04/04/2013

Tecendo ANOVA desde abaixo e á esquerda

Artigo escrito por Paula Vázquez Verao, moza que milita en Anova-Irmandade Nacionalista de Sober;  Inma Castro González, militante moza en Anova-Irmandade Nacionalista de Cambados; Ricardo García Caneda, mozo que milita en Anova-Irmandade Nacionalista de O Grove; Jorge Pérez Áriaz, militante mozo de Anova-Irmandade Nacionalista de Lemos;  Bruno Esperante Paramos, militante mozo de Anova-Irmandade de Compostela; Xoán García Segade, militante mozo de Anova- Irmandade de Compostela; Isidro Davinha, militante de Anova-Irmandade de A Coruña; Héctor Rodríguez Vidal, mozo militante en Anova-Irmandade Nacionalista de Vigo Antom Fente Parada, mozo que milita en Anova-Irmandade Nacionalista de Chantada 



 1. É notorio e non cousa de agochar – por ser indicativo de que Anova é unha das organizacións políticas máis abertas que coñecemos – que se está a dar un debate interno no proceso da primeira Asemblea Nacional non exento de posicións diverxentes. Non podía ser doutro xeito nunha organización plural, que pretende ser unha ferramenta para a transformación de Galiza e para a liberación social e nacional das galegas e dos galegos.

Non se agardaba menos dunha asemblea nacional constituínte, celebrada o pasado 14 de xullo, onde se postergaron debates en nome da autocontención e primando a construción dunha nova ferramenta, un medio e un fin para alcanzar a Galiza soberana, socialista e republicana que queremos. 

Os puntos en común acordados son breves e fundamentais: radicalidade democrática, modelo social en defensa dos intereses populares, a ética na política, a busca de amplos consensos internos recoñecéndonos nos principios básicos e evitando no posíbel a dicotomía maioría/minorías a que leva a polarización e as decisións por maioría simple... Pasado máis de medio ano e cunhas eleccións polo medio –en que Anova, xunto con xente non organizada politicamente e que colaborou na campaña, foi o compoñente imprescindíbel do éxito da coalición electoral que se converteu en terceira forza política galega-, cómpre perfilar o que somos e retomar con calma debates que non puideron darse na constituínte, ou que se deron sen o tempo necesario para afondar neles; noutras palabras abrir todos os debates á luz do empeoramento da realidade social, que daquela describíamos xa como dramática, e coa vontade de sermos unha ferramenta que contribúa para unha hexemonía na esquerda que permita frear as consecuencias das políticas procíclicas de falsa austeridade.

Debate que se ten que centrar en cuestións políticas, tanto no ámbito político como no organizativo, tanto en cuestións de política externa (alianzas, actuación nas institucións e na rúa) como en cuestións de política interna (determinación daquelas cuestións que quedaron pendentes ou que suscitaron debate). Entender a política como mecanismo humano de resolución de problemas implica realizar unha análise previa deses problemas, xa foran pretéritos, presentes ou futuros. Análise que posteriormente se ten que traducir en propostas claras e ben definidas. Precisamente debe ser nesta primeira Asemblea Nacional onde todos e todas as integrantes de Anova resolvamos eses problemas cuns documentos político – organizativos que nos marquen o camiño a seguir durante os vindeiros dous anos. 

2. É pois, cremos nós, o momento de definírmonos como unha organización da maioría social, que contribúa a alimentar o movemento social (sen tutelas de ningunha caste) e actúe na instancia política a prol dos intereses populares. Unha organización que facilite a participación do maior número de continxentes da xente do común e non apenas de quen xa pululamos polas organizacións políticas. Non queremos, pois, ser unha suposta vangarda da sociedade, senón o motor político dun proceso de transformación social cara unha sociedade xusta por e para o pobo galego. 

Os movementos de transformación necesitan tempo para xestarse, para acumular forzas... as esquerdas social e institucional deben alimentarse reciprocamente como a experiencia latinoamericana nos sinala. A sociedade civil avanza e gaña en coherencia e cohesión se desde as institucións se facilitan as súas loitas. Precisamente no último FSM en Tunisia falouse de “nova cultura política”, de participación, de democracia e do aínda necesario papel das organizacións políticas transformadoras, é dicir, da esquerda non resignada. As organizacións políticas evitan ser fagocitadas polas peaxes institucionais se son capaces de actuar de acordo coas arelas da sociedade civil máis consciente e organizada, se actúan en sintonía cos movementos sociais, se acompañan sen tutelas á sociedade. 

É o momento de afortalar e mellorar unha organización radicalmente democrática, afondando na horizontalidade do debate nas asembleas locais soberanas e da comunicación en rede, todo isto para poder tomar e asumir decisións colectivas sobre cara onde imos.

É tempo de desenvolver moito máis os grupos de traballo como eido de apertura total á participación social – neles poden participar e participan persoas non militantes – desde onde xerar alternativas políticas que poidan artellar un verdadeiro programa político con medidas programáticas para o noso País. 

