Esta foi a lembranza que o Encontro Irmandiño de Sober tivemos para as vítimas do fascismo na nosa localidade o día 7 de agosto, no marco do I Encontro de Verán do EI. Está escrito un tanto esquematicamente, pois foi exposto a modo de presentación con diapositivas.
En primeiro lugar, queremos mandar un saúdo para os actos da homenaxe popular a Moncho Reboiras que se está a celebrar neste momento en Imo, no 35 aniversario da súa morte.
Hoxe, en Sober, máis que unha lembranza das persoas que sufriron morte a mans do fascismo no ano 36, queremos aproveitar para falar do que, cada vez máis, se denomina xenocidio galego; queremos intentar dar algunhas claves para entender por qué o sucedido no 36 en Galicia foi un xenocidio - para o cal recomendaremos un libro de recente publicación [MÍGUEZ MACHO, ANTONIO; Xenocidio e represión franquista en Galicia. Ed. Lóstrego, 2009] - e exemplificalo co que sucedeu en Sober.
O autor argumenta por qué se debe calificar como xenocidio o que "sucedeu en Galiza".
- No noso país, os feitos lévannos a unha constatación fundamental: milleiros de persoas sufriron morte violenta sen haber fronte de guerra.
- A decisión de levar a cabo un exterminio contra "los rojos" é previa á sublevación militar; o golpe de Estado é o medio para perpetrar o plan xenocida. O xenocidio non é unha violencia "en quente", senon un plan de exterminio. Os fascistas acometeron o plan xenocida en Galiza despois de ter controlado o país.
- Primeiro búscase a lexitimación da violencia e reivindícase esa violencia (limpar España do perigo rojo...), logo négase (o que sucedeu foi unha "guerra entre hermanos").
- O grupo humano ao que se quere eliminar é visto como "estranxeiro", chegando a deshumanizarse.
- Un dos procesos típicos dun xenocidio é o expolio dos bens das vítimas.
- O autor compara o proceso xenocida galego cos posteriores xenocidios latinoamericanos do século XX, e por suposto, co xenocidio dos nazis. Sinala o xenocidio armenio coma o primeiro dos "xenocidios dirixidos contra a propia poboación dun país", a diferencia dos xenocidios coloniais do século XIX.
Unhas das ideas fundamentais do libro é que a sociedade do 1936 estaba en proceso de configurarse coma unha sociedade contemporánea, estratificada en clases sociais, e non en estamentos corporativos, e cunha sociedade civil activa.
Manifestación do 1º de maio de 1936 en Monforte.
En primeiro plano, unha pancarta de Sober.
O xenocidio foi a vía para deter ese proceso, para impoñer, pola forza, o modelo socio-económico e político anterior. Míguez Macho di que "o militarismo como forma de entender o mundo é o fundamento ideolóxico da sublevación militar do 36, por riba mesmo doutros compoñentes coma o fasciscmo, o tradicionalismo ou a defensa do capitalismo", que tamén estaban presentes, por suposto. Reconfigúrase a sociedade "pola vía de negarlle a unha parte da mesma o dereito á propia existencia". Un elemento fundamental para que alguén fose convertido en vítima polos xenocidas era que se afastase do seu "rol tradicional" na sociedade: obreiros en cargos políticos - coma os da corporación do 36 en Sober, composta por labregos e operarios -, mulleres participando na política - coma unha mestra de Sober asasinada en Miño - ou simplemente traballando fóra do fogar, curas valendo polos humildes, "burgueses" con ideas galeguistas...
En Sober, á altura de 1.930 a maioría das xentes eran labregas. Tamén había operarios do tren e outros que soportaban duras condicións de traballo por levar un xornal á casa.
Pero os homes e as mulleres de Sober dos anos 30 (os nosos avós, as nosas bisavoas...) eran valentes e loitaban por defender os seus dereitos: desde a proclamación da II República en 1931, Sober é un núcleo de gran actividade sindicalista agraria e obreira, coma o sur de Lugo en xeral.
En febreiro de 1.936 gañou as eleccións a Fronte Popular, coalición composta pola esquerda republicana, os nacionalistas, os comunistas e apoiada polos anarquistas. En Sober, "as esquerdas" obtiveron maioría absoluta e entraron a formar parte da corporación municipal xentes humildes, fundamentalmente labradores e xornaleiros. Foi elixido alcalde Antonio Pérez García, coñecido como “Rei”, do Partido Republicano Galleguista.
