Tantos esforzos dedicados a preservar o carácter público -parapúblico ou semipúblico- das caixas de aforro e o seu enraizamento no territorio -a galeguidade no noso caso- , para ao final correr o risco de quedarnos sen caixas.
Ao inicio do proceso a folla de ruta deseñada en Madrid -Banco de España, Goberno de España, PSOE, PP, e a patronal bancaria- tiña como obxectivo final que os grandes bancos se repartisen a torta apetitosa das caixas.
En 1977 o chamado decreto Fuentes Quintana liberou ás caixas de aforro de dúas limitacións importantes ás que ata aquel momento estaban obrigadas. Unha, a cobertura xeográfica na que podían actuar. Dúas, as derivadas das necesidades de equilibrio entre o volume de operacións de activo e o de operacións de pasivo. E dicir, acercou moito máis o modelo de negocio das caixas ao modelo de negocio dos bancos.
A partir dese momento, os bancos pasan a considerar ás caixas de aforro como competidores directos e, en certa medida, competidores desleais. Desde entón, non perderon oportunidade de presionar ao poder político para que, por unha ou outra vía, se abrise a posibilidade de que as caixas de aforro se privatizasen e así poder acabar absorbendo eles a cada vez máis importante cota de mercado que estaba en poder das caixas de aforro e que entendían que lles pertencía.
Por outra banda, esa liberalización do modelo de negocio das caixas foi o inicio de espectaculares procesos de crecemento tanto dende o punto de vista xeográfico como de volume de negocio. Crecemento que non sempre foi xestionado coa suficiente cautela e profesionalidade. O resultado final é unha concentración de riscos desorbitada no sector inmobiliario e unha dependencia excesiva dos mercados financeiros maioristas para conseguir liquidez coa que seguir financiando as operacións de activo.
A concentración de riscos fai desconfiar a eses mercados internacionais que nunca entenderon moi ben a estrutura do sistema financeiro español e as peculiaridades das caixas de aforro dentro do mesmo. Esixen, polo tanto, ao conxunto da banca española medidas de maior solvencia -máis core capital e mellores resultados nos strees test- [cuxos resultados, os do strees test, foron en todo caso dos mellores dos estados europeos analisados na altura, de seren certos os dados fornecidos que nos achamos que nom o eram no caso de nengumha entidade de nengum país; N. B.].
Diante destas esixencias, a banca privada española séntense prexudicada por esa mala imaxe global internacional e entende que a mesma é consecuencia fundamentalmente das malas rateos das caixas de aforro. Por iso, esixen ao goberno que tome medidas a respecto das caixas que contribúan a mellorar esa imaxe diante dos mercados internacionais. Medidas que son as que acaba de anunciar onte o Goberno de España.
Nestes últimos dous anos, consecuencia da crise e da pésima situación da gran maioría das caixas de aforro, o obxectivo da gran banca española -Santander e BBVA- cambiou. Semella que xa non teñen ningún interese en fagocitarse as caixas -estarían adquirindo un volume inxente de operacións de activo de dubidosa recuperación, unhas elevadas taxas de morosidade que sumar ás súas propias, unha rede de oficinas excesiva e, en moitos casos, redundante coa súa propia e unhas plantillas de persoal excesivas e innecesarias-. Nestes momentos o interese real da banca está en que as caixas desaparezan e que se libere esa enorme cota de mercado para ser captada sen dificultades polas súas propias redes.
Con este panorama a única saída é a inxección de diñeiro público -nacionalización- nuns negocios de máis que dubidosa viabilidade, coa pretensión improbable nestes momentos, de posteriormente privatizalas, en calquera caso a prezos de saldo. Ou sexa que, como case sempre, este desaguisado pagarémolo vostede e máis eu.
Nenhum comentário:
Postar um comentário