Foi a leitura que acabou por sobrancear no meu caletre como síntese do que estaba a presenciar durante a noitiña de onte, xoves, na pantalla do noso televisor. Vía satélite, Tele-Sur - "nuestro norte es el sur", é o elocuente lema do seu rótulo. En vivo e en directo na Plaza de Mayo de Buenos Aires e máis no interior da Casa Rosada, o pazo da presidencia da República Arxentina.
Non son asíduo da tele. Todo o contrario. Apenas a canle europea "Mezzo" de música clásica e jazz, cando me cadra ben o programa, e ás veces algunha reportaxe de "Odisseia" ou algún filme en "Cinemanía". Nada de informativos convencionais - ou sexa, nada de desinformación tóxica: só me faltaba, co que está a cair de choiva aceda, ter que desintoxicarme a cotío pra poder pensar logo pola miña conta. Pra me informar visito os meios alternativos. Normalmente os escritos, poisque eu medrei e formeime na galaxia Gutenberg e, qué queredes, segue a ser ela o meu mundo. Mais con todo, intermitentemente, asómome ás canles televisivas da periferia do sistema, as únicas que nun mundo "patas arriba", como dixo Galeano, enxérgano posto de pé. Ou, tamén, que usan os lentes da "epistemoloxía do sul" definida por Sousa Santos, no canto da "razón perguiceira" deste fátuo norte apodrecente. Unha delas, non a única, é Tele-sur. Visítoas, máis que nada, cando acontece no mundo algo que debo coñecer e quero entender ben - acontece cada día, ben sei, mais xa vos dixen que non son asíduo da tele. E antonte aconteceu que finou inesperadamente Néstor Kirchner - sabedes ben quen é. Así que onte, á noitiña, quixemos ver Aurichu e eu qué estaría a pasar na Plaza de Mayo perante a Casa Rosada, a onde ían transladalo pra lle dar a despedida. E o que vimos resultounos tan punxentemente impresionante que, cando nos decatamos, eran xa altas horas da nosa madrugada e alí seguiamos os dous, fascinados e conmovidos, sorbéndomos a proteiforme enxurrada de abraiantes imaxes, sons e voces humáns que emitía o televisor, deixándomonos enchoupar pola vivificante corrente de enerxía que transmitían, e tentándomos debullar paso a paso a densa mensaxe que acobillaban.
Ao comenzo de conectarmos coa retransmisión era, alá, pleno día dunha soleada xornada da primavera platense. As tomas do interior da Casa Rosada amostraban o denominado Salón de los Patriotas Latinamericanos, onde xa estaba pousado o cadaleito de Kirchner cuberto coa bandeira arxentina e custodiado por catro estantíos granadeiros de gala. Nas paredes visíbeis da estanza distinguíanse as efixies de Salvador Allende, Ernesto Che Guevara, Juan Perón. A carón do cadaleito, onda a cabeceira, a viuva, Cristina Fernández, arestora Presidente da República, na compaña do seu fillo Máximo e a sua filla Florencia. Arredor, unha grea de persoeiros de ambos xéneros. E un continuum de cidadáns do común que transitan, pasan ao pé do féretro e saen. Non son miróns. Solidarízanse, cada quen ao seu xeito, erguen brazos, mans cos dedos en uve, puños fechados, outros santiguanse. Moit@s saloucan, ou choran perdidamente. Algúns entonan breves cánticos. Os máis pronuncian frases, palabras, ás veces berros, de homenaxe e gratitude ao finado, de agarimo e azos a ela, que intermitentemente se achega a iles, abrázanse, entréganlle froles, obxetos simbólicos, bandeirolas, pequenos cartaces escritos, mesmo rosarios, até camisolas con emblemas ou inscricións, que ela deposita encol do cadaleito. Xentes do común, clases populares na maioría, moita xente humilde. De tódalas idades, pro moitísimos mozos e mozas, algúns diles envisos, a maor parte expansivos, todos iles conmovidos.
Nas tomas de fóra, a Plaza de Mayo ateigada de xente e salferida de bandeiras, pancartas e cartaces a eito, de tódolos tamaños, con lendas e inscricións impresas ou feitas a man, os nomes de Néstor e Cristina en case todas con expresións de dó, alento ou homenaxe. O mesmo cando a cámara enfoca as embocaduras das ruas adxacentes, deica onde dá chegado a vista. E froles por todas partes, en ramos pousados ao pé de estatuas, ou todo ao longo da fachada do pazo, ou nas mans de moitos dos presentes. A traveso da praza, un carreiro entre valados para o acceso á Casa Rosada dos cidadáns que queren entrar no Salón dos Patriotas para dárenlle o seu adeus a Néstor e o seu alento a Cristina - así os chaman e invocan todos ao chegaren dentro, e moitos dinlles "compañeir@". E é coma un río, unha corrente incesante, unha coluna interminábel. E a medida que pasa o tempo, a enxurrada cidadán non para de medrar. Pola mañán, algúns xornais e emisoras da dereita involucionista recomendaran á xente non acudir ao centro, disque podía ser arriscado. Os mesmos que difundiran a especie de que, coa morte de Kirchner, a situación política volvérase "inestábel" - como Clarín ou El País. Mais as xentes do común reaccionaran esactamente á inversa. Ao empardecer, alá, centos de milleiros de cidadáns ocupan pacíficamente as avenidas e ruas todas do centro da grande cidade, e nelas ficarán durante horas en plena noite. E a coluna humana dos que pacientan calmos camiñando a modiño para entraren ao cabo na Casa Rosada, chegará a acadar unha lonxitude de vintecinco "cuadras".
