Manoel Santos en Galicia Hoxe.
O pasado 12 de marzo a mocidade portuguesa saiu ás rúas para protestar pola súa situación de precariedade, que inclúe o desemprego e o "quinhentoseurismo", e para esixir a políticos, empregadores e a si mesmos actuacións conxuntas para mudar unha realidade insustentábel, como definía o breve pero exitoso manifesto da Geração á Rasca. A protesta xurdiu dunha convocatoria de tres mozos e unha moza no Facebook e disque xuntou a 500 mil persoas.
Hai uns días eses catro fundadores, como lles chaman en Portugal, anunciaban a creación do Movimento 12 de Março, con reivindicacións máis concretas -inclúen unha auditoria independente da débeda por non se fiaren do FMI e a UE- e artellado con outros que se están a espallar por Europa, dende o Reino Unido a Grecia, como Uncut.
Unha iniciativa similar, Democracia Real xa!, estase a organizar tamén dende as "redes sociais" para o 15 de maio no Estado español, existindo xa mobilizacións programadas na Coruña, Santiago, Vigo e Ourense co lema "Non somos mercadoría en mans de políticos e banqueiros".
Despois de repasar os seus manifestos e algunhas das súas propostas, xórdenme dúas preocupacións. A primeira fai referencia a se o obxectivo real destes movementos, que por agora máis que incómodos para o poder resúltanlles -acho que pola súa procedencia non antisitémica- simpáticos, non é un regreso á insolidaria opulencia na que vivimos todos estes anos. Isto é, á insustentábel situación anterior á crise. Malia que se albisca a procura dunha sociedade máis xusta consigo mesma -dereitos cidadáns, control da especulación financeira, democracia participativa, redución de gastos militares...-, non atopo ren sobre dous dos principais eixes rectores que entendo debería ter un movemento superador do nocivo sistema actual: a xustiza social cos demais habitantes do planeta e a xustiza ambiental. Non atopo, desgrazadamente -e exclúo algúns sectores de Uncut-, ningunha liña que cuestione con contundencia o noso modelo de crecemento infinito, cimentado sobre todo na explotación do Sur e nunha destrución ambiental irreversíbel.
A segunda preocupación ten que ver co afastamento existente entre os e as activistas que levan anos a denunciar o sistema vixente e estes novos movementos. Os primeiros, entendo eu, ven nos segundos unha manchea de xente que, ao cabo, loita só de xeito puntual polo seu cu, como se diría en bo galego. Por certo que a ausencia do galego nos blogs de Democracia Real Ya! da Coruña e Vigo está tamén sen dúbida entre as causas do antedito afastamento na Galiza, por canto o activismo galego tradicional é maioritariamente galeguista -en sentido amplo- e desconfía, case sempre con razón, das iniciativas importadas de Madrid. No entanto, o feito tamén delata que, como me comentou o Tone, egrexio activista, hai uns días: "mentres no país seguimos a agardar o movemento deseñado ao noso gusto e con acaído perfil ideolóxico, (partes d)a sociedade móvense e adiántannos... o que está por ver é se pola esquerda ou pola dereita"..
Nenhum comentário:
Postar um comentário