Xa non é preciso gastar máis liñas en denunciar a irresponsabilidade dos controladores aéreos. Xa toda España os condenou á fogueira; iso si, non está moi claro se foi pola súa irresponsabilidade, polas súas remuneracións ou pola chulería de non agachar a orella cando todo o mundo está a aceptar mansamente que lle recorten salarios, dereitos, servizos públicos, pensións... Hai unha certa tendencia dos mansos a aplaudir ao poder cando somete aos que con fachenda defenden os seus intereses.
Eu, que quedei tirado en Stansted polo peche de Lavacolla o día 2, para acabar voando o día seguinte desde Heathrow a Alvedro con outro billete e outra compañía, non vou botar nin un garabullo á cacharela dos controladores. Máis aló do incomodo e do balbordo quero ver o fondo do problema: a privatización de AENA, a concesión da explotación dos aeroportos e a privatización do control aéreo, aprobadas unhas en maio e outras ese mesmo venres e das que case ninguén fala. Iso é xusto aquilo do que o Goberno e os propietarios dos medios de comunicación decidiron non dicir nin pío, con excepción da prensa económica que se dirixe a outro público. Xa sabemos que no país do fútbol e os touros o que mellor satisfai á opinión pública é a testosterona: hai que meter na cadea a esa manda de “funcionarios” privilexiados e, aínda por riba, chulos e irresponsábeis. Para qué pararse nas miudezas dos pasos para entregar os aeroportos ás grandes construtoras, domesticando previamente os soldos e condicións laborais dos traballadores –non só dos controladores– e colapsando un cadro de persoal que non medra desde hai anos a pesares do forte aumento do tránsito aeroportuario. A insidiosa política de reducir persoal nos servizos públicos, impedindo mesmo a reposición das xubilacións (tan só un 25% e desde 2011 o 10%), acaba conducindo ao colapso e ao desprestixio do sector público –tamén na educación, na sanidade... Nos dez últimos anos o tránsito aéreo duplicouse e o número de controladores permaneceu estancado, diminuíndo mesmo no último ano. Como consecuencia, só as horas extra poden suplir as carencias de persoal –para escarnio dese 20% de parados–, coa complicidade intereseira dos que estando dentro poden así levantar sobresoldos. E cando a xornada anual se esgota, hai que tirar de real decreto para prolongala e militarizar o servizo para garantir o cumprimento en réxime de excepción. É obvio que nin AENA nin o Ministerio foron collidos por sorpresa con ese colapso previsible. Pola contra, hai motivos para pensar que se trataba dun desenlace buscado para crear un estado de shock na sociedade, habelenciosamente administrado desde o punto de vista mediático, que permitise tomar e lexitimar calquera tipo de medidas. Como así está a ser. Creo, pois, que este non é un filme de bos e malos, como gostan a Rubalcaba; aquí faltan os bos.
Cómpre falar do recorte de persoal nos servizos públicos e das privatizacións en marcha, que Blanco se empeña en levar adiante en dura competencia cun PP corroído polos ciumes de non ser eles os protagonistas. As grandes construtoras son parte dese poder que uns e outros se afanan por cortexar e satisfacer. Pero as consecuencias das privatizacións haberá que discutilas. Como se sabe, no Reino Unido xa teñen algo de experiencia –igual que coas taxas universitarias. Por acaso, Stansted e Heathrow son xestionados por Ferrovial (BAA) e calquera que por alí pase pode valorar o estado das instalacións e dos servizos e poñelos en comparanza co peor dos aeroportos españois. Terceiromundismo pensado para maximizar o tempo de estadía nas tendas, unha das fontes do lucro da concesión e o único realmente coidado.
Estes días vivimos en “estado de alarma” e falouse de “cidadáns secuestrados ou reféns”. Por desgraza algo diso pode estar a ocorrer pero creo que o verdadeiro secuestro vén da man das grandes construtoras que teñen convertido ao Ministro de Fomento no seu axente comercial, a costa do desvalde do patrimonio público acumulado nas infraestruturas que vai privatizar a prezo de saldo (falan de 8 mil millóns de euros e só a T4 custou 6.400 millóns e El Prat 3.200) ou do multimillonario programa de obras públicas executadas con esa fórmula de partenariado público-privado coa que a sociedade correrá por moitos anos co pago de intereses e rendas a ese capital financiador (americano, chinés ou xaponés...) e que van garantir lucrativa carga de traballo para as grandes construtoras. Na mesmiña lóxica coa que Feijóo licita hospitais con financiamento privado inflado e licitará outros 500 millóns de euros que endosará ao lombo de todos os galegos con operacións fóra de orzamento.
Non estaría mal que a cidadanía abeirase por un momento o balbordo dos controladores e acendese as alarmas polo insidioso golpe ao seu patrimonio colectivo e ao seu benestar.
Nenhum comentário:
Postar um comentário