública, a “deslealdade” de determinados compañeiros como Beiras e, de feito, esa foi a xustificación que encontrou o Movemento Galego ao Socialismo para pedir o voto para Guillerme. Todo isto deixa un pouso. Moita xente entende que na organización non se lle quere e non se sente cómoda.

Ese sentir xa existía antes da asamblea e non vai a menos. Hai xente que xa se está dando de baixa no BNG...

Falo pola percepción que me trasladan moitos compañeiros e pola percepción que eu mesmo podo chegar a sentir en min. As dinámicas que se están a dar parecen de certo desencanto en segmentos da base militante.

Como se fraguou a alianza entre EI e Máis Galiza para presentar unha lista conxunta á Asemblea Nacional?

 Había unha demanda altísima entre as bases para que se estabelecesen vasos comunicantes. Son dúas formacións con diferencias ideolóxicas evidentes, pero cun común denominador por riba delas. Coa alianza quíxose predicar co exemplo, escenificouse o que reivindicabamos na práctica para o conxunto do BNG, que era unha organización plural, onde todo o mundo se poida sentir minimamente cómodo. Iso foi o que primou nun acordo que tivo moitísimas dificultades, porque viña moi marcado polo debate de nomes.

Rumoreouse que querías ser o candidato á Xunta…

 Nunca! +G sempre explicitou que o seu candidato á Xunta, innegociábel, era Carlos Aymerich. Falouse que eu podía ocupar o rol de portavoz nacional, pero nin eu nin o EI entendemos que debía ser así, xa que iso significaba ter que renunciar á presencia institucional e ocupar unha bicefalía difícil que podía ser entendida como de competencia en lugar de cooperación. Por iso se optou por Xosé Manuel Beiras, unha persoa con ascendencia sobre a organización, respecto e transversalidade no nacionalismo, para quen rematara o seu proxecto vital político e estaba nun epílogo a dispoñibilidade do BNG. En parte os resultados bos da asamblea teñen que ver co seu papel de xenerosidade e compromiso.

Pero sorprendeu que se presentara Beiras cando se pedía renovación xeracional... Si, pero ás veces non é tanto o que un quere como o que un pode. Unha semana antes de explicitar o acordo con Máis Galiza, parecía que este era inviábel e tiñamos un escenario B, unha candidatura do EI con independentes e pequenos colectivos e aí si que o meu nome estaba para as dúas cousas. Non foi un paso atrás meu persoal, senón unha adaptación a unhas circunstancias e a unha demanda das bases. Sempre dixemos que a cuestión dos nomes para o EI non era innegociábel e levámolo á práctica.

Que papel dirías que xogou Jorquera no proceso asemblear do BNG?

 Jorquera é unha persoa cunha traxectoria moi respectábel, cun importante labor no Parlamento español, que entende o concepto de casa común do BNG, mais que se viu arrastrado a algo que non demandaba. El acababa de conquerir a acta de deputado nunhas eleccións moi traballadas para o Congreso dos Deputados, é un referente en Madrid, sabe da importancia da súa persoa alí para reivindicar os dereitos colectivos de Galiza e tivo que optar a ser candidato da Xunta cando vitalmente, a min paréceme que non se vía nesas coordenadas. El aceptounas e agora é o candidato do BNG.

Guillerme Vázquez, que non o parecía hai tempo, veu para quedar...

Tivo que facer unha longa travesía do deserto desde o 2009, sempre intentou aportar sendo portavoz nacional. En moitas ocasións non se sentiu arroupado, pero perseverou e a APU apoiouno. Había sectores no nacionalismo, doutros movementos organizados, non da propia fronte, que crían que estaba facendo un papel bo e conseguiu gañar a asamblea.

Un dos cambios importantes provocados pola Asemblea é a saída de Paco Rodríguez da Executiva Nacional…

Paco Rodríguez é unha persoa cunha transversalidade, sobre todo dentro da UPG, e cunha influencia, que eu non lle dou maior ou menor importancia a que estea ou non na Executiva porque a súa influencia cónstame que seguirá marcando pasos de colectivos da organización e de toda a fronte.

Tamén é significativo o que pasou con Teresa Táboas: Abandona +G despois de ter compartido liderado con Aymerich, pasa ó EI, e xa non estará tampouco na Executiva Nacional da que até o de agora era coordenadora...

Teresa non chegou a integrarse nunca no EI. Nós demandabamoso un frente amplo e ela, xunto con xente do PNG, optou por escenificar esa solicitude nunha roda de prensa conxunta. Tivo neste proceso unha posición de xenerosidade e de honestidade e ela si que entendía que más alá do debate de persoas estaba o do que a organización necesitaba. Esa é unha historia que se escribirá co tempo e eu sei que non lle puxo paus nas rodas a ninguén.

Carlos Aymerich apostou forte e agora pode abandonar a primeira liña política…

 A decisión de Carlos é entendíbel e respectábel. Entendeu que era o seu momento, lexitimamente pelexouno, perdeu e chegou a esa conclusión, mais é unha persoa que sigue tendo moito que aportar no nacionalismo galego como referente e non hai que ser antropofáxicos.

Cal é o papel de Martiño Noriega a partir de agora?

O que me deixen, á expectativa de cómo remate o proceso e se se dan ou non as condicións para poder viabilizar o proxecto no BNG. Non teño ningunha aspiración persoal, teño un exceso de responsabilidade sobre o que pode acontecer.

Segues sentindo que o BNG é a túa casa?

Por dicilo poéticamente, estou preso da melancolía de non ter conquerido ese punto de inflexión que aspiraba para a organización na que levo 18 anos. Preocúpame que se o BNG non é capaz de converterse nun referente político útil para a sociedade e nós decidimos ficar no BNG, a sociedade acabe demandando outro ou acabe creándoo e nós non esteamos á altura. O proxecto do BNG só pode ter razón de ser se é a casa común do nacionalismo, se emprega un discurso onde todas as sensibilidades se sintan reflectidas e se aspira a acompañar ós movementos sociais e non a tutelalos e a poñer o seu capital humano e non a considerarse en posesión da verdade absoluta.

Nenhum comentário: