30/04/2011

Goberno anano, goberno de ananos


Imaxe tomada do blog Reptocracia


Xavier Vence Deza

Os dados de paro, consumo e investimento do último trimestre revelan, unha vez máis, o fracaso das políticas chamadas de austeridade que, como vimos denunciando desde hai ben tempo, son pro-recesivas e pro-estancamento. Galiza alcanza o récord dos 226.000 parados na EPA (os rexistrados son xa 250.000); 26.000 máis que hai un ano, mesmo perdendo outras 4.500 persoas en idade activa. Xa poden retorcer as cifras e facer as comparacións que queiran que iso nin alivia nin permite ocultar o estrepitoso fracaso das políticas quer do Goberno Central quer da Xunta de Galicia.
Pero a peor debacle é a indolencia dos responsables políticos, supostamente colocados aí para enxergar solucións pero cuxo único programa parece ser a resignación e máis recortes: en investimento público, educación, sanidade, I+D... Semellan crer que todo se arranxa cun goberno máis pequeno. Efectivamente, para quen non ten proxecto todo goberno é malo, sexa grande ou pequeno. Para quen chega ao goberno sen programa, o discurso da austeridade pode ser unha boa coartada pero a cidadanía, por moito que se lle adoutrine, pronto empezará a preguntar para que serve un goberno. Non será só para aforrar ou contentar aos aduladores e clientes intereseiros das redes gubernamentais!
Iso e non outra cousa explica que os cidadáns sitúen aos políticos na enquisa do CIS como o terceiro problema do país. Ninguén pode entender que se paralice e estrangule a principal empresa do país; ninguén pode recomendar a unha empresa que non pida un crédito para investir nun proxecto con futuro, que vai satisfacer unha necesidade clara. Iso si, nos momentos de dificultade –e sempre– o que si deberá ter claro quen estea á fronte da principal empresa do país é a escala prioridades: seguir facendo autovías cara ningures porque hai florentinos que piden negocio ou manter e mellorar o investimento en talento, innovación, cultura e saúde da poboación?
O certo é que ese ananismo achanda o terreo para outros recortes asimétricos. Os ingresos salariais caen e o consumo minorista diminúe nun 8,6% no último ano (mesmo un 5,5% en alimentación), ao tempo que os prezos soben un 3,8% grazas ás políticas de prezos consentidas aos grandes oligopolios (eléctricas, petroleiras, telefónicas, etc) e a suba dos regresivos impostos indirectos (IVE, Canon de auga, Tabaco, etc).
Con razón eses oligopolios presentan abultados beneficios e renden altos dividendos aos accionistas (incluída a banca e os fondos) e fabulosos soldos aos altos executivos: 9,2 millóns de euros para A. Sáenz, 5,3 para F. González, 3,8 para Botín, uns 8-9 para Alierta ou 36 para Florentino Pérez. Iso a maiores dos dividendos! En fin, se estes señores precisan “máis confianza”, como pregoan Feijóo e Rajoy, habería que empezar a pensar que o problema seu é de tal calibre que nin unha prolongada terapia da psiquiatría máis agresiva podería devolverlles a tal estado.
Alguén terá que explicarlles a eses señores que a crise tamén vai con eles; máis aínda, que o modelo que lles permitiu acumular fortunas fabulosas en tempo récord é insostible e inviable a longo prazo. E nos lles quedará outra que aceptar uns tempos de negocios menos fulgurantes e máis pegados á creación de riqueza real e, mesmo, asumir un certo sacrificio reinxectando parte da súa fortuna para realimentar o fluxo de actividade, emprego e salarios que permitan unha recuperación se non queren poñer en perigo o propio edificio no que se asenta a súa inmensa fortuna e arriscarse a desenlaces máis traumáticos.
Porque niso tamén discrepo de Feijóo e Rajoy, o problema é que ese 0,1% da sociedade está tan apoltronada na pirámide do poder que posiblemente padeza un síndrome de exceso de confianza. É posible que chegaran a crer que a corda pode tensarse indefinidamente pero, a pesar das apariencias, eu deles non estaría tan seguro.

Nenhum comentário: