Dicíavos o día pasado que a crise que estabamos a aturar arestora os cidadáns do común en todo o planeta -poisque os magnates do "fascismo financeiro" non só non a padecen, senón que fan nela o seu agosto- era unha "crise de hexemonía": a fase crítica do "longo declive" dos USA como metrópole hexemónica do actual sistema-mundo globalizado. Crise anunciada dende hai ben tempo, mais só polos analistas sociais máis lúcidos, todos "heterodoxos", e non pola imensa grea de runfantes apoloxistas imbéciles do ultra-liberalismo, que teimaron en proclamar a saúde de ferro e pronosticaren a eterna perdurabilidade do sistema até o dia mesmo do infarto de Wall Street.
Por certo que estou a lembrarme neste intre da certeira diagnose formulada vai xa pra dez anos por Emmanuel Todd -que anda lonxe de ser un anti-capitalista- nun seu libro que foi best-seller, mais os imbéciles desprezaron, claro está: Après l'empire, elocuentemente subtitulado Ensaio sobre a descomposición do sistema americano, onde ousaba afirmar, por caso, que "o seu poder de coerción militar e económica é insuficiente para manter o nível actual de esplotación do planeta", que a outrora "hiperpotencia autónoma" (dende 1945) volvérase "unha especie de burato negro", e máis que, mesmo militarmente, "indiscutíbelmente eficaces no plano aeronaval, as forzas armadas [ianquis] non poden, porén, controlar direitamente o espazo xeográfico no que se producen as mercadurías ou sórbense as masas financeiras necesarias para os USA". Mais non é o acerto de pronósticos coma ise o que me interesa comentarvos hoxe, senón enfiar coa miña glosa das analoxías co proceso de declive da hexemonía británica iniciado coa "crise finisecular" do XIX. Xa que logo, quixera darlle hoxe duas pinceladas máis ao boceto encetado o día pasado.
A primeira refírese á relación de delambas crises de "transición hexemónica" -a británica de hai un século e a ianqui de arestora- con correlativos procesos bélicos: relación que considero moi siñificativa no tráxico contexto actual do "ultra-liberalismo belicista", aberto polo Bush II co seu perverso invento paranoide das "guerras preventivas" contra o suposto "eixo do mal". E neste ponto botarei man, non de Arrighi, como fixera anteriormente, senón de Inmanuel Wallerstein -ou sexa, da outra interpretación, en parte alternativa e en parte complementaria, das forzas motrices dos ciclos hexemónicos.
Sinala Wallerstein que, nos tres casos de posicións hexemónicas históricamente sucesivas no modern world system -holandesa, británica e ianqui- a hexemonía é o resultado de prolongados períodos de expansión competitiva, que dan como resultado "unha particular concentración de poder económico e político", através dun proceso no que o ascenso da potencia emerxente opérase, de maneira sucesiva, primeiro no eido da produción, logo no do comercio, e finalmente no das finanzas. Na fase culminante, a hexemonía sobrancea no conxunto deses tres eidos ou esferas económicas -produción, circulación mercantil e circulación do capital-diñeiro. E precisamente -reparade nisto- o eido das finanzas, ou sexa os mercados financeiros, será a cidadela que o estado hexemónico, na fase do seu declive, manterá como derradeiro reducto da sua hexemonía.
Mais -afirma Wallerstein- a hexemonía só resultará asegurada meiante a vitoria nunha "guerra mundial" de tres decenios de duración: a Guerra dos Trinta Anos (1618-48) para o caso da hexemonía holandesa; as Guerras Napoleónicas (1792-1815) para o da británica; e as que il denomina Guerras Euroasiáticas (1914-45) para o da norteamericana. "As fronteiras económicas do vencedor -engade- expándense mercede ao proprio proceso da guerra, e os acordos interestatais de postguerra están deseñados para fixaren esas fronteiras ampliadas e protexelas descontra a erosión". Pero, asemade, eses acordos postbélicos instauran algunha modalidade de "liberalismo global" destinado a impór "o principio da libre circulación dos factores de produción por tódolos recantos da economía-mundo". De xeito que o "liberalismo global" cumple a dobre función de afortalar o dominio da potencia hexemónica no seu espazo, e máis de "deslexitimar os esforzos de calisquer outros aparellos de estado para actuaren contra a superioridade económica" desa potencia. Seméllame abondo elocuente de seu para precisar calquer caste de comento adicional que o proxecte no panorama da nosa contemporaneidade.
A segunda e breve pincelada só tenciona suliñar que o fenómeno da chamada "finanzarización" non é de ningún xeito peculiar da crise actual: lonxe diso, é característico -como incidentalmente adianteivos máis arriba- da potencia hexemónica en declive: precisamente na etapa de crise da sua hexemonía, e correlativamente á sua perda da hexemonía na esfera da produción e a circulación das mercadurías -ou sexa, da economía real.
Aconteceu en tódolos procesos de transición hexemónica ao longo da idade moderna. Para o caso holandés, Arrighi e Silver -retorno agora a iles- encabezan o epígrafe que lle consagran con este ben expresivo rótulo: As altas finanzas, derradeiro refuxio da hexemonía holandesa. Mais eu vou referirme escuetamente só ao caso do declive británico. Como xa vos dixera, ese declive ten como ponto de partida 1873, e a sua primeira fase abrangue o período que foi denominado Gran Depresión de 1873-96 -moito antes de apelidárese dese xeito á dos anos trinta do s. XX. "Durante a depresión -esprica Arrighi- intensifícanse as rivalidades entre os grandes poderes, emerxen complexos industrial-militares demasiado potentes como para que Gran Bretaña poda seguir controlando a sua tradicional política de balance-of-power": en consecuencia, esa primeira fase crítica determina a perda pola Gran Bretaña do seu consabido rol de "obradoiro (industrial) do mundo".
Mais, en troques, non acontece o mesmo na esfera da circulación do capital-diñeiro, ou sexa, no que atinxe á posición hexemónica como mercado financeiro central do sistema. Outravolta Arrighi: "Deica a Iª Guerra Mundial, a difusión do industrialismo e do mercantilismo non fixo minguar o rol da Gran Bretaña como cámara de compensación do sistema capitalista mundial. Pola contra: foi precisamente nese período de ocaso da sua supremacia industrial cando Gran Bretaña máis se beneficiou de ser o centro nervoso do comercio e as finanzas mundiais". E, citando a Hobsbawn, Arrighi conclue: "Mentras as suas industrias se afundían, as suas finanzas trunfaban, os seus servizos de intermediación no sistema mundial de pagos tornábanse máis indispensábeis. Nefeito, se algunha vez foi Londres o verdadeiro eixo do mundo, e a libra esterlina o seu pear, iso aconteceu entre 1870 e 1913". Claro que, ao ano seguinte, estoupaba a primeira Guerra Mundial. Tampouco eiqui semella preciso ningún comento translativo desa crónica dunha catástrofe anunciada ao noso contexto actual. Coido eu -non sei vós.
Nenhum comentário:
Postar um comentário