25/09/2011

Un bocado ben saboroso

Concha Caballero. Tirado de El País (aquí) e traducido por nós para o galego.


Sabía vostede que en España a porcentaxe de alumnos que estuda en centros privados duplica ao de EUA? Coñecía que somos a nación europea, xunto aos insignificantes Países Baixos, onde a educación privada ocupa maior espazo? É consciente de que na maior parte dos países europeos o ensino público ocupa o 90% do sistema educativo xeral? Sabe que sería impensábel, poñamos por caso en Alemaña, expor alterar este status predominante do ensino público? Cre alguén que é fácil nos EUA  concertar colexios de carácter relixioso, por moito que invoquen até no dólar a súa confianza en Deus?

Os datos pertencen ao último informe da OCDE e refírense ao ensino de réxime xeral, sen incluír os centros universitarios. Desde hai anos produciuse unha soterrada campaña contra o ensino público. Por unha banda, desprestixiouse o seu valor, exaltáronse fenómenos absolutamente minoritarios como a violencia, ou púxose a énfase nas súas limitacións, ocultando os enormes avances que se produciron nestes últimos anos; por outra banda, determinados gobernos autonómicos, aplicaron políticas que favorecían ao ensino privado até límites inauditos. O resultado é que só o 67% do alumnado do noso país estuda en centros públicos mentres que o 33% restante repártense nun exiguo 10% de privado-privado e un 23% dese invento tan frutífero e español de ensino privado sufragada con fondos públicos á que chamamos concertada.

Mais, se queremos coñecer mellor a realidade é necesario aplicar unha lupa de aumento e analizar as diferenzas que se producen entre unhas comunidades e outras. Mentres que en Andalucía o 75% do sistema educativo xeneral é público, no País Vasco, o ensino privado está xa nun fifty-fifty coa pública, aderezada polo xeneroso financiamento que lles proporciona o concerto co estado e xustificada, en parte, na defensa do seu patrimonio cultural. Na Comunidade de Madrid é onde máis avanza a privatización do ensino e a redución do gasto dedicado á educación pública. Os estudantes do ensino público retrocederon até un 54% do total. Os plans para o futuro inmediato son que o ensino privado administre un 60% do modelo educativo, xa que os centros de nova creación foron encomendados -previo agasallo do terreo público- a entidades de carácter privado, especialmente de pertenza relixiosa.

En ningún país, nin sequera na católica Italia, a Igrexa conseguiu tales prebendas no modelo educativo, nin tal colaboración por parte das institucións. Parece que as esperanzas aguirres, as cospedales e os lexionarios de cristo doutros territorios son menos eficaces e astutos. Porén isto non é, de ningún xeito unha guerra relixiosa, senón unha batalla entre a igualdade de oportunidades e a instauración dun clasismo ríxido desde a infancia. Un discurso que non ocultan, en absoluto, e que mesmo serve de propaganda ante unha desorientada clase media que quere formar parte da futura elite dirixente. O de rezar e pór crucifixos nas paredes é só un adorno máis porque de caridade cristiá andan ben cortiños como demostra o feito de que apenas acepten nas súas aulas alumnos con necesidades educativas especiais ou inmigrantes.

O debate sobre o ensino non é tampouco, unha liorta entre esquerda e dereita, aínda que no noso país se exprese desta maneira. Xogámonos algunha das ideas fundacionais da democracia avanzada: que todas as persoas deben ter igualdade de oportunidades para o seu desenvolvemento e que a sociedade non se pode compartimentar desde a súa orixe a non ser que queiramos regresar ao sistema de castes medieval. Por iso o ensino público, o seu profesorado, a súa contribución, non se pon en cuestión na Europa avanzada pero si na España cañí.

Nenhum comentário: