Gostaría dirixirme a vostede nun lugar que nos sexa común aos dous, un espazo de igualdade, e o único que atopo é o habitáculo da cidadanía. É certo que nese habitáculo eu non me atopo con persoas coma vostede, e de seguro, tampouco se atopa a persoas coma min; mais pode ser un bo lugar para os dous, para sentirnos cómodos e en igualdade; eu aspiro a unha cidadanía en plenitude e vostede precisa recuperala, agardo explicarme ao longo desta carta.
Sexa ou non consciente, como dixen, precisa volver a recuperar a cidadanía; ao longo da historia e desde moi diversas filosofías e tradición políticas falouse, e fálase, de que a riqueza é unha ameaza; unha ameaza direita á condición de ser humano e por tanto, na súa condición comunitaria, que todo ser humano ten, de cidadán. Explicareime. Como digo, sexa consciente ou non vostede é responsábel direito da indignación de milleiros de cidadáns en todo o Estado e na Galiza en particular. Estes son tempos de indignación (porque hai dignidade) e por tanto de sinalar as causas que provocan esa indignación, de sinalalo a vostede.
A democracia representativa foi pervertida porque o sufraxio universal, a expresión da participación democrática que nutre a democracia representativa é sistematicamente usurpada polos intereses dos mercados e da ditadura financeira; e isto non é outra cousa que o antepor os intereses persoais de certos cidadáns á vontade da cidadanía no seu conxunto. Intereses persoais dunha minoría moi reducida con moita capacidade de acumulación, demasiada.
Na Revolución Francesa, caro Emilio, superouse a antiga etapa histórica estamental; non se pretendeu que uns estamentos fosen máis habitábeis, senón eliminalos; a monarquía e a aristocracia posuían a capacidade de dominación total sen estar suxeitos a nada, a etapa revolucionaria pretendía o reinado apacíbel das leis; dúas son as ideas fundamentais, que seguen a sustentar os alicerces da cidadanía actual: unha que todas as persoas están suxeitas á mesma Lei, aínda que estas se poidan mudar, son iguais ou deberían ser, para todas e todos; a segunda cuestión é que se ben a propiedade privada non foi obxecto dunha restrición moi grande si tiña un límite, a República. Que quere dicir isto? A República (hoxe entendida como os Estados) debe ser garante deste reinado apacíbel e por tanto, ningunha vontade individual pode ser superior a da República no seu conxunto. Seguro que xa entende por onde vou.
Vostede vulnera estes dous principios, mais o problema fundamental está nesta segunda cuestión. Ben pola súa capacidade de acumulación, ben pola súa vontade de acaparar unha propiedade privada ilimitada, eliminou a cuestión constitutiva de todo ser humano, de toda ser persoa, a comunidade; converteuse vostede, non nun cidadán membro dunha comunidade (sociedade civil) onde desenvolver a súa condición de igual, senón no posuidor material desta comunidade. Da súa vontade persoal depende a nosa condición de cidadanía.
E os esforzos que ao longo da historia da emancipación social das xentes do común conseguiron, vense unha e outra vez truncados pola súa condición. E isto é un problema para todas e todos nós, e tamén para vostede. Non pretendimos un señor feudal benevolente, non un ditador xusto e sabio, non. Pretendimos sermos todas as persoas diferentes e plurais mais iguais na condición de cidadáns membros dunha mesma sociedade. E por iso nos dotamos de mecanismos democráticos máis ou menos elaborados, máis ou menos xustos, máis ou menos equitativos.
A vostede faille graza, seguro, ver a milleiros de persoas indignadas coa situación actual, igual que non lle importa que as súas inversións poñan en perigo a supervivencia mesma da especie humana no planeta coas inversións enerxéticas que fai, ao igual que o colaboracionismo que vostede ten coas guerras que hai no planeta, sobre todo nos países máis pobres, importadores maioritarios do armamento que vostede finanza nas industrias armamentísticas do chamado primeiro mundo; do mesmo xeito que finanza medios de comunicación e que sustenta a actividade económica dos partidos políticos maioritarios do Reino de España.
Seguro que sorríu cando mirou por algunha das múltiples reivindicacións que se dan nas acampadas, aquela que fala do financiamento público dos partidos políticos, porque vostede si que sabe que é a súa actividade financeira a que sustenta maioritariamente ao PP e ao PSOE; e que se por riba eliminan toda financiación pública será máis amo e señor dos partidos. É certo, ten asida a democracia, os grupos de opinión e o próprio Estado.
Mais está sozinho, coma din os nosos irmáns e as irmás; tamén é presa da riqueza, da acumulación e da responsabilidade histórica de quen condiciona a existencia material da cidadanía; de quen usurpou o valor do coletivo. Na tradición galega falamos de irmáns no senso daquel valor republicán da fraternidade; irmáns e irmás na construción dun coletivo que vostede pretende apoderarse para uso e disfrute individual; foron tempos nos que se decidíu eliminar aos usurpadores e acumuladores que actuaban contra o valor supremo do benestar coletivo, na Inglaterra do século XVIII falaban xa da economía moral cando expropiaban aos acumuladores do gran ou simplesmente os penduraban dalgún alpendre; a mesma guillotina tivo nesto a súa orixe. Agora son outros tempos, non se fala de eliminar nin de usar a violencia contra outros cidadáns, porque se recoñecen os seus dereitos e se respeitan.
Convídoo a volver ao habitáculo común da cidadanía, e que recupere a súa dignidade e a capacidade de abrandar os seus sentidos (que deben estar sumamente podres e esquecidos) para sentirse irmán dos que o rodean; de non ser así, vostede canalla e traidor será maldicido pola rabia da dignidade e pasarán xeracións e xeracións recordado como o tirano contemporáneo e a súa estirpe será aldraxada polas xentes do común, pola alma coletiva, polos auténticos protagonistas da historia.
Nenhum comentário:
Postar um comentário