Artigo publicado no xornal Galicia Hoxe.
Xa era así cando nos coñecimos, inda ben novos il e máis eu. No período da miña mocedade no que vivin e traballei en Vigo, para a editorial Galaxia e a recén constituída Fundación Penzol. Anos sesenta. Viñérame de Madrid no outono do sesenta e tres. Cando exiliaran por segunda vez na sua vida a Prados Arrarte, con quen traballaba eu de profesor axudante e andaba a facer a miña tese doutoral. Prados participara o curso anterior no famoso "contubernio de Munich", un frustrado intento de "movida" internacional contra o rexime franquista. Á volta nen o deixaran descer do avión, e foise pra Latinoamérica, onde xa traballara na CEPAL durante os seus anos de exilio republicán. Algúns poucos "profes" novos movilizáramos ao estudantado madrileño en protesta e solidariedade con il. Pouca cousa. Só conseguiramos desbaratar a intriga dun adxunto oportunista que pretendía facerse coa sua cátedra -e ficarmos estigmatizados nós para o noso futuro académico naquela universidade. Fora daquela cando Galaxia me propuxera facerme cárrego da Revista de Economía de Galicia, que dirixía Xaime Illa. Víñenme, coa tese sen rematar. Decidin casar, e aluguei un piso novo do trinque na rua Pizarro, cáseque na esquina cos Capuchinos, que ía ser a nosa morada até o sesenta e nove. O azar quixo que noutro andar do mesmo edificio establecese o seu fogar Camilo Nogueira, que casara tamén polo entón e traballaba de enxeñeiro na Citroën. Foi así como nos coñecimos e até fomos viciños durante unha presa de anos.
E xa vos era asi daquela -así mesmiño como foi sempre e segue a ser aínda: a encarnación mesma do optimismo da vontade. Porque -non sei se o sabedes- o Camilo évos un loitador nato que profesa e exerce o optimismo non por candidez, senón por vontade. Vontade de afirmarse e ser un mesmo, individual e colectivamente, como cidadán e como povo. Vontade de acadar o trunfo das suas arelas e o seu ideario, que consisten e resúmense na plena emancipación do povo galego, no libérrimo exercizo da sua soberanía decisoria. Ese optimismo da vontade faino enxergar decote calisquer situacións en percura das suas facianas positivas e os seus elementos potencialmente fecundos. E esa vontade de optimismo enxendra nil unha enerxía que o torna incansábelmente tenaz, cunha teimosía activa que ás veces mesmo semella obstinación obxetivamente infundada e pertinaz, mais que a fin de contas acha o seu fundamento naquela sabia sentencia popular de que "todo ten remedio menos a morte". O Camilo évos un apaixoado vitalista disfrazado na contención das maneiras que o revisten coa roupaxe da serenidade. Coido que xa temos il e máis eu anos abondo como pra que vos poida revelar sen incorrer en indiscreción algo que hai tempo me confiara un día: as suas tres paixóns inmarcesíbeis son Galiza, o idioma e Paz.
Naquiles anos de xestación da creba democrática co franquismo que non chegaría a nacer, Vigo era un fervedoiro da esquerda e do nacionalismo, daquela interconectados. Na dimensión social e na política, recíprocamente vencelladas. O movemento obreiro, liderado por "Comisións"; o frente cultural, as plataformas "tapadeira" do proselitismo e a axitación cívica -e as formacións políticas na clandestinidade: o PC e os recén fundados UPG e PSG. Dous mozos nacionalistas procedentes do "Brais Pinto" militan no comunismo: Cribeiro na procura dun PC galego que asuma as teses nacionalistas; Ferrin é o corazón e o cerebro da U no interior. Eu son "pexego". Tanto ten: os tres somos coma irmáns. Cribeiro monta o subversivo cine-club. "McFerrin" -Cribeiro dixit- promove, coa Queizán e o Leónides de Carlos, o combativo Colexio de licenciados e doutores. Xohana Torres e Franco Grande protagonizan o programa radiofónico "Raíz e Tempo". Até os cristiáns nacionalistas tentan orgaizárense en grupo político -Santiago Ximénez ha ser o máis esforzado nesa "impossible mission".
E niso todo está Camilo xa daquela: presidirá a Asociación Cultural de Vigo, fundada polo entón e nutrida de activos cidadáns antifascistas, fose cal for o prisma ideolóxico peculiar de cadaquen. Pouco máis logo promove Galicia Socialista, no eido estremeiro antre o PSG e a U -e en permanente simbiose con ámbolos dous grupos: todos eramos indispensábeis daquela, todos eramos camaradas con lentes e roles diferentes na mesma loita común, no teimoso esforzo por devolverlle a voz e o poder ao povo galego, no combate a prol dun auténtico poder popular. É mesmamente así como Camilo participa na elaboración dun breve documento que vai resultar premonitorio e marcar un fito na formulación estratéxica do nacionalismo galego finisecular: o famoso manifesto ou declaración conxunta UPG-PSG. Ese documento concíbese e redáctase a finais dos sesenta na morada de Camilo na rua Pizarro. Os redactores sómolo Ferrin, o pintor Xavier Pousa, Camilo e máis eu. Nesa enxoita declaración tracéxanse as coordenadas e séntanse os peares ideolóxico-políticos dun proxecto común frentista do nacionalismo popular galego, plural e recíprocamente solidário. Sen esa declaración, é dicir, sen a cultura política común que a enxendrou, non resultarían comprensíbeis nen a inicial AN-PG, nen o CFPG, nen o deseño e postulados básicos fundacionais do BNG no 1982. E Camilo estivo aí, non coma figurante, senón coma copartícipe da sua autoría. Nesa perspeitiva, a sua ulterior traxectoria política institucional e partidaria, deica a sua integración no BNG, xa nos noventa, se cadra ven ser un a xeito de periplo odiseico de "retorno ao Tagen Ata" primixenio.
Pasábanme estas remembranzas polo maxín o outro día, na casa rosalián da Matanza, durante a entrega do Pedrón de Ouro a Camilo Nogueira, mentras escoitaba a documentada "laudatio" de Justo Beramendi, a emotiva evocación de Manolo Caamaño -e o discurso en acción de grazas do proprio Camilo. O discurso do Camilo xenuino: xa era así cando nos coñecimos -pensei, e non puiden evitar sorrir por dentro, co sorriso que tenta eludir a emoción. E pensei tamén que, se Murguía estivese a escribir arestora "Os Precursores" cunha visión restrospeitiva do meio século que algúns levamos ao lombo, incluiría ao Camilo nesa rememoración.
Neste país "patas arriba" -discúlpame, Eduardo- só os cidadáns do común recoñecen e retribúen o meritorio esforzo de aquiles que máis xenerosamente levan loitado pola redención política da sua nación. Camilo foi o único deputado que tivo a nación galega no Parlamento europeu, a única voz insobornábel que alí bradou no noso idioma galego-portugués en sistemática defensa dos dereitos e liberdades sociais e nacionais do maltreito povo galego, o único cidadán que ali exerceu a nosa dignidade colectiva. Tamén foi o único euro-deputado que tivo o Bloque até agora mesmo. Pois na Matanza, a única ausencia estridente foina mesmamente a de calisquer membros de calisquer faccións da actual caste política institucional galega -con duas soas e únicas esceicións individuais. Ausencia precisamente dos que lle deben a cidadáns como Camilo a existencia das institucións políticas lexislativas ou executivas autonómicas -ou "autoanémicas"- nas que iles ocupan cárregos arestora. Pensei pra min que, á vista diso, se cadra o Camilo acabaría por asumir de vez que Galiza é unha colonia -e volvin sorrir por dentro, só que agora para escorrentar o noxo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário