20/10/2011

Encontro Irmandiño propón 13 liñas ao programa para que o BNG mellore os seus resultados

Tirado de El Correo Gallego. Tradución nosa para galego.

O partido integrado no BNG que lidera Xosé Manuel Beiras, o Encontro Irmandiño, deu a coñecer este xoves os 13 puntos que compoñen as liñas estratéxicas que piden incluír no programa electoral dos nacionalistas galegos para o próximo 20 de novembro, nun contexto global de "quebra democrática", e para achegar á organización ideas que "contribúan" a conectar co espectro social que deixou de apoiala e obter mellores resultados nas urnas.

"Queremos que o BNG as faga explícitas en lugar de andar con medias tintas", argüiu o portavoz nacional do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, en rolda de prensa, na que, aínda que recoñeceu que se pode expor que son "utópicas", as liñas estratéxicas propostas marcan "o horizonte" de cara a onde hai que ir, é dicir, supoñen as "vértebras" para un cambio do sistema, aínda máis nun momento en que existe un movemento "non só dos indignados". "As forzas de esquerda deberían sintonizar con eles", manifestou.

Tamén enmarcou as súas propostas no contexto galego, cunha Xunta liderada por Alberto Núñez Feijóo á que achaca ser unha "brigada de demolición e destrución", da "identidade e a conciencia identitaria". "Coa pasividade, ás veces complicidade, do PSdeG", denunciou.

Tanto Beiras como o responsábel de Comunicación do Encontro, Mario López Rico, explicaron que as propostas realizadas aínda non obtiveron resposta por parte da dirección nacionalista, á que foron elevadas as liñas estratéxicas para a súa inclusión no programa definitivo que pechará a comisión encargada, posto que o proxecto xa foi aprobado polo Consello Nacional --máximo órgano de decisión entre asembleas--. 

O líder dos 'irmandiños', que mostrou confianza en que se incorporen, incidiu en que as propostas non son "bombas na organización", senón unha "contribución", e asegurou, a preguntas dos xornalistas, que o BNG "non se está xogando o seu futuro" nas eleccións, senón uns "resultados". "A curto prazo, o BNG xógase o seu futuro na asemblea", explicou Beiras, que na súa intervención tamén tivo palabras para "solidarizarse" cos traballadores da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) que se mobilizan en defensa dos seus postos de traballo e por uns "medios públicos".

13 PUNTOS NA PROPOSTA

Así as cousas, os argumentos que o Encontro entende que deben ser incluídos no programa inclúe a necesidade de "democratización da empresa", é dicir, participación dos traballadores na dirección e xestión.

Ademais, propón "unha auditoría da débeda pública e a recuperación do achegado para salvar aos banqueiros", a reversión ao dominio e xestión públicos das "concesións feitas ao sector privado de infraestruturas, recursos, bens e servizos", a reconversión en públicas de corporacións e empresas privatizadas; a regulación, imposición e control estritos dos mercados, intermediarios e fluxos financeiros e movementos de capitais, con especial rigor no que respecta ás operacións especulativas; ou a "reforma tributaria para restabelecer unha fiscalidade progresiva", singularmente, nos tramos elevados de ingresos e patrimonios privados, a favor dunha "indispensábel política redistributiva do benestar social"

Tamén reclama incluír a "reconstitución do sector financeiro público, a reversión das caixas de aforro á súa natureza orixinaria de entidades non capitalistas privadas; e a derrogación das sucesivas reformas laborais e estabelecemento e fortalecemento, tanto na función pública como no sector privado, dos marcos normativos reguladores do mercado laboral e dos réximes salariais a favor dos dereitos e garantías económicas e sociais na igualdade de xéneros e idades, a estabilidade e seguridade no emprego, a redución da xornada laboral, a cobertura do paro e das xubilacións, e a participación equitativa da forza de traballo no valor engadido e incrementos da produtividade.

Ademais, pide explicitar "soberanía alimentaria e enerxética"; e a necesidade de estabelecer "políticas de defensa do campesinado, revitalización de explotacións agrarias non capitalistas, recuperación e desenvolvemento da economía sustentábel e os ecosistemas agrarios, así como políticas análogas no mundo mariñeiro. Finalmente, os 'irmandiños' piden políticas de promoción e equidade económica, fiscal e social para as formas de traballo autónomo e ordenación do sector comercial a favor da revitalización racionalizada do pequeno comercio.

Nenhum comentário: