03/05/2012

Cidades rebeldes: o último libro de David Harvey

Reseña de Owen Hatherley tirada de Sin Permiso (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña. David Harvey: Rebel Cities: From the Right to the City to the Urban Revolution  [Cidades rebeldes: do direito á cidade á revolución urbana], Verso, Londres, 2012. Owen Hatherley, afilado crítico de arquitectura e urbanismo, é autor de Militant Modernism (Zero Books, 2009); A Guide to the New Ruins of Great Britain (Verso, Londres, 2010) e Uncommon (Zero Books, 2011) sobre o grupo "pop" británico Pulp.



A crecente urbanización do globo é motivo de frecuente debate e preocupación, o cal resulta irónico, pois de cando en cando houbo unha época menos preocupada por como crear cidade como polis positiva, activa, colectiva, en lugar dun formigueiro atomizado, accidental. Os mazados do libertarismo aclaman sen sentido crítico a expansión urbana descontrolada, a megavila miseria ou a megacidade, dependendo da ocasión, e a esquerda ambientalista parece aterrada ante a cidade e todo o que implica. O geógrafo David Harvey, inglés de Kent que vive hoxe en Baltimore [EUA], foi durante moito tempo unha excepción a ambos os casos. Rebel Cities recolle artigos recentes de revistas como New Left Review e Socialist Register con recentes andanadas sobre a protesta urbana e ten o ton lixeiramente de despedida dunha idea á que lle chegou o seu momento.

Os ensaios deste libro revisan certos xuízos do marxismo da vella escola á vez que rexistran observacións igualmente críticas sobre a moza esquerda "horizontalista" dominante, digamos, no movemento de "Occupation" ante [a catedral londiniense de] San Pablo. Esa posición podería soar facilmente a acosada ou rancorosa, e a prosa precisa, informativa e por veces engrazada de Harvey tenta evitar o anoxamento dos seus camaradas adversarios. Isto sucede menos cando escribe sobre un capitalismo contemporáneo hoxe dominado por "unha desagradábel excrecencia de ansia humana de cobiza e puro poder do diñeiro". Móstrase escrupuloso e feroz no seu desmantelamento dun recente informe do Banco Mundial que respetabelmente defendía a propiedade da vivenda como vía para saír da pobreza e entrar na cidadanía urbana, fronte ao caos das sub-prime e as execucións hipotecarias, ou de modo máis preciso, fronte aos desafiuzamentos masivos das pobres xentes das súas vivendas porque se lles enganou con hipotecas que non podían permitirse. Resulta moi divertido cando fala da crenza conveniente segundo a cal se trata simplemente dunha resposta a unha demanda popular sen mediacións: "poida que a propiedade da vivenda sexa un valor cultural profundamente asentado nos Estados Unidos, mais os valores culturais florecen de modo notábel cando se promoven e subvencionan con políticas estatais".

A reelaboración que fai Harvey da teoría política marxista sitúa á cidade en lugar primeiro e principal, en que se refire á súa posición como xeradora de acumulación de capital, por oposición, digamos, á fábrica. Isto se xustifica cun argumento económico ao redor da importancia para o capitalismo da terra, a renda e a especulación antes que a produción; de todos os ensaios deste libro, é o máis feito a medida para os iniciados.

Non é este o caso do seu frecuente recurso á Comuna de París de 1871, breve experimento socialista de autogoberno da clase obreira suprimido de modo sanguento. Este recurso non provén do sentimento senón da súa pertinencia. Os comuneiros formaban "un tipo de proletariado moi diferente daquel ao que a esquerda outorgaba un papel de vangarda". Do mesmo xeito que os traballadores de hoxe, caracterizábanse pola súa inseguridade, por empregos temporal e espacialmente difusos, e por ser moi difíciles de organizar sobre a base do posto de traballo". Isto ten os seus propios perigos, por suposto: a comuna, como fai notar, foi un intento de "socialismo, comunismo ou anarquismo nunha cidade", que podía ser esfameada e destruída. As súas notas sobre movementos contemporáneos como as asembleas populares de Porto Alegre teñen isto en conta. Así pois, como conectar as diversas loitas metropolitanas?

Para Harvey, hai dous adversarios principais da organización. Un, o partido de vangarda do leninismo, é un problema tan afastado que perde pouco tempo en despachalo. Volve, con todo, unha e outra vez á crítica do "horizontalismo", "fetiche da forma organizativa" que con excesiva frecuencia queda no-pequeno-é-fermoso, unha preocupación case narcisista co proceso e a interacción persoal na acción a ampla escala, algo que "pode funcionar no caso de pequenos grupos, mais (resulta) imposíbel na escala dunha rexión metropolitana, e non digamos xa para os 7.000 millóns de persoas que habitan a Terra". Este recusar formas de organización que non se dean nun plano cara a cara vai xeralmente da man con "fortes doses de nostalxia polo érase-unha-vez unha economía supostamente moral da acción común". Para Harvey, a esquerda debe ser moderna e urbana ou seguirá sendo impotente.

O localismo a unha escala máis municipal é analizado por medio dalgunhas agudas observacións sobre o redeseño neoprusiano de Berlín, unha re-planificación conservadora que, para Harvey, borra o potencial que presentaba a posición da cidade entre Leste e Oeste, por non mencionar as achegas posíbeis da súa poboación turca. Hai aquí unha refrescante vontade de axustar contas coa política urbana posterior ao 68; os movementos de conservación urbana son descritos como doncelas da "xentrificación", de modo que Michael Bloomberg [magnate e alcalde republicano de Nova York] pode sen ironía falar de "construír como Robert Moses [o máis influente e controvertido dos urbanistas neoiorquinos do século XX] , tendo en mente a Jane Jacobs" [o contrario de Moses: urbanista crítica, activista e organizadora social], a saber, crear unha paisaxe de acumulación de capital e limpeza de clase que non é xa de masas e modernidade senón que procede mediante o tradicionalismo urbano, a escala pequena e discreto. A esquerda non aprendeu adecuadamente, segundo Harvey, que "a política neoliberal favorece tanto a descentralización administrativa como a maximización da autonomía local". Como resposta, entretense nas propostas do anarquista Murray Bookchin dunha asociación de municipalidades democráticas, un "confederalismo" que se asemelle por centos de Comunas de París.

Porén, como chegar a ese punto? Rebel Cities contén notas breves sobre tres posíbeis alternativas no presente. Na súa vívida presentación de China estabelece unha oposición entre a cidade de Shenzhen, que se move cara a un liberalismo extremo de libre mercado, e a de Chongqing, que obriga a pagar impostos ao capital privado que sufraguen a vivenda municipal e os programas sociais. Porén isto reproduce unha "elección polarizada entre o Estado e o mercado", en que ningún deles é democrático.

O libro conclúe con textos moi breves, lixeiramente apresurados sobre os disturbios en Inglaterra e a ocupación de Wall Street o pasado ano. Respecto da revolta, descobre que o ubicuo uso do termo "feral" ["animal", "asilvestrado"] "lembroume como aos comuneiros de París de 1871 se lles retrataba como animais salvaxes, como hienas, que merecían ser (e a miúdo foron) sumariamente executados"; mais móstrase sorprendentemente remiso a atribuír moita capacidade de actuación política aos alborotadores. É moito máis optimista respecto de "OWS" [Occupy Wall Street], como reivindicación directa e consciente, moi necesaria, do espazo público contra o "Partido de Wall Street". Non hai críticas aquí, o que resulta bastante xusto; seica se trate dun edulcorante dos mordaces argumentos que aparecen noutras partes deste libro.

Nenhum comentário: