03/05/2012

A monarquía, o establishment e a crise

Vicenç Navarro. O autor é Catedrático de Ciencias Políticas e Políticas Públicas pola Universidade Pompeu Fabra. Artigo tirado de Público.es (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña.



Unha das respostas que os partidarios de manter a Monarquía en España dan frecuentemente ao argumento daqueles que propoñen o estabelecemento dunha República é que neste momento de enorme crise financeira e económica tal tema é secundario fronte ás enormes dificultades que o país ten para saír da enorme fochanca económica no que se atopa. Nas miñas discusións con algúns amigos dirixentes de partidos políticos, sobre todo de sensibilidade socialista, esta resposta é unha constante. Aínda que simpatizan co proxecto republicano, cren que este é un tema de interese moi secundario neste momento. 

Entendo que tales amigos pensen así, mais creo que se equivocan porque hai unha relación clara entre a enorme crise económica, financeira e política do país e o dominio do establishment conservador sobre os aparados do Estado, liderado polo Monarca. Vexamos os datos. 

Á volta do meu longo exilio indiquei que a transición da ditadura á democracia non fora "modélica" tal como a sabedoría convencional a definira. Antes ao contrario, aínda que houbo cambios moi significativos permitindo o estabelecemento dunha democracia, o enorme dominio que as forzas conservadoras tiñan sobre os aparellos do Estado (e a maioría dos maiores medios de información tanto públicos como privados), limitouna enormemente, dando como resultado unha democracia enormemente empobrecida. Indicadores diso hai milleiros. Por citar só un: non existe hoxe en España nin un só rotativo de esquerdas a nivel nacional. Nin que dicir ten que existen voces de esquerda nos medios de maior difusión, mais sempre nunha situación moi minoritaria e practicamente marxinal

Unha consecuencia deste enorme dominio conservador na vida mediática e política do país é o enorme atraso social de España e a subfinanciación do seu Estado do Benestar. Trinta e catro anos despois de estabelecerse democracia, España continúa á cola da Europa Social. O gasto público social por habitante continúa sendo o máis baixo da UE-15 (o grupo de países da UE que teñen semellante nivel de desenvolvemento económico ao noso). E os recortes actuais acentuarán aínda máis este atraso social. Documentei cumpridamente (ver o meu libro El Subdesarrollo Social de España: Causas y Consecuencias. Anagrama. 2006) que este subdesenvolvemento social débese ao enorme poder que as forzas conservadoras (ben na súa versión cristianodemócrata, ben na súa versión liberal, é dicir, ultraliberal) teñen sobre a vida política e mediática en España. É certo que o partido socialdemócrata  gobernou o Reino de España por amplos períodos de tempo, levando mudanzas substanciais no Estado español. Porén o seu potencial de cambio veu moi marcado polas limitacións impostas polos poderes fácticos económicos e financeiros aos cales frecuentemente se adaptou, converténdose, paradoxalmente, no seu defensor.

Quen causaron a crise económica e financeira?

Para responder a esta pregunta hai que observar que o Reino de España comparte con outros dous países do sur de Europa -Grecia e Portugal- este enorme atraso social. Estes países, xunto co Estado español, son tamén estados que están nunha profunda recesión (en realidade, como ben acentuou o Financial Times, nunha Grande Depresión). O feito de que este tres países sufran unha grande crise económica e financeira non é por casualidade, pois todos eles teñen en común que na súa historia as forzas ultraconservadoras dominaron os espazos financeiros, económicos e políticos do país. A súa influencia sobre os seus Estados foi enorme. Esta enorme influencia explica que todos eles teñan Estados moi represivos (teñen o maior número de policías por 10.000 habitantes da UE-15), con moi escasa sensibilidade social (teñen a porcentaxe da poboación adulta que traballa no Estado do Benestar máis baixo da UE-15), e con limitadísimo impacto redistributivo. Son tamén os países que teñen maior fraude fiscal, a maioría do cal é realizado polas grandes fortunas, as grandes empresas (como Repsol) que facturan máis de 150 millóns de euros ao ano, e a banca (como o Banco Santander, cuxo presidente Emilio Botín evitou ser xulgado por fraude fiscal coa complicidade dos gobernos de quenda, incluído o socialista). Os ingresos ao Estado son os máis baixos da UE-15, coa maioría deles procedentes da gravación das rendas do traballo, que ao diminuír, resultado da explosión de desemprego, creou un enorme buraco nas contas do Estado, chamado déficit público.

As solucións á enorme crise son relativamente fáciles de ver (ver o libro que Juan Torres, Alberto Garzón e eu escribimos, Hai alternativas: Propuestas para crear empleo y bienestar social en España). Todas elas consisten en dar un xiro de 180 graos ás políticas que se aplicaron. Requírense políticas expansivas en lugar de restritivas de gasto público co intento de crear emprego, e estimular a demanda e o crecemento económico. O financiamento de tal estímulo debe basearse, non nos fluxos dos famosos mercados financeiros, senón nunha reforma fiscal profunda que xere tales recursos. Se, por exemplo, a fraude fiscal das grandes fortunas, grandes empresas e a banca (que cometen o 72% de todo a fraude fiscal en España) se corrixise, o Estado ingresaría 66.000 millóns de euros, cos cales, entre outras medidas, poderíanse crear cinco millóns de postos de traballo, eliminando o paro no Estado. Se o Reino de España tivese un adulto de cada catro traballando en sanidade, educación, escolas de infancia, servizos de atención á dependencia e outros (tal como ten Suecia), en lugar dun de cada dez (como temos agora), o Reino de España non tería desemprego. O argumento de que non poderiamos financiar tal expansión ignora ou oculta deliberadamente que se os impostos como porcentaxe do PIB no Estado español fosen os mesmos que Suecia, o Reino de España ingresaría 200.000 millóns de euros máis, cantidade máis que suficiente para reducir o déficit e crear daquela cinco millóns de novos postos de traballo.

Hai alternativas ás políticas de austeridade

Non é certo que tales políticas non poidan realizarse e que non se poidan facer porque o Consello Europeo, a Comisión Europea ou o Banco Central Europeo non o tolerarían. Corrixir a fraude fiscal ou aumentar os impostos do capital, por exemplo, non está prohibido na Eurozona. A externalización de responsabilidades a fin de impor políticas altamente impopulares é a práctica máis frecuente utilizada polo establishment financeiro, económico e político español para promover o argumento de que non hai alternativas, conseguindo con iso o que sempre desexaron: diminuír a protección social e debilitar ao mundo do traballo. Hai que romper coa visión xeneralizada, mesmo entre as esquerdas, de que, a non ser que Europa cambie (adoitaba antes dicirse a non ser que o capitalismo colapse), non hai nada que poida facerse no Reino de España. Escribín cumpridamente criticando a maneira como as institucións europeas citadas dificultaron o crecemento económico español. Porén non é certo que España, mesmo na situación actual, non puidese seguir outras políticas, incluíndo políticas fiscais redistributivas e creación de emprego.

Sabemos, por tanto, como se pode saír do buraco. Porén a súa falta de consideración de tales posturas (cando non a súa marxinación nos debates) débese a causas políticas que teñen que ver co enorme dominio daquel establishment ultra-conservador herdado do réxime ditatorial anterior, establishment liderado polo Monarca. Véxanse os continuos votos de lealdade ao Monarca por parte da banca, da gran patronal, dos maiores medios, da Igrexa, da dereita política e un longo etcétera. E este Monarca é o Xefe do Exército, de onde deriva en última instancia a garantía de continuidade do sistema. É un poder enorme que dificulta a posta en marcha de medidas que nos permitirían saír da crise. Agora ben, España non poderá saír dela e corrixir o seu enorme atraso social sen cambios moi substanciais en tal estrutura de poder e o establishment que xera.

Por iso é polo que nun momento como o actual, onde se ve con tanta claridade que as institucións chamadas representativas están captadas polos intereses financeiros e empresariais que impoñen unhas políticas que non estaban nos programas electorais dos partidos gobernantes e que están a causar un enorme dano ás clases populares, España estea a experimentar unha crise non só financeira e económica, senón tamén política. A lexitimidade do sistema político español nunca foi tan baixa. E de aí o enorme temor de tal establishment, que explica a súa enorme represión, criminalizando a resistencia, mesmo pasiva, da poboación que protesta, con razón, pola imposición de tales políticas.

No entanto, o temor das forzas conservadoras debería ser a oportunidade das forzas progresistas. Hai que cambiar este establishment financeiro, económico, político e mediático a fin de desenvolver a segunda transición dunha democracia incompleta a unha democracia completa, que permita que se tomen as medidas que cambien as políticas públicas que se están desenvolvendo. Para iso é necesario cuestionar a pervivencia do centro daquel establishment, a Monarquía, que é un elemento chave da estratexia de permanencia de tal inxusta distribución de poder. Sei que cun ton condescendente, algúns dos meus amigos, principalmente socialistas, diranme que as posibilidades reais de que iso ocorra son case nulas. Porén nesta actitude reflicten máis o seu constante e frustrante moderación e adaptación á estrutura de poder que unha lectura obxectiva da realidade. A Monarquía está a perder rapidamente a súa artificialmente creada popularidade. Os movementos sociais de maior composición xuvenil están a enarborar máis e máis a bandeira republicana. Véxanse as fotografías das manifestacións de protesta. A historia, incluída a historia española, está chea de exemplos de que cando as clases populares se mobilízan poden conseguir o que desexan. Desde a caída do muro de Berlín até o fin da ditadura en España (desde 1974 a 1976 España tivo o maior número de folgas e mobilizacións políticas en Europa) vese que as mobilizacións populares e as axitacións sociais teñen impacto.

Unha última observación. Algúns monárquicos utilizan o caso dos países escandinavos mostrando que o sistema monárquico pode ser compatíbel con sociedades avanzadas e progresistas. Tal argumento ignora, con todo, o contexto político que determinou a existencia do sistema monárquico naqueles países e no noso. Ao Monarca español nomeouno o ditador, e a función da Monarquía era precisamente deixar ben atado todo o que puidese quedar esfiañado. E conseguiuse. Non debería esquecerse que a misión das forzas progresistas é precisamente esfiañalo para conseguir a democracia pola que millóns de españois loitaron sen nunca conseguilo. Hoxe, sen unha segunda transición a unha maior democracia no Estado español, non haberá saída da horríbel crise que o país está a vivir. Un país no que o 50% da mocidade non atopa traballo non pode aceptar a continuidade dunhas institucións tan pouco representativas e sensibles ás necesidades das clases populares. Por iso é polo que a demanda dunha maior e mellor democracia e de resolución dos enormes problemas sociais sexan idénticas hoxe no noso país.
Postar um comentário