Corenta e oito organizacións galegas de cooperación exterior denuncian que en dous anos o goberno reduciu un 48% o orzamento dedicado á loita contra a pobreza mundial
María Paz, vicepresidenta de ONGD, Gema Filgueira, presidenta e Laura del Río, tesoureira (pola esquerda)
FOTO: Fernando Blanco
Dous días despois das eleccións municipais do 22 de maio, a Consellería de Presidencia, aprobou, "sen previo aviso", dúas ordes que "dinamitan as políticas das ONGs galegas de cooperación ao desenvolvemento". Así de rotunda se manifestou onte María Paz, vicepresidente da Coordinadora Galega de ONG, quen lamentou a eliminación das axudas de emerxencia e acción humanitaria (300.000 euros) e a redución á metade do orzamento da convocatoria de proxectos no exterior (1.974.901 euros). Denuncian que estes axustes de última hora, que supoñen a redución en dous anos do corenta e oito por cento do orzamento, "comprometen a vida de milleiros de familias en países empobrecidos como Guatemala, Haití e República Dominicana".
María Paz recordou que non se trata dun feito aillado que lles colla por sorpresa. "Súmase á traxectoria da Xunta de Galicia de recortes sucesivos e nos parece unha falta de respecto cara ás ONG facelo deste modo; a través de dúas resolucións publicadas no DOG, sen que ninguén se puxera en contacto connosco e nos informara previamente do que estaba a pasar", afirma.
Como vicepresidenta da Cordinadora galega de ONG para o desenvolvemento, que aglutina 48 organizacións e dá traballo a 90 persoas, María Paz, esixíulle á Xunta "un posicionamento claro" no que se lles comunique se vai ser o primeiro dunha serie de recortes ou é puntual. Nestes sentido reclama que "a crise non sexa a escusa para calquera axuste". "Hai políticas onde non se pode aplicar a austeridade porque estamos falando da vida de persoas que, xa de por si están nun caso de crise estrutural".
Estas situación supón un impacto alto sobre as organizacións non gobernamentais, indicou a vicepresidente da coordinadora, María Paz, quen resaltou que o presuposto orixinal "xa non era moito" e a baixada de fondos representa "un mundo" para os países nos que traballan estas entidades.
Pola súa banda a tesoureira, Laura del Rio, explicou que a Coordinadora, decidiu a interposición de recursos administrativos e, no caso de que sexa necesario, levar as ordes aprobadas en maio ao contencioso administrativo.
XUNTA DE GALICIA
"Vímonos obrigados a facer recortes"
A Xunta asegurou onte que mantén o seu compromiso coa Cooperación galega e coa Axuda Humanitaria no exterior e lembra que no actual contexto de crise económica, tanto Galicia como outras Comunidades Autónomas e o Goberno central víronse obrigadas a facer un axuste nas axudas dedicadas á cooperación exterior. De todos os xeitos, nega que estes recortes afectaran a proxectos de consolidación e fornecemento de ONGD, educación para o desenvolvemento, ás bolsas de formación en cooperación para o desenvolvemento, nin ás Iniciativas de Desenvolvemento Integral que se están a desenvolver en República Dominicana e Guatemala.
Ante esta situación, o Goberno galego asegura que actuou canto antes e fixo un axuste orzamentario que, de non facerse, poría en risco a resolución do resto de axudas autonómicas á cooperación exterior. Xustifica que a modificación da orde, publicada no Diario Oficial de Galicia, permitiu iniciar canto antes os proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior. Dende a Xunta de Galicia explican que a Consellería de Presidencia acaba de concederlles subvencións por importe de máis de tres millóns de euros a un total de 35 proxectos de cooperación para o desenvolvemento, que se executarán con carácter bianual.
OS DATOS DA COOPERACIÓN
Galicia só dedica 4 euros por persoa
A presidenta da coordinadora, Gema Filgueira, destacou que Galicia destina 4 euros ao ano por habitante á cooperación, co que a achega representa o 0,06 por cento do produto interior bruto galego (PIB), fronte ao 0,7% pactado entre estados para cumprir os Obxectivos do Milenio. Desta forma Galicia "continúa a ser a comunidade autónoma que menos orzamento destina historicamente á cooperación internacional e ao desenvolvemento".
En concreto, os fondos do Goberno galego para esta área en 2011 ascendían a 7 millóns de euros, que quedan en 6 millóns co recorte mencionado nas axudas a cooperación internacional. En 2010, executouse un presuposto de 10,74 millóns e nos dous últimos anos, dende o cambio do Executivo autonómico, o diñeiro para estas actividades recortouse un 48%. E é por iso que as ONGD "esiximos a Xunta de Galicia respecto á cidadanía a través do cumprimento dos acordos políticos de loita contra a pobreza" asinados no II Plan Director de Cooperación Galega 2010-2013 e no Pacto Galego contra a Pobreza.
HISTORIA DA ORGANIZACIÓN
A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento (ONGD) naceu no 1991 e é unha asociación que agrupa 48 ONGD que traballan no ámbito da cooperación ao desenvolvemento, a acción humanitaria e de emerxencia, a educación e a incidencia política.
A misión principal da Coordinadora Galega de ONGD é contribuír á erradicación da pobreza nun marco de desenvolvemento sostible e de promoción dos Dereitos Humanos, que propugne a eliminación de calquera tipo de discriminación, e que promocione a igualdade entre mulleres e homes.
Para dar cumprimento a esta misión, a Coordinadora traballa principalmente na construción dun modelo de cooperación ao desenvolvemento de calidade e transformador para Galicia. Entre os seus obxetivos están desenvolver liñas de incidencia e presión política en posicións comúns emanadas das ONGD integradas, promover un espazo de potenciación e complementariedade das ONGD do tecido galego para unha maior visibilización do traballo das mesmas e promover e defender unha mellora da calidade da cooperación ao desenvolvemento como obxectivo compartido das ONGD galegas.
Algunhas das ONG que participan na Coordinadora son A Cova da Terra, ACSUR Galiza AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios), Amigos da Terra, Amigos Escaes-Perú, Arquitectos sen Fronteiras, Asamblea de Cooperación pola Paz, Asociación 1º de Mayo, Axuda en Acción, Bicis pola Paz, Cáritas Diocesana de Santiago, COOPERA (Mozos para a Cooperación Internacional), Cruz Vermella, Ecos do Sur, Educación Sen Fronteiras, Entreculturas, Fe e Alegría, Enxeñería Sen Fronteiras, Equus Zebra, Farmamundi - Galicia, FISC. Fundación Internacional de Solidariedade Compañía de María, Fundación Balms para la Infancia, Fundación Cume, Implicadas/os no Desenvolvemento e InteRed Galicia Intermón-Oxfam, entre outras. Máis información en (www.galiciasolidaria.org),
Nenhum comentário:
Postar um comentário