Bernat Riutort Serra. Artigo tirado de aquí e traducido por nós. Ilustramos o artigo cun cadro de Oskar Kokoschka, artista expresionista de orixe austríaca (1886-1980). É ilustre a sua peza teatral O asasino, a esperanza das mulleres coa que comeza o expresionismo escénico.
A construción da Unión Europea e da Zona Euro desde os Tratados de Maastrich de 1991 até a entrada en vigor do Tratado de Lisboa en 2010 -sobresaltos notábeis aparte- seguiu unha virtual "folla de rota" deseñada de acordo aos designios das fraccións financeiro-corporativas das grandes áreas monetarias europeas, a da libra e a do euro, coincidentes nun obxectivo básico, formar un mercado europeo unificado, liberalizado e desregulado. Para o que, negociación tras negociación entre os seus estados, foronse selando os sucesivos compromisos que conduciron ao actual réxime institucional europeo.
Tales negociacións realizáronse baixo a dirección de tres grandes estados da Unión que exercen o papel de xogadores estratéxicos, Gran Bretaña, Francia e Alemaña. O primeiro deles fixou en Maastrich as lineas vermellas fiscais e sociais neoliberais para as institucións da UE e, desde entón, tivo por obxectivo garantir para a City a súa desempeño de praza financeira privilexiada entre a economía norteamericana e a europea. Os outros dous estados creaban unha zona monetaria europea. A matriz económica de tal eurozona concibiuse baixo a ríxida disciplina monetarista imposta por Alemaña, encarnada en dúas institucións, o Banco Central Europeo e a Moeda Única, e o Plan de Estabilidade e Crecemento, feito á medida da concepción liberal-conservadora do seu gran capital financeiro-corporativo e da súa esixencia de estabilidade económica para o proceso de unidade de Alemaña nun Estado, convertido no máis rico e poboado da UE. Nesta negociación Francia xogaba á defensiva, á zaga de Alemaña, marcando como interese propio reforzar o carácter intergobernamental do sistema comunitario de tomar decisións -fraco servizo á construción europea reforzar o sistema de freado até case bloquear o movemento, ao mesmo tempo que se rebaixa a potencia do motor e cédese a dirección a outro grande. Ademais, a incorporación á UE dos estados "ex-socialistas" do Leste e o Centro ofrecía á Alemaña unificada un espazo de influencia privilexiado; Alemaña convirtiase así en centro de dúas grandes zonas económicas, a eurozona e as economías "ex-socialistas" e, como consecuencia, na gran potencia económica da UE.
Carencias de legitimación do actual marco institucional
O Tratado de Lisboa aprobouse polos parlamentos dos estados eludindo a participación cidadá en referendum, dando por feito que de non ser así non se aprobaría -destino do antecesor Tratado Constitucional Europeo. Con todo, a Constitución irlandesa impedía a súa aprobación por maioría parlamentaria, razón pola que se realizou un referendum cuxo resultado foi negativo. No entanto, a enorme presión sobre os irlandeses das súas forzas económicas e os seus partidos maioritarios forzou a repetición do referendum e a reversión do resultado.
Desde xaneiro do 2010 o Tratado de Lisboa rexe o marco institucional común para os ventisiete estados da UE, no entanto, en quince meses o novo Tratado e as institucións comúns foron desbordas e modificadas en varias ocasións co obxecto de enfrontar os problemas xerados pola crise económica baixo a iniciativa do Consello, a Comisión e do Banco Central Europeo. Por regra xeral, até agora, as medidas tomadas polas institucións e estados europeos presentaron unha secuencia en dous actos. O primeiro consistiu en garantir a salvación do sistema financeiro no seu conxunto inxectándolle tanta liquidez como necesitaba, evitando cargarlle as malas consecuencias económicas dos seus riscos aducindo que é demasiado grande para crebar, asumindo as institucións públicas o groso das perdas financeiras privadas. No segundo, os estados europeos foron obrigados baixo fortes presións dos mercados financeiro-corporativos a reducir o elevado endebedamento adquirido como un efecto das intervencións para salvalos, para o que foron constreñidos a retirar os estímulos á economía e contraer o seu gasto social para as súas respectivas cidadanías.
Como consecuencia, a desafección cidadá respecto da política e ás institucións europeas aumentou aínda máis que antes da entrada en vigor do Tratado sen que desde a dirección político-económica da Unión se prestara atención a esta circunstancia. A dirección da UE que reside no Consello, a Comisión e o Banco Central Europeo, actuou e actúa coma se, tanto a legitimación, como a democracia, fosen un asunto en exclusiva dos estados-nación e fosen alleas ás institucións de "gobernanza" da UE -presentadas como sistemas expertos de xestión cuxa lexitimidade lles é conferida polos estados. O que contribúe a incrementar máis aínda a súa distancia con respecto ás cidadanías que as perciben, correctamente, como plutocracias cuxas normas e intervencións socavan os dereitos sociais e devalúan o sentido da democracia nos estados.
Suma de reveses e cadea de estropicios
Durante o ano e cinco meses de vixencia do novo marco normativo a dinàmica desencadeada pola crise económica iniciada en setembro do 2008 nas economías e as sociedades que forman o espazo europeo fixo renxer os seus resortes até o punto que: i) Na Zona Euro tensou ao límite o encaixe no espazo monetario común dalgúns do dezasete estados membros. O seu tres elos económicos máis débiles, Grecia, Irlanda e Portugal, foron obrigados a aceptar a intervención económica da Unión e do FMI. Ademais, levou ao bordo da intervención a un elo máis grande, complexo e resistente, España, estando a piques de alcanzar dita fronteira outros dous estados, Italia e Bélxica. Por outra banda, ii) algúns dos estados recén incorporados á Unión Europea sofreron dramaticamente a crise económica no seu tecido social e económico, sendo intervidos polo FMI a instancias da Comisión, ou sexa, obrigados a adoptar drásticas terapias de choque neoliberal que os sumiron en procesos de forte depresión económica con enormes custos demográficos e sociais. Entre tales estados destacan o tres bálticos, en especial, Letonia, e outros dous estados do Centro de Europa, Hungría e Romanía, obrigados polo FMI a aceptar senllas terapias de choque como único "remedio". iii) O outro gran xogador estratéxico da Unión, Gran Bretaña, coa súa área monetaria e moi alto grao de financiarización da súa economía, sufriu as consecuencias da supercrise financeira até o ponto que o impacto nas contas públicas da absorción da súa enorme débeda privada xerou un grande déficit público que o novo Goberno conservador-liberal afronta con drásticos planos de recortes do gasto público que paralizan o leve crecemento económico xerado polos estímulos do anterior Goberno Laborista. En tales circunstancias cabe augurar un prolongado estancamento económico e un persistente desemprego.
As tribulacións da Zona Euro
Na Zona Euro, a máis avanzada do proceso de integración económica europea, como consecuencia colateral da actual crise económica, a moeda única pasou de garantir a estabilidade monetaria das súas economías, asociada coa liquidez abundante e os baixos tipos de interese que propiciaron o investimento especulativo en valores e en activos inmobiliarios e, así mesmo, nalgunhas destas economías, un crecemento económico baseado no devandito motor, a ser unha trampa que dificultaba a tales economías a resolución dos seus graves problemas, pois, entre outras cousas, as economías fortemente endebedadas non podían, nin poden, devaluar a súa propia moeda co obxectivo de recuperar competitividade e refacer a súa desequilibrada balanza exterior.
Iso é así nas economías que conxugan maior fráxilidade e endebedamento; as de Grecia, Irlanda e Portugal. Ao estalar a crise Grecia e Portugal arrastraban problemas derivados dun débil crecemento e un forte endebedamento, ao reducirse coa crise os ingresos e colapsar a posibilidade de financinanciación exterior disparouse a súa débeda e non se podía acudir a máis endebedamento para facer fronte aos prazos do servizo da débeda. En Irlanda, "o Tigre Celta", o modelo neoliberal de éxito económico das dúas últimas décadas, alumno destacado en liberalización, privatización, desregulación e baixa imposición aos capitais, mergullada na especulación financeiro-inmobiliaria, ao estalar a crise, tiña unha débeda privada que superaba o PIB anual do país; a pirámide especulativa do endebedamento privado arruinaba o conxunto da súa economía. Así, en plena recesión económica, secado o crédito exterior, con avultadas débedas privadas, os gobernos de Grecia, Irlanda e Portugal, presionados polos seus respectivos bloques dominantes e polas instancias de poder económico-político europeas e internacionais, optaron por garantir os compromisos de pago dos seus bancos co fin de evitar o colapso financeiro da maioría dos seus bancos, empresas e particulares que, á súa vez, provocaría un inmediato unha grande derrama no sistema financeiro europeo que repercutiría no internacional. Amais, dadas as circunstancias provocadas pola crise, rapidamente, no tres estados reducíase a súa capacidade de recadación mentres aumentaban aceleradamente as necesidades e os gastos sociais, así, o problema da débeda trasladábase aos respectivos estados, é dicir, as súas cidadanías serían as principais perxudicadas.
O Reino de España, co 12'6 % do PIB da UE , o dobre que o que suman o tres economías antes consideradas, co maior crecemento económico entre as cinco maiores economías da Unión nos tres lustros que antecederon á crise, cando a elevada liquidez e o crédito barato estimulaban este plus de crecemento baseado no tirón do sector inmobiliario e no consumo interno, o parón do financiamento exterior provocado pola crise expuxo un grave problema de solvencia ás entidades que financiaron o boom inmobiliario e ás empresas e os particulares que se endebedaron en exceso. A recesión da economía real realimentaba o proceso, aumentaban a morosidade e os problemas; caída do emprego ao 21 %, débeda excesiva das empresas e particulares, caída da recadación do Estado, aumento dos gastos sociais, crises das caixas de aforros, paralisis do crédito, etc., O que aumentaba o déficit público en relación ao PIB; dun superavit do 2% antes da crise pasou dous anos despois a un déficit do 11 %. Con todo, a débeda pública española era a menor entre as grandes economías europeas, un 60%. Neste contexto, o Consello, a Comisión e o BCE, dirixidos por Alemaña, como condición non negociábel para manter o seu status económico na eurozona forzaron ao Goberno Socialista de España a aplicar un duro plan de estabilización que contravenía os seus anteriores políticas. As consecuencias desta política para a economía española son e serán un débil crecemento durante o próximo lustro.
En canto a Italia, a cuarta gran economía europea, aínda que non participou na mesma medida que as economías española ou irlandesa no boom inmobiliario e consumista, sufriu o forte impacto da crise económica. Durante tres lustros tivo o menor crecemento da UE, non chegou ao 2% de media no devandito período, así as cousas, co consumo interno estancado, dependía do crecemento do sector exterior que sufriu unha forte contracción, dado o efecto conxunto da menor demanda provocada pola crise e a forte expansión das novas economías industriais que competían coa italiana. Os problemas non abordados de produtividade e competitividade relativos da economía italiana, a grande corrupción e burocratización das súas administracións e o clientelismo desatado do réxime berlusconiano, arrastrando a segunda débeda estatal máis alta da Unión -dun 120% do PIB, paralizan a súa capacidade de reacción ante os efectos da crise.
As economías europeas cunha débeda moi avultada, entendendo por esta a suma da débeda privada e a débeda publica, sen unha política fiscal común para o conxunto da Zona Euro capaz de atender as súas necesidades financeiras, atadas pola disciplina monetaria do euro forte imposta polo Banco Central Europeo, toparon co seguinte trilema; i) ou, buscar financianciación nos mercados emitindo bonos do Estado; ii) ou, recoñecer a incapacidade de pagar a súa débeda, expondo a necesidade imperiosa de restruturala; iii) ou, saída da eurozona daqueles estados incapaces de pagar a súa débeda. Dadas as fortes presións e prognósticos apocalípticos lanzados desde as institucións económicas europeas e internacionais no caso de optar por unha das dúas últimas decisións empuxoullas a tomar a primeira opción. Os bloques de poder das economías máis endebedadas da Zona Euro adoptárona como o "mal menor", caendo nas fauces das quenllas financeiras da especulación -na linguaxe do estasblishment, os "mercados"- sendo forzados a endebedarse a uns tipos de xuros maiores canta máis necesidade de liquidez tiñan, ou sexa, moita máis renda para os escualos, unha senda que realimenta a dinàmica perversa pola que se precipitaron os citados países.
Por outra banda, encabezando aos países ricos, Alemaña negouse e négase a considerar a creación dun fondo europeo de solidariedade que evite aos países con fortes problemas de débeda da Zona Euro a entrada na escalada do incremento dos tipos de interese dos seus bonos do Tesouro, aducindo que ao ser a economía máis rica debería achegar máis, o que tería o efecto perverso de premiar ás economías que permitiron desmesuradas alegrías cando os alemáns axustaban o cinto, esquecendo que os seus propios bancos participaban do festín -son os seus acredores máis importantes- e a súa industria vendíalles inxentes cantidades de bens de alto valor engadido, iso sen asumir o papel de locomotora económica da eurozona, como proba o grande desequilibrio das respectivas balanzas de pagos destas economías coa alemá.
No entanto, cando as economías con problemas alcanzaron o limiar que pon en perigo ás entidades acredoras dos países ricos da Unión, Alemaña e Francia propuxeron ao Consello, a Comisión e ao BCE, un fondo de estabilidade -insuficiente e condicionado, coa achega complementaria do FMI, para apoiar aos países da Zona Euro con grandes débedas. Estes países, a cambio da concesión de dita "axuda" do fondo de estabilidade, foron intervidos pola UE, sendo obrigados a aplicar durísimas medidas de "consolidación fiscal" que esixen sanguentas reducións nas súas contas públicas, privatizacións dos seus mellores activos públicos, reducións na cantidade de funcionarios, fortes recortes nas prestacións sociais e importantes reducións salariais. O obxectivo é garantir o servizo da débeda destes países contraída cos bancos, alemáns, franceses, ingleses e holandeses, aos que se agregan os españois no caso portugues. Nestas circunstancias o groso do beneficio xerado polas devanditas economías na próxima década deberá destinarse a saldar a conta pendente co sistema financeiro europeo que impedirá estimular a súa dinámica investidora, provocando un período de estancamento de longa duración. Mentres tanto o sistema financeiro "europeo" sacará inxentes beneficios da situación - iso, se non se rompe coa baralla.
Políticas de poder e derivas discursivas
A interpretación conservadora-neoliberal da crise da débeda na Zona Euro desde a dirixencia dos estados ricos, Alemaña, Francia, Holanda, Austria e Finlandia, prohíbe os préstamos do BCE aos estados necesitados a intereses razoábeis para que poidan pagalos a partir dos beneficios xerados polo crecemento -de feito, esta perstiva restritiva está incluída na normativa do Tratado de Lisboa. Ao contrario, esta interpretación enxalza o craso interese egoísta no curto prazo do sector financeiro e destila desden polos "outros", é dicir, as economías europeas urxidas pola necesidade de créditos agrupadas na actualidade baixo as iniciais inglesas destes países, PIIGS, iso si, contando coa parva admiración dos bloques dominantes dos países afectados.
Así: i) imperou o interes inmediato do grande capital financeiro-corporativo por garantir o pago da débeda soberana destas economías sen reparar nos enormes custos económicos, sociais e políticos que ocasiona aos "PIIGS"; ii) ofrece a oportunidade ao bloque dominante da Europa rica de impor duras políticas neoliberais aos estados dos países endebedados e de amoldar as súas economías e institucións aos designios das elites dos países ricos, desmantelando de paso as posicións das forzas populares e sindicais que resisten residualmente; iii) consolida a hexemonía conservadora-neoliberal na eurozona, mentres arrastra ás "socialdemocracias" da Terceira Vía ao buraco negro do mimetismo coas políticas neoliberais que desactivan as súas bases sociaes, políticas e culturais; iv) esta concepción conservadora-neoliberal hexemónica clausura o potencial crítico do discurso; "non hai alternativa" convértese no sentido común dos europeos acabando coa herdanza crítica que aniñaba na ilustración e nos movementos emancipadores.
O política euro-mediterránea
Desde que finalizaron os procesos de liberación nacional e de descolonización no Norte de África, o Oriente Mediterráneo e a Península Arábiga, a relación dos estados das devanditas zonas cos estados europeos "veciños" sostíñase no status quo de intereses económicos e xeoestratégicos no que unha parte non cuestionaba a política da outra. Pola contra, ambos os lados apoiábanse facendo un exercicio de crúa realpolitik - excepto algún caso puntual. Por outra banda, nesta relación, o enquistado conflito entre o Estado de Israel e o pobo palestino, con grande repercusión na zona, era apartado "discretamente" polos estados europeos pois os Estados Unidos non aceptaba interferencias nun tema considerado crucial para a súa seguridade.
Os estados europeos ao estabelecer acordos con estados mediterráneos do Sur e o Oriente perseguiron os seus respectivos intereses, a miúdo opostos e en competencia entre si, sen inportar o réxime co que estabelecían acordos, mentres tanto, os autócratas destes estados favorecían os intereses das elites económicas dos estados europeos e xogaban coas súas diferenzas para obter posicións de favor na UE con respecto aos outros estados do Sur e o Oriente Mediterráneo. Neste contexto a UE non deseñou unha estratexia para a zona. O intento de construír un marco institucional de reflexión e cooperación entre estados ribeiregos do Mediterráneo proposto nos Acordos de Barcelona permaneceu en caseta bay, dada a diversidade de intereses dos estados da UE: os intereses hexemónicos de Francia non vían con bos ollos o papel que España pretendía desempeñar; Alemaña desconfiaba, podía escorar a política exterior europea cara á vertente Sur, sendo que lle interesada a política cara ao Leste e Rusia; Gran Bretaña interesábase por continuar sen interferencias as súas privilexiadas relacións bilaterais con certos estados do Oriente Mediterráneo no marco xeoestratégico ofrecido polos Estados Unidos; Italia facía "coma se" colaborase nas propostas conxuntas mentres se afanaba por estreitar as súas relacións bilaterais "moi especiais"; os outros países da Unión non consideraban as relacións cos estados da zona entre as súas prioridades.
O factor común das políticas dos estados europeos na zona foi contemporizar coas autocracias corruptas e autoritarias dos estados con tal de realizar negocios, contribuíndo ao seu lexitimación. Durante a globalización a relación económica intensificouse; gas, petróleo, turismo, manufactura -vía deslocalización produtiva, finanzas, etc., Por outra banda, desde os comezos do novo milenio o medo á emigración masiva procedente desta poboada zona e a pantasma do islamismo radical percorren Europa. Ambas as síndromes foron aventados e utilizados politicamente polas dereitas europeas para acentuar o control cidadán e promover os discursos xenófobos e reaccionarios entre a súa poboación "autóctona". Con semellante estado de ánimo das opinións públicas europeas as autocracias foron presentadas polo poder político-mediático europeo como garantes da orde e dos intereses europeos. No entanto, ignorábanse as necesidades máis perentorias das poboacións do Sur e o Leste Mediterráneo e as correntes subterráneas nas súas sensibilidades. En Europa o relato hexemónico sobre tales sociedades viraba en torno ao secular e incorrixíbel atraso, o tradicionalismo recalcitrante e a fanática relixiosidade da súa poboación que lles impedía formar sociedades civís, modernizar a súa cultura e democratizar a política. O relato non deixaba lugar para a análise contrastada de tales sociedades e estados; debíanse aceptar "como eran".
O "suposto" marco para unha política exterior europea
O alicerce exterior e de seguridade europeo deseñado en Maastrich foi superado de inmediato polas guerras dos balcáns no noventa; cada estado da Unión situouse pola súa conta. Ao final foi a intervención dos Estados Unidos baixo o paraugas da OTAN a que definiu a situación e, colateralmente, reconduciu a potencial política exterior e de seguridade europea cara á canle da Alianza Atlántica, é dicir, fóra da UE. A segunda guerra de Iraq volveu pór a proba a capacidade dunha tal política europea e de novo fracasou; a Unión saíu dividida en dous bloques, un favorábel ás teses neoconservadoras sobre o "eixo do mal" e "as intervencións preventivas", a outra situada coa legalidade internacional. O esforzo realizado polos defensores europeos desta última para manter as súas posicións fronte á brutal presión para abandonalos da Administración Bush e dos primeiros, a pesar de contar co apoio maioritario das cidadanías europeas, deixounos exaustos e, lentamente, contemporizaron no marco da OTAN coas posicións dos norteamericanos. O renovado suposto intento de estabelecer un marco institucional para unha política exterior e de seguridade no actual Tratado de Lisboa chegou moi debilitado, minimiza a posibilidade da mesma; non pasa de racionalizar os servizos das embaixadas e de crear a figura do Alto Representante da UE que carece de poder real. De feito, imponse o nacionalismo estatal e o intergubernamentalismo na toma de decisións da UE en política exterior e de seguridade. A resposta dada pola UE ao actual conflito no Sur e o Leste do Mediterráneo pon de relevo a total carencia dunha política europea para a zona e a disonancia de intereses entre os estados europeos.
Surpresa e desconcerto
Cando en xaneiro estalou a insurxencia nas rúas tunisianas e estendeuse polas exipcias unha realidade descoñecida emerxía con inusitada vitalidade, un movemento plural e democrático catalizaba as sentidas frustracións e aspiracións das súas poboacións. Con grandes dificultades e regras o movemento desestabilizou ambos os régimenes e sitúo o cambio político na senda democrática sobre a cal, sen dúbida, se cernen grandes perigos, mais, tamén, posibilidades. Mentres tanto, prendía a mecha da insurxencia entre alxerinos, libios, iemeníes, barheimíes, sirios, marroquinos, xordanos, sauditas e palestinianos. As autocracias tremían ante o cuestionaniento dos seus privilexios e a proliferación de demandas democráticas.
O que descartaba o discurso hexemónico na Unión emerxía e desvelaba o erro de atribuír a todas as poboacións un imaxinario colectivo antimoderno e islamita radical. Por outra banda, descubría o interes dos bloques de poder de ambas as zonas na difusión desta concepción hexemónica; nela os estados europeos justificaban a súa colaboración coas autocracias e estas apresentábanse como necesarias para Europa.
De súpeto, os movementos insurxentes presentan un plural e complexo mosaico social de mozos, mulleres, traballadores, comerciantes, artesáns, licenciados, funcionarios, intelectuais, relixiosos, etc., coas súas inquietudes, as súas necesidades e aspiracións - e, non están dirixidos por barbudos islamitas radicais. O rexeitamento das subidas dos produtos básicos, as demandas de dignidade individual, o desemprego macizo dos mozos, a indignación pola corrupción xeneralizada, as demandas de liberdade de expresión, o rexeitamento á omnipresente represión polícial, a expresión da vontade democratica, etc., son os motores destes movementos, afíns cos movementos emancipadores occidentais.
A efervescencia desta realidade colleu desprevidos os gobernos europeos e a UE. Ao comezo minusvaloráronos; os seus reflexos bloquearon a reacción e reafirmaron os acordos cos gobernos autócratas, condicionados polo relato hexemónico e os intereses establecidos. No entanto, o forte impacto dos acontecementos e a crecente presión das opinións públicas europeas que contemplaban admiradas a firmeza democràtica das poboacións e o elevado risco asumido pola insurxencia ao manifestarse pacíficamente ante os temíbeis aparellos represivos dos respectivos estados fixo madeixa na pasividade dos gobernos europeos que pasaron a valorar os movementos populares e a buscar saídas cos gobernos autócratas, pero a cerrazón destes a aceptar as demandas populares obturaba esta vía. En Tunez e Exipto a resistencia popular na rúa precipitou a destitución dos respectivos presidentes e os seus gobernos polas súas forzas armadas e a aceptación da transición á democracia tutelada polos estados maiores -co visto e prace dos Estados Unidos.
A contarrevolución pasa á ofensiva
Libia penetrábase pola mesma vía, no entanto, para cortar drasticamente este proceso Gadafí desatou a represión militar contra os manifestantes proclamando estar disposto a manter o réxime ao prezo en vidas humanas que fose. Os gobernos de Francia e Gran Bretaña, presionados polas súas opinións públicas, pretenderon deixar atrás a súa colaboración co réxime e situarse á beira dos insurxentes. O Goberno español simpatizaba con esta posición pero asumía un perfil baixo. O Goberno italiano apelaba á "amizade" do seu Presidente co Lider da yamahiriya libia para mediar na situacción. O Goberno alemán mantíñase pasivo ante uns acontecementos considerados afastados do seu interese. A UE, sen competencias para cordinar a política exterior, limitábase ás declaracións retóricas e á asistencia a reunións nas que exercía de actor secundario -a pesar da recentemente estreada figura da Alta Representante da Unión Europea en política exterior do Tratado de Lisboa. Coa autorización do Consello de Seguridade da ONU, baixo a cobertura da OTAN e dunha coalición de estados europeos e algúns árabes, Francia, Gran Bretanya e os Estados Unidos estabeleceron unha zona de exclusión aérea en Libia cuxo fin é evitar os bombardeos aéreos de Gadafi sobre as poboacións rebeldes incapacitadas para resistir ataques desde o aire, resultando diso un escenario de guerra civil en terra. Mentres tanto Berlusconi amagaba con estar en ambos os lados até que, sen marxe de manobra, situouse ao lado da alianza. Pola súa banda, Alemaña votando en branco no Consello de Seguridade a resolución sobre a zona de exclusión desentendeuse máis unha vez da política cara ao Sur do Mediterráneo.
Coa mobilización popular estendéndose a Barheim, Iemen, Alxeria, Marrocos ou Siria, aleccionadas polos acontecientos anteriores, as respectivas autocracias reccionaron con terríbeis represións contra as súas poboacións manifestantes. Porén, neste caso, o compromiso da UE e dos seus estados coas mobilizacións e as demandas democráticas das poboacións insurxentes limitouse ao anuncio de sancións económicas e diplomáticas a algúns dos gobernos represores e a realizar declaracións democráticas, mostrando as contradicións e limites da política xeoestratégica europea no exterior; a capacidade de persuasión e de presión dos gobernos europeos, e da UE, colmou a súa capacidade e a súa vontade no arenoso territorio libio.
A inmigración, algunhas notas
A globalización neoliberal financiarizada supuxo; i) a formación dunha nova estrutura social de acumulación que transformou a división internacional do traballo e; ii) a aparición no escenario global de masivos desprazamentos de poboacións desde as semiperiferias e as periferias do capitalismo cara aos centros, así como masivos desprazamentos entre as periferias e semiperiferias no seo das macroregiones globais.
Por suposto, na era global, a construción europea tamén experimentou tal dinámica. Por unha banda, como consecuencia da implosión das economías ex-soviéticas e a transformación destas á globalización capitalista, a través de brutais terapias de choque neoliberal, desencadeáronse grandes movementos de emigrantes destes países cara aos países da UE. Por outra banda, a pobreza crónica das semperiferias e das periferias africanas, asiáticas e latinoamericanas agravouse coa globalización neoliberal, ao que se agregaba o grande crecemento demográfico nestas áreas e maiores posibilidades técnicas e sociais para desprazamentos legais e ilegais, a consecuencia foi a posta en marcha dun persistente e masivo efecto migratorio cara aos países europeos as liñas do cal tiñan que ver coas antigas relacións coloniais, os procesos de crecemento das economías dos centros europeos e a maior ou a menor tolerancia á emigración que outorgaban as lexislacións. As sucesivas ondas de inmigrantes da era global cara aos centros europeos incorporaban así novos continxentes de inmigrantes ás anteriores ondas, "integradas" segundo os modelos de recepción dos respectivos estados que contaban con segundas e terceiras xeracións.
En 1985 a Unión Europea arbitrou un marco lexislativo, os acordos de Schengen, incorporados ao corpo comunitario nos Tratados de Amsterdam e no Tratado de Lisboa, que desde o núcleo incial de estados asumiuse pola maioría dos estados da Unión, excepto por Gran Bretaña e Irlanda, incorporado a terceiros países, Liehestein, Islandia, Noruega e Suíza, ao que non entraron por incumprir as condicións establecidas, Bulgaria, Romanía e Chipre. Os acordos estabElecen o fin dos controis fronteirizos nos movementos de cidadáns dos estados membros do espacioSchengen e reforzan e restrinxen os controis nas fronteiras externas ao espazo para aqueles/as que pretenden entrar de maneira ilegal, en especial, os inmigrantes. Os estados Schengen tamén se comprometen a harmonizar as súas normativas migratorias e salvagardar a seguridade dos seus membros. Devanditos obxectivos requiren a colaboración especial dos gobernos, as policias e as xudicaturas dos estados Schengen.
