26/11/2013

UE: o auxe dos partidos de extrema dereita é un eco escalofriante da década de 1930

John Palmer. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido para o galego por À revolta entre a mocidade. John Palmer foi o editor europeo do The Guardian e fundador e director do European Policy Center.


Un antídoto contra a extrema dereita require que a esquerda europea articule e desenvolva unha alternativa global ao estancamento económico, a crecente disparidade de renda e riqueza e a degradación dos nosos dereitos sociais, liberdades civís e dereitos democráticos.

Despois de restar importancia ás súas simpatías fascistas, a extrema dereita reaparece, despois dun lavado de face de relacións públicas. Hai que frealos a tempo.

Desde a crise bancaria mundial en 2007, os comentaristas de todo o espectro político predeciron con toda seguridade non só o inminente colapso do euro, senón a implosión inevitábel, máis pronto que tarde, da propia Unión Europea. Nada diso ocorreu. Porén ben é certo que o proxecto europeo, que se iniciou despois da devastación da Segunda Guerra Mundial, enfróntase á ameaza máis grave da súa historia. Esa ameaza prefigurouse escalofriantemente esta semana co lanzamento dunha alianza pan-europea de partidos de extrema dereita, encabezada pola Fronte Nacional francés e o Partido da Liberdade holandés liderados por Marine Lle Pen e Geert Wilders respectivamente, que se xuramentaron para acabar con "o monstro de Bruxelas".

É evidente que o crecemento do apoio aos partidos de extrema dereita, anti-europeos, e contra os inmigrantes foi alimentado pola peor recesión mundial desde a década de 1930:  o desemprego masivo e a caída dos niveis de vida, agravado pola obsesión derrotista pola austeridade dos líderes europeos. Os partidos que se escondía nas sombras, disimulando as súas simpatías co fascismo e o nazismo reapareceron, despois de lavarse a cara nunha operación de relacións públicas. Marine Le Pen, a  dirixente do FN francés, minimiza o rexistro antisemita do seu partido. O líder da extrema dereita holandesa arou un asuco lixeiramente diferente, mobilizando o medo e a hostilidade non contra xudeus, mais si contra os inmigrantes musulmáns. Do mesmo xeito que Le Pen, Wilders esta obsesionado por unha suposta ameaza cosmopolita da Unión Europea á identidade nacional. É un coro do que se fan eco noutros países o Partido Popular danés, o Partido Finés e o Vlaams Belang flamenco, entre outros.

Os populistas franceses e holandeses están a manter coidadosamente a distancia, polo momento, de partidos abertamente neo-nazis, como Amencer Dourado en Grecia, cuxas milicias paramilitares (Sturmabteilung) aterrorizaron aos refuxiados e inmigrantes en Grecia, e aos fanfarrones húngaros de Jobbik, que acosan á minoría romaní.

Segundo algunhas enquisas, a extrema dereita podería gañar case un terzo dos escanos do Parlamento Europeo nas próximas eleccións de maio de 2014. Os partidos de centro - democristiáns, socialdemócratas e liberais- seguirán tendo moitos máis eurodeputados. Pero á hora de formar unha maioría críbel no Parlamento Europeo, todos estes partidos poderían verse obrigados a unha cohabitación cuxa proximidade non é precisamente o mellor para a democracia.

Tal situación lembraría inquietantemente a 1936, cando o centro e a esquerda - sobre todo en Francia - frearon temporalmente o apoxeo do fascismo á conta de crear unha coalición sen principios e ineficaz. A súa caída en vésperas da Segunda Guerra Mundial acelerou a chegada do réxime colaboracionista de Philippe Pétain. A historia non adoita repetirse de forma automática, pero sería absurdo correr o risco.

Máis preocupante que o crecemento da extrema dereita son os xestos apaciguadores aos racistas e anti-inmigrantes dos principais políticos conservadores e mesmo demócratas liberais e dalgúns dos novos ideólogos populistas do "laborismo azul". A advertencia dos David Blunkett e similares de que a hostilidade cara aos inmigrantes xitanos podería dar lugar a unha "explosión" popular lembra a retórica de Enoch Powell.

Un antídoto contra a extrema dereita require que a esquerda europea articule e desenvolva unha alternativa global ao estancamento económico, a crecente disparidade de renda e riqueza e a degradación dos nosos dereitos sociais, liberdades civís e dereitos democráticos. Pero esa alternativa ten que construírse tanto a nivel nacional e local como europeo, así como, e requirirá máis, non menos, integración europea.

O tempo esgótase, non só para os socialdemócratas europeos, senón tamén para a esquerda socialista en xeral e os verdes, para demostrar que poden crear un contrapeso á deriva cara á dereita do centro. Sen o, a nova alianza de extrema dereita só ten que manter unida e esperar o seu momento para atacar.

Nenhum comentário: