Leonardo Boff, en Rebelión (aquí).
Hai dúas formas principais de estar presentes no mundo: polo traballo e polo coidado. Como, a diferenza dos animais, somos seres sen ningún órgano especializado, estamos obrigados a traballar para sobrevivir, é dicir, temos que sacar da natureza todo o que necesitamos. Para iso, usamos a razón práctica, a creatividade e a tecnoloxía. Aquí necesitamos ser obxectivos e efectivos, pois en caso contrario sucumbimos ás necesidades. Na historia humana, polo menos en Occidente, instaurouse a ditadura do traballo. Este xa non é unha obra, senón que se transformou nun medio de produción e vendido en forma de salario, o cal implica competición e devastación atroz da natureza e perversa inxustiza social. Representantes principais, aínda que non exclusivos, do modo de ser do traballo son os homes.
A segunda forma é o coidado. Ten no seu centro a vida e as relacións interpersoais e sociais. Todos somos fillos e fillas do coidado, porque se as nosas nais non tivesen infinito coidado connosco cando nacemos, algunhas horas despois morreriamos e non estariamos aquí para escribir sobre estas cousas. O coidado ten que ver máis con suxeitos que interactúan entre si que con obxectos a ser xestionados. O coidado é un xesto amoroso para coa realidade.
O coidado non se opón ao traballo. Dálle unha característica propia que é a de estar feito de tal forma que respecta as cousas e permite que se refagan. Coidar significa estar xunto ás cousas, protexéndoas, e non sobre elas, dominándoas. Elas nunca son meros medios. Representan valores e símbolos que nos evocan sentimentos de beleza, complexidade e forza. Obviamente danse resistencias e perplexidades, pero son superadas pola paciencia perseverante. A muller tende a colocar no lugar da agresividade a convivencia amorosa. No canto da dominación, a compañía afectuosa. A cooperación substitúe á competición. As mulleres son portadoras privilexiadas, pero non exclusivas, do coidado.
Desde a máis remota antigüidade, asistimos a un drama de consecuencias funestas: a ruptura entre o traballo e o coidado. Desde o neolítico impúxose o traballo como procura frenética de eficacia e de riqueza. Este modo de ser somete á muller, mata o coidado, liquida a tenrura e tensiona as relacións humanas. É o imperio do androcentrismo, do predominio do home sobre a natureza e a muller. Agora chegamos a un impasse fundamental: ou impomos límites á voracidade productivista e rescatamos o coidado ou a Terra non aguantará máis.
Sentimos a urxencia de feminizar as relacións, é dicir, de reintroducir o coidado en todos os ámbitos, especialmente nos das persoas máis masacradas (dous terzos da humanidade), a natureza devastada e o mundo da política. A porta de entrada ao universo do coidado é a razón cordial e sensible que nos permite sentir as feridas da natureza e das persoas, deixarse envolver e mobilizarse para humanizar as relacións entre todos, sen descoidar a colaboración fundamental da razón instrumental-analítica que nos permite ser eficaces.
Aquí é onde vexo a importancia providencial ter á fronte do goberno de Brasil a unha muller como Dilma Rousseff. Ela poderá unir as dúas dimensións: a do traballo que busca racionalidade e eficacia (a dimensión masculina), e a do coidado que acolle o máis pobre e sufrido e proxecta políticas de inclusión e de recuperación da dignidade (dimensión feminina). Dilma posúe o carácter dunha gran e eficiente xestora (o seu lado de traballo/masculino) e ao mesmo tempo a capacidade de levar adiante con tenrura e compaixón o proxecto de Lula de coidar dos pobres e dos oprimidos (o seu lado de coidado/feminino). Ela pode realizar o ideal de Gandhi: «a política é un xesto amoroso para co pobo».
Neste momento dramático da historia de Brasil e do mundo é importante que unha muller exerza o poder como coidado e servizo. Ela, Dilma, imbuída desta conciencia, poderá impor límites ao traballo devastador e poderá facer que o desenvolvemento ansiado se faga coa natureza e non contra ela, con sentido de xustiza social, de solidariedade a partir de abaixo, e dunha fraternidade aberta que inclúe a todos os pobos e a toda a comunidade de vida.
Nenhum comentário:
Postar um comentário