12/09/2011

Non é (só) cousa de profesores

Isaac Rosa. Tirado de Fírgoa (aquí) e traducido por nós para o galego.

Por se os pais non tiñamos bastante coas preocupacións habituais do comezo do curso, o que hoxe arrinca chega quente. Os de secundaria vanse a atopar con institutos en pé de guerra, pancartas, profesores con camisetas reivindicativas e asembleas, á parte de varios días de folga. E non só secundaria: os doutros niveis solidarízanse, e en moitos colexios de primaria tamén haberá actos informativos para os pais.

Ante este panorama revolto, a estratexia de gobernantes como Esperanza Aguirre é previsíbel: enfrontar aos pais cos profesores. Despois de lanzar mensaxes maliciosos para pór ao resto de traballadores contra os docentes (son uns privilexiados, teñen traballo para sempre, botan poucas horas, gozan de moitas vacacións...), o seguinte paso previsíbel será crear división entre pais e profesores.

Xa verán o que tardan en saír os habituais matóns sinalando a irresponsabilidade dos docentes, o dano á educación, o atraso dos alumnos, as incomodidades para as familias, a ver se conseguen fracturar a comunidade educativa, pois a estratexia sempre é a mesma: divide e vencerás, e para iso o mesmo serve mallar coa campaña mediática como buscar a división sindical, e por suposto lograr o rexeitamento dos cidadáns afectados, xa sexan viaxeiros de Metro ou, neste caso, pais e alumnos.

Con todo, debería ocorrer o contrario: que a comunidade educativa se unise en defensa dos profesores, porque en realidade non estamos a falar das súas condicións laborais, non só, senón do sistema educativo que queremos. E ninguén que coñeza minimamente como están hoxe os centros pode crer que o ensino non se resentirá, ou que mesmo, como sostén Aguirre, vai estar mellor que nunca.

Ademais de defender o ensino público, debemos ver o conflito como unha trincheira que, se non a defendemos ben, facilitará outros ataques: se se saen coa súa con estes primeiros recortes en educación, despois virán máis, e logo en sanidade (que xa empezaron en Cataluña) e en calquera gasto social.

Así que xa saben: o que nos prexudica aos pais non é a greve, senón as medidas que deterioran a educación. E contra esta ofensiva, os profesores sós non poden, necesitan que todos esteamos detrás, ao seu lado, non enfronte, como pretenden algúns.

Nenhum comentário: