25/05/2011

Martiño Noriega: "O BNG debe volver ser a casa común do nacionalismo"

Entrevista en A Nosa Terra

Moitos alcaldes que perderon a confianza dos electores o 22 de maio vanlle pedir a receita para gañar votos e concelleiros.
Non hai unha receita, hai moitos vimbios que se traballaron ben e que nos axudaron a lograr a maioría. Coido que este resultado é un recoñecemento ao traballo de xestión do BNG nestes anos de goberno pero tamén unha lembranza ao labor na oposición anteriormente. O anterior mandato foi moi complicado porque tivemos que gobernar en minoría, co PSOE en contra. E aínda así penso que a cidadanía percibiu que nós fomos fieis ao sentido do seu voto hai catro anos e por iso nos premian agora. O BNG demostra día a día o seu labor no tecido sociocultural e busca sempre a implicación veciñal na política municipal.
A campaña Teo é teu foi do máis comentado antes das eleccións.
Pregúntannos que axencia creou a campaña. Canto nos custou. En realidade foi unha campaña ben barata pero que empata co noso modelo de facer política. A xente colaborou intensamente e participou unicamente porque se sentía identificada con ese proxecto ilusionante que lle propuñamos. A comunicación política está a mudar e hai que aproveitar as novas canles para ter un trato máis próximo coa cidadanía, máis real.
Un dos eixos do seu programa é afondar na participación veciñal cotiá na política do Concello.
En efecto. Hai que innovar na política municipal e dicirlle á xente que queremos contar coa súa opinión cada día, non só cando toca votar. Un dos retos deste mandato é ampliar as canles de participación e decisión sobre os orzamentos do municipio. Fortaleceremos as roldas parroquiais, que son unhas xuntanzas cos veciños onde eles nos axudan a saber que prioridades, necesidades, queixas e arelas teñen. Isto xera democracia participativa, o gran reto do futuro.
Arestora, Teo, ao igual que os outros Concellos onde o nacionalismo gobernará sen pactos, é un exemplo para o resto da formación.
Aínda estamos dixerindo os resultados e non se deben facer lecturas demasiado ambiciosas. Tomamos ese papel de exemplo como unha responsabilidade pero non esquezamos que hai moitos lugares onde o Bloque demostrou e demostra que sabe facer política útil para a cidadanía, que ten un sentido da xestión e da transformación moderno e diferente ao de calquera outra forza que se presenta ás eleccións.
Como valora o resultado global do BNG?
Hai puntos positivos e negativos. O BNG consegue bos resultados nas vilas medias, afiánzase naqueles Concellos onde xa tiña responsabilidade de goberno e seguramente terá a alcaldía en lugares moi importantes, caso de Carballo. Nas cidades, volve ser espectacular o apoio a Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra. É negativo o resultado urbano, onde o Bloque sufriu un PSOE que se nega a asumir o rol diferenciador do nacionalismo, ao que lle dá sempre un papel secundario, e practica, polo xeral, unha política de pactos caracterizada pola deslealdade.
O PP aumenta apoios incluso en concellos onde os candidatos estaban implicados en delitos ou en casos de transfuguismo. Perdóanse mellor os pecados da dereita?
Os nacionalistas sabemos que a nós se nos esixe o duplo que aos demais. Pero non é novo. Debemos vivir con iso e demostrar que estamos á altura desas expectativas. A cidadanía agradece que non cometamos os pecados dos outros. Por iso é moi importante evitar sempre a prepotencia e o distanciamento cos problemas e necesidades da xente. Hai que achegarse a eles, escoitalos e ter paciencia.
O resultado obriga a que o Bloque faga unha reflexión. En que termos coida que se debería facer?
O BNG debe volver ser a casa común do nacionalismo. É importante volver subscribir un proxecto común do galeguismo plural no que todos nos sintamos incluídos. Ás veces penso que a fronte padece a síndrome das parellas veteranas, con moitos reproches acumulados no tempo pola convivencia. Hai que investir no denominador común e reflexionar moi profundamente sobre as consecuencias da desunión ou dos froitos de que cadaquén siga o seu propio camiño. Separarnos agora para volver unirnos de aquí a uns anos significaría perder un tempo precioso, un tempo que a sociedade galega non merece que perdamos porque nos necesita agora.

Nenhum comentário: