26/09/2010

A doutrina dos "dous mundos"... no actual nacionalismo galego

EPÍLOGO PROVISORIO


"Unha orgaización política que sofre un revés eleitoral da envergadura e relevancia do padecido polo BNG o 14-M, e que non sexa capaz de analisar crítica e autocríticamente as causas non meramente circunstanciais nen escrusivamente externas do acontecido, carecería da madurez e da confianza en si mesma necesarias pra se enfrentar á realidade, e portanto sería incapaz de rectificar no que sexa preciso pra non sufrir en diante contratempos análogos e facer avanzar social e eleitoralmente o seu proxecto político.
"Entre os exercizos masoquistas de autoflaxelación e a actitude de agocharmos a cabeza baixo as azas está o exercizo de análise crítica e autocrítica necesario pra diagnosticarmos con veracidade, coraxe e raciocinio os problemas e o degrau de acerto ou desacerto no seu tratamento. O coñecemento dos síntomas non abonda para atallar as doenzas se non se elucidan as causas e se opera sobor delas: o tratamento sintomático non cura, só alivia e, cando máis, prolonga a supervivencia.
"Témome que no BNG, dende hai uns catro anos, andamos a aplicar tratamentos simplesmente sintomáticos ás doenzas do noso corpo orgaizado, por non dicir xa cando inclusive disfrazamos a etioloxía dos nosos problemas ou situámolos en órgaos ou funcións que non son os que realmente os padecen. Dito dutro xeito: caímos nun certo hábito de xogarmos perigosamente a autoenganarnos ou enganármonos recíprocamente os diferentes segmentos da orgaización plural que conformamos segundo o deseño patentado en 1982.
"Escoitármonos hoxe atribuir o noso traspés eleitoral á febleza estrutural e/ou á falla de asentamento social e institucional do nacionalismo en Galiza, como se acabásemos de nacer onte, non deixa de resultar un contrasentido alarmante ou unha alarmante negación de nós mesmos e do inxente e intelixente labor que deu como froito un acelerado proceso expansivo da incidencia do BNG na estrutura e na conciencia sociais da nación galega durante máis de tres lustros.
"Somos unha orgaización e un proxecto político inequívocamente situados na esquerda, tanto polo noso ideario canto polas nosas posicións e accións na prática social e política. Ainda séndomos unha formación ideolóxicamente plural, tódolos segmentos do noso abano interno, mesmo os máis moderados, están situados no hemisferio esquerdo, cando menos en posición relativa dentro da paisaxe ideolóxico-política do noso entorno, tanto intragalego coma peninsuar e europeu.
"Nesta conxuntura histórica, na que os partidos nominalmente socialdemócratas pasaron a ser os auténticos partidos conservadores, mentras os conservadores se teñen desprazado cara os eidos reaccionarios do ultraliberalismo, o BNG, ficando onde estaba xa hai un decenio, resulta estar todo il, de cabo a rabo, no hemisferio esquerdo, por desprazamento ou deriva cara a dereita das grandes formacións que adoitan marcar a bipolaridade formal alternante nos diversos Estados do espazo europeu.
"Ora, a esquerda, ademáis dunha posición obxectiva na estrutura da sociedade, é unha cosmovisión e unha ética. Unha ética que obriga, pra empezar, a determinadas pautas de comportamento na convivencia política entre membros militantes dunha orgaización. Unha delas é o exercizo da autocrítica. Outra é o principio da cooperación, antitéticamente contraposto ao da competición. Outra, tamén, é a actitude solidaria pra asumir mancomunadamente a toma de decisións que entrañan risco -poisque unha forza nacionalista que se acomoda ás pautas de comportamento e niveis de conciencia preponderantes na sociedade e na cidadanía, e limita as suas pretensións a xestionalas no canto de mudalas e transformalas, deixa de ser de esquerdas e nacionalista: acabará por parasitar políticamente á sociedade no canto de ser motor do avance transformador dela.
"Pois carecemos de capacidade autocrítica, ou cando menos non a praticamos. Invocámola adoito, mais non a exercemos. Falamos dela e da sua necesidade, mais a maneira de exercérmola tradúcese de feito en criticármonos uns aos outros. De aí certa tendencia, cada vez máis ostensíbel, a percurar "chivos expiatorios", e mesmo a cousificar a seres humáns que se utilizan mentras resultan úteis e se rexeitan como envases usados cando se considera que están valdeiros ou esgotados.
"Paralelamente, cada vez cooperamos menos na abordaxe e resolución dos problemas comúns, e cada vez competimos máis por cotas de poder interno, espazos de influencia, posicións orgánicas, até por acceso a cárregos institucionais ou doutra índole. Estamos a perder doses apreciábeis de modestia e humildade, ademáis de sentido das proporcións e medida das proprias capacidades e aptitudes. Iso dá lugar a que se opere un desaproveitamento, infravaloración ou destrago dos recursos humanos que representan compañeiros e compañeiras que non están por competiren nen arrecadaren apoios, e non por déficit de autoestima, senón mesmamente por autoestima verdadeira, que pasa pola estima sobranceira da cooperación nun proxecto común colectivo, na que o colectivo é quen debe avaliar e atribuir o rol máis acaído a cada quen para a millor e meirande eficiencia do BNG e o máis potente avance do seu proxecto. Aquilo que dixera Castelao: "hai sitio pra todos". No BNG empeza a non haber sitio acaído para todos.
*****
As matinacións e aseveracións que veño de vos transcribir son da miña autoría, mais non de agora mesmo. Datan de hai seis anos. Están entresacadas dun extenso documento de máis de corenta páxinas que leva por título "Aportacións pra unha análise e diagnose da situación do BNG após as eleicións do 14-M ás Cortes do Estado", e datado en "Santiago de Compostela, a 28 de xuño do 2004, 68 aniversario do Estatuto do 36". Trátase dun informe elaborado na daquela miña condición de Presidente do Consello Nacional do BNG. O seu destino final era o de ser apresentado e debatido nese máximo órgao da direición colexiada do Bloque, mais, de primeiras, remitírallelo con carácter reservado aos sós membros do CN designados por cadanseu dos partidos ou colectivos integrados na frente e máis, naturalmente, ao Portavoz Nacional, que xa o era daquela Anxo Quintana.
Pero o documento foi de imediato "filtrado" ao xornal de maior tirada na Galiza, e axiña difundido noutros meios. Dese xeito, o meu informe trocouse nun "prego de cárregos" contra min: fun "chamado a capítulo" na Direición Executiva e acusado de irresponsábel por telo elaborado e remitido a membros do CN. Menos mal: non chegaron a acusarme da su "filtración". Ah, esquecíame: o documento nunca chegou ao seu destino orixinario nen a cumplir a sua finalidade xenuina -nunca chegou a ser analisado nen debatido no Consello Nacional. Isto si, circulou profusamente e suscitou moitos rexoubes, estéreis, claro, en meios dixitais. Tamén, mes e pico máis tarde, foi debullado por min mesmo nunha longa entrevista no infortunadamente desaparecido Vieiros -infortunadamente e tamén, compre dicilo, pra vergoña de todos nós, os cidadáns que nos declaramos ou consideramos galegos de nación.
Así que, xa sabedes, eu fun un irresponsábel. Non así, seica, os que, lonxe de tomar en consideración as reflexións contidas no documento, reconvirtírono nunha arma arroxadiza contra quen tentara cumplir co seu deber -patriótico- de lealdade ao "proxecto común, e portanto exercer crítica, e autocríticamente tamén, o raciocinio a prol de pórmos colectivamente remedio aos andacios que andaba a padecer o Benegá. Relido hoxe ese informe, no contexto da situación actual da frente, danme arreguizos de vertixe, coma se o tempo tivese invertido o seu curso: os sós anacos eiqui reproducidos coido que convirten nun contrasentido o rótulo de "epílogo" que os encabeza -que, se o tempo do nacionalismo galego non andase ao revés, debera dicir "limiar"..

2 comentários:

xOsedorrio disse...

Cando comecei a ler este artigo, pensei que Beiras estaba falando do BNG actual... hai que ver o fresco que está aquel documento e pouco que mudou o BNG dende entón.

Paula Verao disse...

Un paso adiante e outro atrás Galiza...