Mostrando postagens com marcador Encontro Aberto. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Encontro Aberto. Mostrar todas as postagens

20/10/2011

Encontro Irmandiño propón 13 liñas ao programa para que o BNG mellore os seus resultados

Tirado de El Correo Gallego. Tradución nosa para galego.

O partido integrado no BNG que lidera Xosé Manuel Beiras, o Encontro Irmandiño, deu a coñecer este xoves os 13 puntos que compoñen as liñas estratéxicas que piden incluír no programa electoral dos nacionalistas galegos para o próximo 20 de novembro, nun contexto global de "quebra democrática", e para achegar á organización ideas que "contribúan" a conectar co espectro social que deixou de apoiala e obter mellores resultados nas urnas.

"Queremos que o BNG as faga explícitas en lugar de andar con medias tintas", argüiu o portavoz nacional do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, en rolda de prensa, na que, aínda que recoñeceu que se pode expor que son "utópicas", as liñas estratéxicas propostas marcan "o horizonte" de cara a onde hai que ir, é dicir, supoñen as "vértebras" para un cambio do sistema, aínda máis nun momento en que existe un movemento "non só dos indignados". "As forzas de esquerda deberían sintonizar con eles", manifestou.

Tamén enmarcou as súas propostas no contexto galego, cunha Xunta liderada por Alberto Núñez Feijóo á que achaca ser unha "brigada de demolición e destrución", da "identidade e a conciencia identitaria". "Coa pasividade, ás veces complicidade, do PSdeG", denunciou.

Tanto Beiras como o responsábel de Comunicación do Encontro, Mario López Rico, explicaron que as propostas realizadas aínda non obtiveron resposta por parte da dirección nacionalista, á que foron elevadas as liñas estratéxicas para a súa inclusión no programa definitivo que pechará a comisión encargada, posto que o proxecto xa foi aprobado polo Consello Nacional --máximo órgano de decisión entre asembleas--. 

O líder dos 'irmandiños', que mostrou confianza en que se incorporen, incidiu en que as propostas non son "bombas na organización", senón unha "contribución", e asegurou, a preguntas dos xornalistas, que o BNG "non se está xogando o seu futuro" nas eleccións, senón uns "resultados". "A curto prazo, o BNG xógase o seu futuro na asemblea", explicou Beiras, que na súa intervención tamén tivo palabras para "solidarizarse" cos traballadores da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) que se mobilizan en defensa dos seus postos de traballo e por uns "medios públicos".

13 PUNTOS NA PROPOSTA

Así as cousas, os argumentos que o Encontro entende que deben ser incluídos no programa inclúe a necesidade de "democratización da empresa", é dicir, participación dos traballadores na dirección e xestión.

Ademais, propón "unha auditoría da débeda pública e a recuperación do achegado para salvar aos banqueiros", a reversión ao dominio e xestión públicos das "concesións feitas ao sector privado de infraestruturas, recursos, bens e servizos", a reconversión en públicas de corporacións e empresas privatizadas; a regulación, imposición e control estritos dos mercados, intermediarios e fluxos financeiros e movementos de capitais, con especial rigor no que respecta ás operacións especulativas; ou a "reforma tributaria para restabelecer unha fiscalidade progresiva", singularmente, nos tramos elevados de ingresos e patrimonios privados, a favor dunha "indispensábel política redistributiva do benestar social". 

Tamén reclama incluír a "reconstitución do sector financeiro público, a reversión das caixas de aforro á súa natureza orixinaria de entidades non capitalistas privadas; e a derrogación das sucesivas reformas laborais e estabelecemento e fortalecemento, tanto na función pública como no sector privado, dos marcos normativos reguladores do mercado laboral e dos réximes salariais a favor dos dereitos e garantías económicas e sociais na igualdade de xéneros e idades, a estabilidade e seguridade no emprego, a redución da xornada laboral, a cobertura do paro e das xubilacións, e a participación equitativa da forza de traballo no valor engadido e incrementos da produtividade.

Ademais, pide explicitar "soberanía alimentaria e enerxética"; e a necesidade de estabelecer "políticas de defensa do campesinado, revitalización de explotacións agrarias non capitalistas, recuperación e desenvolvemento da economía sustentábel e os ecosistemas agrarios, así como políticas análogas no mundo mariñeiro. Finalmente, os 'irmandiños' piden políticas de promoción e equidade económica, fiscal e social para as formas de traballo autónomo e ordenación do sector comercial a favor da revitalización racionalizada do pequeno comercio.

EI presentará batalla na Asemblea Nacional de xaneiro

Nova reproducida de Galicia Confidencial (aquí). Por Xurxo Salgado.

A formación liderada por Beiras inicia unha campaña de captación de afiliados para "rexenerar" o BNG desde a base e "derrotar á burocracia que parasita o BNG dende hai anos".


O Encontro Irmandiño iniciou unha campaña, coincidindo coa mobilización das eleccións do 20N, para "re-afiliar, afiliar e mobilizar" á militancia pasiva do BNG de cara a Asemblea Nacional que esta formación celebrará en xaneiro. "Temos que transmitir que se quere a base pode derrotar á burocracia que parasita o BNG dende hai anos. É preciso conxurarse para vencer", apunta nun comunicado intero que esta organización remitiu aos seus simpatizantes e ao que tivo acceso GC.

 En todo caso, EI suliña que o seu traballo de "refundación do BNG non debe levar en ningún caso ao confronto directo" coa campaña do BNG. "Hai que ser escrupulosos ao máximo para que non poidan acusar ao EI de boicot e dun eventual mal resultado nas Xerais", apunta.

 O adianto electoral fixo coincidir o proceso electoral do 20-N coa preparación da Asemblea Nacional do BNG. Por iso, o Encontro Irmandiño por compatibilizar ambas campañas "participando na electoral na medida das posibilidades e circunstancias de cada quen mais aproveitando para traballar na reactivación da base do BNG, con reafiliación ou coa afiliación, para participar na Asemblea do BNG de Xaneiro". O prazo para afiliarse e participar con voto na asemblea é até o 30 de novembro.

"Rexeneración"

Por iso, fai un chamamento aos afiliados e simpatizantes do BNG para traballar en rede pola "rexeneración" do BNG. "Temos que transmitir que se quere a base pode derrotar á burocracia que parasita o BNG dende hai anos. É preciso conxurarse para vencer", suliña.

Por iso, a súa prioridade absoluta, ata xaneiro, será "reafiliar, afiliar e mobilizar" aos militantes para tecer unha rede de persoas implicadas nesa refundación, "sexan militantes ou non do EI".

O EI presentará, ademais, as súas propias teses políticas e organizativas na Asemblea Nacional para "evitar unha dinámica de concesións parciais que xa non serven", en alusión aos pactos entre as distintas correntes do BNG. Tamén pide que se utilice a nova páxina web da organización para impulsar esta campaña de captación.

11/10/2011

O 15-O nas rúas e o 20-N nas urnas

Paula Vázquer Verao. Tirado da página do Encontro Irmandiño, recentemente remodelada ao completo (aquí). A autora é comisionada de mocidade do Encontro Irmandiño desde a III Asemblea Nacional, membra da Coordenadora e xestora de varios blogues como O Colado do Vento ou Á revolta entre a mocidade.
A autora cos compañeiros do BNG de Sober (á esquerda agachada), onde é concelleira desde maio de 2011.

15-O pola soberanía nacional: soberanía política, alimentaria, social, cultural, económica, enerxética e mercantil.


Xurdiu nos encontros abertos que dende o EI estamos a celebrar por Galiza adiante para a “necesaria refundación do BNG” a cuestión do apoio decrecente da mocidade á fronte nacionalista. Así, preguntámonos polas causas do apoio ao BNG por parte da mocidade na segunda metade dos anos noventa, cando un 60% de primeiros votantes votaba Bloque. Era cuestión de liderádego? Poida que en parte, pero non só. Creo eu que tiña que ver tamén con que o proxecto nacionalista dos 80s e 90s ofrecía poder aportar a visión e experiencia persoal ao colectivo. Esa posibilidade de participar, de ser parte activa e non mera espectadora – papel este que o sistema reserva á maioría social, convertíndonos en mercadoría e non en suxeitos políticos plenos –, parece, precisamente, ser un factor importante na participación da mocidade nas mobilizacións deste ano 2011 (“non somos mercadoría en mans de políticos e banqueiros”).

No BNG, aqueles eran os tempos do Proxecto Común. As distintas voces e problemáticas – territoriais e sectoriais – tecíanse ata enxergar un proxecto colectivo liberador, nos aspectos social e nacional. O aglutinante non só era un liderádego excepcional – en máis dun sentido, pois excepcional érao tamén por canto nunca foi Beiras máis que un entre iguais e nunca deixou de conxugar a primeira persoa do plural –, senón, por unha parte, a práctica dunhas relacións fraternas no seo do nacionalismo e, por outra, un proxecto político elaborado tras análises series do país e tras a confluencia de moitas loitas colectivas e individuais por todos os recantos da Galiza: había un proxecto sólido de cambio para a nosa nación, plasmado nos programas de goberno do BNG de 1997 e 2001. Certo, os tempos pasados non foron idílicos, non se trata de nostalxia acrítica ou sentimentalismo barato, non estivo exenta de tensións a historia recente do nacionalismo, pero a tónica xeral era a unidade na diversidade en torno a un Proxecto Común, un proxecto non “para un segmento da sociedade, senón para o conxunto do común cidadán, constituído en pobo soberano… non pode ser asunto dun partido” [Xosé Manuel Beiras], e iso conseguíase coa práctica política da fraternidade.

Hoxe, como ten analizado o Encontro Irmandiño, son moitas as persoas excluídas do BNG por “expulsión, sectarismo ou cansazo de aturar unhas relacións internas insoportábeis”. E esa é unha das claves de que o BNG deixase de ser a referencia para os sectores máis activos da sociedade civil, o feito de que se comezase a imitar dentro o que teoricamente se cuestiona fóra, é dicir, a lóxica do sistema económico, social e político que dicimos combatir: márketing electoral en vez de traballo social, consignas por razoamentos, congresos por asembleas, democracia directa e horizontalidade por confrontación, relacións de poder por relacións fraternas. A fraternidade, novamente.

É un grande erro histórico, ao ver do Encontro Irmandiño, terse afastado dese modelo frontista plural, asembleario, que permite e alenta a creatividade no combate social e político, que se adiantou vinte anos ás formulacións que dende finais dos 90 triunfan na América do Sul. Velaí que, hoxe, cando estoura nos pobos ibéricos, dende o movemento Á Rasca ao 15 M, a rebeldía cívica contra a lóxica capitalista, o BNG xa non é, en xeral, referente de cambio; o común da mocidade revoltada, moita dela por primeira vez, mesmo a que se sinte nacionalista, xa non percibe, salvo excepcións, ao BNG coma compañeiro na loita, senón que este aparece metido no mesmo saco que as demais forzas políticas, en parte por ese cambio na dinámica interna e social, en parte por liñas políticas seguidas durante o Bipartito que traizoaron a base social máis dinámica do nacionalismo – e isto, sen cuestionar que o Bipartito fose o mellor goberno que tivo nunca a nosa nación –.

No Encontro cremos na necesidade de ter unha forza política que traslade as demandas da esquerda social á instancia política, que aglutine as aspiracións da xente do común, que o faga con imaxinación e saíndose dos marcos que nos pon o sistema. Por iso, cremos na necesidade imperiosa da rexeneración do BNG – que xa non sería este BNG, nin sequera o dos 80s e 90s, senón algo novo sentado sobre aquelas bases – e por iso estamos a dar pasos no diálogo con xentes e movementos sociais, e de aí os encontros abertos deste ano ou a Rolda de Rebeldía celebrada en 2010.

E, con todo, cremos que o BNG segue a ser útil para este país. O Encontro Irmandiño apostamos polo BNG como “instrumento fundamental para o pobo galego que é preciso recuperar” porque segue a estar conformado por un gran caudal de xente que traballa desinteresadamente por un futuro mellor, segue a haber valentes que loitan a peito descuberto en recantos esquecidos da nosa xeografía. Por iso, con todo, votaremos BNG nas Xerais, apoiaremos ás candidaturas do BNG por ser as que ao noso xuizo representan os intereses das maiorías sociais de Galiza, - con respecto ás persoas que elixan outra opción – pero iso non nos impide ver que a cita electoral non é o máis importante que temos entre as mans nesta altura. O fundamental é reconstruír un proceso de converxencia da esquerda social e política galega. Vaille a vida niso ao pobo galego como tal. Por iso, este 15 de outubro imos estar coa xente que decida secundar a convocatoria global de mobilización contra o sistema e, por iso, malia que eu vaia votar ao Bloque e facer campaña por el, considero un erro de bulto facer coincidir con esta data a convención electoral nacional do BNG. Porque, poida que o movemento (ou movementos) xurdidos no Estado Español despois das mobilizacións portuguesas e da “primavera árabe” teña incoherencias (que incoherencias non ten o BNG, neste momento!), que se esté aínda redefinindo, pero as vantaxes para a maioría social superan ampliamente as eivas: difusión de ideas emancipadoras antes reservadas a círculos moi restrinxidos – Renda Básica de Cidadanía, soberanía alimentaria, banca ética… -, identificación clara de que o que falla é o sistema (“con este sistema imos de cu”), quedando espido o mantra que identifica democracia con capitalismo (“chámano democracia e non o é”), mecánica asemblearia, desenmascaramento dos medios de dominio do sistema - moita xente topou por primeira vez co que significan os medios de manipulación de masas e as forzas represivas –, mobilización de xente moza ata agora non implicada no activismo ou irrupción meteórica no panorama político do segmento social de mocidade de entre os 18-30 anos, esdudante e/ou con estudos universitarios e sen traballo, forza social con gran potencial transformador.

Cando o vello aínda non morre e o novo non acaba de nacer, dende unha conciencia crítica convén, sempre, aproveitar o bo do vello e asomarse ao bo do novo, establecer “vasos comunicantes”, como di o irmán Martiño Noriega, pero nunca adoptar posicións refractarias ou deixarse levar polos prexuizos – comprensíbeis, eu tamén os sufrín – que poidamos ter ante a falta de conciencia dos problemas de Galiza entre parte deste movemento. Canto maís que, se hai descoñecemento da “cuestión nacional” entre a xente moza mobilizada ao calor do 15M, non é responsabilidade dela toda, senón, mais ben, do nacionalismo organizado que leva anos renunciando á didáctica, ao traballo social sen dirixismos, ao achegamento de posturas, á integración das loitas emancipadoras e, como non, á análise seria das transformacións vividas no mundo na última década e a súa repercusión no noso país e na nosa loita. E iso que, xenerosamente, entre a mocidade mobilizada nas prazas e rúas hai, en xeral, moitas ganas de aprender dos vellos combates e unha grande imaxinación, cousa que lle/nos falta – con excepcións, novamente – ao nacionalismo organizado. E sen imaxinación non haberá revolución. Debemos, pois, xuntar as loitas vellas, aínda vixentes, e cada día con máis sentido nesta Galiza re-colonizada, coas novas loitas e aspiracións e coas novas formas de mobilización.

O estado, á vez, de urxencia e emerxencia social destes momentos precisa un referente político ou, do contrario, e ogallá nos trabuquemos, agárdanos a frustración social e as tebras – aínda máis - dos fascismos. Se o nacionalismo galego quere ser ese referente, ou se nutre – sen dirixismos – deste caudal social novo revoltado e recupera aos sectores sociais que del se afastaron durante os últimos anos, ou haberá que encetar un proceso ex novo de recomposición da esquerda nacional galega, cousa que leva tempo nesta Galiza que non ten espera. Como somos optimistas da vontade, verémonos o 15 de outubro nas rúas, o 20 de novembro nas urnas e en xaneiro na Asemblea Nacional do BNG. E non por saír a manifestármonos coa xente que o fará este sábado en todo o planeta imos ser "desleais" e non por ir votar somos cómplides da falsidemocracia porque imos votar BNG. Agardamos por ti nesas tres citas, sexas ou non do BNG, pois as persoas que aspiramos a unha Galiza para a maioría da xente e non para os ladróns estamos chamadas a esta asemblea – derradeira oportunidade - de refundación. As rúas son nosas, o voto é noso, o BNG é de todo o pobo galego

01/08/2011

FAQ (preguntas frecuentes) dos Encontros Abertos.

* Notas dunha asistente aos Encontros Abertos que o EI está a celebrar polas comarcas galegas. Vindeiros encontros: MONDOÑEDO - martes, 2 de agosto, ás 20:30 horas na Casa da Xuventude // VILALBA - xoves, 4 de agosto, ás 20:30 horas no Hotel Restaurante Terra Cha -.

FAQ Encontros Abertos

17/06/2011

Á procura da esquerda soñada (a la recherche du temps perdu)

Artigo tirado de aquí. O quadro co que se ilustra a entrada é de Botticelli.



Temos tan interiorizado que vivimos tempos vertixinosos que damos quizais relativa importancia aos cambios que nos rodean. Somos tan relativistas coas nosas propias vidas que mesmo recoñecendo as enormes transformacións que estamos a vivir e notando o cercano alento da besta neocon azoutando Europa, dubidamos de todos os aires de cambio que prometan unha sociedade mellor. E iso que a nosa sociedade é manifestamente mellorable. Vaia se o é!!!!

O resultado das eleccións municipais do pasado 22 de maio, unido ao posterior resultado electoral no veciño Portugal, constatan que nesta crise hai unha Europa vencida e unha Europa vencedora. En canto a modelos, desde logo. En canto a Estados, vai por barrios. Adepende do amigo americano.

Pero do que non cabe dúbida é de que algo se está a mover entre unha parte farta da sociedade, formada basicamente por mozas e mozos sen espectativa, ou en espectativa de desesperanza, ben sexa nos depauperados países do Magreb, ben sexa na desenriquecida europa meridional. Habitan en nós eses aires de cambio dos que vos falaba e, pouco a pouco, semella medrar a idea dunha nova esquerda, máis social, máis adaptable ás transformacións, máis participativa e, polo tanto, horizontal. Máis modelo, tamén. Máis contrapeso e contrapoder. Unha esquerda que ofreza unha alternativa válida, viable e xusta. Caia quen caia. É disto do que se está a falar estes días.

O movemento d@s acampad@s cumpre un mes. Fóra da aparición de mensaxes contraditorias ou líderes de discutible coherencia, moito do que se nuclea arredor deste movemento que reivindica e practica o asemblearismo como fórmula diaria de entendemento é descontento social. Descreimento do modelo imposto. Esixencia de cambio profundo. Soberanismo individual, quizais. Un preludio do soberanismo colectivo. Este domingo teñen convocadas concentracións en todo o Estado. Aquí celebrarase en Santiago de Compostela. Haberá quen desconfíe. Eu fágoo. Pero o certo é que se hai quen demanda unha democracia real, haberá que ofertar tamén unha esquerda real, habida conta de que a dereita real xa habita entre nós. Será unha pedra de toque do que aínda queda do movemento inicial e servirá para calibrar, seguramente, o actual calado da protesta. As imaxes de acampad@s entorpecendo as investiduras dos novos gobernos son contraditorias. Por un lado, non. Por outro, sen embargo, si. Se acreditamos na vontade popular expresada, non. Se acreditamos que non se reúnen as mínimas garantías democráticas que a validen, si. En fin, que a Divina Pastora nos protexa...

Un día antes, o sábado 18 de xuño, celébrase na mesma cidade un Encontro Aberto para "escoitar, pulsar a opinión, debater, tomar nota, informar e informarse con todas aquelas persoas -militantes ou non do BNG e das súas correntes- cidadáns preocupados e preocupadas polo que está acontecendo", nas súas propias palabras. Este acto aberto vén impulsado desde o Encontro Irmandiño, a corrente do BNG liderada polo señor Beiras. Se ben semella inicialmente pensado para un consumo interno arredor da crise do proxecto nacionalista no noso País, está a dar cabida a persoas de todo tipo simplemente PREOCUPADAS, pero non rendidas. Sei que o Pacotrón andará por alí. Que a Divina Pastora nos ilumine....

Hai poucos días apareceu tamén un manifesto impulsado por unha vintena de persoas comprometidas coa esquerda política e descreídas da esquerda actual. Coñecido como Iniciativa BenComún, o manifesto aposta por "reactivar a participación cidadá na esquerda nacional". As adhesións a este texto inclúen militantes do PSOE e do BNG, así como exmilitantes e persoas de variada adscrición. Anuncian un acto aberto para o próximo 2 de xullo, tamén en Santiago de Compostela. Que a Divina Pastora nos ampare....

Estase a mover polas redes un documento chamado Declaraçao Galega de Soberanía, cun importante apoio recollido, especialmente do disgregado mundo independentista e de certa intelectualidade nacional. Para min que toda soberanía colectiva debe partir da soberanía individual, a que nos debe permitir vivir, e vivir ben, totalmente afastados dos modos de consumo e das ataduras económicas que se nos queren vender como modelo correcto ou, cando menos, o menos malo dos modelos. Galicia pode ser independente e Núñez Feijoo o seu Presidente. Os cambios que se queren son, quizais, máis profundos. Que a Divina Pastora nos colla confesados....

E todo isto aquí, ao lado da nosa casa. Hai un referente novísimo, de esquerdas, frontista e soberanista no caso de Bildu que non pasa desapercibido. Está por ver o que a Divina Pastora nos depara.....

NOTA: Divina Pastora: grupo de vivendas situado no barrio coruñés da Agra do Orzán. Estas vivendas "baratas" deron saída á crecentísima demanda proveniente da poboación rural trasladada ás cidades, especialmente a partir dos anos setenta. Podedes ver esta estupenda foto de aquí tomada desde a Ronda de Outeiro!!!

15/06/2011

Diálogo, unidade e hexemonía

Raul Asegurado Pérez. Artigo tirado de aquí.

Como moi ben sinala Eduardo Galeano, o imperio propón dúas formas de morte, ou de fame ou de aburrimento, na política actual semella que a proposta é a mesma, ou estás morto, fóra de todo escenário e de toda autonomía, ben por pertencer a un corpo inerte fofo e aburridamente típico ou ben porque te desentendes farto de tanto mamoneo. Mais, afortunadamente, non hai forza nin imperio capaz de finiquitar a vontade das persoas libres e por iso é que un pode decidir outra cousa, aínda que iso teña implicacións.

Toda unidade política hoxendía está baseada nunha falsidade, a negación da diversidade e aceitación da unanimidade. E iso se transpira en case que todas as organizacións políticas cunha baixísima capacidade de permeabilidade cara a cidadanía e aos movementos sociais. Moi poucas veces o diálogo é usado como ferramenta de traballo antes da toma de posturas coletivas por parte dunha organización política, ir ao diálogo é en primeiro termo ir ao encontro dos que non son coma eu, e en último termo o respeito absoluto pola diversidade, expresión xenuína da construción da realidade por cada individuo ou grupo social.

Esta é a práctica continua desde hai dous anos do Encontro Irmandiño, sabérmonos limitados, incapaces de sermos resposta para todo, coñecedores de que cidadáns anónimos, grupos organizados, grupos desorganizados, persoas con estudos e outras aprendices da vida forman a unidade diversa da que debemos enchouparnos para abrir camiños novos e atípicos, na construción dun novo referente político.

Tras dous anos de dinámica de traballo que encetamos coa Rolda de Rebeldía e na que o Encontro Irmandiño (EI) non se apropiou nin dos diálogos nin da produción senón que simplesmente impulsou con xentes que non eran do EI para aprender e aprendérmonos xuntos e xuntas, agora esta metodoloxía é parte do ADN do EI, e así foi como atipicamente fixemos unha asemblea nacional en dúas fases na que novamente abrimos as xanelas do noso EU coletivo para transgredir esa falsidade da unanimidade e facernos máis fortes coas novas dúbidas, cos novos encontros e amigábeis desencontros e cunha diversidade que transcende os límites de calquera organización política.

Reproduzo esta conversa mantida cun amigo hai pouco, na que me expresaba as súas dúbidas e que me permitiu publicala.
- Esta práctica é máis lenta?
- Seguramente si.
- Paga a pena ser tan lentos?
- Non somos lentos, é máis lenta porque é a única forma de entender a práctica democrática; ademais é moi bo avanzar preguntando.
- É máis arriscada?
- Sen dúbida, faite non dar nada por pechado e manter unha tensión continua na construción do discurso
- Crea adversidades?
- Non, crea coñecemento profundo entre suxeitos activos e proxecta o positivo valor da hexemonía política.
- E non fomenta a diverxencia?
- E que a diverxencia non é unha herexía, a diverxencia é a expresión da contradición e a contradición é o motor da vida individual e coletiva (histórica).
- E estades todas e todos de acordo con esta forma de facer?
- A mellor forma de dicer é facer, e nós facemos así porque non podemos sentirnos vivos (politicamente) doutra forma.
- Mais… pechades filas entorno a un líder?
 - O liderazgo é algo natural nos colectivos, mais berrámonos moito entre nós, discutimos e cabreámonos, mais logo tratámonos con moito cariño, é a expresión que temos de usar a fraternidade en zapatillas no noso lar. Ás veces hai xente que nos ve falar e non entende como podemos coincidir construíndo un suxeito colectivo; a premisa irmandiña é a máis presente sempre entre nós.
- Hai amores que matan…¿?
- A indiferencia mata, o trato de herexe entre os que deberíamos ser irmáns mata, a anulación do outro mata, a non interpelación mata. O diálogo crea unidade e a unidade vai creando hexemonía.
- E este novo Encontro Aberto?
- Unha nova etapa na construción do que nos propoñemos, un novo espazo para achegármonos e aprender, debater e soñar.
- Hai xente que di que esta é a última tentativa dos irmandiños pola rexeneración do BNG?
- No EI hai xente que milita no BNG e xente que non milita, mais realmente (eu penso) están orfos dun novo referente político (tanto uns coma outros). A rexeneración do BNG ten que ser profunda, ir aos próprios alicercer, ten que renacer de novo, polo EI non ficará a tentativa, mais somos liliputienses, ou hai esa tentativa no BNG no seu conxunto ou non poderá ser, e se non é, á deriva da unanimidade política non iremos, teremos que ir mirando o ronsel que deixamos e desafiar a mar aberto. E por tanto esa rexeneración irá parella de moitas altas de militantes activos que desembarcaron hai tempo.