É o momento de traballar para que a participación da cidadanía nas institucións sexa a norma, sendo altofalantes da mobilización social e retroalimentándoa dende o Parlamento; traballando no eido local dende e por unha práctica deliberativa e asemblearia.

3. É a hora de acelerar a acumulación de forzas na esquerda, de sentar as bases para unha conformación dun novo bloque histórico hexemónico que poña porriba as persoas e a cidadanía da bancocracia e a debedocracia. Temos a ocasión, e o deber, deabandonar as simplificacións maniqueas, a falsa disxuntiva – falsa por non darse no seo de Anova - entre os que supostamente “queren volver á casa matriz do BNG” e os que “apostan por AGE”. Segundo esa liña argumental ambas cousas son excluíntes e esa non debe ser a postura central no debate destes días, máxime cando non se entende Anova sen a súa aposta por procurar frontes amplas e a unidade de acción na esquerda e o nacionalismo emancipador. 

O que hai, ao noso ver, é a dicotomía entre sermos un actor político autónomo ou en deixar selada para todo e en todo lugar unha coalición determinada. Por outras palabras, termos unha concepción dinámica do frontismo, de xeito que este se artelle en todo momento tendo en conta os nosos obxectivos estratéxicos e a hexemonía social que debemos artellar para alcanzalos; ou termos unha concepción inmobilista aferrollando o papel historicamente dinámico e dialéctico das frontes na esquerda. Do mesmo modo, as “correntes” internas deben ser igualmente móbeis, respondendo ao contexto no que teñen vixencia, o que non será posíbel se caemos en vellos esquemas de "antagonismos internos" e os reproducimos en Anova, pois o subproduto probábel deste enfrontamento sería un reforzamento dos partidos preexistentes non extintos, que ameazaría con anquilosar a organización.

O reto que nós cremos fulcral é sermos tamén Anova no marco das relacións internacionais, na necesidade de unir a esquerda europea (social e institucional) pola Europa social e das nacións porque neste momento non existen “solucións nun só país” óptimas. Debemos reforzar e recuperar o internacionalismo. 

Non temos os ollos postos pois, especificamente, en ningunha forza política. Nin nos que acreditan ser depositarios das esencias do nacionalismo (e confunden un sentimento cunha ideoloxía) nin nas “forzas estatais que recoñezan o dereito á autodeterminación”. A fronte ampla ten os únicos a priori na esquerda e na oposición na praxe ás políticas procíclicas de austeridade que esmagan a maioría social e aos pobos. 

Temos as nosas esperanzas e arelas colocadas nun proceso de creba democrática co réxime da II Restauración borbónica e nunha alianza da esquerda europea – e mundial – contra o fascismo financeiro. Nós acreditamos que ambos procesos os liderarán – á par da esqueda social máis consciente - as forzas rupturistas, como Anova, Syriza, Bloco de Esquerda, as CUP, Bildu, Die Linke, Front de Gauche... que axudarán ou obrigarán ás forzas políticas que seguen a ser pequenas patas do sistema a reconvertérense en ferramentas útiles para o novo escenario estatal, europeo e mundial (ou no seu defecto a desaparecer). 

4. O proceso de debate para a Iª Asemblea Nacional de Anova permítenos achegar estas nosas inquedanzas, por ser aberto e fundamentarse na democracia participativa e deliberativa: a.- comisión redactora moi plural e aberta a toda a militancia de case medio cento de persoas; b.- proceso previo de achegas aberto a toda a militancia; c.- primeiro proceso de debate nas asembleas locais e de base dun rascuño de teses; d.- asemblea deliberativa e aberta a toda a cidadanía; e.- redacción dun novo rascuño de teses tendo en conta as achegas e os debates xerados; f.- volta ao debate nas asembleas de base e debate e aprobación dos textos definitivos no plenario resolutivo da I Asemblea Nacional... 

Esta I AN de Anova-Irmandade Nacionalista será, xa que logo, un novo punto de partida para o debate e para testar a eficacia das nosas teses na praxe da nosa organización e nas demandas e opinións da cidadanía. Desde esta metodoloxía (desde a transparencia, o debate e a participación), evitando as innecesarias polarizacións, é como Anova pode construír unha nova cultura política facendo a un lado os vicios e erros cometidos polas organizacións tradicionais da esquerda. Con acertos e con erros, con encontros e con desencontros. Só así podemos dar coas chaves, chanzo a chanzo, para reverter o perigoso descrédito da cidadanía na política (e xa non digamos nos partidos e os seus aparatos e até na democracia), necesaria para transformar o mundo e para frear a emerxencia de populismos ou do Fascismo 2.0 nestes violentos anos 10. 

Acreditamos, finalmente, que é o tempo de asumir os enormes retos e as responsabilidades que temos como forza política rupturista con ansia e vontade de ser capaz de aglutinar a unha grande maioría social disposta a trocar o mundo. Porque outra Galiza e outro mundo son posíbeis e necesarios. 




Postar um comentário