Tarde ou cedo ía acontecer. Cando as ideas se gardan no fondo do caixón, como fixeron os socialistas ao abrazar o liberalismo e aliñarse co poder custe o que custar, os seus portadores rematan orfos e desleixados, sen guía aparente, sen o imprescindíbel corpo teórico e, en definitiva, sen unha varanda social de base que os ampare. E así morren aos poucos, por pura evolución da historia natural política.
As eleccións europeas do ano pasado non fixeron máis que confirmar a desfeita dunha socialdemocracia europea que hai oito anos gobernaba en quince países, algúns con moito peso continental, e hoxe só o fai en sete estados "menores", tres deles -Hungría, Eslovaquia e Eslovenia- recentemente atracados no peirao da UE*.
Hai dúas cuestións que deberían preocupar moito aos que aínda cren en terceiras vías e remexidos similares. A primeira é que as máis veteranas desas illas socialdemócratas -Grecia, España e Portugal- son as que están na primeira liña dos que deben impor os programas de axustamento estrutural -ou austeridade popular- do renacido FMI, para así tratar de arranxar un chisco os seus déficits e saír indemnes da voracidade dos mercados financeiros e as súas brincadeiras especulativas coas débedas estatais.
A cidadanía é quen sufrirá as consecuencias da teima socialdemócrata en reflotar un modelo naufragado.
Sen dúbida o PSOE de Zapatero, o PS de Sócrates e o PASOK de Papandreou gobernan no Sur de Europa porque son os países meridionais os que están menos inseridos estrutural, e polo tanto popularmente, no ultracapitalismo. Son os que máis precisan de priorizar as políticas sociais sobre as financeiras. De aí que os seus cidadáns e cidadás optasen no seu día por esta corrente política. Mais non cabe dúbida de que a dereita e o neoliberalismo económico saberán redirixir estas teses cara ao argumento da ineficacia dos gobernos de "esquerdas", do seu radical fracaso, para deste xeito aproveitar a querenza das masas polo conservadorismo en tempos de crise e, como colofón, acadar a "vitoria final" da Internacional Liberal.
O segundo que debe preocupar a quen di ostentar a esquerda ideolóxica é a coincidencia temporal entre o seu fracaso e a meirande crise que nunca viviu o capitalismo financeiro. Coincidencia? Non tanta. Que o sistema está en crise é unha obviedade, mais se o obxectivo que se insire na cidadanía é o de recuperar a situación previa á crise, quen mellor que a dereita ultraliberal para dar conta do empeño? Por que teriamos que confiar naqueles que queren seguir a xogar entre capitalismo e socialismo?
O declive socialdemócrata é un feito tan real como de xustiza ideolóxica. E os plans de axustamento nos países que aínda gobernan un cadaleito insalvábel. O seguinte paso da esquerda continental será recoller os cascallos para recompor unha alternativa non política, senón sistémica, que como afirma o catedrático José A. González Casanova, non pasa por confundir novamente entre socialdemocracia e socialismo. A palabra -"que non confunde nin engana"- é, anticapitalismo.
Tirado do xornal Galicia Hoxe em 30 de Maio de 2010.
___________________________________
* Na Hungria de facto, já nem isso porque agora governa umha direita liberal que para frear o ascenso da extrema-direita xebófoba está implementando medidas ultranacionalistas. Na eslováquia os "socialistas" governam com a direita e a extrema direita xenófoba que explora o ódio contra 10% da sua populaçom (os húngaros residentes na Eslováquia e aos que o parlamento húngaro lhes acaba de dar a nacionalidade numha medida ultranacionalista e populista).
Nenhum comentário:
Postar um comentário