En febreiro de 1.936 gañou as eleccións a Fronte Popular, coalición composta pola esquerda republicana, os nacionalistas, os comunistas e apoiada polos anarquistas. En Sober, "as esquerdas" obtiveron maioría absoluta e entraron a formar parte da corporación municipal xentes humildes, fundamentalmente labradores e xornaleiros. Foi elixido alcalde Antonio Pérez García, coñecido como “Rei”, do Partido Republicano Galleguista.
O que explica por qué a comarca do sur de Lugo votaba marioritariamenta á esquerda e militaba no sindicalismo agrario e no da UGT é, segundo María Jesús Souto Blanco, que ten un libro no que recopila os datos do xenocidio na provincia de Lugo [SOUTO BLANCO, Mª JESÚS; La Represión franquista en la Provincia de Lugo (1936 - 1940). Ediciós do Castro. 1998], o feito de que aínda non estaban abolidos os foros, polo cal aínda había unha ampla porcentaxe de labregos sen terras, ao que hai que engadir a construción do FFCC Ourense-Zamora.
O 17 de xullo de 1936 un sector do exército, apoiado polo gran Capital e a Igrexa católica levantouse en armas contra o goberno lexítimo do Estado. En Galiza, de maioría republicana, os militares saen ás rúas o día 20 de xullo, caendo o país en mans dos rebeldes o día 27. Aquí non houbo fronte de guerra; no noso país a guerra foi un auténtico xenocidio perpetrado polas novas forzas franquistas, que exterminaron a toda aquela persoa que se “sinalara” a favor da República. Houbo un especial ensañamento contra o galeguismo.
Tras o anuncio do golpe o día 18, labregos, obreiros, mariñeiros e demócratas de todo tipo organízanse en partidas armadas para defender a legalidade republicana, acudindo de todos os lugares ás capitais de provincia. De Monforte sae o día 19 de xullo unha partida de 200 homes armados - entre eles xente de Sober - que se dirixe a Lugo, sendo detidos ao regreso pola Garda Civil. Tomada polos militares a capital da provincia o día 20, a Garda Civil e os falanxistas toman toda a comarca de Lemos durante a semana seguinte.
En Sober, unha vez controlada a situación polos rebeldes, iniciouse unha espiral de violencia: asasinatos, encarcelamentos, roubos e torturas.
En Sober, unha vez controlada a situación polos rebeldes, iniciouse unha espiral de violencia: asasinatos, encarcelamentos, roubos e torturas.
No noso concello, a represión foi esaxeradamente dura, as cifras de detidos son moi altas, en porcentaxe das máis elevadas de Galiza. Entre 1.936 e 1.940 foron encarceladas por causas políticas 356 persoas de Sober.
Cinco soberinos foron asasinados en consello de guerra: Manuel Gutiérrez, os concelleiros Daniel Álvarez Carnero e Edmundo Pérez Díaz e dous participantes na expedición a Lugo de nome Antonio Iglesias Franco e Pedro González Castro.
Daniel é un exemplo de vítima da que a súa morte é percibida como inxusta na memoria colectiva porque era "boa persoa". A cuestión é que a súa morte foi inxusta, coma a de todas as vítimas, mais aínda existe a idea, case exculpatoria dos asasinos, que sinala que certas persoas, pobres, buscaron o seu destino porque "estaban metidas en política".
O concelleiro José Mantilla foi asasinado extraoficialmente, torturado cruelmente polo seu asasino confeso, que alardeaba das súas fazañas ata que nos anos 60 morreu en "estrañas circunstancias".
Arturo Castro morreu na cadea por maltrato.
Tamén morreron no 36, violentamente, Antonio Arias Álvarez e José González Conde, en Proendos.
Jesús Rodríguez Rodríguez foi asasinado pola Garda Civil no 1938.
O alcalde, condenado a prisión, logrou fuxir a Cuba disfrazado de cura, onde chegou a ser un dos compositores máis respetados do país.
Último alcalde republicano de Sober nunha foto de 1938
da revista cubana Vida Gallega.
Foron detidos e/ou expedientados o resto dos concelleiros, ademáis dos ex-alcaldes José Gayoso de la Fuente e Juan Antonio Fernández del Campo.
Banquete na honra de Juan Antonio Fernández del Campo.
Sober, xaneiro de 1933.
Tamén coñecimos por testemuños orais, agora ampliados grazas ao proxecto Nomes e Voces, o asasinato dunha muller natural da parroquia soberina de Vilaescura: María Vázquez Suárez.
Maruja, como lle chamaba a súa familia, foi mestra en diversas vilas e pobos galegos dende 1914 ata 1936, ano en que foi asasinada polos fascistas pola súa participación activa na política republicana no PSOE. Estaba, tamén, afiliada a UGT e participou na Liga Internacional de Mulleres Ibéricas e Hispano-Americanas, sendo fundadora do subcomité coruñés desa entidade.
Fora animada á "vida pública" polo seu pai, Joaquín Vázquez Fernández, militar progresista retirado ascendido a capitán polos seus servizos na guerra de Cuba, que vira na súa filla unha grande oradora e defensora da liberdade.
Dende o asasinato de Maruja, o pai, xa con máis de sesenta anos, caeu nunha depresión que o mantivo afastado da sociedade ata a súa morte, salvo polas esporádicas visitas a outros represaliados da comarca, acudindo todas as tardes a un pequeno agocho que acondicionou en Vilaescura, cerca de Penabión, e que é coñecido como a casiña do capitán (máis info).
Por detrás da foto que se reproduce aquí, Joaquín Vázquez escribiu as seguintes liñas, quizais pensando en que algún día se recoñecería a inxustiza da morte da súa filla e de tantos mestres e mestras comprometidas na causa republicana:
" Maruja Vázquez Suárez - maestra de Miño - fusilada por los fascistas de Puentedeume el 21 de Agosto de 1936. ¡Cobardes!"
Polos testemuños da xente sabemos de máis mortes, torturas e humillacións. Por exemplo, sabemos como lles rapaban a cabeza ás mulleres dos “rojos” - ás do lugar da Pena rapáoronas a todas - , como lle fixeron beber gasolina a algún ou como expuxeron no adro da Igrexa de Bolmente o cadáver apuñalado dun home que mataron na ribeira.
Houbo moitas expropiacións de bens e roubos.
Naquel tempo as xentes de Sober contemplaron a peor cara da condición humana, pero tamén a mellor, pois houbo xente, incluidas persoas de dereitas simpatizantes do novo réxime, que esconderon e axudaron a escapar a perseguidos, arriscando a súa propia vida.
A maioría da poboación de Sober percibía e percibe que todo aquilo foi unha barbarie.
A maioría da poboación de Sober percibía e percibe que todo aquilo foi unha barbarie.
E o que veu despois de que "Franco salvara a España de las ordas rojas" foi fame, humillación, duras condicións de traballo - lémbrese aos soberinos que morreron por enfermidades respiratorias contraídas nas minas de Freixo, nas que pasaban días enteiros no interior extraendo mineral, ou a cantidade de mortes que custou a construcción da presa de Belesar, pois o Réxime apuraba as obras que solucionarían os apagóns de Madrid, mentres as mellores terras dos labregos se anegaban e a potencia de luz axeitada tardaba décadas en chegar a moitas zonas de Galicia -, emigración e esquecemento. É unha obriga dos demócratas restablecer a memoria de quenes loitaron por defender a xustiza.
O que debemos facer de cara o futuro: rematar co negacionismo, que é o mesmo que superar o xenocidio, como di Míguez Macho no libro citado.
- Comprender que sufrimos, como colectividade, un xenocidio, e socializar a idea de que o réxime de Franco tiña un compoñente xenocida, do mesmo tipo que o nazi.
- Usar a vía xudicial, pois os crimes de lesa humanidade non prescriben. Se o noso Estado de Dereito non os xuzga é que entón non estamos en tal Estado de Dereito, non somos unha Democracia. Neste eido traballa a recentemente creada Fundación Galega contra a Impunidade.
Nós, como forza política de esquerda, debemos recoñecer o feito de que o vivido foi un xenocidio, rematar co negacionismo para que o xenocidio remate. Ademais, como nacionalistas galegos temos que ter memoria, saber sobre qué alicerces se construíu o Estado Español actual que nos esgana, herdeiro sen Transición digna de tal nome do réxime de Franco, que foi posíbel por causa de toda esta sangue. Como nacionalistas e demócratas galegos achamos a nosa xenealoxía, a nosa estirpe – non sanguínea, senon ideolóxica -, nos irmáns e irmás que noutra hora, non sabemos se máis triste e gris ca esta, loitaron porque a súa democracia fose de verdade e por unha Galiza ceibe.
Que esto non nos leve, con todo, a usurpar a memoria das vítimas, politizándoas a todas, cando foron vítimas simplemente porque así o decidiron "os perpetadores", porque vían nelas as, para eles, pantasmas da sociedade nova que estaba a espreguizarse. Sen lóxica que nós poidamos racionalizar, porque era a "lóxica do xenocidio" [MÍGUEZ MACHO; op citada].
Vergoña eterna para os xenocidas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário