06/02/2012

Beiras e os hoplitas

Antón Baamonde. Artigo tirado de El País (aquí) e traducido por nós.



Non teño a menor idea de se o BNG está xa definitivamente roto. Todo parece apuntar a que si, dado que xa hai tempo que os cronistas situados detrás das liñas Maginot informan do irrespirábel que se fixo a atmosfera nese pedazo de terra queimada. Con todo, pode suceder calquera cousa. Á fin e ao cabo, da recente asemblea nacionalista todos saíron coas cabezas quentes, cheas de fume e desorientación. Por outra banda, botar na rada un novo buque nacionalista precisa de non pouco atrevemento. Alivia a disxuntiva o feito de que o Bloque leva tres lustros perdendo fol. Talvez algo novo podería constituír un revulsivo para un campo que parece ter un único modelo de conduta como resposta ás súas cuitas: o dos hoplitas que se refuxiaban en formación detrás dos seus escudos até que as salvas de frechas inimigas deixaban de aumentar.

En realidade, a chave da situación está en mans de Xosé Manuel Beiras. El está entre a Escila das bases cheas de fastío e desafectas que queren dicir adios a todo iso, e o Caribdis de certos sectores de Máis Galiza e Encontro Irmandiño que preferirían a foto en sepia da unidade, por máis quina que tivesen que tragar. É unha decisión difícil, complicada, na que ninguén quixese verse envolto. Menos, cando dela pende todo o crédito futuro dun. Porén é a que Beiras, e con el tanta outra xente, ten ante si. Se fracasan, ninguén falará deles até que morran. Se teñen éxito e conseguen mobilizar a abstención e reducir o terreo de Feijóo poden chegar a ser o fiel da balanza. Nese caso, todos cantarán as súas loas.

De producirse a escisión, a folla de ruta tería que incluír a aparición, a curto prazo, dunha opción electoral para as próximas autonómicas, deixando para máis adiante a precisa conformación dun novo partido. Se esa plataforma quere facer algo positivo non só tería que mirar polo rabillo do ollo aos seus antigos compañeiros. Máis importante sería, se a temida fronteira do 5% será excedida con fartura, inxeniar un invento capaz de agregar votos procedentes do electorado socialista e, por suposto, do que é, con moito, o maior caladoiro do país, o votante popular. Un consello: pensen no que foi a ORGA, un dos máis eficientes aparellos políticos que coñeceu Galicia, con todos os seus defectos. Insistir no ensimismamiento non ten sentido.

Unha opción así, non necesariamente, como teme Geluco Guerreiro, debilitaría a alternativa a Feijóo. Este tivo ante si unha oposición sen capacidade de convicción, nin de remover fronteiras. A pesar dos seus fracasos, desde as cifras do paro até o fracaso do Novobanco, os seus antagonistas non souberon labrarse un oco. Non o tiñan fácil, hai que recoñecelo. Con todo, vivimos nunha época crebada, lábil, en que as fronteiras da opinión se desprazan con grande rapidez: nada pode darse por gando de modo estábel. A fatiga dos materiais, antes ou despois, prexudicará a un Partido Popular que non pode máis que decepcionar a unha parte dos seus electores.

Por suposto que a forza do PP en Galiza é formidábel. Os seus efluvios chegan a todas partes: ás institucións financeiras, aos xornais, aos Círculos de Empresarios que entran como elefante en cacharrería ideolóxica, ás asociacións de veciños e, por suposto, ás filas desa burguesía mediocre e ás veces un tanto chabacana que é característica do país. Ninguén podería desprezar o seu poder e o peso das súas posicións nas elites e no pobo de todo tipo e rango. Mais tamén el verase abocado a sufrir a erosión da realidade. A crise, que nos deixa a todos aos pés dos cabalos dun capitalismo sen bridas, é o grande tema ao redor do que todo xira, pero non o esgota todo.

A crise e o paro levaron polo ar ao PP ao monopolio do poder. Mais Feijóo só viste hoxe os manguitos de contábel. Carece de política que non sexa a dos recortes. Con Fraga, o PPdeG tiña, ademais de fondos para escolas e hospitais, outra xestualidade. O seu enterro evidenciouno. Os novos dirixentes, con todo, son incapaces de pensar en Galiza se non é en termos pexorativos. Mais é ese o punto de vista que fai gañar as eleccións?

Un espazo galeguista, como o que pode xurdir da división do Bloque, máis solvente, e que soubese encarnar as inquedanzas do país dun modo máis dútil e aberto podería exceder os estritos límites que neste momento ten o nacionalismo. A chave está en saber formular un proxecto de modernización plausíbel e nunha adecuada selección de persoal. Desde logo terá que darse por decatado do país real, sen mistificacións, abandonando a cómoda política da avestruz. Se sabe facelo -non é fácil, desde logo- talvez o mapa do país, a medio prazo, non estea tan fechado como puidese parecer. Ao fin algo se move.

Nenhum comentário: