O forte e simultáneo retroceso electoral de BNG e PSOE nestas eleccións municipais demostra a fondura das súas crises e tamén a incapacidade do BNG para liderar as esquerdas e frear o avance dun PP controlado pola extrema dereita. Debúxase claramente no horizonte un ciclo político de hexemonía conservadora e de involución social e económica que corremos o risco de non sermos quen de reverter.
O 22-M veu confirmar que a perda do goberno da Xunta de Galicia non foi diagnosticada nin tratada como cumpría polo nacionalismo, a pesar dos avisos e voces que reclamamos unha reflexión fonda e obrar en consecuencia.
Alén do plebiscito anti-ZP no que en boa medida se converteron estes comicios locais, a mensaxe dada polo electorado galego é que o BNG non representa hoxe o proxecto político da maioría da esquerda galega.
Púxose de manifesto de forma clara e indiscutible que o BNG xa non é quen de atraer o voto de esquerda desencantado polo PSOE, como tiña acontecido desde os anos 90 até a época de Nunca Máis. O Bloque non é capaz de ilusionar á xente como outrora, non é unha alternativa política válida para facer progresar o País.
O BNG, que se presentou a estas eleccións como dique de contención da dereita, non lle pareceu útil á cidadanía para esa función, precisamente no momento en que existe maior precariedade laboral e social e no que as diferenzas de riqueza e poder económico son maiores.
Unha importante parte da esquerda que é clave para a conformación de maiorías sociais progresistas decidiu votar a forzas minoritarias ou absterse antes que apoiar o nacionalismo. Boa parte do nacionalismo e do galeguismo están hoxe orfos no noso País, cansos de votar a disgusto durante moitos anos e fartos de reiteradas chamadas ao voto útil e á responsabilidade que só serven para adiar os cambios necesarios.
Desde 1995 o BNG da Coruña aumentou a súa presenza social e institucional, até o punto de propiciar a derrota electoral do vazquismo. Malia a ter unha posición minoritaria no goberno municipal encetou varias políticas progresistas e innovadoras que na Coruña levaban esperando décadas para seren aplicadas.
Mais en vez de apostar pola continuidade do equipo de persoas que puxeron ao nacionalismo no mapa e que lograron o seu teito electoral, en vez de apoiar un proxecto e unha forma de entender o nacionalismo que rendeu repetidos froitos, quen mandan hoxe no BNG quixeron derramar ese capital político en aras dunha política de control xerárquico da organización cuxo resultado está á vista.
A Coruña non é un caso illado. Aconteceu aquí e agora o que xa sucedera hai anos noutras cidades e comarcas e o que, de non reaccionarmos e poñerlle remedio, seguirá a acontecer nos anos vindeiros.
Hoxe a Dirección Nacional do BNG avalía o resultado como “moderadamente satisfactorio”, "aceptable" e "digno". Ergue a bandeira duns poucos concellos en vez de reflexionar sobre os 55.000 votos perdidos, os 71 edís menos ou o 25% de concellos galegos onde o nacionalismo non é que baixara máis ou menos: simplemente non ten representación municipal.
Preferiron facer política de oposición mesmo onde se gobernaba. Preferiron saír á rúa en mobilizacións continuas para convencidos/as nas que boa parte da sociedade xa non se vía representada. Perdeuse completamente o contacto coa mocidade e as novas formas de relación, comunicación e protesta, que outrora nos puxeran en sintonía coas partes máis dinámicas da nosa sociedade.
Perante a reiterada constatación de que o BNG opta por unha estratexia de marxinalidade e resistencialismo, sen evoluír nin adaptarse aos novos tempos, cremos chegado o momento de facer algo distinto, de innovar. Queremos ofrecerlle á sociedade galega progresista, agora instalada no voto crítico, o que demanda e espera de nós: un proxecto político viábel que responda aos seus valores e no que teñan cabida a esquerda, o nacionalismo e o galeguismo.
Se o BNG non analiza correctamente as causas da súa crise, se non corrixe a súa deriva e traza unha nova ruta, se non é quen de abrirse á sociedade propoñendo un programa político actualizado e unhas canles de participación horizontal e en rede, se non acomete unha refundación inmediata, será chegado o tempo de encetar un novo camiño, de artellar un instrumento novo acaído ao servizo da xente e do País.
3 comentários:
Cales son esas forzas minoritarias que segundo vós herdaron o voto do electorado nacionalista de esquerdérrima do BNG? Salvo que vos refirades aos 500 votos da Candidatura do povo en Compostela, ou os que tivera NósUP (presentábanse?) ou o reduto galo de Cangas, non sei de que falades. Salvo que consideredes que eses votantes foron para Terra Galega, Converxencia Galega ou herbas independentes varias, esas candidaturas tan nacionalistas de esquerdas.
Paréceme indecente que ousedes a valorar sen máis o traballo feito na Coruña.
Unha falta de respeto aos vosos compañeiros e compañeiras que se deixaron a pel día a día e que máis que nunca contan co apoio de infinidade de colectivos sociais, un deles o meu.
Escribo neste blog como simpatizante do BNG da Coruña, mais non vexo acaído que vós fagades o mesmo sendo militantes, teño entendido que as valoracións e demais leas soluciónanse nas asembleas e non nun blog, onde cada quen valora dende a súa ignorancia.
Finalizo desexándovos que algún día cheguedes a ter o don que ten Xosé Manuel Carril, o don de xentes.
Esta entrada é collida dun blog, como se indica ao principio, non a opinión do Encontro, que sae publicada na web www.encontroirmandinho.org O traballo da militancia da Coruña seguro que foi moito, coma a do resto do país - incluída a daqueles/as aos que moitos/as andan a dicir que non traballamos e só criticamos -, pero a reflexión é precisa. Repito: o artigo non é a postura do EI. A coordenadora do EI xúntase hoxe e decide a súa postura. Apertas e ánimo.
Postar um comentário