A inmigración; o discurso da dereita e a extrema dereita
Para as economías europeas a achega dos inmigrantes ao PIB dos países de chegada foi considerábel e moi superior aos gastos que ocasionou ás políticas sociais dos seus estados. Por outra banda, o continxente poboacional dos inmigrantes cobre necesidades demográficas en moitos países da UE; cun saldo estanco que augura problemas para soster o crecemento no futuro e para manter as pensións dunhas poboacións envellecidas. Así, obviamente, a inmigración debería ser acollida de maneira positiva, no entanto, non foi o caso. O significante "inmigrante" aparecía no lugar do "bode expiatorio" sobre o que descargar innumerábeis frustracións e violencia dos damnificados derivados dos cambios ocasionados pola globalización e a crise económica, fronte ao que reafirmar o narcisismo das pequenas diferenzas en forma de pertenza de individuos e de grupos precarizados á nación, a occidente ou ao cristianismo.
O crecente rexeitamento implícito ou explícito aos inmigrantes por parte de segmentos cada vez máis nutridos das cidadanías europeas iniciouse na década do noventa nun período en que a globalización neoliberal se expandía: o Partido Nacional de Lle Pen en Franza e o Partido Liberal de Austría obtiñan notábeis réditos electorais promovendo un combinado de nacionalismo e de xenofóbia que penetraba entre a cidadanía, así mesmo, na Alemanía unificada producíanse periódicos incidentes da extrema dereita contra os inmigrantes. Os primeiros síntomas reactivos á crise do Estado do Benestar e os valores da coalición social e política que o sustentaba manifestábanse por esta vía. Na primeira década do novo milenio antes de estalar a crise económica Holanda, Italia, Polonia e Dinamarca, mostraban devanditos síntomas; crecían notabelmente os partidos da extrema dereita que xunto aos citados compoñentes xenófobos e nacionalistas inducían un forte rexeitamento aos inmigrantes de relixión islámica, contraposto a occidental e crístiano, curiosamente, combinados cun forte discurso hostil ao europeismo e iso até o punto de lograr formar parte de coalicións de goberno que indirectamente "normalizaban" semellantes pre-xuízos. A crise económica consolidou dita dinámica nestes países e potenciouna noutros como Hungría, Suecia, Gran Bretaña e Finlandia, nos que a extrema dereita creceu de maneira notábel, asociada co discurso hostil ao europeísmo, nacionalismo, xenofobia e ao antiislamismo, callando así mesmo en amplos segmentos das súas cidadanías.
Durante este proceso a puxante extrema dereita mimou este discurso e a renovada dereita liberal e conservadora, gobernante en ventitres dos ventisiete estados da UE, recolleu os froitos. Para a renovada dereita, de maneira progresiva, o discurso contribuíu para socavar os valores solidarios e garantistas da cultura política herdeira do antifascismo e do pacto social keynesiano e a súa cultura universalista do benestar. Para a nova dereita europea, sen aparente responsabilidade na autoría do discurso nacionalista-xenófobo que estigmatiza os inmigrantes lanzado pola extrema dereita, abríase unha vía para que o conservadurismo-neoliberal penetrase en amplos segmentos dos asalariados e das "clases medias", castigados pola globalización neoliberal e pola crise económica, desviando entre os afectados o potencial conflito social respecto da súa causa e dos seus responsábeis últimos.
Por outra banda, para os elites ricas dos estados do Norte da UE, en canto os efectos da crise económica se manifestaron como crise da débeda pública dos estados agrupados baixo o apelativo de PIIGS, o dispositivo do bode expiatorio aplicado aos inmigrantes non tiña máis que ampliar a súa extensión aos "morenos", "nugalláns" e "aproveitados" cidadáns de tales países. Os medios de comunicación e certas autoridades de Finlandia, Holanda, Dinamarca e Alemaña apuntábanse a semellante discurso, así achaban munición para xustificar a insolidariedade dos seus estados e da UE e protexer e exculpar ás súas fraccións financeiro-corporativas. Para a Chanceler Merkel a mentalidade e os hábitos dos cidadáns PIIGS son síndromes culpábeis do propio dispendio. Mentres tanto, Dinamarca vulnera as normas do espazo Schengen reintroduciendo as fronteiras interiores cos seus veciños co fin de controlar a inmigración ilegal sen que a reacción contraria do Parlamento Europeo teña forza ante o apoio recibido polo Consello da Unión e Francia paralizaba un tren procedente de Italia con inmigrantes tunecios; a insolidariedade co vinte mil inmigrantes que fuxían dos conflitos norteafricanos tensaba as relacións entre os dous estados europeos. Paradoxalmente, as poboacións de Tunez e de Exipto recibiron centos de miles de refuxiados do conflito libio cando sofren as moi graves consecuencias económicas e sociais dos seus propios procesos de mudanza, iso é solidariedade.
Que pasa coas socialdemocracias europeas?
A penetración de discursos e de valores xenófobos, nacionalistas, anti-islámicos e antieuropeos entre importantes segmentos das tradicionais bases sociais e culturais das socialdemocracias europeas debilitou ás esquerdas políticas, sociais e culturais. Mentres tanto, as socialdemocracias europeas de cada vez máis móstranse dispostas a abandonar os seus valores e o seu arraigamento entre as clases populares en favor da magnificada xestión experta, pospolítica e posclasista, presuntamente neutral e necesaria para realizar políticas "rigorosas" e "responsábeis", cuxo orixe reside no discurso neoliberal que, supostamente, lles permitiría pescar votos nos caladoiros do centro e o centro-dereita, razón pola que unha disputa ideolóxica en torno ao status da inmigración lles afastaba do obxectivo de omologar a súa nova imaxe de axentes posmodernos da política.
Na UE, a Terceira Vía entre a socialdemocracia clásica e o neoliberalismo-conservador nas súas distintas versións pretendía ofrecer un carácter humanista-social á globalización financiarizada. Dita estratexia foi asimilada por activa ou pasiva polos partidos socialdemócratas e os seus amplos círculos de profesionais e de xestores buscando recoñecemento das elites europeas de poder económico e mediático, o que se asociaba á cooptación das súas conspicuos representantes a importantes funcións no sistema financeiro-corporativo ou institucional e ao logro de pingües remuneracións e privilexios. Con todo, a profundización na globalización neoliberal financiarizada e a posterior crise económica esgotaron unha a unha as diversas versións da Terceira Vía á vez que minguaban o seu espazo electoral. A socialdemocracia quedou sen política. A alternancia no Goberno e a disputa entre dereita e esquerda parlamentaria nos estados da UE perderon o seu carácter agonístico. Neste contexto de peche do discurso político só se expoñen variacións sobre a "única política posíbel", a neoliberal.
Democracia e solidariedade na Unión Europea
Os límites que o grande capital financeiro-corporativo europeo e as institucións europeas das que se serve impoñen á xestión política nos diversos estados fíxanse desde as súas plataformas económicas e institucionais europeas alleas ao control democrático. Mentres, as vivencias, os problemas, as inquietudes e as aspiracións cidadás permanecen afastados e alleos dos verdadeiros centros de decisión económicos e políticos. Nestas circunstancias, naqueles países europeos nos que a riqueza e o Estado social permiten aos asalariados, amparados nos seus dereitos sociais herdados e os seus sindicatos corporativos, gozar de estándares de vida non cuestionados (aínda que en deterioración progresiva, aférranse e reclúen nas súas "seguridades" percibindo aos asalariados dos países europeos en crises como perigos, adoptando actitudes de receo respecto deles, cando non insolidarias, asimilando a propaganda da dereita que acusa aos que sofren máis as consecuencias da crise econímica de traballar pouco e ser unha carga para os cidadáns das economías ricas que cos seus impostos financian as súas "festas").
O peche do universo do discurso político institucional entre dereita e esquerda nos estados da Unión Europea, a pesada carga das consecuencias da crise económica sobre os asalariados e cidadáns dos países máis afectados pola mesma e a penetración de discursos nacionalistas e xenófobos entre as cidadanías, desencadearon respostas políticas desinstitucionalizadas nas rúas e prazas que mostran unha realidade social completamente diferente da que proclama o discurso hexemónico unidimensional que difunden os medios de comunicación de masas. O contrapunto democrático á proclamada gobernanza experta da UE desde arriba e á imposición de plans de estabilización dos seus estados ricos son as repetidas folgas xerais en Grecia, as mobilizacións de traballadores en Portugal, as grandes mobilizacións en Irlanda, os movementos dos cidadáns indignados en España, as manifestacións de estudantes en Londres ou as folgas xerais en Francia.
Anotación
Parece que a construción europea hai tempo que enfilou un lento proceso de implosión que a crise económica activou, sobre as contradicións do cal as súas mesmas elites dirixentes son inconscientes e as súas cidadanías permanecen inanes, á intemperie das súas consecuencias. Mentres tanto, como reza o credo neoliberal, cada un afánase na defensa do seu interese paricular, pero, contra o que promete, non gañan todos, cada vez hai máis dannificados e quizais cheguen a ser tantos e estean tan encabuxados que xa non sexa posíbel manter algo chamado Unión Europea.
Democracia real, xa!
3 comentários:
O artigo semelha interessante, mas eu som incapaz de ler um texto tam grande num ecrám, acho nom ser o único, e se tento imprimi-lo sai um desastre.
Agradeceria-se umha versom para impressom, ou ainda em pdf.
Grazas pola suxerencia, o que me dá unha idea: este verán pasaremos a PDF descargábel os textos máis interesantes deste blogue, incorporando un apartado de "descargas".
Já incorporamos recentemente umha aplicaçom que permite converter todas as entradas do blogue em pdf. Aguardamos que seja do vosso agrado. Umha aperta irmandinha
Postar um comentário