Ese cívico desfile procesional da xente do común continuará sen cesar durante toda a noite, e á mañán seguinte - a de hoxe- prolongaráse máis de tres horas alén da prevista para a partida do cadaleito cara a Patagonia, onde o enterro terá lugar. Inda parte agora, mentras escribo, e o que estamos a ver resulta indescritíbel: ao comezo, o auto que o leva cáseque non pode avanzar, arrodeado de xente que o apalpa, bótalle froles enriba, e logo seguen a acompañalo todo arredor, en bicicletas, en motos, nalgunhas home, muller e cativo entre os dous, a xente moza a correr. Hoxe amenceu con choiva, e non para de chover, mais a moitedume leva horas a agardar impasíbel, amoreada ao longo do percorrido da comitiva. Veleiquí estamos os cidadáns do común, están a dicir sen palabras, co feito da sua actitude solidária, e non permitiremos marcha atrás nos avances transformadores propiciados por Néstor e Cristina. E o mesmo están a proclamar co seu comportamento en vilas e cidades de todo o territorio da República. O acontecido onte e hoxe é máis ca unha mobilización cívica: é todo un plebiscito cidadán. Mais, por qué?.
Cando, no 2003, gaña as eleicións presidenciais fronte a Menem, Néstor Kirchner, cincuenta e tres anos, militante no caleidoscópico "xusticialismo" de tradición peronista, é, pra o caso, un descoñecido, malia o seu fecundo e progresista labor de governo local, primeiro, e rexional, despois, na distante Patagonia. Ninguén espera dil gran cousa. Consciente diso, na toma de posesión da Presidencia exprésase con moita humildade. E faino en plural, como xefe dunha equipa de governo. Di: "Somos hombres comunes con responsabilidades de mucha importancia: procuraremos estar a la altura de la Historia y de los tiempos". E abofé que il vaino estar.
O panorama económico, social e político arxentino é, naquil intre, caótico. Sabédelo ben. A economía está desfeita por unha política ultraliberal que, servilmente sometida ás consignas do imperio impostas polo FMI, desembocara no esperpéntico fiasco do "corralito", coa base produtiva destruída, as clases traballadoras no paro, o sistema social esfarelado e a miseria esparexida por ondequer. As clases populares autoorgaízanse ao límite da supervivencia. A lei do "punto final" garante a impunidade aos xenocidas de cando a brutal ditadura militar. A corrompida "clase política" pulverizou práticamente o Estado e as xentes porteñas bérranlle "Que se lisquen todos!".
Pois ben: en só catro anos de mandato, o Presidente Kirchner vai darlle a volta polo forro a esa situación de partida. Desterra o ultraliberalismo e enceta a recuperación do emprego e dos niveis salariais, o impulso á economía produtiva, o investimento público en capital social básico, a redución das desigualdades, a reconstrución do sistema de seguridade e benestar sociais. Rompe coa dependencia servil da metrópole imperial e do FMI e aborda a recuperación da soberanía económica e política. Renegocia vantaxosamente e cancela a débeda externa, con axuda de Venezuela e Brasil. Incita á mocidade a se reactivar e reorganizar e ábrelle espazos de protagonismo autónomo que lle foran choídos. Estimula a actividade do tecido asociativo e os movementos sociais. Dialoga constantemente coa sociedade civil. Xunto con Lula e Chávez plántanlle cara a Bush e fan abortar o seu proxecto do ALCA - a imperial Área de Libre Comercio Americana. Aposta, en troques, polo proceso de artellamento da América Latina, a empezar polo subcontinente sul - no intre da sua morte, era presidente de UNASUR. E o máis trascendental, o que a cidadanía mobilizada onte agradecíalle con máis énfase e emoción: o seu activo compromiso a prol dos dereitos humáns e a reabilitación da dignidade cidadá e nacional. Kirchner tivo o coraxe ético e político de promover e conquerir a abolición da lei que blindaba a impunidade dos xenocidas arxentinos, abrindo así paso ao procesamento dos que, na ditadura militar, cometeran crimes de lesa humanidade, e á reparación das vítimas, da sua memoria e dos seus familiares.
En só catro anos. Á inversa que eiquí, neste Reino de España da moi culta, civilizada e democrática Europa. Eiquí onde se acata sen remusgar o dictat do FMI. Eiquí onde a UE lámbelle os pes á metrópole imperial. Eiquí onde segue a non facerselles xustiza ás vítimas do xenocidio perpetrado polo fascismo franquista, e a maxistratura a reducir á indefensión aos descendentes delas que a reclaman. Pior aínda: eiqui onde os herdeiros ideolóxicos dos xenocidas conseguen que o poder xudicial castigue a un maxistrado por defender ás vítimas.
Eiquí, en fin, onde si que está "patas arriba" o mundo que, en América Latina, andan a póren en pé os arestora "restauradores" da democracia e a dignidade cidadás coma os Kirchner, Lula, Evo, Correa, Chávez, Lugo, Mugica. E Cristina, claro: con ela estaban todos, onte, conmovidos, solidarios e fraternos. Mísera España dos espellos cóncavos: nen sequer sabes ollarte no diáfano espello democrático desa América Latina que decretou o fin da impunidade. De toda e calquer caste de impunidade.
Nenhum comentário:
Postar um comentário