Pode ser que sexa na inmigración onde o conceito de cidadanía presente maiores dilemas conceptuais, por una banda a diferenciación entre cidadanía e nacionalidade e por outra, tal vez máis evidente na análise académica pero menos na realidade, entre a lóxica dos dereitos e a lóxica dos mercados.
Se mesturamos un e outro dilema chegaríamos rápido á conclusión de W. Bello sobre que os dereitos dos inmigrantes deben ser orientados cara a dúas frontes: “terminar coas políticas neoliberais responsábeis de ter xerado pobreza nos seus países de orixe, forzándoos a emigrar, e demandar que se lles outorguen plenos dereitos nos seus países de acollida”.
Gostaríame traer a colación disto un parágrafo que J. A. Zamora tira coma conclusión dunha aportación de Zicone: “Poderíamos dicir que o trato que se lle da aos inmigrantes representa un paradigma extremo da supeditación da lóxica cidadá dos dereitos á lóxica do mercado, antes que ser vistos como suxeitos de dereitos, son vistos como mera forza de traballo, que o mercado demanda en condicións de vulnerabilidade, precariedade, debilidade política, etc. E o Estado congruentemente contribúe a producila. De aí a necesidade de perceber con claridade que é o que realmente está en xogo nas políticas de inmigración, e non só para os inmigrantes”.
Que é o que está en xogo? En verdade está en xogo o proprio conceito de cidadanía e a súa supremacía en relación coas necesidades do mercado. O mercado nos tempos do capitalismo ultraliberal no que vivimos, non atende a ningún tipo de dereitos civís, en suma, esta relación das persoas no sistema mundo re-sitúa novamente a concreción entre o nacionalismo cívico e o nacionalismo étnico, ou noutras palabras na configuración dos límites do pobo (demos), como suxeito colectivo de pleno dereito.
A nova reforma laboral, nunha metáfora pouco alonxada da realidade está a tratar aos cidadáns de pleno dereito como inmigrantes (ou como diría Arend, “suxeitos sen dereito”) na relación cos asuntos públicos que ao mercado atinxe.
A lóxica ultraliberal crea unha inestabilidade e desregularización en todo o que ten que ver na defensa dos dereitos de cidadanía política, sendo a primeira a garantía da existencia material, porque coma di a tradición republicana, sen unhas condicións materiais para a existencia, a liberdade está eliminada do relatorio dos dereitos civís, non pode haber liberdade sen o dereito a existir, e as condicións da existencia material das persoas está vencellado ao influxo dos mercados, por iso, no fenómeno migratorio isto faise evidente, como apuntaba ao comezo citando a W. Bello.
Hai aproximadamente un ano, Evo Morales dicía que os problemas de cohesión social que sufre Europa non eran culpa dos migrantes, senón o resultado do modelo de desenvolvemento imposto polo norte, que destrúe o planeta e desmembra as sociedades. Agora que semella que os fluxos migratorios diminúen nun período de crise, isto evidénciase, aínda máis, ás portas dunha nova folga xeral.
O discurso do capitalismo na materia de inmigración levou a, se ben permitir que socialmente se percibira ao inmigrante como un ser humano, que nesta percepción existiran un conxunto de categorías coma ilegal, extracomunitario, clandestino, irregular, etc…, que o despoxan realmente desta condición de “igual” e o estigmatizan negativamente como non-cidadán.
Tarde aprenderemos a leción, senón somos capaces de identificar as feblezas políticas en materia de inmigración como feblezas que tratan a mesma condición de cidadáns e cidadás na súa relación coa regulamentación do mercado, independentemente da nacionalidade, foi e é o mercado na súa primacía sobre a política a que leva a este tratamento denigrante dos inmigrantes, do mesmo xeito que agora en tempos de crise económica repercute na condición e devaluación dos dereitos civís. Cando en diversas campañas nestes últimos anos, moitos lemas ían na liña de “inmigrantes somos td@s”, pouca xente podía decatarse do que realmente se estaba a dicir, agora pode que se lemos iso, nos identifiquemos todas e todos máis no trato que recibimos como cidadáns de pleno dereito por parte do mesmo mercado que subxuga ás soberanías dos Estados nación.
Nenhum comentário:
Postar um comentário