26/03/2011

Derradeira elexía polas caixas

Xavier Vence en Xornal



Cando un está diante dun paso irreversible do alcance que significa entregar –ou que entreguen por nós– unha entidade financeira cuxos activos equivalen a 1,5 veces o PIB de Galiza, con máis de 2,5 millóns de clientes, 23.250 pemes, 140.000 microempresas, 132.000 autónomos, participando no capital dunhas 250 empresas... Non se pode máis que sentir unha profunda sensación que mestura vertixe, decepción e carraxe a partes iguais. Esa ferramenta que xestiona máis do 40% do aforro dos galegos e concede bastante máis do 50% dos créditos, de súpeto é obrigada a dar un paso que significa romper o cordón umbilical que a vencella ao país, emprendendo un camiño de difícil retorno. Mutar de caixa a banco non é un simple cambio de figura societaria senón facer entrega da súa propiedade a accionistas que, sexan de onde sexan, só buscarán o reparto de beneficios a curto prazo, mudando de forma substancial a lóxica e modelo de negocio, rompendo os vencellos co tecido social e produtivo deste territorio. Por non falar da desaparición de numerosos postos de traballo ou unha obra social e cultural que vai desde a organización directa de múltiples exposicións, concertos, patrocinio de grandes instalacións culturais, deportivas ou educativas até o patrocinio dunha miríade de pequenas actividades en todos os recunchos do país.

Todo iso é algo que irá esmorecendo de xeito máis ou menos rápido nos vindeiros meses e anos. Pola súa capilaridade ninguén o sentirá como un golpe radical pero silandeiramente irá facéndonos a todos máis pobres, en todos os sentidos. E isto dito, por se houber algunha dúbida, por alguén que nunca recibiu delas un can e que ten sido crítico con moitas das súas actuacións pero que, ao mesmo tempo, é quen de entender a relevancia e amplitude do labor realizado. E, sobre todo, a potencialidade para facer moitas máis e mellor. O certo é que todo iso é algo que, como sociedade, empezamos a perder desde o día en que NCG transfira o seu negocio e o seu capital a un banco e perderemos definitivamente o día en que ese banco sexa propiedade maioritaria de outros bancos e fondos.
Debo dicir que o que máis me descorazona é a irresponsable sumisión das sucursais dos dous grandes partidos estatais aos ditados dos poderes centrais, que, por súa vez, só obedecen aos intereses da gran banca e grandes fondos así como a un sedicioso neocentralismo que aspira a concentrar e controlar todas as pancas de xeración de riqueza e poder no estado español, a costa de estrangular a capacidade de acumulación e desenvolvemento da periferia, polo menos daquela que se deixa.
Descorazona que o empresariado deste país teña tan pouca clareza e conciencia dos seus intereses estratéxicos como para non converter isto nun auténtico casus belli. Descorazona que ese empresariado e outras forzas vivas sexan quen de erguer barricadas para estúpidas batalliñas localistas e fraticidas pero sexan incapaces de falar alto e claro cunha única voz cando outros nos rouban o xoguete.
Descorazona que os centros de creación de opinión económica do país bailen a corda dos lobbys de opinión da banca madrileña e conviden a desfilar e impartir doctrina ao seus voceiros. Ou que os centros de estudos das propias caixas, coma o CIEF, non dixeran aínda unha palabra neste debate. Descorazona unha Xunta que é incapaz de defender as súas competencias ou renunciar a investimentos non perentorios –non sei que desdobramentos de autovías e outros semellantes– e endebedarse no que for preciso para inxectar capital suficiente na caixa para preservar a a súa función e galeguidade, con control público.
En fin, temos o xusto pago por ser unha sociedade sen pulso propio, cunha elite gobernante vicaria e silenciada polo simple temor a perder unha esmola ou unha franquía.
Neste caso o que o ánimo me pide é deixar a economía e virar melancolicamente cara a poesía e, nese sentido, nada máis axeitado que aqueles versos de Manuel Antonio que son un auténtico SOS, con aquel poema que empeza así:

“Fomos ficando sós
o Mar o barco e máis nós...”
e remata con desgarradora afouteza:
“E fomos ficando nós sós
sin o Mar e sin o barco
nós”.

Nenhum comentário: