23/03/2012

A barbarie incesante

Diego Taboada Varela. Artigo tirado de Praza Pública (aquí). Diego Taboada é sociólogo, xornalista "free lance" e escritor. Naceu en Chantada o dous de febreiro do 79, viviu a diáspora galega a Suíza apenas aprendera articular palabra algunha e voltou á península Ibérica despois dunha transición silenciosa e desmemoriada. Foi colaborador habitual en Rebelion.org e Xornal de Galicia e traballou no departamento de in-comunicación e des-información do PSdeG-PSOE, experiencia que reforzou aínda máis a súa convicción de que a vida é un conto contado por un idiota, cheo de ruido e furia, que nada significa. Precisamente por isto, milita activamente na república das ciencias e das letras. Quere devolverlle o sentido ás palabras. Actualmente é integrante do Encontro Irmandiño.



A Albert Camus, "in memoriam"

España redobra o seu compromiso co escudo antimisiles: O goberno negocia con EE.UU a incorporación de fragatas españolas de última xeración". Así, con estas verbas, e cunha foto en portada da fragata Álvaro de Bazán, saía o diario ABC aos kioskos e librerías do Estado. Foi moi recentemente, o 29 de Febreiro. Xusto por riba deste titular, en letra marela e en cursiva, a declaración de intencions deste compromiso estaba máis que clara: Retorno ao atlantismo.

Se se abre o xornal pola páxina 28, encontrase un co seguinte encabezamento : "España negocia a participación das fragatas F-100 no escudo antimisiles. O ton do artigo, todo hai que dicilo, é meramente informativo e non está adubiado de retórica triunfalista. De tódolos xeitos, o que chama a atención deste artigo, é o seguinte, que reza xusto por baixo do titular:

  Dúas expresions chámanme a atención; a primeira, relativa á modificación do software dos buques. Un feito que me leva a concluir necesariamente que o que se pretende é unificar por completo o sistema de seguridade Euro-Norteamericano a través da unificación dos sistemas electrónicos que o activan. A outra expresión é a seguinte, o chamado proxecto de seguridade da OTAN. Proxecto que, se facemos un leve exercicio de memoria histórica, foi consultado en referéndum á sociedade civil española. Iso sí, con carácter estrictamente consultivo, non vinculante, non vaia a ser que os cidadans cometesen a imprudencia de votar todo o contrario ao que o PSOE, por aquel entón, e arrepentíndose do seu OTAN, de entrada, non, pregoou con fervente vehemencia a posteriori.

Despois de ler atenta e pausadamente o artigo, persoalmente, chego a un par de conclusions, a saber :

1-A vontade dos Estados Unidos por integrar a toda Europa no seu espazo de dominación xeo-estratéxica segue a ser manifesta. O pacto implícito no susodito proxecto de seguridade é moi claro : Nós, pola nosa banda, poñemos a electrónica, a tecnoloxía e o armamento e servímosvos en bandexa ao futuro inimigo ao que tiremos que temer no futuro -Irán ten agora tódolos boletos- e de quen tiriamos que defendervos. Vós, pola pola vosa banda, renunciades á vosa soberanía formal como estados e seguides aceptando as regras do xogo económico e financeiro, explícitas e implícitas, na mundialización do sistema liberal-democrático anglosaxón.

2-O sistema electrónico e tecnolóxico do espazo Euro-Norteamericano, así como a financiación público-privada necesaria para reproducilo, necesita, ao mesmo tempo, da converxencia e cooperación entre o ente estatal, o mercado e as universidades. Ou, dito dun xeito sinxelo, O trinomio Economía-estado-universidade, á hora de manter e reproducir un proxecto de seguridade que, explícita e implícitamente, aspira a manter o control e reprimir violentamente todo tipo de disidencia anti-sistémica, quer na sociedade civil, quer dentro dos estados rebeldes ás regras de xogo impostas por EE.UU, é evidente.

Ao meu modo de ver este feito non quere dicir que haxa que fuxir das institucions para que a sociedade civil se empodere politicamente, nin que haza que caer nunha inxenua crítica romántica á ciencia e a tekné moderna, ou que, ao mesmo tempo, haxa que refuxiarse nesa outra romántica e neo-hippie estupidez que confunde a ciencia económica co economicismo. Creo, honestamente, que temos que comezar a mirarnos ao espello: estar fora das institucions non nos fai máis puros e castos, estar dentro das institucions non nos convirte, necesariamente, en demos, e querer comprender a situación-contexto social dende un honesto racionalismo crítico non implica, de ningún modo, ter que caer en abstraccions totalizadoras.

As ciencias sociais, como as naturais, son un producto humano, demasiado humano, e poden -e de feito, son- ser susceptibles de ser utilizadas como instrumento de dominación. De aí, precisamente, a importancia de facer sempre o que nalguns artigos de Rebelion denominei como hermeneutica da sospeita. De aí, si, a tremendísima importancia da linguaxe.

Unha mostra da veracidade empírica, ou, se se quere, da ecuanimidade da miña primeira conclusión, é o feito de que os cinco destructores estadounidenses que se atopan na base naval de Rota, en Cádiz, o Arleigh Burke, o USS Ross, o USS Donald Cook, o USS Porter e o USS Carney, contan co sistema de combate AEGIS para seguimento de misiles balísticos: Exactamente o mesmo que empregan os destructores norteamericanos. Ademais, segundo fontes militares das que se serviu o autor do artigo, tan so é necesario unha mudanza no software dos buques para poder integralos no sistema de defensa anti-misil da OTAN. Ademais, en declaracions recentes, o secretario da US NAVY, RAY Mabus, recordou que as forzas navais de ámbolos dous países "comparten unha interoperabilidade considerable".

Para concluir, é necesario recordar en qué consiste a iniciativa Smart Defence, que non é outra cousa que o obxectivo de que os 28 países da OTAN busquen fórmulas para compartir gastos e minimizar o impacto dos recortes orzamentarios en defensa. Non deixa de ser dramático, todo hai que dicilo, que os Estados, os mercados e as universidades elaboren, conxuntamente, e cunha rapidez e capacidade organizativa abraiante, estratexias cooperativas para seguir reproducindo a chamada economía de guerra en tempos de paz, mesmo en momentos coma o actual, cando xa existe un consenso máis ou menos amplo sobre o carácter sistémico, estructural, das crises cíclicas do capitalismo.

Creo que esta expresión, que fai referencia á re-existencia permanente da chamada economía de guerra en tempos de paz -así como a evidencia empírica do carácter estructural, permanente, das crise do capitalismo- debería ser modificada pola seguinte expresión, que propoño a continuación e que, espero, nos faga reflexionar con máis precisión: Economía de guerra en tempos de crise perpetua.

Por moito que nos doa recoñecelo, creo que deberiamos aceptar :

1-Que a economía de guerra -así como a súa xustificación ético-moral baixo retórica legalista- é ao capitalismo, como modo de producción, o que o H2o é para a auga. Ou dito doutro modo: que a súa configuración socio-económica non pode persistir se non é a través da violencia legalmente xustificada pola formación socio-política e institucional que a acompaña: O estado moderno.

2-Que a crise civilizacional, o modus vivendi, por así dicilo, do capitalismo, foi, é e será algo consubstancial ao mesmo. A partícula elemental do asunto non é que as crises cheguen. A partícula elemental do asunto é que en crise, coa persistencia do modus vivendi que universaliza o capitalismo planetario, estivemos sempre.

Creo que sería ilustrativo consultar os documentos do Instituto Español de Estudos Estratéxicos, ligado ao Ministerio de Defensa, para familiarizarnos co tipo de linguaxe, imaxinarios e códigos que o conglomerado industrial-militar, en España, reproduce e transmite. No fondo, eu creo, é exactamente a mesma linguaxe e os mesmos códigos utilizados noutros contextos socio-culturais, aínda que se expresen nas linguas étnicas ou nas linguas nacionais, como queira chamárselles. Se este feito no nos convence de que o colonialismo -ou neo-colonialismo, ao gusto do consumidor-, como dominación que se fai patente en múltiples capas, -Económica, tecnolóxica, linguística, cultural, racial, de clase, de xénero, ideolóxica... etc- independentemente da intensidade e da forma na que se materializa en cada xeografía do planeta, é consubstancial ao capitalismo, e se este feito, tamén, tampouco nos convence de que esta dominación non é só externa ao suxeito, senon tamén interna, no plano cognitivo e afectivo, recoñezo que non sei nin quero aportar argumentos diferentes nin novos. A día de hoxe, estou firmamente convencido disto.

Como futuro obxecto de desexo xeo-estratéxico, e polo tanto, como futura nova ameaza de occidente, Irán ten tódolos boletos para facerse en breve co papel do novo malo da película, sobre todo se persiste en non ceder e remarcar a súa soberanía nuclear. Dende aquí, dende o ecosistema mediático-político de occidente, resúltame imposible facer visibles as voces que, seguramente, na sociedade civil de Irán, opóñense non só ao programa nuclear da tecnocracia estatal do seu país, senon tamén á enerxía nuclear en sí mesma, cuxa producción non ven motivada pola demanda de consumo civil, senon pola vontade de dominación xeo-estratéxica, tanto nesa xeografía que denominamos abstracta e xeralmente coma occidente, coma no resto. E digo que me resulta imposible, sobre todo, polo meu total descoñecemento do árabe, outro termo abstracto e xeral para designar a un macro-sistema linguístico que integra a moitas outras variedades.

A vontade de dominación imperial de EE.UU sobre a UE, persiste, e a participación das nosas mal chamadas democracias modernas, ou, alomenos, de boa parte da súa élite de tecnócratas e políticos profesionais, é manifesta. A pregunta que, creo, colectivamente, e a fectos prácticos, deberiamos formularnos, é a seguinte:

Que capacidade de influencia ten a sociedade civil para frear esta brutal escalada sen fin de chantaxes mutuas entre estados, coa tecnoloxía militar e a enerxía nuclear coma instrumento? Como poderemos enfrontarnos a esta espiral constante de producción de odio e terror mutuo?

Espero que o posible silencio ante estas preguntas sexa o principio dun debate necesario.

Nenhum comentário: