Redacción.
Mario Monti, o novo Primero Ministro de Italia, foi asesor de Goldman Sachs, para alén de relacionarse con The Coca-Cola Company, o think tank ultraliberal Bruegel, ser membro directivo do Clube Bilderberg e presidente da Comisión Trilateral en Europa. Con estas credenciais asume un "goberno técnico" sen "políticos" e pide máis "austeridade" e máis "sacrificios" aos italianos.
Super Mario, economista e ex-comisario europeo, pretende esgotar a actual lexislatura que remata en 2013 cun executivo que aínda ten que constituírse. Segundo parece, o partido de Berlusconi, o Pobo da Liberdade (PDL; a dereita sempre tan elocuente á hora de pórse nomes), móstrase disposto a integrarse no novo executivo se ben defende eleccións anticipadas toda vez que se implementen as "reformas" exixidas por Bruxelas.
Monti formará Goberno sen pasar polas urnas e nomeado, paradoxalmente, por un antigo comunista: o presidente da república Giorgio Napolitano. Italia enfróntase así a novos recortes e segue os pasos de Grecia, recortes que virán porriba dos xa aprobados no verán (de 79.000 e de 54.000 millóns de euros) para alcanzar o "equilibrio orzamentar" en 2013. Todo isto cando a prima de risco do Estado italiano se sitúa novamente nos cáseque 500 puntos básicos.
Con estas credenciais a doutrina do shock impleméntase definitivamente en Eurolandia e todo lles vai razoabelmente ben aos poderosos. O novo executivo ten xa carta branca para aplicar un programa de recortes durísimo que deprimirá aínda máis a economía italiana e con ela a de toda a UE para enriquecer a oligarquía financeira que domina os destinos de todo o Vello (e parece que agora tamén canso) Continente.
Nenhum comentário:
Postar um comentário