04/03/2011

A seca e os que sempre gañan

Isaac Rosa en Público (aquí)


"Dificilmente se pode aforrar algo cando se ten a sensación de que non custa. O modelo tarifario levou ao derroche." - Ignacio Sánchez Galán, presidente de Iberdrola -

En tempos de seca fan o seu agosto os fabricantes de auga embotellada. Se agora, como din, vén unha tempada de seca enerxética, dáme que os menos afectados van ser os embotelladores de enerxía. Porque cando de quilovatios se trata, a banca sempre gaña, neste caso as grandes empresas do sector. Dá igual que aumente ou se reduza o consumo, que suba ou baixe o prezo das materias primas, que se regule ou se liberalice o sector, que se aposte polas renovábeis ou pola eficiencia; eles sempre gañan.

En 2009, por exemplo, o consumo eléctrico reduciuse por primeira vez en anos, e con todo as empresas non se resentiron, mantiveron os seus beneficios ao mesmo nivel. En 2010 volveu a medrar o consumo, e o subidón nos beneficios foi de festa. Alguén cre que van gañar menos se baixamos o consumo?

Si, xa sei que as contas non son así de simples, e que interveñen moitos factores. Pero é que o enerxético é un dos sectores máis escuros. Imposíbel entender de onde sae a enerxía nin como se cobra, nin por suposto como se calcula a inextricábel tarifa, pero o resultado é o mesmo: sempre gañan.

Agora, aberto o debate do aforro enerxético, corren a lembrarnos que o problema é que a enerxía é moi barata e somos uns derrochóns, deixamos a billa da luz aberta en plena seca. E si, é certo que non temos mentalidade aforradora, pero non creo que a mellor solución sexa subir máis o recibo.

É o que pasa cando deixas un sector estratéxico en mans privadas. Ao final a nosa dependencia é dobre: exterior pola falta de fontes de enerxía propias, e dependencia dunhas empresas cuxa prioridade non é precisamente o ben común, e que só apostarán polo aforro se non lles afecta a conta de resultados. Así é dobremente difícil facer un plan enerxético.

De todos os xeitos o futuro sorrilles, por moita seca que se anuncie. Aí está, por exemplo, a aposta polo coche eléctrico. Consumiremos menos gasolina, si, pero dalgún lado haberá que sacar toda esa electricidade. 

Nenhum comentário: