10/04/2013

CARTA ABERTA A JAVIER DORADO



Querido Javier Dorado:

Escríboche esta carta porque estou preocupado, moi preocupado polo teu futuro. Veño de ler na páxina do Parlamento de Galicia a túa declaración de bens (http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/contenidogal/InformacionInstitucional/ComposicionBens.aspx#sec5
) e sinto arrepíos ao tempo que moita curiosidade.

Os arrepíos véñenme ao corpo ao ver a alta, altísima, cantidade de cartos que un mozo de 25 anos coma ti, hai pouco licenciado e sen unha longa carreira profesional coñecida, debe aos bancos: vexo na túa declaración de patrimonio que pediches unha alta suma de diñeiro a NovaGaliciaBanco e ao Banco Pastor: un “préstamo persoal” por valor de 6.500 euros, outro por 71.756,38 euros e unha hipoteca por 113.547,78 euros. E todos eles nun moi curto espazo de tempo, a hipoteca e o préstamo de NovaGaliciaBanco o 17 de agosto de 2012, e o do Banco Pastor intúo que polas mesmas datas, xa que, aínda que neste non pos o día en que o asinaches, si pos canto che resta por pagar -5.300 euros de 6.500-, polo que intúo non hai moito que se che concedeu. Sumados, resulta unha cantidade total de 191.804, 16 euros. Ben é certo que, tal como apuntas, o préstamo e a hipoteca son de titularidade compartida. Mais, compartida por cantos? Porque para pagar eses cartos vas ter que traballar arreo …
E chegados aquí, asáltanme as dúbidas: como conseguiches que, a diferenza de moit@s moz@s galeg@s, os bancos che deixasen eses cartos nuns tempos onde son extremadamente estritos dando creto a aqueles que o necesitan – PEMES, autónomos, familias, …? Algún truco que poidas revelarme para poder usalo eu, que con un ano máis ca ti aínda non tiven o meu primeiro traballo remunerado e con contrato e sigo a vivir na casa da miña nai? 

Porque se algo me roe na cabeza é a seguinte cuestión: se para pedir un creto fai falla avalar e ao tempo contar cuns ingresos que garantan o pago do mesmo, qué bens avalaches ti, mozo de 25 anos, e con que ingresos contas ti, deputado do Parlamento de Galicia, para que os bancos estean seguros de que vas poder pagar esas débedas? Porque de momento es parlamentario, e cobras un bo soldo, pero dentro de catro anos hai eleccións de novo, e, se non saes elixido, se quedas sen traballo, qué? Embargaranche a casa e teremos que solicitar @s membr@s de Stop Desafiuzamentos que vaian evitar que a poli te vote do teu piso? Estarás disposto a que te defendan esas xentes, que como di a túa compañeira de partido e delegada do goberno en Madrid, son filoterroristas? 

Estouche moi preocupado porque vexo que un día destes quedas sen choio e sen poder pagar a hipoteca e non me gustaría verte durmindo nun caixeiro, cousa que nos pode pasar a calquera d@s moz@s traballadores/as ou parad@s deste país. A non ser que tiveses algún método asegurado que che garanta o traballo ou os ingresos para sempre: telo? Xa sabes que vas seguir de deputado para a próxima lexislatura? Ou xa sabes que se deixas de ser deputado vanche dar traballo noutro sitio dentro de catro anos? E o máis importante, se o sabes, cómo é que o sabes, cando a maior parte dos mortais malamente saben canto lles vai durar o último contrato que asinaron? Ou, outra posibilidade, é que ademais de parlamentarios teñas outro traballo por horas para poder pagar as letras da hipoteca: traballas repartindo pizzas en moto polas tardes? Repartindo publicidade polos buzóns de Santiago por uns 600 euros ao mes? Serves copas no Ruta nas fins de semana para sacar uns cartiños? Poderías informarme para poder eu estar nas mesmas condicións ca ti e poder independizarme (Tranquilo! Non te asustes! Digo independizarme dos meus pais, porque aínda que son independentista, o de independizarme de España véxoo aínda máis difícil que ter a sorte de que dous bancos me concedan 191.804,16 euros).

Claro que confío en que, polo teu ben, corras a mesma sorte que algunhas malas linguas din que corriches antes de acabar a carreira de dereito. Din esas malas linguas que fuches contratado como asesor da Consellería de Economía e Industria por 60.000 euros ao ano. E será certo o que din esas malas linguas? Porque se o é gustaríame saber como foi o proceso de contratación, que méritos e valía viron en ti cando aínda nin acabaras a carreira para collerte a ti e non a outro que xa tivera acabada a carreira ou máis experiencia laboral. Se mo dis igual me serve para presentarme eu en próximas ocasións a este tipo de ofertas de traballo que, cousa rara, nunca as vexo nas listaxes do INEM nin nas webs de demanda de emprego. E xa postos, qué tipo de entrevista laboral che fixeron? Cales foron os criterios de selección polos que saíches escollido? Qué tiñas ti para traballar nese posto que non tiveran outros? Son preguntas que se me ocorren por se un día destes, xa que levo máis dun ano no paro, se me ocorre ir levar o meu currículum a San Caetano. Estaba pensando en botalo na Citroen, pero disque na Citroen teñen un longo proceso de selección con varias probas e unha entrevista, e visto que na Xunta non piden tanto e pagan mellor, pois case que me vai ser máis fácil obter traballo na Xunta, non?

Eu dígoche todo isto polo teu ben, porque ti sempre dis que es un mozo galego como os demais, mesmo que nos representas, e eu teño medo de que che pase o mesmo que nos pasa a milleiros de moz@s galeg@s que van ao paro, quedan sen soldos cos que pagar o aluguer dos seus pisos e acaban por retornar á casa dos pais a ver como pasa a vida na cada vez máis abultada lista de xente sen traballo. Ou peor, que despois de rematar a carreira esa carreira non valla un carallo e teñas que emigrar para poder traballar no que estudaches. Ou peor aínda, que teñas que emigrar para poder traballar en calquera cousa porque aquí, en Galicia, a moit@s moz@s xa nin iso nos queda. 

En fin, querido Javier Dorado, espero que che vaia ben e non te vexas, por unha vez na vida, reflectido na mesma realidade que @s moz@s galeg@s: traballando por unha miseria, no paro e vexetando nas casas dos pais/nais ou collendo o camiño da emigración. Porque está claro que ti, a diferenza de moit@s de nós, tiveches sorte, moita sorte. Poslle algunha vela a algún santo en concreto? Igual a min tamén me funciona …

Non quero molestarte máis, repito que sigo preocupado polo teu futuro e espero que non che pase nada malo. 

Con moito agarimo, un mozo galego parado.
O Parado Enmascarado

Nenhum comentário: