15/06/2011

Diálogo, unidade e hexemonía

Raul Asegurado Pérez. Artigo tirado de aquí.

Como moi ben sinala Eduardo Galeano, o imperio propón dúas formas de morte, ou de fame ou de aburrimento, na política actual semella que a proposta é a mesma, ou estás morto, fóra de todo escenário e de toda autonomía, ben por pertencer a un corpo inerte fofo e aburridamente típico ou ben porque te desentendes farto de tanto mamoneo. Mais, afortunadamente, non hai forza nin imperio capaz de finiquitar a vontade das persoas libres e por iso é que un pode decidir outra cousa, aínda que iso teña implicacións.

Toda unidade política hoxendía está baseada nunha falsidade, a negación da diversidade e aceitación da unanimidade. E iso se transpira en case que todas as organizacións políticas cunha baixísima capacidade de permeabilidade cara a cidadanía e aos movementos sociais. Moi poucas veces o diálogo é usado como ferramenta de traballo antes da toma de posturas coletivas por parte dunha organización política, ir ao diálogo é en primeiro termo ir ao encontro dos que non son coma eu, e en último termo o respeito absoluto pola diversidade, expresión xenuína da construción da realidade por cada individuo ou grupo social.

Esta é a práctica continua desde hai dous anos do Encontro Irmandiño, sabérmonos limitados, incapaces de sermos resposta para todo, coñecedores de que cidadáns anónimos, grupos organizados, grupos desorganizados, persoas con estudos e outras aprendices da vida forman a unidade diversa da que debemos enchouparnos para abrir camiños novos e atípicos, na construción dun novo referente político.

Tras dous anos de dinámica de traballo que encetamos coa Rolda de Rebeldía e na que o Encontro Irmandiño (EI) non se apropiou nin dos diálogos nin da produción senón que simplesmente impulsou con xentes que non eran do EI para aprender e aprendérmonos xuntos e xuntas, agora esta metodoloxía é parte do ADN do EI, e así foi como atipicamente fixemos unha asemblea nacional en dúas fases na que novamente abrimos as xanelas do noso EU coletivo para transgredir esa falsidade da unanimidade e facernos máis fortes coas novas dúbidas, cos novos encontros e amigábeis desencontros e cunha diversidade que transcende os límites de calquera organización política.

Reproduzo esta conversa mantida cun amigo hai pouco, na que me expresaba as súas dúbidas e que me permitiu publicala.
- Esta práctica é máis lenta?
- Seguramente si.
- Paga a pena ser tan lentos?
- Non somos lentos, é máis lenta porque é a única forma de entender a práctica democrática; ademais é moi bo avanzar preguntando.
- É máis arriscada?
- Sen dúbida, faite non dar nada por pechado e manter unha tensión continua na construción do discurso
- Crea adversidades?
- Non, crea coñecemento profundo entre suxeitos activos e proxecta o positivo valor da hexemonía política.
- E non fomenta a diverxencia?
- E que a diverxencia non é unha herexía, a diverxencia é a expresión da contradición e a contradición é o motor da vida individual e coletiva (histórica).
- E estades todas e todos de acordo con esta forma de facer?
- A mellor forma de dicer é facer, e nós facemos así porque non podemos sentirnos vivos (politicamente) doutra forma.
- Mais… pechades filas entorno a un líder?
 - O liderazgo é algo natural nos colectivos, mais berrámonos moito entre nós, discutimos e cabreámonos, mais logo tratámonos con moito cariño, é a expresión que temos de usar a fraternidade en zapatillas no noso lar. Ás veces hai xente que nos ve falar e non entende como podemos coincidir construíndo un suxeito colectivo; a premisa irmandiña é a máis presente sempre entre nós.
- Hai amores que matan…¿?
- A indiferencia mata, o trato de herexe entre os que deberíamos ser irmáns mata, a anulación do outro mata, a non interpelación mata. O diálogo crea unidade e a unidade vai creando hexemonía.
- E este novo Encontro Aberto?
- Unha nova etapa na construción do que nos propoñemos, un novo espazo para achegármonos e aprender, debater e soñar.
- Hai xente que di que esta é a última tentativa dos irmandiños pola rexeneración do BNG?
- No EI hai xente que milita no BNG e xente que non milita, mais realmente (eu penso) están orfos dun novo referente político (tanto uns coma outros). A rexeneración do BNG ten que ser profunda, ir aos próprios alicercer, ten que renacer de novo, polo EI non ficará a tentativa, mais somos liliputienses, ou hai esa tentativa no BNG no seu conxunto ou non poderá ser, e se non é, á deriva da unanimidade política non iremos, teremos que ir mirando o ronsel que deixamos e desafiar a mar aberto. E por tanto esa rexeneración irá parella de moitas altas de militantes activos que desembarcaron hai tempo.

Um comentário:

UNNR disse...

Mui bon artigo Raul!