Martiño Noriega en A Nosa Terra
O latexar da cidadanía, aínda que sexa arrítmico é positivo, xa que demostra que tras ese latexar hai vida. Esa valoración que fixen con evidente deformación profesional, poucos días despois do estoupido social do 15M e sendo consciente do impacto que podía ter no apoio minorado á esquerda nas eleccións municipais, continúa a ser, basicamente, a valoración que fago un mes despois de terse iniciado un movemento cidadán heteroxéneo, diverso e ás veces un pouco contraditorio pero que semella irreversíbel, transformador e pouco permeábel ás presións do sistema.
Non se trata pois de colocarse a favor ou en contra, nin de facer análises miopes a curto prazo. Toca, máis ben, entender que isto chegou aquí para quedar e que todos aqueles que compartimos un ollar crítico e transformador co pensamento único abafante que nos tocou vivir, estamos na obriga de ter a xenerosidade de entender a súa pelexa e de estabelecer vasos comunicantes con ela, esquecendo de raíz a tentación de instrumentalizala.
Son consciente de que a dereita política está empregando o discurso do medo diante deste movemento cidadán como fórmula de mobilización dos seus votantes, argumento baseado no principio de “eu ou o caos”. Non é o momento, logo, de analizar a instrumentalización daqueles que empregan o todo vale no día a día e que seguramente teñan éxito a curto prazo. Si que resulta importante estabelecer a concentración parcelaria das enerxías colectivas no campo da esquerda e a maneira na que se está a vivir este agromar de conciencia colectiva. Fálase dun divorcio entre a esquerda social e a esquerda política. Discrepo. Ese divorcio existe, é real, mais o motor fundamental deste berro colectivo é o da ruptura xeracional. Por primeira vez nas derradeiras dúas décadas, existe unha toma de postura significativa dunha xeración distanciada da esquerda política e en menor medida da esquerda social, cunha ampla formación pero cun negro horizonte. Esta xeración, no epicentro dunha crise que busca solucións no recorte de dereitos laborais e sociais, representa o núcleo dunha resposta innovadora cun discurso transformador e fai por primeira vez unha toma de posicións “política” crítica colectiva diante da realidade que lle toca vivir. Esta toma de postura faina dun xeito autoorganizado, diferente e distanciado de calquera estrutura de corte clásico, ben sexa política ou sindical, como non podería acontecer doutro xeito cando maioritariamente nunca participaron nelas. Esta toma de postura faina proxectando unha mostra representativa xeracional sen maquillaxes e sen ocultar as súas contradicións. Todo isto explica a desconfianza mutua, o distanciamento e incluso o sentimento de maltrato por sectores da esquerda real que non entenden que non se diferencien na praxe do discurso e na crítica do movemento posicións políticas tan diversas. Pídeselle coherencia ao movemento nas propostas e na cuestión idiomática cando está a construír o seu discurso mais eu sempre me pregunto a lexitimidade que ten a esquerda real para solicitar esa coherencia, nun momento como o actual no que iniciou diagnoses e críticas axustadas pero no que está a errar (seguramente por incapacidade e falla de autonomía) nos tratamentos.
Temos, polo tanto, unha encrucillada colectiva por diante á que non podemos permanecer alleos. Á esquerda real, por responsabilidade histórica, tócanos acompañar sen instrumentalizar, tócanos recuperar a confianza, tócanos intentar entender, tócanos recoller as propostas e facelas realidade, tócanos participar; e ao movemento cidadán… tócalle continuar.
Nenhum comentário:
Postar um comentário